Publicado por: MontePituco | 29/04/2011

A ÁREA DE DESCANSO, DESBROZADA

Entre esta imaxe lamentable do aspecto noxento e insalubre que presentaba a área de descanso situada a carón da estrada de Figueirido…

…E estroutra, pasaron 8 longos meses. Xa non hai lixo, desperdicios e inmundicia que nos fagan sentir vergoña propia ou allea. A papeleira, de momento, aínda non foi reposta.

Antes…

…Despois!

Agosto de 2010…

… Abril de 2011!

Suxo e descoidado…

…Verde e (aparentemente) limpo.

Hai a quen lle incordia enormemente que se poña en evidencia o abandono no que se atopan certos espazos do monte comunal. Despotrican polas costas afirmando que “escribir, escribe calquera”. Pero non é así: cómpre o valor para protestar polo que outros, aínda pensándoo, calan, miran para outro lado, e deixan pasar. Escribir non escribe calquera. Polo menos sen darlle couces ao diccionario. E a fin de contas, nada é mentira: velaí as imaxes que demostran que a área de descanso situada no Monte Pituco, a carón da estrada de Figueirido, era un lugar indigno, coa maleza crecida e lixo por todas partes. DEFENDE O MONTE PITUCO incluiu esta denuncia nalgún escrito que se lle presentou á xunta rectora da Comunidade de Montes, e mesmo ao Concello de Marín e á Xunta, coa finalidade de que os responsables se viran na obriga de adoptar as medidas oportunas para que esta zona estivera, cando menos, presentable.

En setembro de 2010 publicamos un artigo titulado “NOXO E VERGOÑA DA COMUNIDADE DE MONTES“.

Séntalles mal que fotografemos, escribamos e contemos mentres eles teñen que desbrozar. Evidentemente, é a súa competencia: asumir a responsabilidade de velar polo mantemento desa área de descanso e tomar as decisións que correspondan para cumplila, actuando directamente ou contratando os servizos necesarios. Porque é a Comunidade de Montes a que ten os medios e a lexitimidade para incidir na mellora dos espazos que o precisan. Os veciños poden actuar de maneira individual, con respecto polo contorno que os rodea: non botar lixo, facer un bo uso dos recursos que o monte proporciona. E, por suposto, colaborar voluntariamente nas accións que coordine a Comunidade de Montes para adecentar un lugar descoidado ou deteriorado. Do contrario, a Comunidade de Montes podería arremeter contra calquera que, pola súa conta e sen a autorización pertinente, tomara a iniciativa.

É paradóxico que tomar a iniciativa sexa negativo, nun país tan carente de boa disposición, interese e compromiso co territorio. Mais, para curarse en saúde, o mellor é seguir os cauces regulamentarios.

Todo é mellorable: a área de descanso ten que ter papeleiras ou bidóns, sinalización que prohiba verter residuos e que advirta do risco de incendios na tempada estival. Á fonte non lle viña mal unha posta a punto para que as condicións sanitarias sexan impecables, tanto para uso das persoas como para os animais que se achegan ao bebedeiro. E cun pouco máis de esforzo na limpeza da maleza, ata se podería abrir un miradoiro que ofrecería unhas vistas magníficas sobre a ría, instalando unha barandilla de madeira ou un cercado de pedra.

…Velaquí algunhas ideas para completar o AGRADECEMENTO á Comunidade de Montes por facer posible que os veciños de San Xulián poidamos estar un pouco máis orgullosos deste lugar acolledor, verde e sombrizo.


Responses

  1. Claro que escribir pode escribir calquera, pero entón a pregunta é obvia, como é que esa xente que tanto fala no no fai cando ven estas cousas? Para min é sinxelo, non queren estar na boca do demais, e para iso si que cumpre ser dunha pasta especial.
    Non é doada a crítica no seu dunha comunidade onde nos coñecemos todos e máis, se dende a directiva se fan favores entre eles ou a algúns comuneiros. Así é como se forxan os caciques, facendo favores.
    Parabéns pola vosa loita, porque se todos mirasen para outro lado, as ratas serían as reinas nese recuncho verde.

  2. Moitísimas grazas, Paco. Coma sempre, as túas palabras e a túa enorme experiencia no complexo mundo do monte veciñal, dannos moito alento. Apertas e feliz maio.

  3. […] Abril de 2011: A ÁREA DE DESCANSO, DESBROZADA […]

  4. […] Artigo de abril de 2011: A área de descanso, desbrozada […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: