Publicado por: MontePituco | 18/05/2011

MIRA O QUE FAGO COA TÚA PAPELETA (BIS)

Non nos representa. Nin como alcalde, nin como marinense. Pasou máis dun ano facendo oídos xordos ás reiteradas peticións de entrevista que DEFENDE O MONTE PITUCO lle solicitou, moi correctamente. Fran Veiga demostrou gobernar só para quen non se lle rebota. Na súa axenda están vetados os colectivos e as persoas que critican a súa xestión e cos que non ten o valor de dialogar nin intercambiar puntos de vista, por moi contrapostos que sexan. O seu é o goberno do rodillo, da imposición e da mordaza. Por iso, a súa candidatura á reelección, cunha carta bochornosa que fala de “igualdade, solidariedade, transparencia, progresismo, sostibilidade e respecto”, é unha ofensa dun calado máis que considerable. Porque nada diso se pode arrogar Francisco Veiga nin boa parte dos concelleiros que repiten na lista que encabeza: manipuladores, falsos, soberbios.

As súas últimas palabras no derradeiro pleno desta lexislatura foron para agradecer o papel desempeñado polos concelleiros e concelleiras. É probable que os ocupantes dos bancos da oposición non poidan corresponderlle nos mesmos termos de gratitude, porque os servizos prestados por Francisco Veiga foron máis ben cativos. O edil popular Santos Costa pediu explicacións polo volume de gasto dos 58 teléfonos móbiles de titularidade municipal, algúns dos cales acumulan facturas mensuais de entre 400 e 1000 euros, ao que o alcalde contestou que se lle respostaría por escrito. No próximo pleno, quizais? agardando recuncar novamente no asento presidencial, bastón de mando en ristre?

Porque cando non emprega a tan socorrida fórmula da resposta por escrito, o seu outro recurso son evasivas como as que lle adicou á concelleira independente Isabel Martínez cando esta se queixou de que o BNG instalara pancartas electorais no Matadeiro e no Ecoparque, estando prohibido pola Xunta Electoral exhibir propaganda en instalacións municipais. Nesta ocasión, Fran Veiga escurriu o bulto asegurando gratuitamente que se estaba respectando a normativa e que, acaso, era Mar-In o que incurría en irregularidade ao pegar carteis en vallas de obra. Vallas de obra pública pero instaladas por empresas privadas, como lle retrucou a edil.

…No Ecoparque, no Matadoiro, e tamén na pista de tenis municipal a carón do pabellón de San Pedro. O BNG aproveita canta obra se pode atribuir o seu grupo municipal para, nesta campaña, marcala co seu ferro -como se dunha res se tratara- buscando o recoñecemento dos votantes máis incautos polo “mérito”. Demérito, neste caso, tendo en conta a sombra de irregularidade urbanística que planea sobre esa polémica instalación deportiva.

…E que vai dicir Fran Veiga, se o seu sorriso dentífrico se proxecta en formato cinemascope nunha valla publicitaria que, curiosamente, está fóra do termo noso municipal! Saíndo de Marín ou entrando, segundo o sentido de circulación, á altura de onde empeza/remata o scalextric de Placeres, a uns 400 metros do límite con Pontevedra.

Ras-ras! Tacha a súa papeleta. Non lles votes. Bótaos! 

Publicado por: MontePituco | 17/05/2011

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

LOIS PEREIRO (Monforte, 1958 – A Coruña, 1996)

“…A loita continúa e somos moitos menos e distintos

e o inferno “son les autres”

tamén nós

tantas derrotas nos libros na alma e nas casoupas

feitas de fatalismo e humildade moral

co mofo dos vencidos

E vestixios visuais dunha procesión xorda de

evidencias marxinais e feridos van comigo sen

esquecer que a vida

esvara a contraodio polo gume da morte o seu coitelo

do que día tras día todos nos esforzamos por salvar”.

(Fragmento do poema “Alerta e vixiante”, de “Poesía última de amor e enfermidade”).

Publicado por: MontePituco | 16/05/2011

ERASMO: SOBRE CHAN INDUSTRIAL, EN CAMPAÑA ELECTORAL

Segue a campaña electoral. Ánimo a todas e todos os sufridos votantes, xa enfilamos a derradeira semana. Os participantes no foro Marinenses non pasan por alto esta cuestión de actualidade nos seus comentarios. En “Rurales y urbanitas”, Erasmo titula “Que ustedes lo soporten bien“. Segue un fragmento dese artigo publicado o 6 de maio, a respecto, como non, do chan industrial:

“…Por eso yo no me creo mucho esto de las campañas electorales o mejor, no me creo todas las promesas que se hacen en campaña electoral. El tema más relevante a mi juicio que nos jugamos en los próximos comicios en Marín no es el centro de salud, con ser importante, necesario y justo (más bien creo que se va a hacer en esta legislatura), ni tampoco lo del otro auditorio (que no creo que se vaya a hacer en la próxima legislatura), ni tampoco las aceras de tal barrio o parroquia, ni campos de fútbol, ni centro de ocio, ni aparcamiento, ni arelas. Todo eso está bien. Pero no es lo más relevante. Lo más relevante a mi modo de ver es la apuesta clara por un polígono industrial que siente las bases para el desarrollo económico de Marín en los próximos 25 ó 30 años. Lo dije desde que comencé a escribir en esta casa y lo sigo manteniendo. Solamente el esfuerzo para crear este polígono justifica una legislatura. No lo que ya está pensado más o menos y que ya cuenta –también más o menos, ya veremos hasta dónde nos van a financiar y con qué servicios- con el visto bueno como es el centro de salud o el plan Arela. La clave para mí, insisto, está en acertar con un buen polígono industrial para satisfacer necesidades de suelo industrial para inversores de Marín pero también para inversores que vengan de fuera.

Aunque crean que está todo dicho al respecto y que ya figura en el PXOM –vergonzosamente sin entregar completo a la Xunta-, no comparto en absoluto lo que se dice en ese proyecto, que ha sido aprobado por las fuerzas políticas y que hasta que no se modifique, desde mi punto de vista está cojo. Hay dos fuerzas políticas que están de acuerdo en crear un polígono industrial en Pastoriza y otras dos que hablan del Pituco. Lo cierto es que la única formación que se presenta a las elecciones y habla claramente de la ubicación en Pastoriza es Mar-In. El PP lo tiene claro también pero convendría que por compromiso con los electores despejara las dudas en estos quince días de campaña, por si las moscas. Sabemos que el PP, por tender un puente en su día al gobierno bipartito de socialistas y nacionalistas –que no fue admitido en todos sus términos- apoyó el Pituco, a la espera de que sea la propia Xunta la que tumbe esa ubicación por las razones que tan bien ha expuesto en muchas ocasiones el colectivo Montepituco y que asumo plenamente. María Ramallo se comprometió públicamente a aprobar el PXOM en un año. Quiero pensar que se toma ese tiempo –si es que gana las elecciones- para modificarlo para bien de todos los marinenses. La modificación pasa por aceptar lo que ya está aceptado de facto con Costas para el litoral y la ubicación de un polígono industrial en Pastoriza entre otras cosas. Si el color del próximo gobierno es socialista o nacionalista o de ambos a la vez, mucho me temo que volveremos a quedarnos sin PXOM o, a lo sumo, sin polígono industrial…”.

Publicado por: MontePituco | 13/05/2011

CHARLA EN SANTOMÉ SOBRE O PARQUE EÓLICO

Comunicado da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo:

Este domingo 15 de maio a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza unha charla informativa sobre o proxecto de parque eólico no Morrazo. Celebrarase na Casa da Cultura de Santomé, por ser esta unha das parroquias afectadas por esa instalación, xunto con San Adrián e Domaio (nos concellos de Vilaboa e de Moaña).

Para falar sobre a problemática contarase coa presenza de Damián Copena, experto da Universidade de Vigo en parques eólicos e nas súas repercusións, que xa ten colaborado con comunidades de montes afectadas noutras localidades galegas.

A instalación dos parques eólicos ten unha repercusión directa sobre o aproveitamento do monte, eliminando a posibilidade da explotación forestal. A instalación supón movementos de terras, apertura de pistas, a colocación de tendidos eléctricos; todo isto leva aparellada unha afectación, non só no parque eólico, senón tamén en todas estas instalacións.

Os veciños e veciñas de Santomé, e todas aquelas persoas interesadas en asistir, poderán saber de primeira man o que representa a instalación dun parque eólico, como son as ocupacións do terreo (expropiación, alugueiro, venda…), que actividades agrícolas e forestais se van ver afectadas. Tentarase responder a todas as dúbidas que xurdan.

Desde a Plataforma preténdese dar unha información que se está ocultando por parte da administración responsable, a Xunta, e pola empresa concesionaria. En ningún momento se fixo pública, agás no DOG no medio dun enorme decreto, a intención de instalar no Morrazo un parque eólico, nin en que zonas concretas, nin as dimensións do mesmo. Este escurantismo é a praxe xeral das administracións cando nos queren colar un proxecto nefasto e perxudicial para os pobos afectados.

Mentres, unha empresa multinacional italiana pretende levar unha gran cantidade de euros a conta das subvencións públicas e da explotación do monte e do aire que é público, a nós vainos quedar un monte estragado.

Publicado por: MontePituco | 12/05/2011

A PAPE-CUTRE-LETA

…Mira o que fago coa túa pape(cutre)leta, Pilar Blanco&Cía.

Que non te enganen. Alardean de ter gobernado nos últimos catro anos “dende as máis importantes áreas de goberno municipal”. Alardean de que a súa xestión traduciuse “nunha mellor calidade medioambiental do noso municipio”. Entenden por calidade medioambiental a desfeita do Monte Pituco se prospera a súa intención de instalar un polígono industrial aí, en plena fachada litoral de Marín? nunha zona con núcleos de poboación rural próximos que se abastecen dos mananciais naturais que nacen nela? levando por diante o valioso patrimonio arqueolóxico e etnográfico existente? (estragando no monte o patrimonio cultural e etnográfico que presumen de ter recuperado no centro urbán e nas parroquias).

Adiantan que se van centrar na “creación de emprego e no desenvolvemento económico da nosa vila”. Pretenden destruir dende a xestión do urbanismo o que preconizan dende a xestión do medio ambiente? Esquizofrenia política na pandilla nacionalista marinense? Ou simple incoherencia?

Rás-rás! Rexeita a súa papeleta. Non lles votes. Bótaos!

Publicado por: MontePituco | 11/05/2011

FESTA DA LINGUA, CON ALMUINHA

En vésperas do Día das Letras Galegas, que está adicado ao poeta Lois Pereiro, a Asociación Cultural Almuinha celebra por cuarto ano a Festa da Lingua. A partir das 11:00 horas a Alameda de Marín será o escenario dun un amplo abano de actividades: o grupo de música tradicional Os Chichisos, e as pandereteiras e pandereteiros de Maravallada, amenizarán a xornada; haberá unha solta de libros infantís para insuflar espírito lector entre os máis novos; os máis cativos tamén poderán asistir á sesión de contacontos do grupo Codia e Miolo, ademais de participar en xogos populares.

A partir das 14:00 horas celebrarase no pabillón do Colexio Sequelo un gorentoso xantar. E das 17:00 en diante, para gastar as calorías inxeridas, un campionato de billarda. Quen se anima!

 

Língoa proletaria do meu pobo,

Eu fáloa porque sí, porque me gosta,

Porque me peta e quero e dame a gana;

Porque me sai de dentro, alá do fondo

Dunha tristura aceda que me abrangue

Ao ver tantos patufos desleigados,

Pequenos mequetrefes sin raíces

Que ao pór a garabata za non saben

Afirmarse no amor dos dos devanceiros,

Falar a fala nai,

A fala dos abós que temos mortos,

E ser, co rostro erguido,

Mariñeiros, labregos da lingoaxe,

Remo i arado, proa e rella sempre…

(Celso Emilio Ferreiro, fragmento de “Deitado frente ao mar…”)

Publicado por: MontePituco | 10/05/2011

A FOLLA PARROQUIAL, SOBRE AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS

“…No caso de Marín recollemos o descontento de dantos ante ese mal chamado “bautismo civil” introducido polo alcalde marinense con pouc fortuna, a mesma pouca que a non realización do Plan Xeral de Ordenación Urbana de Marín (e xa van máis de 30 anos de espera polo dito plan); o mesmo podemos dicir das beirarrúas de San Xulián, despois de tantos anos aínda temos que esperar non sabemos canto para velas feitas; e para terminar unha de ecoloxía, pois aproveitamos unha vez máis para MANIFESTAR A DISCONFORMIDADE COS PLANS OFICIAIS PARA CONVERTER PARTE DO MONTE COMUNAL EN ZONA INDUSTRIAL, O CAL É UNHA CLARA AGRESIÓN Á NATUREZA NO SENTIDO MÁIS RETRÓGRADO DA CONCEPCIÓN DO QUE DEBE SER O PROGRESO DUN POBO”.

A folla parroquial de San Xulián correspondente a este mes de maio volve ser dura e contundente contra a pretensión do Goberno local vixente de instalar un polígono industrial no Monte Pornedo. Xa en marzo do pasado ano, a folla parroquial se pronunciaba claramente a prol da conservación deste espazo e criticaba a intención do PSOE e do BNG de destruilo baixo o formigón e os taludes. Recolliamos as impresións do párroco Jorge Gómez Gude nun artigo titulado

TAMÉN EN SEMANA SANTA

…Agora, en plena campaña electoral, a folla parroquial non pasa por alto esta valoración e sostén que o futuro de Marín non pode pasar por arrasar o monte veciñal sen xeito nin dereito. Ogallá a veciñanza compartira este pensamento, xa non só por unha mera cuestión de sensibilidade medioambiental, senón por unha evidente razón de sentido común.

Publicado por: MontePituco | 09/05/2011

EN COMPOSTELA, CONTRA O SAQUEO DA TERRA

En marzo de 2010 DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO) participou nunha manifestación organizada por Galiza Non Se Vende en Santiago. As imaxes e impresións desa mobilización plasmáronse nun artigo titulado

O MONTE PITUCO (PORNEDO) NON SE VENDE!

…Un ano despois, volvemos ás rúas compostelanas para seguir reivindicando que este monte non está en venta, como tampouco o resto da bisbarra do Morrazo: o Pornedo non é lugar para un polígono industrial, como tampouco Pedras Negras dun parque eólico. DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), Almuinha, Colectivo Nacionalista de Marín, Luita Verde… e outras entidades que apoian a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apostan pola conservación e posta en valor do monte como espazo de lecer e turismo racional, como viveiro sostible para a produción forestal e silvícola que permita o desenvolvemento económico da zona , como referente medioambiental, histórico e cultural.

…Non se pode consentir a súa destrucción salvaxe, por iso os veciños e veciñas erguémonos contra os intereses económicos, políticos e urbanísticos que pretenden sacrificar esta riqueza única, insustituible e irrepetible, comprando vontades, enganando a cidadanía, prometendo o ouro e o mouro en tempos de crise. A río revolto, ganancia de especuladores. Mais non aquí.

Manifesto de Galiza Non Se Vende: CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA

Galiza, está a sufrir un saqueo social e ambiental a todos os niveis, mantido por un modelo económico e social inviabel, que destrúe os ecosistemas, acaba coa biodiversidade e produce miseria e condicións sociolaborais de esclavitude, para as personas. Saquean os recursos naturais para o beneficio privado duns poucos cobizosos, sen ter en conta a destrución do medio ambiente e o que vai quedar para as xeracións futuras.

Depredan os nosos montes, pretendendo privatizalos. Devorándoos con canteiras e louseiras que deixan toneladas de entullos. Fomentando a, eucaliptización, as concentracións parcelarias, o abandono da silvicultura, e a desaparición do gando ceibe e o pastoreo, que propician os incendios e a desertización. Permitindo que se infesten de parques eólicos e industriais.

Espolian a nosa identidade, estragando xacementos arqueolóxicos e edificacións de alto valor etnográfico. Atacando a nosa lingua e a nosa cultura, impoñendonos un modelo alleo, miserabel e individualista que provoca a pérda tráxica e irreparabel dos nosos legados culturais.

Usurpan as nosas arelas de xustiza, con fiscais e xuices que non defenden os bens comúns senón que favorecen aos ricos e poderosos, criminalizando e reprimindo os movementos sociais con multas, paos e ata o cárcere.

Desmantelan o pouco transporte público e colectivo que temos, construindo irracionais infraestruturas para o transporte privado, como as autovías ou o elitista AVE.

Saquean a nosa saúde, intentando privatizar a sanidade. Impoñendonos o negocio das farmaceuticas. Fomentando o cultivo de transxénicos e a utilización de agro-tóxicos. Contaminando o medio coa incineración e aterramento de residuos, centrais térmicas e industrias sucias. Contaminando acuíferos, ríos e rías por falta de depuración. E instalando industrias perigosas que arriscan a vida da poboación en caso de accidente.

Depredan o litoral, construíndo recheos nas rías para crear polígonos industriais sobre o mar ou para protexer portos deportivos que utiliza unha minoría e privatizan a costa. Instalando piscifactorías e gaiolas para cria e engorde industrial de peixes artificiais. E desenvolvendo un aberrante e caótico urbanismo que infecta toda a costa.

Espolian os espazos naturais, que deberian estar protexidos polo seu valor natural ou a súa vulnerábel biodiversidade, onde permiten construcións e actividades de todo tipo que os van degradando, sendo o pais con menos espazos naturais protexidos do Estado.

Usurpan o dereito á participación cidadá na toma de decisións, apuntalando a precariedade democrática, a corrupción xeneralizada do sistema e posibilitando a impunidade dos que abusan da cidadanía. Utilizan o parlamento para debater diferencias persoais ou partidistas, sin atender aos problemas da sociedade, como as 70.000 familias galegas sen ningún ingreso.

Desmantelan as nosas paisaxes, Con aberracións urbanísticas, polígonos industriais, infraestruturas viarias irracionais, infraestruturas enerxéticas, canteiras, minas, louseiras, concentracións parcelarias, e campos de golf, que poñen en perigo o equilibrio ecolóxico e a biodiversidade.

Saquean o noso futuro, Roubándonos as pensións. Repartíndose o diñeiro publico entre as grandes empresas e bancos. Privatizando todos os servizos sociais, aumentando o número de persoas sen recursos. Apostando por un irracional sistema económico baseado no consumo e o crecemento ilimitado.

Depredan os océanos, Mediante unha pesca industrial que esquilma os bancos de peixe roubando os recursos dos países empobrecidos e impoñéndolles unhas relacións de prepotencia, insolidarias e inxustas.

Espolian outros países, asasinando, sometendo e violando os dereitos humáns das suas xentes mediante invasións e guerras imperialistas para apoderarse de todos os seus recursos, sobre todo os mineiros e enerxéticos.

Usurpan o noso dereito a información, Controlando os grandes medios de comunicación, pagados con cartos públicos e a servizo do poder político e económico.

Desmantelan a división natural do pais en comarcas, afondando ainda máis os desequilibrios territoriais entre o interior e a costa, o rural e o urbano, concentrando masivamente a poboación en grandes cidades e areas metropolitanas centralizadoras, artificiais e insostíbeis.

Saquean os nosos dereitos máis básicos, intentando privatizar o agua ou as sementes, considerandoas como mercadoria e permitindo que sexan acaparadas por intereses privados.

Depredan os nosos ríos, Cunha sobreexplotación hidroeléctrica, que crea barreiras artificiais. Disminuindo o seu caudal cunha rede de abastecimento ineficaz para un uso derrochador do auga. Utilizandoos como sumidoiros naturais de aguas residuais e industriais que acaban coa súa biodiversidade.

Espolian o pequeno comercio, Coa proliferación de grandes centros comerciais e macropolígonos empresariais, que desestruturan o territorio e perxudican á vida dos barrios e pobos.

Usurpan o noso dereito á vivenda cun urbanismo baseado na especulación, convertendo unha necesidade social nun negocio. Aprobando planos xerais que chegan a triplicar o número de vivendas en vilas e cidades, nun pais con decrecemento da poboacion.

Desmantelan a nosa soberania alimentaria, desprotexendo os nosos sectores produtivos tradicionais como o agro, a gandeiria, a pesca de baixura e o marisqueo.

Estes individuos que Saquean, depredan, espolian, usurpan e desmantelan a nosa terra teñen nome e apelidos e forman a clase política corrupta de todas as administracións, banqueiros, e empresarios sen escrúpulos e xuíces e fiscais comprados. Son culpábeis de enriquecerse a base de depredar o territorio e empobrecer a nosa xente, culpábeis de cobiza insaciábel, culpábeis da nosa escravitude e de por en marcha e manter de xeito forzado este sistema insostíbel, culpábeis, en definitiva da nosa ruína.

Por un cambio de modelo economico e social, baseado na xustiza, na solidariedade entre as persoas e os pobos, na harmonia coa natureza, no equilibrio entre o uso dos recursos naturais e a súa proteción e no respeto pola nosa cultura e todas as demais.

Parecen moitos, pero nós somos máis, parecen fortes pero precisan de nós.

Por un futuro que é o noso: movámonos, informémonos, xuntémonos, resistamos, rebelémonos, loitemos, denunciemos, defendamos, mobilicémonos, imaxinemos, creamos, traballemos, actuemos, fagamos posible esta terra viva e vida digna que todos e todas queremos.

GOBERNE QUEN GOBERNE GALIZA NON SE VENDE

 

Publicado por: MontePituco | 09/05/2011

DÍA INTERNACIONAL DAS AVES

“…Deixarse ir, abandonarse nesta música

que nos leva mansamente ao instante perfecto,

ser dardo de luz, paxaro que estende

seguro as alas do dominio

elevándose con serena maxestade

cada aos ceos máis altos, cara aos ceos”.

(Xulio L. Valcárcel, de “Hora redonda”).

Publicado por: MontePituco | 06/05/2011

NAS XORNADAS DE CULTURA E TERRITORIO

Rafa Quintía e Xoán Bieites, do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, participaron nas xornadas sobre Cultura e Patrimonio organizadas por Adega na Deputación de Lugo. Expertos na historia e na posta en valor do Monte do Seixo, do que elaboraron varios traballos audiovisuais e editaron diversas publicacións impresas, tamén expuxeron o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

No blog “Á sombra de Bouza Panda“, Rafa Quintía comenta as liñas xerais da súa intervención:

A TRADICIÓN ORAL E O TERRITORIO

Rafael Quintía (Antropólogo e economista), João Bieites (Mestre de Artes plásticas). Membros do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca

Outeiriños, penedos, bosques, covas, formacións naturais caprichosas…. a man do home e da natureza se confunden nunha paisaxe natural que foi ó longo dos séculos utilizada, transformada, construída e reinterpretada simbolicamente dando lugar a unha rica e marabillosa literatura oral. A protección do noso patrimonio material e inmaterial non se entende se non vai parella á protección da súa contorna natural. Isto é aínda máis claro no tocante ó noso patrimonio inmaterial. Unha lenda, un rito, unha tradición sen a existencia da pedra, do monte, da fonte, do río ou do elemento natural ou material ó que vai asociada perdería todo o seu sentido e significación cultural dentro da comunidade social na que se produce. A perda do soporte tanxible ó abeiro do cal se desprega toda a nosa riqueza inmaterial supón a desaparición irreversible dese patrimonio inmaterial. Por iso a conservación de todo patrimonio cultural ten que ir obrigatoriamente da man da protección e conservación do patrimonio natural. Nos últimos tempos o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca orientou os seus esforzos a prol de dous proxectos de posta en valor do noso patrimonio material, inmaterial e natural.

O “Proxecto Montaña Máxica” arela divulgar o atractivo cultural do Monte do Seixo —verdadeiro parque temático da nosa mitoloxía popular—, ofrecéndoo como unha novidosa e dinamizadora alternativa cultural para a bisbarra de Terra de Montes. As actividades desenvolvidas polo Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca neste senso foron moitas e variadas. Delas podemos cita-la posta en marcha do Roteiro da Montaña Máxica, en colaboración coa asociación Verbo Xido, a realización de charlas e presentacións do proxecto e o intenso labor de investigación e divulgación que concluíu coa publicacións de tres libros e a elaboración dun documental de longa duración.

O proxecto para a creación do ESPAZO NATURAL E ARQUEOLÓXICO DOS SETE CAMIÑOS é unha proposta, avalada por máis dunha vintena de colectivos, que pretende pór en valor o importante e rico patrimonio natural e arqueolóxico do contorno de Couto do Pornedo e dos Sete Camiños. É un espazo que conforma unha unidade natural e que actualmente abrangue parte do monte comunal das parroquias de Salcedo e Lourizán, en Pontevedra; Postemirón e Figueirido, en Vilaboa e San Xulián, en Marín. A proposta representa unha alternativa viable para converter este espazo natural e arqueolóxico nun referente identitario para a comunidade local ademais de constituír un recurso social e economicamente rendible; destacando a necesidade de conservar, estudar e difundir este espazo pola súa importancia patrimonial, polo valor didáctico e polo poder identitario das pegadas deixadas na paisaxe polos nosos devanceiros.

Resulta, pois, prioritario proceder a protexer estas áreas de gran valor natural e cultural das posibles agresións. Para a posta en marcha deste tipo de proxectos é necesario unha acción conxunta das comunidades de montes, dos colectivos sociais e das administracións. Unha cooperación que supere anticuadas visións localistas ou partidistas. Unha nova estratexia colectiva que aposte por unha xestión e explotación sostible dos nosos recursos e do noso territorio, pola conservación e posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial e por unha visión a longo prazo para garantir un unha digna herdanza cultural e natural para as xeracións futuras.

Publicado por: MontePituco | 05/05/2011

CONTRA O SAQUEO AMBIENTAL DE GALICIA

POR UNHA UTILIZACIÓN RACIONAL DOS RECURSOS NATURAIS. POLA PROTECCIÓN DO PATRIMONIO NATURAL E HISTÓRICO. Por unhas rías limpas. Por uns ríos vivos. Pola defensa da nosa soberanía alimentaria. Por un litoral público e natural. POR UN URBANISMO INTEGRADO NA NATUREZA E NA NOSA CULTURA. Pola vivenda como dereito e non como negocio. POR UNS MONTES BEN XESTIONADOS. Pola participación da cidadanía na xestión do noso. Por unha xustiza anovada que depure a corrupció. Por unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes. Por unha xestión responsable dos residuos. Por un modelo económico e social máis xusto e solidario. POLO FORTALECEMENTO DO RURAL e a economía social de Galicia.

Comunicado do Colectivo Nacionalista de Marín facendo un chamamento á participación na manifestación deste domingo en Santiago:

A rede de colectivos Galiza Non Se Vende, da cal o Colectivo Nacionalista fai parte, convoca unha manifestación para este domingo 8 de maio con saída ás 12 da Alameda de Compostela baixo o lema “Contra o saqueo socioambiental da nosa terra”.

Galiza, está a sofrer un saqueo social e ambiental a todos os niveis, mantido por un modelo económico e social inviabel, que destrúe os ecosistemas, acaba coa biodiversidade e produce miseria e condicións sociolaborais de esclavitude, para as persoas. Redáctanse normativas e planos como as directrices de ordenación do territorio, plano de ordenación do litoral, plano eólico, lei de augas…para saciar o cobiza de grandes empresas privadas sen ter en conta a destrución do medio ambiente.

Depredan os nosos montes, pretendendo privatizalos coa nova lei de montes e destruíndoos coa construción de polígonos industriais como o proxectado en Marín no monte Pornedo, ou co novo proxecto de parque eólico en Pedras Negras afectando aos concellos de Marín, Moaña e Vilaboa.

Os cidadáns e cidadás temos a obriga de deixar para futuras xeracións un medio no que poidan vivir con dignidade e do que poidan disfrutar sanamente por iso os colectivos que formamos a rede Galiza non se vende continuamos a diario a loitar, resistir, traballar, arelar, formular, construír, informar, concienciar a favor da nosa terra e na procura de dignidade e equidade.

Dende o Colectivo Nacionalista de Marín facemos un chamamento aos veciños e veciñas de Marín e arredores a participar na manifestación e amosar o noso rexeitamento a todos os proxectos que ameazan o futuro do noso medio.

Publicado por: MontePituco | 04/05/2011

AS COMUNIDADES DE MONTES SOBRE O GANDO MOSTRENCO

 

Nos últimos días saíron á palestra mediática os propietarios de cabalos que pastan ceibes no monte e organizan os típicos curros para agrupar e marcar o gando. Estes eventos poden deixar de celebrarse ante a negativa dos gandeiros a identificar as reses cun chip, alegando razóns de tipo económico. A directiva da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común reuniuse hoxe en Pontevedra con representantes das Mancomunidades de Montes de Pontevedra, Ponte Caldelas, Monte Castrove, O Morrazo, Redondela e Val Miñor para achegar o seu posicionamento nesta polémica, que pasa por esixir o cumprimento escrupuloso da lexislación vixente. A continuación, o comunicado que deron a coñecer: 

1.- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra defenden a presenza de gando equino nos montes veciñais, por considerala beneficiosa para o control do mato e a prevención de incendios forestais. Esta presenza debe cumprir todas as condicións ás que obriga a lexislación actual e aconsella a xestión racional: debe contar co correspondente plan de explotación no que se especifiquen as parcelas dedicadas a este recurso, a carga gandeira de cada unha, o establecemento de pastos de tempada e outras características. Este plan de explotación debe estar visado pola Administración pública, formará parte do Plan de Ordenación dos Montes e ten que ser aprobado polas Asembleas Xerais das comunidades de montes afectadas. 

2.- Tanto a ORGACCMM como as Mancomunidades da provincia de Pontevedra apoian as iniciativas de explotación silvo-pastoril (combinación integrada de usos forestais e gandeiros) ou outros modelos de explotación do gando no monte que signifiquen un avance na súa xestión económica, social e ecolóxica, a posta en valor dos terreos veciñais e unha mellora na calidade de vida dos veciños. Nos últimos anos foron aparecendo por toda Galicia iniciativas promovidas por comunidades de montes, asociación de propietarios de cabalos e particulares, que están desenvolvendo proxectos como a xestión do gando cabalar con fins turísticos, terapéuticos, educativos, recreativos, de producción cárnica, de mellora xenética, de investigación científica, etc. O agrupamento dos gandeiros en asociacións, os acordos coas comunidades de montes e a elaboración dos plans de explotación son pasos indispensables cara a unha xestión racional deste recurso.

Un inciso: como exemplo desas iniciativas conxuntas entre comuneiros e gandeiros, as comunidades do Barbanza foron pioneiras en chegar a ese tipo de acordos reguladores que non foron nada doados o principio. Na actualidade, a comunidade de montes de Santomé, en Marín, está traballando na dotación dun espazo cercado no seu ámbito territorial para acoller este tipo de actividade. Ler o artigo titulado “CABALOS CEIBES, OUTRA ASIGNATURA PENDENTE“. 

3.- A provisión dun chip electrónico a cada animal, ou calquera outro medio que realice esta función, é un paso indispensable para esa xestión racional e sustentable, pois permite ter o gando identificado, controlado e saneado. O uso deste chip vén regulado polo Decreto 268/2008, do 13 de Novembro, polo que se establecen as normas, o rexistro e a identificación dos animais equinos. 

4.- O comunicado difundido polas asociacións de propietarios de cabalos A Groba, Serra do Suído, O Castrove, Monte Acival, A Valga, Monte Galiñeiro e Morgadáns, reunidos o pasado 22 de abril, no que ameazaban con non celebrar os curros se a Xunta de Galicia lles obriga a implantar o chip nos seus cabalos, causou decepción, malestar e mesmo indignación nas comunidades de montes afectadas. Non entenden que as citadas asociacións de propietarios de cabalos, que deberían promover entre os seus asociados a realización de proxectos que modernicen o sector e que deberían encabezar iniciativas de entendemento coas comunidades de montes para a mellora da explotación dos recursos do monte e a obtención de subvencións das administracións públicas, dean cobertura e protección a propietarios de gando cabalar (que non se poden chamar gandeiros) que se distinguen xustamente polo contrario: ausencia case total de xestión do gando, abandono dos animais, maltrato animal, etc; co conseguinte descontrol da cabana que provoca danos moitas veces cuantiosos en montes e cultivos, e accidentes de tráfico. 

Outro inciso: só en Pontevedra calculan que os danos provocados nas plantacións forestais polos cabalos e vacas ceibes que rillan e tripan os cultivos ascende a 600.000 euros, dos cales a metade rexistráronse na comunidade de Santa María de Xeve. 

5.- A información aparecida na prensa sobre a reunión do Conselleiro de Medio Rural con estas asociacións de propietarios de cabalos tamén é decepcionante. Unha vez mais, a Xunta de Galicia volve permitir o movemento ilegal de gando, o incumprimento da lei e a impunidade dos causantes de danos importantes nos montes. Unha vez máis o Conselleiro de Medio Rural trata cos propietarios dos cabalos soltos da súa problemática sen requirir a presenza das comunidades de montes, propietarias dos terreos onde se crían os animais, por máis que sexa sabedor de que non pode haber gando no monte sen autorización dos comuneiros e de que son eles os únicos propietarios dos recursos gandeiros dos montes veciñais. Unha vez máis a Consellería de Medio Rural amosa o seu desprezo e a súa incompetencia cara ao monte veciñal e ás comunidades de montes. 

6.- Proba do anterior é que o Conselleiro de Medio Rural chega a acordos cos propietarios do gando ilegal e non trata o tema cos propietarios do recurso (os pastos), que son as comunidades de montes. Aínda máis negativo e absurdo é que as axudas para a prevención de incendios subvencionan a limpeza de monte raso, favorecendo a este gando, e non o desbroce de masas arboradas. Parece clara a política de desordenar os usos do monte que favoreza o seu abandono, paso previo á súa privatización. 

7.- Non é certo que o problema principal para a protesta destas asociacións sexa o prezo do chip, que en ningún caso custaría 40 €, como din. O anterior goberno bipartito ofreceu subvencións do 90 % (co cal o chip custaría 4 €), que mantivo o goberno actual ata o pasado ano, cunha acollida moi minoritaria dos propietarios dos cabalos. Este ano a subvención é do 75 % e a acollida segue sendo minoritaria. Xa que logo, o prezo do chip non é a causa real da protesta.

8.- A verdadeira causa da negativa a implantar o chip nos cabalos que teñen no monte é o control que se podería establecer sobre esta cabana que está, na súa maior parte, en situación ilegal e sumerxida, que moitas veces está abandonada e que provoca anualmente danos superiores ao do seu valor económico.

9.- Esta cabana está ilegal porque a día de hoxe hai un importante corpus lexislativo que establece a obriga de contar coa autorización dos propietarios do terreo para ter gando no monte. Especificamente a Lei 3/2007, de prevención e defensa dos incendios forestais, establece no seu artigo 41 que “a persoa física ou xurídica titular do monte é a propietaria dos aproveitamentos forestais producidos nel, nos que se inclúen os pastos”. A explotación destes pastos deberá estar expresamente incluída no plan de ordenación do monte. Actualmente, soamente unha mínima parte do gando solto no monte conta co necesario acordo coa comunidade de montes propietaria dos terreos, e aínda máis pequena é a parte do gando solto que conta con plan de explotación. Xa que logo, a gran maioría dos cabalos soltos no monte son gando ilegal.

10.- O argumento esgrimido polos propietarios de cabalos para manter esta situación ilegal de que é un aproveitamento tradicional dos montes de Galicia e que sempre se fixo así. É un argumento falso. A situación actual nunca se deu tradicionalmente en Galicia. Nalgunhas comarcas era tradicional o pasto con gando solto nos montes, pero sempre identificado e controlado, pois o proceso de identificación facíase precisamente nos curros. Hoxe dáse o caso paradoxal de que os cabalos marcados nos curros, cando provocan danos en cultivos, non son recoñecidos polos propietarios, malia teren claras as marcas. Como se chama aquel que di ignorar as marcas dos cabalos que causan danos para encubrirse ou encubrir a outro propietario?

11.- Tampouco tradicionalmente se producían os danos actuais, que son cuantiosos en montes e cultivos de particulares. Soamente nos últimos anos, nas comarcas onde pastan os cabalos ceibes das anteriores asociacións, causaron danos por valor de varios millóns de euros nas plantacións forestais realizadas polas comunidades de montes con fondos propios e subvencións, ademais dos danos nos cultivos de particulares. Deste danos, soamente foi restituída unha pequena parte dos causados aos particulares, quedando os demais impunes. A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra consideran que as asociacións de propietarios de cabalos queren manter esta situación coas súas ameazas e protestas, pois a implantación do chip permitirá a identificación dos propietarios dos cabalos causantes dos danos por parte da Garda Civil e dos fiscais na colocación de pexas e trancas.

12.- Estes propietarios pretenden continuar con esta situación ilegal, inxusta e insustentable. Pretenden que os cabalos sigan vivindo do que haxa no monte, sen proxecto nin investimento ningún, mentres comuneiros e particulares teñen que apandar cos importantes danos que periodicamente provoca a súa falta de xestión. Pretenden tamén que as comunidades de montes, que son as que poñen os recursos e case nunca obteñen ningún beneficio, corran cos gastos dos accidentes de tráfico provocados pola mala xestión destes cabalos soltos. Son eles, coas súas posturas irracionais, os que están a provocar a desaparición dos gando solto no monte.

13.- A súa negativa a identificar os seus cabalos levounos a desprezar as xenerosas subvencións que a Xunta de Galicia ofreceu no 2008 para a colocación dos chips electrónicos, a produción cárnica, actividades de lecer, turísticas, terapéuticas, educativas e de investigación científica. Todo para non facerse responsables dos danos que causan os seus cabalos por culpa da súa falta de xestión. Mesmo actualmente non queren aproveitar as axudas que teñen accesibles a través do programa Leader 2007/2013 da Unión Europea.

14.- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da Provincia de Pontevedra seguirán perseguindo este gando ilegal que lles causa tantos danos e lles impide a xestión integrada e a posta en valor dos montes veciñais, e denunciando os propietarios destes cabalos (non son gandeiros, son outra cousa) ante as forzas de seguridade e os tribunais, por prácticas depredadoras que saquean os recursos do monte dun xeito contrario a calquera xestión sustentable. Ao mesmo tempo, declaran seguir abertos a establecer o diálogo a todas aquelas asociacións cabalares que queiran regularizar e legalizar a situación dos seus animais, e establecer plans de explotación beneficiosos para todas as partes.

15.- A Xunta de Galicia ten as competencias na ordenación dos usos do monte e debe esixir a identificación do gando solto. Vista a postura contraditoria da Consellería de Medio Rural sobre a implantación do chip, solicitarase unha entrevista urxente co Conselleiro para coñecer a posición da Xunta de Galicia sobre o tema e as medidas a tomar para o cumprimento da legalidade vixente. 

16.- A ORGACCMM e as Mancomunidades de Montes da provincia de Pontevedra promoverán, na reforma lexislativa dos montes que prepara a Xunta de Galicia, a inclusión da obriga de que todo o gando solto que estea no monte veciñal debe estar identificado e saneado, ademais de autorizado pola comunidade titular das terras. Ademais debe especificarse que o gando que non estea regularizado, previa denuncia dos propietarios das terras, deben ser retirado do monte pola Consellería de Medio Rural. 

Velaquí outro tema conflictivo sobre o presente e o futuro do monte veciñal. A postura da Organización Galega de Comunidades de Montes parece razoable: non ten sentido facer un investimento económico no monte -en ocasións coa contribución da Administración pública, é dicir, con cartos dos cidadáns- para que a finalidade dese gasto -a repoboación forestal- se esfume por un motivo que se podería evitar empregando o sentido común. A presenza do gando mostrenco debería estar restrinxida en determinadas zonas do monte, polo que cómpre un control dese gando, da súa localización e dos posibles danos que poida causar. Non parece honesta a actitude dos propietarios que, ante a sospeita ou a certeza de que os seus cabalos provocaron desperfectos, non dan a cara nin se fan responsables da situación, preferindo que as reses sexan subastadas ou sacrificadas cando os afectados polos danos denuncian os feitos. Polo tanto, cómpre que as partes dialoguen, sería oportuno que os propietarios aparcaran os seus intereses e que, gandeiros e comuneiros senten as bases dun entendemento mutuo, polo ben do monte, polo ben dun sector que -ben xestionado- tería moitas posibilidades de prosperidade e riqueza, e pola conservación dunha tradición que forma parte da nosa historia e da nosa cultura rural. 

COMUNIDADE DA ORGANIZACIÓN GALEGA DE COMUNIDADES DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN SOBRE O GANDO MOSTRENCO..

 

Publicado por: MontePituco | 03/05/2011

EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO: CAMPAÑA INFORMATIVA

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo vai organizar en datas vindeiras unha campaña informativa sobre os efectos do proxecto de parque eólico previsto no lugar de Pedras Negras. Editaranse folletos explicativos que se van repartir en Vilaboa, Moaña, Cangas, Bueu e Marín. Nas zonas máis directamente afectadas pola instalación dos muiños -Santomé, San Adrián e Domaio- tamén está previsto organizar charlas informativas orientadas aos comuneiros e veciños.

Segundo informacións ás que tivo acceso a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, nos montes xestionados por esas comunidades está previsto que se instalen ata 25 aeroxeneradores: 10 en Domaio, 10 en San Adrián e 5 en Santomé. Os muíños eólicos poden chegar a ter unha altura duns 120 metros, co cal a súa colocación provocaría un impacto visual e paisaxístico enorme.

A continuación repasamos as orixes desta nova ameaza contra a conservación dos Montes do Morrazo, e unha relación das consecuencias que acarrearía a materialización deste lesivo proxecto que, por moitos cartos que xerara, non compensaría en absoluto o destrozo e a agresión irreversible ao territorio, ao medio ambiente e á paisaxe.

A Xunta de Galiza autorizou á instalación dun parque eólico de 42 MW no Morrazo, afectando aos concellos de Vilaboa, Moaña e Marín, na zona de Pedras Negras. A concesión é a unha multinacional italiana, Enel Green Power España.

A pesar de que a enerxía que produce o vento é un ben en si; outra realidade é a do impacto dos parques eólicos:

• Galiza produce máis electricidade da que consume, polo que gran parte é exportada ao estado español ou Portugal.

• A instalación de parques eólicos non vai supoñer unha redución nos recibos da luz que pagamos todos os meses, pola contra sobe cada vez máis. Galiza é a comunidade autónoma con maior potencia eólica instalada do estado español. Os actuais parques eólicos xa supuxeron a afección do 39% de espazos naturais protexidos e cos novos proxectos aumentaría a incidencia nestas zonas.

• A substitución dos aeroxeneradores existentes nos parques eólicos actuais por outros máis avanzados permitiría aumentar a potencia sen necesidade de construír outros parques novos.

• O parque eólico proxectado en Pedras Negras pretende instalarse nunhas zonas de alto interese paisaxístico, xeolóxico, natural e arqueolóxico, entre os altos do monte Faro e Coto do Home, serra de Domego e monte Formigoso, incluídas no espazo natural protexido dos Montes do Morrazo. Os arredor de 25 muíños, de mais de 100 metros de altura e 50 de pas, serían visíbeis a grandes distancias.

• A mentira dos postos de traballo: só se crean durante a instalacións dos muíños, despois a man de obra é mínima e o control dos parques faise, na maioría das veces, informaticamente desde fora de Galiza.

• A instalación dos parques eólicos ten un impacto sobre a fauna e sobre o territorio: movementos de terras, pistas, tendidos eléctricos, subestacións… E, ademais, na zona delimitada polo parque non hai posibilidade de aproveitamento forestal, afectando neste caso a áreas de monte mancomunado das parroquias de Domaio, San Adrián de Cobres e Santomé de Piñeiro.

• O parque eólico de Pedras Negras estaría perto das áreas de lecer e mámoas de Chan de Arquiña e de Chan de Armada, supoñendo un severo impacto social, cultural e medioambiental para esas zonas. Asimesmo, obstacularizaría a práctica de deportes como a bici de montaña, con roteiros sinalizados existentes, e o parapente, que a presenza dos muíños impediría o voo. No Morrazo existe a maior asociación de parapente de Galiza, actividade que atrae a moit@s aficionad@s.

• Estaría entre varias antenas repetidoras de telecomunicacións, supoñendo unha suma das radiacións electromagnéticas xa existentes.

• Este proxecto viría sumarse a outros tres de parques industriais dentro e nos arredores do mesmo espazo natural, no monte Pornedo, na Cruz da Maceira e na Pastoriza, con arredor de 2 millóns de metros cadrados de solo rústico protexido afectado.

En conclusión, os colectivos integrados na Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, entre os que figura DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO), rexeitan a instalación dun parque eólico no lugar de Pedras Negras e demandan un plan de protección integral dos montes da bisbarra.

Outros artigos deste blogue sobre o proxecto de parque eólico no Morrazo:

O BLOG ‘DEFENDE O MORRAZO’

EN DEFENSA DOS MONTES DO MORRAZO

MOBILIZACIÓN CONTRA O PARQUE EÓLICO NO MORRAZO

CHARLA SOBRE O POSIBLE PARQUE EÓLICO NO MORRAZO

POLA PROTECCIÓN DOS MONTES DO MORRAZO

E AGORA, MUIÑOS EÓLICOS

 

Publicado por: MontePituco | 02/05/2011

MAR-IN E O CHAN INDUSTRIAL

A dotación de chan industrial en Marín é unha aposta irrenunciable que todos os partidos políticos inclúen nos seus programas electorais. Non lles valen argumentos coma a recesión económica actual ou a abundancia de espazo dispoñible nos polígonos xa existentes para reconsiderar unha decisión que -en Marín, coma en practicamente calquera concello- pasa pola destrucción dun espazo natural, pola afección á paisaxe e ao patrimonio. Pero o poder económico, o político -movido polos intereses dos anteriores- e o electorado marinense parecen non concebir Marín sen un parque empresarial. Onde?

Entre os partidos con opción de formar parte da Corporación Municipal nas vindeiras eleccións, o único que aboga pola protección e conservación do Monte Pituco (Pornedo), da súa riqueza forestal, dos seus recursos arqueolóxicos e da calidade de vida dos seus veciños -que, en definitiva, reporta tamén calidade de vida para o conxunto da cidadanía- é Marinenses Independentes. O equipo formado por Isabel Martínez Epifanio e Miguel Briones protagonizou algún dos momentos máis brillantes nesta complicada lexislatura: deron leccións de coherencia, presentaron propostas solidamente argumentadas, e “tourearon” -no sentido metafórico da palabra- o grupo de goberno poñendo de manifesto a súa febleza, a súa falta de cohesión e as súas incongruencias.

