Publicado por: MontePituco | 10/10/2020

10 DIÁLOGOS NA PINTURA

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle, ata o 15 de novembro, a exposición “Diálogos na pintura. Na beira do río”, que acada a súa décima edición. Entre as obras expostas destaca a serie Pintura no lugar, do artista de Marín Juan Rivas. Enclaves como A Canteira da Laxe ou Miñán están representados nos seus cadros. Porque a Cultura é segura, ide velos!

Publicado por: MontePituco | 09/10/2020

DÍA EUROPEO DA ARTE RUPESTRE, NA PRENSA

Reivindican o patrimonio rupestre do Monte Pituco

Demandan maior atención das institucións ao mantemento do Espazo Natural e Arqueolóxico dous Sete Camiños no Día Europeo da arte Rupestre.


Coincidindo co Día Europeo da Arte Rupestre, este 9 de outubro, o colectivo Monte Pituco destaca a oportunidade social e cultural, turística e económica, que supón que nunha área tan reducida se catalogase unha concentración tan elevada de bens patrimoniais, entre mámoas e petróglifos, que suman unha vintena de xacementos

PontevedraViva.com


Publicado por: MontePituco | 03/10/2020

VISITA AO ESPAZO SETE CAMIÑOS

Pista forestal do Monte Pornedo, en San Xián

Este vindeiro 9 de outubro celébrase o Día Europeo da Arte Rupestre, unha data na que o Colectivo Monte Pituco reivindica a necesidade de impulsar o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Neste 2020 cúmprense dez anos da posta en marcha da ‘comisión técnica’ multidisciplinar que impulsou esta iniciativa, finalmente materializada en 2015 coa sinalización e inauguración da ruta por parte das Comunidades de Montes de Salcedo e de Lourizán (Pontevedra) e de San Xián (Marín).

Nos últimos cinco anos, o Espazo Sete Camiños existe na medida en que perdura o patrimonio biolóxico e cultural que o conforma, e na firmen vontade de quen nunca deixou de darlle difusión; pero Salcedo é a única entidade que mantén autenticamente o seu compromiso no mantemento dos xacementos arqueolóxicos e na mellora continua do seu territorio a nivel forestal.

No extremo oposto, San Xián desentendeuse totalmente da súa responsabilidade, desmantelando o cartel informativo que lle daba a benvida aos visitantes no acceso á pista forestal do Pornedo, ignorando a reposición dos paneis afectados por actos de vandalismo e desentendéndose por completo da obriga de conservar en boas condición os puntos de interese histórico e paisaxístico, por máis que a súa xestión dende o punto de vista forestal é máis que cuestionable: talas a matarrasa, reforestación con sistemas que agreden un solo caracterizado pola súa forte pendente, desbroce de pistas e sendeiros sen tomar medidas de cautela arqueolóxica, abundante presenza de vertedoiros ilegais de lixo… por citar algúns dos problemas máis chamativos.

A aldea neolítica, vista dende o outeiro dos Apañados

A pesar de que a ruta inaugural nunca máis tivo continuidade en sucesivas andainas organizadas polas tres entidades, como tería sido desexable, son moitas as persoas que seguen botándose ao monte de xeito respectuoso para camiñar con mascotas ou practicar deporte, para visitar as mámoas, os petroglifos prehistóricos e os gravados modernos de José Meijón, para admirar a recreación do poboado neolítico construído en Chan das Mouras pola Comunidade de Montes de Salcedo e beber nas fontes instaladas a cada recanto do camiño, para rematar a xornada co espectáculo do solpor no ‘balcón da ría’, preto do conxunto rupestre do Pornedo.

Petróglifos de Outeiro dos Apañados, en Salcedo

Ninfa de Mantis pau (Empusa pennata)

Petróglifos das Apañadas (tamén coñecidos como do Campo de Tiro, pola súa proximidade á Brilat)

O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños podería seguir desenvolvéndose porque hai máis elementos que se poden incorporar a este itinerario, que abrangue unha das áreas de maior concentración de arte rupestre. Os gravados no outeiro dos Apañados en Salcedo, que non forman parte do roteiro ‘oficial’, ofrecen unha xenerosa combinación de círculos concéntricos e coviñas, ademais dunha ampla panorámica do Outeiro da Mina (ou Chan das Mouras).

Precisamente, neste último punto, a poucos metros da lendaria Pedra do Fundamento, chama a atención outro petróglifo formado por coviñas e círculos concéntricos realizados sobre xisto, que tampoco está destacado na guía do Espazo Sete Camiños.

Petróglifos realizados en xisto, ao carón da Pedra do Fundamento

Pedra do Fundamento, en Chan das Mouras

Eiruga de polilla raposa (Macrothylacia rubi)

Ogallá os concellos de Pontevedra e de Marín colaborasen para incorporar o Espazo Sete Camiños ás súas respectivas ofertas culturais, educativas e de lecer. Ogallá soprasen novos ventos de cambio na Comunidade de Montes de San Xián para que o desprezo polo patrimonio arqueolóxico se transforme en respecto, aprezo e revalorización.

Grazas a quen visita o Espazo Sete camiños e o Monte Pornedo (Pituco)
Publicado por: MontePituco | 28/09/2020

A ARBOREDA DO PORNEDO, UN BASUREIRO ILEGAL

Lixo na arboreda do Pornedo

Lixo na arboreda do Pornedo

Lixo na arboreda do Pornedo

Lixo na arboreda do Pornedo

Publicación de Sain_indo en Instagram

 

Lixo na arboreda do Pornedo

Levamos dende agosto solicitando -e agardando- que o Concello de Marín retire unha ducia de vertedoiros localizados en distintos puntos do Monte Pornedo, ante a indiferenza da Comunidade de Montes de San Xián, máis ‘interesada’ en que se acentúe a progresiva degradación do Pornedo a nivel natural, paisaxístico e patrimonial.

Pero nesta loita xa non estamos sós! Contamos coa solidariedade de quen observa este patético panorama e, lonxe de pasar de longo, non só se molesta en RECOLLER O LIXO, notificarlle a súa presenza á empresa concesionaria do servizo de limpeza e, ademais, denunciar esta situación nas redes sociais para chamar a atención e apelar á conciencia -se é que algo lles queda dela- dos que terían que estar atendendo as súas obrigas en vez de mirar para outro lado.

O rural marinense non pode serguir así por máis tempo! San Xián non é a única parroquia onde o lixo forma parte, indigna e desafortunadamente, da realidade cotiá. Urxe unha campaña informativa -como ten posto en marcha recentemente o Concello de Poio- e con medidas sancionadoras, para que os autores destas verteduras saiban que as súas accións non só atentan contra os bens comúns, a hixiene e o dereito a un entorno decente, senón que ademais non van quedar impunes.

Lixo na arboreda do Pornedo

Publicado por: MontePituco | 18/08/2020

OS VERSOS GALEGOS DE LORCA, NO PORNEDO

"Seis poemas galegos" de Federico García Lorca

Sumándonos ás homenaxes a Federico García Lorca para lembrar que o fascismo acabou coa súa vida -mais non co seu recordo e co seu legado literario- o 18 de agosto de 1936. Tamén sucumbiron á barbarie e á represión moitísimas máis vítimas, como a marinense Carme Pesqueira Domínguez ‘A Capirota’, asasinada no Pozo da Revolta naquel mesmo día. Dende Viznar en Granada, ata Mogor en Marín, canta sangue derramada…

Os “Seis poemas galegos” de Lorca soben ao ‘balcón da ría’ pola liberdade, pola memoria e pola cultura.

“…Herbas de prata e de sono

cobren a valeira lúa.

Olla a choiva pol-a rúa,

laio de pedra e cristal.

Olla o vento esvaído

sima e cinza do teu mar…”

Publicado por: MontePituco | 15/08/2020

MÁIS VERTEDURAS EN SAN XIÁN

Diario de Pontevedra, 15 agosto 2020

O Concello de Marín vén de facer un chamamento á veciñanza tras constatar “o depósito incontrolado de residuos voluminosos en zonas non habilitadas”, informa o Diario de Pontevedra deste sábado 15 de agosto. E para mostra, así (des)locen distintos puntos da parroquia de San Xián, en plena estrada provincial, nos lugares do Carballal, A Grela, A Pena e O Caeiro: varios sofás, sillóns, colchóns, persianas, sillas, un moble de baño co cristal roto e ata un carriño de bebé!

Estes residuos voluminosos abandonados, que ofrecen unha pésima imaxe, súmanse ás verteduras ilegais localizadas no Pornedo que xa foran denunciadas ante o Concello. Curiosamente, unha semana despois de que a prensa local informase sobre a proliferación de lixo no monte veciñal da parroquia, detectouse que un dos vertidos situado á altura dos petróglifos de Sete Camiños xa foi eliminado… 

Eliminado un dos vertidos na pista do Pornedo

…NON así outras escombreiras, como os colchóns, enseres, electrodomésticos e material informático, roupa e calzado que seguen aínda emporcando a contorna do lugar coñecido como Fonte das Pulgas. Como tampouco foron retirados o cuantiosos entullos ao carón do túnel da Variante.

Cómpre, por tanto, unha ACTUACIÓN INTEGRAL que acabe con todo rastro de escombros e desperdicios no Pornedo e nos seus arredores e que se complete recuperando a sinalización que -cumprindo unha necesaria función informativa e disuasoria- foi incomprensible e irresponsablemente retirada do punto de acceso á pista forestal. 

Xa BASTA! Urxe unha campaña informativa que non só apele ao civismo e informe sobre os servizos municipais para a recollida de enseres, senón que ademais incida na contundencia das medidas coercitivas. Que deteriorar a conservación do rural non quede impune!

Un exemplo de que noutros concellos próximos xa se está actuando para atallar o abandono de enseres voluminosos e de lixo está en Poio, onde neste mes de agosto vén de poñerse en marcha unha campaña co lema “Poio é precioso, por que o estragas?”. Consiste en difundir os medios que a poboación ten ao seu alcance para que a empresa concesionaria da limpeza e do tratamento de residuos realice, gratuitamente, a recollida de mobles e electrodomésticos de gran tamaño, evitando que acaben na vía pública ou nos espazos naturais. Ogallá o Concello de Marín actúe na mesma liña!

Concello de Poio contra os vertidos

Publicado por: MontePituco | 08/08/2020

O ECO DAS VERTEDURAS, NA PRENSA LOCAL

A prensa local, impresa e dixital, fíxose eco da denuncia perante o Concello de Marín pola preocupante proliferación de verteduras ilegais no Pornedo. Agora, que as entidades responsables actúen canto antes retirando o lixo , repoñendo a sinalización disuasoria que prohibe botar refugallos, vixiando para que esta tendencia incíviva remate e sancionando a quen teña a ousadía de utilizar o monte coma unha escombreira.

117285279_3437524169612963_6849629972798310903_o

La Voz de Galicia, edición Pontevedra

A edición local de La Voz de Galicia foi a única que contactou coa Comunidade de Montes de San Xián para ofrecer a súa versión:

“Desde los comuneros ADMITIERON el problema y aseguran que retiran mucha basura del monte todos los años, pero que hay gente que sigue actuando de forma incívica”.

Punto nº1: A Comunidade de Montes de San Xián rompeu unilateralmente relacións -por máis que nunca foron boas- cando o colectivo Monte Pituco se uniu ás entidades culturais e de defensa do patrimonio que denunciaron a Comunidade de Montes de San Xián como promotora duns traballos de desbroce feitos de xeito irregular que provocaron unha agresión “grave” nun dos conxuntos rupestres da Carrasca e que supuxo o pago dunha sanción económica por parte da Comunidade de Montes. Dende entón, segundo o presidente da xunta rectora, calquera solicitude formulada polo colectivo Monte Pituco é ignorada ou rexeitada. “Non tedes nada que facer”, foron as súas palabras.