Desexámoslle a Mar-In un resultado que permita incrementar a súa representación. E abogamos por un debate serio, aberto non só ao ámbito político senón tamén social, que poña sobre a mesa as razóns que xustifican esa ansia reiterada no tempo por poñer un polígono en cada recuncho. Recén constituida a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, percíbese unha maior vontade por preservar o máis posible os espazos protexidos da bisbarra da ameaza que supoñen o formigón e, agora tamén, as aspas dos muíños eólicos. É o momento de unirse para que O Morrazo non se convirta nunha escombreira máis das moitas que acribillan este país.

Publicado por: MontePituco | 01/05/2011

MAIO!

ALTO FLOREZO

Alto florezo desde que escoito a voz

profunda dos meus soños, e así será

en canto as brisas e o meu talo

xoguen beixándose sobre a herba…

(Millán Picouto, de “Obra lírica completa”)

Feliz festa dos maios. Parabéns a quen teña a sorte de ter un emprego. Ánimo a quen o perdera e estea na procura dun posto. Grazas, nais e avoas. Maio, mes da lingua. Mil primaveras máis, parafraseando a Cunqueiro.

Publicado por: MontePituco | 29/04/2011

A ÁREA DE DESCANSO, DESBROZADA

Entre esta imaxe lamentable do aspecto noxento e insalubre que presentaba a área de descanso situada a carón da estrada de Figueirido…

…E estroutra, pasaron 8 longos meses. Xa non hai lixo, desperdicios e inmundicia que nos fagan sentir vergoña propia ou allea. A papeleira, de momento, aínda non foi reposta.

Antes…

…Despois!

Agosto de 2010…

… Abril de 2011!

Suxo e descoidado…

…Verde e (aparentemente) limpo.

Hai a quen lle incordia enormemente que se poña en evidencia o abandono no que se atopan certos espazos do monte comunal. Despotrican polas costas afirmando que “escribir, escribe calquera”. Pero non é así: cómpre o valor para protestar polo que outros, aínda pensándoo, calan, miran para outro lado, e deixan pasar. Escribir non escribe calquera. Polo menos sen darlle couces ao diccionario. E a fin de contas, nada é mentira: velaí as imaxes que demostran que a área de descanso situada no Monte Pituco, a carón da estrada de Figueirido, era un lugar indigno, coa maleza crecida e lixo por todas partes. DEFENDE O MONTE PITUCO incluiu esta denuncia nalgún escrito que se lle presentou á xunta rectora da Comunidade de Montes, e mesmo ao Concello de Marín e á Xunta, coa finalidade de que os responsables se viran na obriga de adoptar as medidas oportunas para que esta zona estivera, cando menos, presentable.

En setembro de 2010 publicamos un artigo titulado “NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES“.

Séntalles mal que fotografemos, escribamos e contemos mentres eles teñen que desbrozar. Evidentemente, é a súa competencia: asumir a responsabilidade de velar polo mantemento desa área de descanso e tomar as decisións que correspondan para cumplila, actuando directamente ou contratando os servizos necesarios. Porque é a Comunidade de Montes a que ten os medios e a lexitimidade para incidir na mellora dos espazos que o precisan. Os veciños poden actuar de maneira individual, con respecto polo contorno que os rodea: non botar lixo, facer un bo uso dos recursos que o monte proporciona. E, por suposto, colaborar voluntariamente nas accións que coordine a Comunidade de Montes para adecentar un lugar descoidado ou deteriorado. Do contrario, a Comunidade de Montes podería arremeter contra calquera que, pola súa conta e sen a autorización pertinente, tomara a iniciativa.

É paradóxico que tomar a iniciativa sexa negativo, nun país tan carente de boa disposición, interese e compromiso co territorio. Mais, para curarse en saúde, o mellor é seguir os cauces regulamentarios.

Todo é mellorable: a área de descanso ten que ter papeleiras ou bidóns, sinalización que prohiba verter residuos e que advirta do risco de incendios na tempada estival. Á fonte non lle viña mal unha posta a punto para que as condicións sanitarias sexan impecables, tanto para uso das persoas como para os animais que se achegan ao bebedeiro. E cun pouco máis de esforzo na limpeza da maleza, ata se podería abrir un miradoiro que ofrecería unhas vistas magníficas sobre a ría, instalando unha barandilla de madeira ou un cercado de pedra.

…Velaquí algunhas ideas para completar o AGRADECEMENTO á Comunidade de Montes por facer posible que os veciños de San Xulián poidamos estar un pouco máis orgullosos deste lugar acolledor, verde e sombrizo.

Publicado por: MontePituco | 28/04/2011

POLÍGONO DE BARRO-MEIS: O QUE MAL EMPEZA…

Louzán con cara seria. José Antonio Landín botando as mans á cabeza. O presidente da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Barro están a pasar por un apuro. Xa o di o refrán: o que mal empeza, mal acaba. O tempo dos prazos legais apremia e estas Administracións provincial e local teñen que mover ficha ante a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o plan sectorial de Outeda-Curro pertencente ao polígono industrial de Barro-Meis.

O que mal empeza, mal acaba, e o recurso de 95 veciños foi capaz de pararlle os pés a un Goliat chafalleiro que empezou a casa polo tellado. Por iso é inadmisible que o rexedor municipal cargue agora contra eles co argumento demagóxico e apocalíptico dos postos de traballo que poderían esfumarse se o parque empresarial non segue adiante.

Tamén aos afectados polo polígono industrial que proxecta o Concello de Marín no Monte Pituco nos acusan de insolidarios e irresponsables por opoñernos á creación de emprego. Táchannos de ecoloxistas radicais porque defendemos a conservación dun monte fronte ao maná celestial que reportaría a instalación de fábricas e naves. Repúdiannos porque obstaculizamos que a Comunidade de Montes e a parroquia se cubran de billetes caros mentres nós protexemos unhas pedras “que non dan de comer”.

…Pero temos razón. Como a teñen os veciños de Barro que se plantaron contra a xestión apresurada e deficiente das Administracións que, coa encomiable excusa de favorecer o desenvolvemento industrial e económico da zona, obviaron trámites e requisitos de cumprimento ineludible para que as obras se axustaran á máis estricta legalidade. E o TSXG avalou os seus argumentos. Como a teñen os veciños de Placeres que rexeitaban o paso do tren ao porto de Marín polo medio e medio da praza. E o Tribunal Supremo tamén se puxo do seu lado.

Este mes vai un ano que DEFENDE O MONTE PITUCO leva tecleando instancias que presenta puntualmente no Rexistro do Concello de Marín. O seu destinatario é o alcalde Francisco Veiga, que nunca se dignou en contestar nin branco nin negro, nin frío nin calor, nin si nin non senón todo o contrario. A única vez que se pronunciou, e porque Marinenses Independentes lle formulou unha pregunta formal no Pleno da Corporación, foi para dicir que xa nos atendera por teléfono e ao pé dunhas escaleiras. Un alcalde que cada vez que abre a boca é para dicir “hi-hooo”, para ornear, non merece ocupar un posto de representación cidadá. Porque vetar, censurar, ignorar e despreciar uns veciños críticos coa súa xestión é tanto como coller a democracia e o estado de dereitos, botalos ao retrete e tirar da cadea.

E iso non se lle pode consentir. Tanto ten se somos 95 veciños como se somos 5.

(Informe de Alberto Castroverde en La Voz de Galicia, 27 de abril de 2011).

(Informe de Alberto Castroverde en La Voz de Galicia, 28 de abril de 2011: “Barro-Meis plantea dar la vuelta en seis meses al batacazo legal“).

Publicado por: MontePituco | 27/04/2011

HERBA DA PAMPA, ESPECIE INVASORA

Hoxe é noticia que no municipio veciño de Pontevedra a Concellería de Medio Ambiente Natural vai pór en marcha unha campaña informativa e de concienciación sobre os efectos negativos das especies invasoras, tanto vexetais como animais, que se instalan no noso territorio e ameazan a biodiversidade autóctona. No de Marín, por máis que se gaba de ter un feixe de certificados, empezando polo EMAS e rematando polo MACT, a Concellería de Medio Ambiente (a secas) non tivo na súa axenda iniciativas deste tipo para erradicar as especies foráneas en favor da protección das propias (e iso que a concellería é de signo nacionalista); nin os interesantes programas de andainas que se realizan en Pontevedra por diferentes fragas da provincia para conmemorar o Ano dos Bosques; nin os obradoiros de entomoloxía ou de herbarios que si houbo no concello veciño para as persoas interesadas na natureza… Que clase de medio ambiente se xestiona en Marín? O de burocracias, despachos e diplomas que lle custan unha pasta gansa ao erario público?

Ademais dos eucaliptos, outra das plantas invasoras máis incómodas que se instalaron no Monte Pornedo é a herba da Pampa ou cortaderia. A colonia máis abondosa desta praga atópase a carón da variante de Marín, no recheo sobre o que se asenta a “área recreativa” do Pornedo. Con razón, esta especie orixinaria de Arxentina aparece espallada dende hai máis de 20 anos nas beiras de estradas e autoestradas. E o motivo de que chegara ao Pornedo non é outro que a procedencia da terra coa que se fixo ese aterramento. No seu día, a Comunidade de Montes de San Xulián estivo encantada da vida cando a empresa que executaba as obras da variante lle montou aí un merendeiro con mesas, bancos, árbores e fonte (hoxe en estado total de abandono e pasto do vandalismo máis salvaxe).

…De paso, como quen non quere a cousa, aterraron un petroglifo. Pero por desgraza, estas críticas non son nada ben recibidas por parte dos seus destinatarios, que se ofenden moito ao teren a fonda convicción de que todo canto fan está super-ben-feito. Onde antano había unha carballeira nunha vaguada sombriza, agora hai un monte de terra infestado de cortaderias e codesos, un desagüe de formigón para darlle saída ás trombas de auga que baixan do monte cando hai temporal, e unha pista tan empinada que parece a subida ao Angliru e pola que un dos veciños do Caeiro ten o acceso á súa vivenda.

Volvendo ao rego: as especies dañinas. Velaí no Monte Pornedo ducias de penachos pampeiros, que florecerán a partir de agosto, producindo milleiros de sementes que se dispersarán co vento a longa distancia. En Pontevedra fixeron números para exterminala na Illa das Esculturas e na Xunqueira de Alba, posto que para conseguilo cómpre arrincala de raíz e queimala; e tres cuartos do mesmo van facer tamén na marisma de Ponte Muíños. Mentres, en Marín, a herba da pampa segue “pampando” ás súas anchas porque a Concellería de Medio Ambiente (a secas) bastante ten con erradicar da praia da Coviña os restos do cachalote requeterresucitado.

Quen teña interese na problemática das especies invasoras pode asistir á conferencia que van impartir a bióloga Saleta González e o profesor de Ecoloxía Evolutiva e Conservación da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero, este venres 29 a partir das 20:00 horas no Centro Sociocultural NovaCaixaGalicia. As sesións informativas repetiranse en datas sucesivas nas parroquias rurais pontevedresas, que se completarán co reparto de carteis e trípticos nos que se citan a falsa acacia (robinia), o bambú, a mimosa, o xacinto de auga, a egeria, a tartaruga americana ou sapoconcho de Florida, o cangrexo americano ou o carpín.

Publicado por: MontePituco | 26/04/2011

CABALOS CEIBES, OUTRA ASIGNATURA PENDENTE

Artigo de Marcos Gago publicado o 23 de abril na edición de Pontevedra de La Voz de Galicia.

CABALLOS SALVAJES QUE YA NO DESTROZAN

…Unha iniciativa a ter en conta.

Publicado por: MontePituco | 25/04/2011

EX-CIRCUITO: ANTES E DESPOIS

…Un antes e un despois. Un pasado e un presente. O Alto do Pornedo empeza a recuperarse da agresión continua á que viña sendo sometido pola circulación sistemática de motos e quads que provocaron unha severa erosión no terreo, con peraltes de terra que foron medrando impunemente polo paso continuado das rodas.