Punto nº2: A Comunidade de Montes de San Xián pode que, supostamente, retire lixo noutros puntos da parroquia, pero no Pornedo non só non realiza ningunha tarefa de limpeza senón que a sinalización disuasoria que prohibe as verteduras de lixo foi retirada da súa ubicación, no acceso á pista forestal dende o cruce do Regueiriño.

e Punto nº3: Nos dez anos de traxectoria do colectivo Monte Pituco, non só contra o proxecto de construcción dun polígono industrial ilegal que foi anulado polo TSXG con dúas sentenzas firmes, senón tamén a prol da posta en valor do patrimonio histórico e en defensa da biodiversidade, todas as denuncias -ou a inmensa maioría delas- foron atendidas polo Goberno Local de Marín a través da Concellaría de Medio Ambiente. A última, a retirada dun importante depósito de pezas de automóbil na Fonte das Pulgas por parte de operarios municipais que, para máis señas, acoden ao colectivo Monte Pituco para informarse da localización dos vertidos. Unha das últimas queixas pola presenza de lixo formulouse en agosto de 2019, ante a presenza de restos de poda e outros residuos ao carón do sendeiro que conduce ao conxunto rupestre do Pornedo. Dende entón -pasou xa UN ANO!- a materia vexetal foi esparexida polo vento e o resto segue provocando a vergoña de quen transita por alí. A pesar de todo isto, directivos da Comunidade de Montes de San Xián teñen constancia desta vertedura porque circulan pola pista forestal no vehículo da Comunidade e en 12 meses NON tomaron ningunha medida! Por tanto a versión ofrecida ao xornal non só é unha EXCUSA senón que, ademais, é INCERTA.

Vertidos no Pornedo: Farode Vigo, 8 agosto 2020

Faro de Vigo, edición Pontevedra

Vertidos no Pornedo: Diario de Pontevedra, 8 agosto 2020

Diario de Pontevedra, delegación Marín

Vertidos: Pontevedraviva. 7 agosto 2020

PontevedraViva

Publicado por: MontePituco | 06/08/2020

MÁIS VERTEDURAS… DENUNCIA!

Verteduras na pista forestal do Pornedo

O colectivo Monte Pituco vén de solicitarlle ao Concello de Marín a retirada das numerosas verteduras ilegais que se localizan en diversos puntos do Monte Pornedo, ou Pituco, ante a falta de iniciativa da Comunidade de Montes de San Xián. Algúns dos refugallos foron abandonados nas últimas semanas, outros remóntanse ao recente período da desescalada posterior ao confinamento provocado pola pandemia de coronavirus, aínda que tamén segue habendo lixo cuxa presenza xa foi denunciada en agosto de 2019.

Dende o colectivo Monte Pituco cualifican de preocupante a proliferación destas agresións ao medio ambiente, das que se teñen contabilizado unha decena de casos entre a pista forestal principal do Pornedo e a arboreda situada no seu inicio, camiños secundarios e a vía de servizo paralela á Variante de Marín. Nesta última sitúase unha voluminosa vertedura de restos de obra, cemento, ladrillos e outros materiais de construcción, ao carón dun dos túneles deste vial.

No lugar da Fonte das Pulgas tamén se localiza un considerable foco de contaminación con obxectos de procedencia doméstica, como electrodomésticos, colchóns, enseres vellos, recipientes de cociña, roupa e calzado. Hai máis verteduras destas características -bolsas de plástico cheas de desperdicios, potas, grellas e outros refugallos- preto dos petróglifos de Sete Camiños.

Recente foco de contaminación, preto dos petróglifos de Sete Camiños

Algúns destes vertidos permanecían semiocultos pola vexetación ata que, unhas recentes tarefas de desbroce os deixaron completamente á vista. Por unha banda, todos estes entullos e refugallos representan unha pésima imaxe para un enclave de gran valor cultural e paisaxístico integrado na ruta do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo.

Ademais do aspecto deplorable que ofrece, a presenza de lixo no monte provoca un indesexable “efecto chamada” que acentúa o risco de que aumente o número de verteduras realizadas por xente desaprehensiva e irresponsable. A isto súmase que a maior parte destes residuos -plásticos, madeiras, materiais téxtiles e sintéticos, restos vexetais procedentes de podas…- supoñen un serio perigo en plena época de incendios forestais, polo seu carácter altamente inflamable.