O mesmo espazo, tres meses despois, nesta Semana Santa de 2011.

…Antes:

Despois…

…O pasado recente, xusto a carón dos patroglifos catalogados do Pornedo:

E o presente (que ogallá sexa duradeiro)…

A Comunidade de Montes de San Xulián obrou por fin como dende había tempo se lle viña pedindo. En vésperas desta Semana Santa, empregáronse medios mecánicos para achandar o terreo no Alto do Pornedo, erosionado polo tránsito rodado de motos e quads que, dende había tempo e de forma irregular, se instalaran nesta zona do monte comunal para exercitarse os seus pilotos. A directiva da Comunidade de Montes tivo a ben tomar medidas directas e drásticas, como procedía a petición dos propios comuneiros que, en asemblea, manifestaran decididamente a súa disconformidade co estado de degradación progresiva no que fora caendo este espazo.

Os peraltes de terra desproporcionados que alteraran a fisonomía do terreo, e que foran provocados pola acción sistemática das rodas, xa quedaron nivelados. Confiemos agora na acción reparadora da natureza, na capacidade do solo para recuperarse e ir borrando pouco a pouco os sinais visibles das rodadas, no avance da vexetación que permita ir consolidando o terreo agredido e revertir o aspecto poirento e inerte causado polos neumáticos.

Cómpre outra acción urxente, que ten boas perspectivas de cumprirse nun prazo razoable: a sinalización da zona. Así se lle solicitou tamén á Comunidade de Montes, para que complete unha actuación tan necesaria. Declarar cunha mensaxe clara, exposta publicamente nun panel co lema ESPAZO RESTRINXIDO Á CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS MOTORIZADOS, ou semellante.

E desta maneira o Alto do Pornedo converterase nun lugar acolledor e atractivo para os visitantes que procuren unha andaina satisfactoria, que aúne natureza e cultura, coa presenza de petroglifos que, nunha fase seguinte, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio, tamén se poden sinalizar convintemente. Un lugar produtivo, porque os comuneiros poderán aproveitar o fento e o toxo que medra alí para o estrume das cortes. Un monte multifuncional, como o que promove a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común: a suma de uso forestal e agrogandeiro, coa faceta medioambiental e paisaxística, sen pasar por alto a dimensión turística ou cultural. Por iso, GRAZAS á Comunidade de Montes de San Xulián por empezar a “mimar” o Alto do Pornedo e por ir cumprindo a misión que se lle presupón.

Publicado por: MontePituco | 22/04/2011

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

23 DE ABRIL: DÍA DO LIBRO

…Viaxamos cos libros dende os andeis da biblioteca ata o monte, a carón da pedra, da árbore, da auga, da carqueixa…

“PEQUEÑA HISTORIA DE MARÍN”, de José Torres Martínez (Marín, 1906-1983). Colección Tambo, 1983.

“CONVERSAS CON FRANCISCO CARBALLO”, de Santiago Prol e Xan Carballa. A Nosa Terra, 2002. Os autores compartiron máis de 30 horas de conversa co protagonista da obra na biblioteca do Colexio San Narciso, en Marín.

“LATEXOS DUN AROUSÁN, III. FERVENZAS E DEVALOS”, de EV.Calo. Edición do autor, 1999. EV. Calo é o seudónimo do profesor Eduardo Víctor Castro López, que exerceu a súa actividade no colexio Sequelo.

“COS DADOS DO SOÑO”, de Luis Almazán (Pontevedra, 1918-Marín, 1995). Edita, Deputación de Pontevedra, 1988.

“…Cando os meus pensamentos sexan teus

e a túa luz se me aquede nas pestanas

xa pechadas;

cando a túa terra se me adentre fría

buscando a escura cinza do meu nome,

aínda hei levar na miña gorxa muda

o feitizo orquestal das túas mareas,

ese embruxo afinado das túas ondas.

Ouh, Marín, meu Marín! Se así me acalas

ten lembranza de min na túa palabra.”

…Literatura inspirada na natureza.

“MANANCIAL”, de Xavier Manteiga. Premio Xerais 1997.

“Noite clara; lúa chea. Noite limpa sobre un río de cristal. Noite meiga. Sentado sobre unha rocha, cando todos durmían xa, Tomás contemplaba o ceo mentres fumaba un cigarro. Os fundidos estelares reflectíanse sobre o manancial quebrándose en mil anacos de pura e doce luz. Ante tamaña inmensidade un home sentíase máis só ca nunca nunha noite coma aquela: ante tamaña inmensidade, un home sentíase máis protexido ca nunca”.

Ollando ao mar…

“GALEGO Á BEIRA DO MAR”, texto de Juan Farias e ilustracións de Xosé Cobas. Kalandraka, 2008.

“PIRATAS E NAVEGANTES”, de Pepe Carreiro. A Nosa Terra, 1995.

“MULLER CEIBA”, de Sandra Cisneros (Chicago, 1954). Tradución de Marilar Aleixandre. Edicións Xerais, 1997.

“…E cando eras unha nube, escoitabas as árbores e as cousas arbóreas que as árbores che dicían. Eras o vento nas rodas dunha bicicleta vermella. Eras a María de arame tatuada no glabro brazo dun rapaz no centro de Houston. Eras a chuvia esvarando das céreas follas dun magnolio…”.

“MONTE DO SEIXO. O SANTUARIO PERDIDO DOS CELTAS”, de Calros Solla. Edición, Serpe Bichoca, 2008.

“Un monte é coma un ser vivo, nace, crece e, por moi duro e resistente que poida parecer, tamén pode morrer. Os ventos danlle alento, os animais intercambian con el os alimentos, as augas de fontes, lagoas, ríos e regatos abastecen o seu corpo de lentura. Todo nun monte podería ser perfecto: as abas poboadas de arboreda, as camposas de herb vizosa, penedos como adobíos; polo día, o sol debuxando sombras coma camiños nos seus pregues; polas noites, o escuro reverquer de medos e pantasmas. Só hai unha cousa que non poder facer un monte: deixar de selo. Por moito que o martiricen, un monte endexamais pode fuxir do seu sino”.

“O VERBO DOS ARGINAS DE AVEDRA. XERGA GREMIAL DOS CANTEIROS DE PONTEVEDRA”, de Feliciano Trigo Díaz. Edita Deputación de Pontevedra, 1993.

“SOSTENIBILIDAD, VALORES Y CULTURA AMBIENTAL”, coordinado por Ricardo García Mira e Pedro Vega Marcote. Ediciones Pirámide, 2009.

 “ANDANDO A TERRA (1977-1987)”, de Manuel Hortas. Edición de Miguel A. Mato Fondo e Pilar García Negro. A Nosa Terra.

Rodeados de xestas floridas, tres obras de xéneros, tempos e autores dispares.

“GUÍA DAS PLANTAS DE GALICIA”, de Xosé Ramón García Martínez (Pontevedra, 1950). Edicións Xerais, 2008.

“MEMORIAS DUN NENO LABREGO”, de Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928). Edicións do Castro, 1991.

“…Hai quen di que todo o que nos acontece está sinalado de antemán. Que andamos por camiños mallados. Cada coal vai polo seu, queira que non, coma se o levase un anxo ou unha meiga. Eu non creo tal cousa…”.

“POESÍA GALEGA”, de Eduardo Lence-Santar (Mondoñedo, 1876-1960). Edición de Xe Freyre e Armando Requeixo. Colección Libros da Frouma, edita Difux, 1999. Edición non venal.

…Que fermoso nome, e que ben soa: Libros da frouma…

“A ría de Pontevedra,

Qué cousiña máis galana…!

¡Nin que a fixera Dios mesmo

Para que fose admirada!”

(Publicado en La Voz de Mondoñedo, 28-9-1922)

Os libros volven á materia prima da que están feitos: as árbores.

“EL ÁRBOL DE LA CIENCIA”, Pío Baroja. Edición de Pío Caro Baroja. Ediciones Cátedra, 1993.

“PLATERO Y YO”, Juan Ramón Jiménez. Edición de Michael P. Predmore. Ediciones Cátedra, 1990.

“RÉQUIEM POR UN CAMPESINO ESPAÑOL”, Ramón J. Sender. Ediciones Destino, 1985.

“LA SENDA DEL DRAGO”, José Luis Sampedro. Círculo de Lectores, 2006. O papel utilizado na impresión deste libro foi fabricado a partir de madeira procedente de bosques e plantacións xestionadas con estándares ambientais, garantindo unha explotación dos recursos sostible co medio ambiente e beneficiosa para as persoas. Por ese motivo Greenpeace acreditou que este libro cumpre cos requisitos ambientais e sociais necesarios para ser considerado un libro “amigo dos bosques”. O proxecto “Libros amigos dos bosques” promove a conservación e uso sostible dos bosques, en especial dos bosques primarios, os últimos bosques virxes do planeta.

A carón dos gravados rupestres de Pornedo, dous libros que nos achegan á orixe dos nosos tempos.

“CAMINOS DE ARTE RUPESTRE PREHISTÓRICO. GUÍA PARA CONOCER Y VISITAR EL ARTE RUPESTRE DEL SUDOESTE DE EUROPA”, coordinado por Ramón Montes Barquín e Cristina Lafuente Martínez. Editado en 2008 polo Ministerio de Cultura, sendo o seu titular César Antonio Molina. Cita entre as páxinas 168 e 183 o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, a Área Arqueolóxica de A Caeira en Poio, a Área Arqueolóxica de Tourón en Ponte Caldelas e os Petroglifos de Mogor en Marín.

“PETROGLIOS E OUTRAS PREHISTORIAS” é unha obra de dous mozos marinenses, Xulio D. Abal Silva e Álvaro R. Arizaga Castro, editado en 2007 polo Concello de Marín.

“O magnífico conxunto de Mogor, aínda sendo o máis importante do noso municipio, é tamén bastante significativo nese senso. Sen dúbida, este conxunto sería aínda máis importante de non ser destruídas en datas sucesivas varias pedras gravadas. Ese caso debería facernos reflexionar sobre feitos presentes: foi certa a recente destrucción de gravados na zona do Pinal de Caeiro? Podemos asumir como lóxicas as destruccións de xacementos case únicos en Galicia, como era a pedrafita de Currás? O peor non é o lento goteo na destrucción do patrimonio, porque o tempo, inevitablemente, tende a borrar os restos do pasado. O peor é a confusa sensación de IGNORANCIA, de SILENCIAMENTO e de IMPUNIDADE”.

“INDIGNÁDEVOS!”, de Stéphane Hessel. Tradución de Fernando Moreiras. Faktoría K, 2011. 

O pensamento produtivista, impulsado por Occidente, levou o mundo a unha crise da cal hai que saír mediante unha ruptura radical coa fuxida cara adiante do “cada vez máis”, no eido financeiro e tamén no eido da ciencia e a tecnoloxía. Xa vai sendo hora de que prevaleza a preocupación pola ética, a xustiza e o equilibrio, pois ameázannos riscos sumamente graves que poden pór fin á aventura humana nun planeta que esta pode deixar inhabitábel para o home”.

Publicado por: MontePituco | 22/04/2011

22 DE ABRIL: NO DÍA DA TERRA

   

O home é terra ergueita en pantasía

vertical acrobacia dos lameiros

tolo chouto no ar

O home é terra

E terra sobor todo i endenantes

dos ideás valeiros co asoballan

porque hai un berro fondo nos miolos

a turrar pola vida deica o orixen

Eu sinto que nos chaman dende sempre

dos escuros illós antergas voces

e escoito polas noites dende as praias

os cantos feiticeiros das sireas:

os ulíseos cantos, o chamado

dos aléns mergullados baixo as tebras.

Eu sinto que me chamas, terra miña,

cun brado xeolóxico e tremente

e esbaro no tropismo violento

deica o xermen do mundo deica o xermen

¿Non escoitáis no sangue este doente

río de luz a se ceibar dos canles

de tolleitas “verdás” que nos apreixan?