Por todo isto, o colectivo Monte Pituco insta o Concello de Marín a que, en coordinación coa Comunidade de Montes de San Xián -que como titular dos terreos ten a obriga irrenunciable de velar polo seu óptimo mantemento-, procedan a retirar urxentemente todas estas verteduras. A entidade veciñal ofrece a súa colaboración na identificación dos puntos onde se atopan e tamén demanda a aplicación de medidas efectivas para tratar de reducir a incidencia destas agresións, como repoñer a sinalización disuasoria contra os vertidos nos accesos á pista forestal do Pornedo, de onde foi retirada.

Denuncia perante o Concello de Marín pola proliferación de verteduras

Publicado por: MontePituco | 02/08/2020

VAIPOLORÍO: 20 ANOS LIMPANDO O GAFOS

Mural de graffiti ao carón do río Gafos

Xa está case rematado o mural de graffiti que se está realizando debaixo do enlace coa autoestrada, nun obradoiro xuvenil coordinado por O Ras e organizado por Vaipolorío, no marco nun programa municipal de lecer

Remataba a primeira xornada da XX Campaña de Limpeza do Gafos que organiza Vaipolorío e un peregrino que camiñaba en grupo, ao observar o transporte das bolsas cheas co lixo retirado, dixo: “Grazas polo labor que realizan”. E coa satisfacción desas palabras sinceiras hai quedar, co recoñecemento social que xa supuxo varios premios na brillante traxectoria deste colectivo ecoloxista. Tamén cómpre valorar o aspecto xeral do río e da súa contorna, coa presenza de poucos residuos; sinal dunha crecente concienciación veciñal de respecto á natureza.

Na parte negativa, a preocupación polo escaso nivel do cauce fluvial a causa da prolongada seca e das numerosas captacións de auga nas vivendas situadas preto do río que, en ausencia de chuvias, merman considerablemente o seu caudal.

O vindeiro domingo, nova xornada de limpeza! Unha oportunidade para colaborar nunha boa causa e tamén para admirar a rica biodiversidade deste fermoso recuncho, catalogado como Espazo Natural de Interese Local.

XX Campaña de Limpeza do Río Gafos, organizada por Vaipolorío

Unha vintena de participantes, entre integrantes de Vaipolorío e voluntarios, sumáronse a esta xornada. Divididos en dous grupos, uns traballaron río arriba a partir do inicio da senda rural e outros actuaron río abaixo cara á zona urbana. Botellas, potas de cociña, latas de bebida, envoltorios de plástico, sacos e restos de bolsas de plástico, as terribles ‘toalliñas’ e ata un paraugas foron algúns dos refugallos retirados do río. Como en anteriores ocasións, mentres dúas persoas provistas de vadeadores realizaban a limpeza dende o interior do leito, as demais recollían o lixo nas marxes e daban soporte aos primeiros.

XX Campaña de Limpeza do Río Gafos, organizada por Vaipolorío

“Contemplando o val dende os montes próximos, podemos observar o río como se dunha cobra arbórea se tratara, que vai zigzagueando polo fondo do val entre veigas, sucando solos profundos con influencia freática. O bosque que se instala ao longo das dúas beiras do río recibe o nome de bosque ripícola…”

Flora do río dos Gafos: Francisco Javier Silva-Pando e Amancio Castro (Vaipolorío, Concello de Pontevedra, 2015)

 

Publicado por: MontePituco | 23/07/2020

DÍA DO LIBRO NO PORNEDO

 

 

Tería sido o 23 de abril pero a pandemia obrigou a pospoñer o Día do Libro tres meses despois, en pleno verán. Porque neste monte hai natureza, hai patrimonio, hai cultura… tamén hai libros, bos libros!

Susan Fenimore Cooper é a autora de “Diario rural, apuntes de una naturalista”, publicado por Pepitas de calabaza. Recomendamos esta lectura porque permite achegarnos ás fermosas paisaxes que describe con todo detalle nesta obra, ás flores, ás aves, aos costumes dunha vila de Nova Inglaterra no século XIX. Susan Fenimore foi unha pioneira da literatura de natureza, unha hábil observadora da contorna, unha muller con criterio propio e unha adiantada ao seu tempo sobre aspectos tan de actualidade aínda hoxe como a biodiversidade, as especies autóctonas fronte ás alóctonas ou a profesionalización da actividade agrícola.

Dende o conxunto rupestre de Pinal de Caeiro, ben que nos gustaría ter a súa capacidade para reflectir con palabras os sons que se perciben, para debullar un intenso relato sobre o miñato que sobrevoa o piñeiral, para calibrar a calidez da brisa, para plasmar o xogo da luz nestes petróglifos milenarios… Ogallá a editorial se anime a publicar o segundo volume deste “Diario” para seguir afondando na ollada desta autora a través do outono e do inverno.

Emily Dickinson

As propostas de lectura complétanse cunha escolma de poemas de Emily Dickinson, en edición bilingüe, traducidos por Eva Gallud; todos relacionados con flores e plantas. Este “Herbario & Antología botánica” complétase cunha reprodución facsímil dunhas páxinas do caderno de campo da autora, elaborado entre 1839 e 1846, con algunhas das especies citadas nos seus versos. un fermoso libro editado por Ya lo dijo Casimiro Parker.

No ‘balcón da ría’, apoiando os libros e as librarías.

#DiaDoLibro   #TodoComezaNunhaLibraria

Publicado por: MontePituco | 20/07/2020

A EPIDEMIA… DAS VERTEDURAS

Xa… é algo bestia comparar un virus mortal que anda pululando polo mundo enteiro cuns entullos por aquí, cuns mobles vellos por acolá, cunhas máscaras ou cunhas luvas ciscadas no camiño… Pero tantas agresións ao planeta non saen gratis: as continuas verteduras ilegais no Pituco son unha pinga máis -e non hai nada de esaxeración nestas palabras- ao vaso rebordado pola deforestación masiva, a contaminación por plásticos e outros residuos tóxicos, a caza e a pesca furtiva, a emisión de gases de efecto invernadoiro e outros moitos delictos medioambientais que se cometen a nivel mundial. Na nosa pequena parcela do Morrazo somos responsables do equilibrio ecolóxico que nos concilia co resto da Terra; temos a obriga de respectar e de coidar cada praia, cada cumio, cada regato, cada bosque, cada aldea e cidade…

Hai refugallos de recente aparición que se remontan ao post-confinamento, mentres que outros xa levan anos ‘botando raíces’ no monte. Mais todos provocan vergoña, indignación e impotencia ante o nulo aprezo polos ‘pulmóns’ naturais da bisbarra. Non hai palabras abondo para calificar a irresponsabilidade, a ignorancia, a prepotencia, a insolidariedade e a podremia moral e mental de quen se desfai do que lle sobra desta maneira tan obscena.

Os responsables de velar polas boas condicións de mantemento do monte veciñal de San Xián poderían escudarse no descoñecemento; circulando nun cómodo vehículo todoterreo as cousas vense dun xeito moi ‘distinto’ a como se perciben camiñando e observando a contorna con atención. Pero acontece que encargan desbrozar as pistas e pasan en grandes máquinas -como Atila arrasando aló por onde cabalga- pero nin así toman nota dos vertidos, que seguen invisibles a determinados ollos, selectivos ao que non interesa.

E claro, logo somos os veciños “denunciadores e molestos” os que poñemos o berro no ceo  -a través do Rexistro Municipal do Concello porque na entidade parroquial estamos vetados- fartos da indolencia, da indiferencia, da ineptitude e do desleixo. Basta! Respecto! Acción e sancións!

115776057_3382180015147379_8998786896339828202_o-min

Vertido de abundantes restos de obra na pista de servizo da Variante de Marín, realizado recentemente. Está situado a poucos metros do túnel que segue aos petróglifos de Pinal de Caeiro, en dirección Bueu.

Lixo variopinto a carón da Fonte das Pulgas, abandonado durante as primeiras semanas da desescalada posterior ao confinamento: electrodomésticos, enseres de uso doméstico, roupa, bolsos e zapatos, entullos…

Situado ao carón do verquido de lixo anterior, na Fonte das Pulgas, na beira da pista forestal en dirección ao límite con Salcedo tamén hai dous colchóns.