Si sodes homes ride, percurade,

deixai fuxir ao mar vosas arelas,

deixade xa as mesquinas cuadraturas.

Que agarda a redondez donda da terra.

(ÁNXELES PENAS, de “Galicia fondo val”)

 

Publicado por: MontePituco | 21/04/2011

A COMUNIDADE DE MONTES EMPEZA A FACER O SEU TRABALLO

A sinatura do primeiro folio que compón este informe de seis páxinas pertence ao presidente da Comunidade de Montes de San Xulián, Francisco Casal. Non é o primeiro documento destas características que lle entregamos, e do que lle pedimos unha rúbrica para certificar a súa recepción. Esta acción, por sinxela que pareza, non está exenta de dificultades: localizar o responsable da comunidade non é doado por cuestións profesionais súas, e na Casa de Montes de San Xulián o vicepresidente négase a recibir estes escritos, declinando toda responsabilidade na persoa do presidente. Incrible, pero certo.

Non sen tempo, a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián está facendo o que lle corresponde, o seu traballo, as tarefas polas que deben responder ante os comuneiros, o que lles compete: coidar o monte. DEFENDE O MONTE PITUCO leva máis dun ano queixándose do abandono no que caeu esta zona, plasmando con imaxes estas denuncias, mobilizando o Seprona, o Concello de Marín e a Xunta para que tomen coñecemento da situación real do monte e para que saiban que non ignoramos estas deficiencias, que non lle damos as costas ao monte e que nos importa o seu estado.

– Criticamos a proliferación de verquidos incontrolados. Xa están empezando a ser eliminados.

– Criticamos a presenza de lixo suciedade, a maleza desproporcionada e os desperfectos no mobiliario da área de descanso situada na estrada cara a Figueirido. Xa se está acondicionando a zona.

– Criticamos a existencia dun circuito de motorismo ilegal no Alto do Pornedo, a erosión galopante do terreo, o perigo no que se atopan os gravados rupestres preto dos vehículos, a inconveniencia desa actividade irregular nun espazo recén reforestado. Xa se procedeu a achandar a zona e a rebaixar os peraltes de terra que se formaran co paso sistemático de motos e quads.

Pero quedan moitas cousas por facer, entre elas, sinalizar convintemente os puntos máis sensibles do monte: é necesario instalar carteis que prohiban botar lixo, que advirtan do risco de incendios, que indiquen a presenza de petroglifos catalogados, que restrinxan a circulación de vehículos motorizados fóra das pistas habilitadas.

No escrito presentado o pasado mes de febreiro ao presidente da Comunidade de San Xulián pedíaselle unha xuntanza para analizar a situación do monte. Pasaron dous meses e non nos recibiu. Tanto ten, ou non. Outro que descoñece o significado de palabras como diálogo, colaboración, responsabilidade, veciñanza. Que se toma as críticas como algo persoal en vez de asumir a lexitimidade dun grupo de veciños para fiscalizar a súa xestión e pedirlle melloras que redundan no beneficio de todos. Un grupo de veciños sensibilizados coas problemáticas que ameazan o monte, entre as que sobresae o proxecto de instalación dun polígono industrial que vai arruinar a riqueza forestal do Pituco, que nos vai deixar sen mananciais de auga, que lles vai afectar aos elementos arqueolóxicos e patrimoniais que nel abundan, que vai causar un impacto ambiental e paisaxístico indescriptible, que repercutirá negativamente nos núcleos de poboación máis próximos da Pena, Caeiro, Casal, Laxe e Bouza polo efecto dos taludes inmensos que se construirían para salvar a forte pendente do terreo…

…E non atende a razóns. A directiva da Comunidade de San Xulián non atende a máis razóns que o poderoso cabaleiro don diñeiro.

Publicado por: MontePituco | 20/04/2011

O BLOG ‘DEFENDE O MORRAZO’

(Artigo de Miguel A. Rodríguez en La Voz de Galicia: “El sector eólico pacta con la Xunta un plan para agilizar los nuevos parques”).

Di este artigo que o sector eólico vai pactar un plan coa Xunta para axilizar os 91 novos parques que se van instalar en territorio galego ata o ano 2012. Que para a colocación deses 761 novos muíños se vai pór en marcha unha mesa de tramitación, da que tamén será partícipe a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Interesante mestura de intereses e competencias: Economía e Industria por un lado, Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas por outro, e os empresarios para completar o trío que permitirá resolver os atrancos legais que poidan entorpecer o avance deses proxectos.

Que clase de atrancos? Administrativos, económicos, patrimoniais, ambientais? Non importa do tipo que sexan. A Xunta parece estar interesada no mesmo que as 38 empresas beneficiarias do Plan Eólico: cobrar. Porque o que contan son os 46 millóns de euros recadados polo Goberno galego, os 648 millóns de euros que se investirían los municipios que acollan os aeroxeneradores, os 270 millóns de euros que supostamente percibirían os propietarios -comuneiros, en boa parte- dos terreos. Apetitoso caramelo, sen dúbida, co que tentar os habitantes do rural, e nos tempos que corren. E así non hai argumento ambiental, cultural ou paisaxístico que valla. Cando os cartos entran pola porta, a natureza sae pola fiestra.

O novo presidente da Federación Ecoloxista Galega, Anxo F. Saborido, vén de comentar nunha entrevista publicada en Galicia Confidencial: “…Cada un dos cidadadáns e cidadás debería esixirlle á súa Administración e aos seus políticos que tomase medidas para frear a crise ambiental. Cando a crise económica se agudiza, a repercusión ambiental é aínda máis grave, pero non debe esquecerse. Vivimos do e no medio, nun medio finito”.

Esa conciencia social está representada nos colectivos que veñen de integrarse na Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo que, entre os seus obxectivos, rexeita a instalación un parque eólico en Pedras Negras. Como tamén se opón á construcción de novos polígonos industriais na bisbarra. A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo xa conta con perfil en Facebook –Plataforma Montes do Morrazo– e blog propio: http://defendeomorrazo.wordpress.com/

A próxima xuntanza do colectivo celebrarase o xoves 28 de abril na Casa da Cultura de Seixo.

Publicado por: MontePituco | 19/04/2011

OS SETE CAMIÑOS E O MONTE DO SEIXO, NAS XORNADAS DE ADEGA

O sábado 30 de abril celébranse, no salón de actos da Deputación de Lugo, as xornadas sobre “Cultura e territorio” que organiza a Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) no marco da campaña “Ponte no medio, móvete polo territorio”. Na primeira parte da sesión, ás 10:00 horas, haberá unha mesa redonda na que van participar Rafael Quintía e Joao Bieites, do Grupo de Estudos Serpe Bichoca, que pertence á comisión para a posta en marcha do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, ao que pertence o Monte Pituco, ou Pornedo. Rafael Quintía e Joao Bieites van expoñer a súa experiencia no estudo e na divulgación da historia do Monte do Seixo, sobre o que publicaron varios libros e realizaron un completo documental. Tamén falarán da súa participación no proxecto Sete Camiños, que se atopa en fase de desenvolvemento, cun traballo de campo para o estudo da zona, coa produción e edición dun documental, e o desenvolvemento dunha páxina web que dea a coñecer a riqueza dos gravados rupestres, dos elementos etnográficos, e do medio natural e paisaxístico da zona.

Ese documental, do que xa se fixo unha pre-estrea, denuncia as agresións que padece o espazo, entre as que sobresaen a demarcación dunha franxa de seguridade imposta polo acuartelamento da Brilat, e o proxecto de instalación dun polígono industrial no Monte Pornedo por parte do Concello de Marín. Nesta última loita DEFENDE O MONTE PITUCO está dando unha ardua batalla co Goberno local marinense: contra o seu alcalde socialista, que leva un ano ignorando as peticións de entrevista presentadas polo colectivo veciñal; contra os seus socios nacionalistas, que ostentan a concellería de Urbanismo (a que defende a capa e espada, sen argumentos técnicos nin económicos razoables esta barbaridade) e de Cultura (que consinte a destrucción dun enclave cun gran potencial turístico se tivera a ben apoiar a creación do Espazo Sete Camiños).

É unha grande oportunidade para que o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños se dea a coñecer nun foro especializado que vai contar con ponentes de primeiro nivel: representantes da asociación educativa Ponte nas ondas, o escritor Antonio Reigosa, o politólogo e profesor Carlos Taibo, o arquitecto Manuel Gallego Jorreto…

A campaña “Ponte no medio, móvete polo territorio” presentouse o fin de semana pasado en Santiago, co apoio de máis de 130 persoeiros públicos relevantes no eido artístico, literario e científico, e colectivos sociais comprometidos na defensa da cultura e do patrimonio natural. A continuación, pódese descargar o manifesto completo que xustifica esta iniciativa.

MANIFESTO “PONTE NO MEDIO, MÓVETE POLO TERRITORIO”

Velaquí algúns argumentos que, segundo Adega, motivan a necesidade de mobilizarse a prol da defensa do territorio.

…Poñer freo aos proxectos especuladores co territorio galego e procurar unha alternativa sustentable de ordenación territorial a través dun movemento social de denuncia común.

…Pretendemos, por unha banda, reunir nun movemento social común a todos aqueles colectivos e entidades que están a denunciar illadamente a destrución e ameazas que está a sufrir o territorio galego en todos os seus ámbitos (espazos naturais, medio rural, litoral e rías, paisaxe, bacías fluviais, desenvolvemento urbanístico, infraestruturas viarias e patrimonio histórico-cultural); e, por outro, instar ás administracións públicas a tomar medidas concretas cara a unha ordenación do territorio sustentable.

…ADEGA anima á sociedade galega a reaccionar ante os innumerables casos de deterioro e degradación ambientais que se están a producir actualmente coa conivencia das administracións públicas de todos os ámbitos, nomeadamente pola actual Xunta de Galicia, co único propósito de favorecer intereses privados. As reformas lexislativas e os decretos con incidencia territorial impulsados polo goberno galego na última lexislatura (a modificación da Lei do Solo, a nova Lei Eólica, o Plano do Litoral, as Directrices de Ordenación do Territorio, a recuperación de Touriñán para o Plano Acuícola, o Plano Move, o chamado “Convenio de Barreiros” ou o Plano de Residuos) están acelerando o proceso de destrución irreversible de espazos imprescindibles para a nosa identidade e benestar.

…A campaña “Ponte no medio. Móvete polo territorio” avoga por un modelo de ordenación e xestión territorial racional, sustentable e con futuro baseado na recuperación do protagonismo colectivo da sociedade galega e a participación pública nos procesos de planificación e toma de decisión sobre a ordenación do territorio; na creación de emprego a través da rehabilitación dos valores e recursos do noso territorio e no impulso de medidas concretas contra a especulación.

…O manifesto co que se lanza a campaña reivindica a protección efectiva dos espazos “protexidos” a través de plans de xestión e conservación, a protección dos 500 metros da liña litoral, a recuperación dos espazos afectados pola minaría, a primacía do solo agropecuario e a súa xestión comunal fronte a intervención privada dos montes, a suspensión indefinida de novos proxectos hidroeléctricos, a potenciación dun transporte público colectivo máis ecolóxico e eficiente, a exclusión dos espazos protexidos dos proxectos acuícolas e de produción enerxética, un desenvolvemento urbanístico racional que prime os procesos de recuperación e rehabilitación e unha xestión descentralizada dos residuos.

Con estas premisas, a causa de DEFENDE O MONTE PITUCO é totalmente lexítima e encaixa nas circunstancias polas que Adega convoca a sociedade galega a mobilizarse contra a destrucción do territorio, por máis que, neste caso, o proxecto dese polígono industrial parte dun Goberno local teoricamente de signo progresista. Agardamos, pois, que Adega e os seus promotores sexan sensibles coa defensa co Monte Pituco e coa proposta de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Publicado por: MontePituco | 18/04/2011

PASOS vs. RODAS

Entre esta imaxe…

E estoutra…

…Hai dous meses de diferenza. Nunha, as rodas dunha moto. Noutra, os pasos do grupo de sendeiristas que participaron este fin de semana pasado na andaina organizada polo Clube Ciclista de Marín ata o Alto do Pornedo e na que o arqueólogo Lukas Santiago comentou os gravados rupestres que se atopan nesta zona pertencente ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

Un Espazo Natural e Arqueolóxico ao que o Goberno local de Marín, formado polo PSOE e mais polo BNG, se NEGA a darlle apoio, co suposto argumento -posto que o alcalde nunca se dignou nin se dignará no curto espazo de tempo que lle queda a esta pésima lexislatura municipal- de que o Monte Pituco é a zona na que está proxectada a instalación dun polígono industrial.

Un polígono industrial incompatible coa creación do Espazo Sete Camiños, que conta co apoio dunha vintena de colectivos de Marín, Pontevedra e da contorna. Un polígono industrial que non vai respectar a riqueza natural da zona, que vai provocar un impacto paisaxístico brutal e visible en todo o litoral da ría, que vai perxudicar -se non arruinar, directamente- os recursos arqueolóxicos catalogados e declarados Bens de Interese Cultural.

Por tanto, resulta ben paradóxica e incomprensible a presenza, en primeira fila, da concelleira de Cultura de Marín, Esther Crespo, veciña da parroquia de San Xulián, para máis inri, nesta concurrida visita ao Alto do Pornedo. Acudiría tal vez pensando en irse despedindo deste monte no seu estado orixinal antes de que as excavadoras o convirtan nunha desfeita de taludes desproporcionados. Ou tal vez para copiar o proxecto do Espazo Sete Camiños coa posible pretensión de incluilo no programa electoral do BNG aplicando a fórmula noutra parte de Marín.

…Tanto ten a súa incongruente e hipócrita actitude, e a súa torpe intención; é libre de subir ao monte cando queira porque o monte é xeneroso e regalaralle o aire puro que ela quere contribuir a contaminar coa instalación de naves e fábricas. Regalaralle as vistas privilexiadas do centro da vila que ela quere contribuir a sacrificar facendo do Alto do Pornedo un lugar desagradable e asulagado polo formigón. Regalaralle o canto dos paxaros que emigrarán a outro lugar máis acolledor cando o Monte Pituco, se dela depende, sexa un barullo de tráfico rodado, no hipotético caso de que ese suposto polígono non se acabe convertendo nun macrosolar pantasma pola ausencia de empresas que, ante a crise, non poidan optar a unha parcela en solo economicamente inviable.

Consideracións políticas -libres e lexítimas- á parte, vaia por diante o agradecemento aos promotores deste roteiro por achegarse ata o Alto do Pornedo. Por agasallar a terra coas súas pegadas, que foron o único sinal do seu paso polo monte. Nin un papel de máis, nin un plástico, nin unha cabicha. Ogallá todas as visitas sexan tan amables, exemplares, cívicas e interesadas pola cultura e pola historia deste espazo ameazado. Benvidos e benvidas, pequenos e grandes, sempre que sexa coa sensibilidade e cos sentidos abertos a experimentar as sorpresas e os agasallos que nos brinda a natureza. 

 

Publicado por: MontePituco | 15/04/2011

VISITA AO ALTO DO PORNEDO

O Alto do Pornedo volve recibir este fin de semana máis visitantes. Normalmente desprázanse sobre rodas. Non, os seus vehículos non son de motor. Pertencen ao Clube Ciclista de Marín e nos próximos días non poden realizar as súas habituais ciclomarchas ao coincidir cos “días azuis” nos que a Dirección Xeral de Tráfico prohibe circular a grupos de máis de 50 persoas. Por iso van cambiar a bicicleta polas botas de montaña para achegarse ata o Alto do Pornedo facendo unha andaina dende o centro da vila. Será este Domingo de Ramos, con saída ás 09:30 horas na Praza de España. Total, unha subidiña de 5 quilómetros, de dificultade media-baixa, apta tanto para expertos sendeiristas como para camiñantes non tan adestrados. A recompensa? As vistas privilexiadas que, dende o miradoiro do Pornedo, se poden ver de toda a ría. A visita a este enclave natural rematará cun percorrido polos petroglifos que se atopan na zona: gravados rupestres catalogados que se pretenden poñer en valor coa creación do Espazo Sete Camiños, unha iniciativa que xa apoian unha vintena de colectivos. O arqueólogo e realizador Lukas Santiago guiaraos no seu achegamento ata estes vestixios do pasado.

Publicado por: MontePituco | 14/04/2011

UN VERQUIDO MENOS

Entre esta imaxe…

E esta outra…

…hai dous meses de diferenza. A primeira foi tomada o pasado mes de febreiro. A segunda é de hai escasos días, na primeira semana de abril. Dende ángulos diferentes, estamos a carón do túnel a través do cal se accede, dende O Caeiro, ao Monte Pituco.

Uralitas, restos de obra, cascallos, azulexos, plásticos, latas, enseres diversos… de todo había neste verquido incontrolado que se foi formando hai xa algún tempo pola acción mesquiña dos desaprensivos, dos maleducados e dos cómodos que optaban por desfacerse así da trapallada que lles sobraba en vez de depositala nun punto limpo ou de dar aviso aos servizos de limpeza municipais. Afortunadamente, este verquido foi xa eliminado e haberá que facer un esforzo para que non se volva botar nada nel. Falta facía aí que a Comunidade de Montes puxera un sinal prohibindo verquer residuos. Como o que tamén é necesario instalar no Alto do Pornedo para restrinxir a zona á circulación de vehículos motorizados. Pero a directiva fai oídos xordos: o presidente está desaparecido en combate e, na súa “ausencia”, o vicepresidente non quere saber nada do tema e só goberna no que lle interesa (ou convén). É como falar coas paredes. Ata as pedras do monte serían máis receptivas.

Dentro do desgoberno reinante, polo menos, cómpre alegrarse porque haxa un espazo menos pendente de saneamento, nunha zona especialmente sensible, preto dos depósitos que abastecen de auga os veciños do lugar. Pero quedan outros puntos febles, afectados pola presenza de uralitas, restos de obra, cascallos, azulexos, plásticos, latas, enseres diversos… E tamén, máis pronto que tarde, acabarán sendo historia.

 

Publicado por: MontePituco | 13/04/2011

NOVO CENTRO SOCIAL DE ALMUINHA

Pasaron cinco meses dende que a Asociación Cultural Almuinha pechara o centro social que tiña ubicado na rúa Ezequiel Massoni, no que tantas actividades se levaron a cabo. Pero Almuinha volve estar de noraboa e convídanos a todos e todas á inauguración, este venres a partir das 20:00 horas, do seu novo local, no número 46 da rúa Rosalía de Castro. Un espazo que está chamado a ser, de novo, un foco de difusión cultural, de pensamento alternativo, de intercambio intelectual, “un espazo libre de sectarismos onde poder xuntar esforzos”, tal e como se define dende a propia asociación.

…Charlas, proxeccións audiovisuais, exposicións, cursos e celebracións, entre petisco e petisco. Almuinha prepárase para reanudar a bo ritmo o seu programa de actividades. Pero nestes cinco meses o colectivo non fixou parado nin paralizado, senón que vén de presentarlles aos partidos que se presentan a estas eleccións municipais, unha batería de propostas que abarcan ata 10 ámbitos de traballo: lingua, economía e emprego, servizos públicos e sociais, cultura e medio ambiente, transportes e comunicacións, recuperación de espazos e democracia participativa.

O decálogo completo pódese consultar no blog de Almuinha. Neste artigo destacamos algunhas iniciativas, comezando pola petición que abre o manifesto:

“Consenso político en temas clave: exiximos que se remate cos comportamentos vergoñentos, mesquiños e infantís, que por desgraza abundan na política local, e se estabeleza un consenso en temas clave para a nosa vila entre as forzas políticas (auditorio, centro de saúde…). Cómpre definir unha Axenda Marín 2025”.

En materia cultural, Almuinha aboga polo desenvolvemento dunha serie de iniciativas a prol da recuperación do patrimonio histórico marinense:

Apoio ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.

-Posta en valor da “Necrópole da Serra de Domaio”. Actuación integral, cos outros concellos (Vilaboa e Moaña) para facer un plan conxunto de todas as mámoas. Posta en valor a curto prazo da mámoa de Pedralonga.

-Posta en valor do Castro da Subidá.

No ámbito do medio ambiente, a asociación cultural é rotunda na súa defensa dos espazos naturais:

-Cumprimento da sentenza contra os recheos do porto de Marín.

-Recuperación da fachada litoral fronte á alameda.

REXEITAMENTO DO POLÍGONO INDUSTRIAL NO PORNEDO.

-Recuperación do río Lameiriña.

-Posta en valor do río Loira, recuperación das ribeiras e muíños e creación dun roteiro. Creación da marca “Ribeiras do Loira”.

-Defensa da praia de Aguete.

Tamén aposta polo desenvolvemento dunha auténtica democracia participativa, para paliar o déficit democrático que padecemos actualmente os veciños e veciñas para facernos oír, expoñer as nosas preocupacións e atopar no Concello unha vía de solucións, non de atrancos, boicot e censura, como vén acontecendo ata agora, e como DEFENDE O MONTE PITUCO vén denunciando pola negativa sistemática do alcalde a recibir a este colectivo:

-Establecemento dun regulamento municipal que facilite a participación popular e descentralización da vida administrativa.

-Creación dunha Comisión Popular do Orzamento Participativo.

Ogallá algunha destas iniciativas fora recollida polos representantes municipais que saian elixidos o próximo 22 de maio. Ogallá non volvan repetir os que actualmente nos des-representan.

Publicado por: MontePituco | 12/04/2011

BENS DE INTERESE CULTURAL

(“Protección para el arte rupestre“, artigo de Marcos Gago en La Voz de Galicia).

Estamos fartos de escoitar, mesmo por boca dalgúns conveciños, que “as pedras non dan de comer”, despreciando un potencial turístico que noutros concellos representa un motor económico nada desdeñable. E quen ousa referirse aos vestixios do paso dos nosos antergos por estes montes como “un cacho de rocha chea de musgo e cagadas de paxaros” está evidenciando a súa máis absoluta e incomensurable ignorancia. Oídos xordos para palabras necias, que mesmo deberían estar penadas legalmente, posto que representan unha ofensa á intelixencia e ao esforzo das Administracións que, cos impostos de todos, teñen a obriga de protexer uns bens de interese cultural de valor incalculable, únicos, irrepetibles e insustituibles.

Bastantes agresións -algunhas irreversibles- ten sufrido o noso patrimonio, por iso benvidas sexan todas as iniciativas, públicas ou privadas, a prol da súa protección e posta en valor. Porque só recuperando estes espazos se poderá favorecer que outros de fóra nolos veñan admirar. E só desa maneira, por desgraza, será posible que agrome unha sensibilidade social pola cultura rupestre que noutras rexións e países goza do respecto e da veneración que aquí brilla pola súa ausencia. Ata que nos veñen abrir os ollos os foráneos, avergoñándonos, levando as mans á cabeza escandalizados polas barbaridades que se cometen contra mámoas, petroglifos, menhires, pinturas e outros restos prehistóricos.

Por iso son necesarias iniciativas sociais como a dos promotores do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que aboga pola protección e promoción dos gravados rupestres -xa catalogados- nunha ampla superficie dos concellos de Marín, Pontevedra e Vilaboa. A sociedade, á vangarda, ponse así na primeira liña de acción para que acaben sendo posibles boas novas coma as de días pasados: a declaración, como ben de interese cultural, da mámoa do Rei, da mámoa de Pedralonga e da lapa de Gargantáns. Hora era!

 

« Newer Posts - Older Posts »

Categorías