Máis colchóns, aínda que neste caso xa teñen ‘solera’, porque foron abandonados hai anos. Están situados, un en fronte do outro, na pista secundaria do Pituco, situada entre a pista de servizo da Variante e a pista forestal principal, pola parte de abaixo da Fonte das Pulgas.

Distintos vertidos na pista forestal do Pituco. O primeiro, uns metros antes do cruce co camiño que conduce ao conxunto rupestre do Pornedo, é recente; o terceiro, no cruce da pista secundaria situada fronte ao camiño do Pornedo, leva moitos meses nese punto; e o segundo, uns metros antes da Fonte das Pulgas. Entullos, plásticos, recubrimentos, restos de poda…

Na pista de servizo da Variante de Marín, preto dos petróglifos de Pinal de Caeiro, atópanse dúas verteduras: restos de papel hixiénico e cristais nun saliente da pista que é utilizado como aparcadoiro; máis adiante en sentido Bueu, restos de obra.

110250814_3382178945147486_3787775822269401649_o-min

Durante a desescalada posterior ao estado de alarma pola pandemia de COVID-19 o Monte Pituco e o seu miradoiro recibiu a visita de moitas veciñas e veciños non só da parroquia de San Xián, senón de habitantes do casco urbano de Marín e mesmo de Pontevedra, que se achegaron aproveitando os horarios autorizados para as saídas. Nese tempo foron moitos os casos nos que se atoparon luvas de plástico, máscaras, botes de bebida e envoltorios de lambetadas tirados no chan. No miradoiro do Pornedo chegou a aparecer ciscado o contido dun cañón de serpentinas de plástico, e que custou moito traballo recoller.

Publicado por: MontePituco | 08/07/2020

DONA LUCINDA, IN MEMORIAM

Lucinda Villanueva Nores

Despedimos a unha gran “Señora” que marchou discretamente, deixando un ronsel de admiración e de agarimo entre quen tivemos a honra de coñecela. Muller valente e de brava estirpe, exemplo dunha xeración marcada pola guerra, polo sacrificio e polo traballo duro para saír adiante. Muller rural e orgullosa da súa terra, que inculcou na familia o compromiso coa identidade do país. Muller inspiradora, modelo de dignidade, semente de afouteza para o ‘balcón da ría’, como o seu fillo, Xan Montenegro. Dúas estrelas que xa relumbran xuntas no alto do Pornedo. Ata sempre!

Lucinda Villanueva Nores (1922-2020), in memoriam

 

Publicado por: MontePituco | 28/06/2020

ÁRBORES & DIVERSIDADE

O 28 de xuño celébranse o Día Mundial da Árbore e o Día do Orgullo LGTBI. Os bosques e a diversidade fan un bo tándem porque a natureza é o primeiro exemplo de convivencia entre especies distintas. Ogallá as persoas se guiasen polos principios do respecto á terra e aos demais seres vivos que habitan nela, porque sería tanto como respectarse a si mesmas.

"Arbolidades", de David Hernández Sevillano e Maite Mutuberria

…La canción del bosque cuenta

cómo todos los árboles

unieron sus raíces

para formar un solo ser: el bosque…

“Arbolidades”, poemas de David Hernández Sevillano e ilustracións de Maite Mutuberria (Kalandraka, 2020. Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos)

Día da diversidade

Publicado por: MontePituco | 24/06/2020

SAN XOÁN NO MONTE PITUCO

Para que a sorte nos siga sorrindo…

Que non falte a tradición das herbas de San Xoán nos fogares e tampouco no Monte Pituco. Unha pequena pía nun penedo serviunos para honrar as forzas da natureza no día máxico, para celebrar o solsticio de verán e cumprir coa tradición.

A publicación “As herbas de San Xoán na contorna do río dos Gafos“, do profesor e educador ambiental Amancio Castro, membro do colectivo ecoloxista Vaipolorío, foi financiada pola Comunidade de Montes de Salcedo. 

Herbas de San Xoán, colleitadas no Monte Pituco

"As herbas de San Xoán", de Vaipolorío

Publicado por: MontePituco | 23/06/2020

O CACHO ‘ENMASCARADO’ DE SAN XOÁN, CON VAIPOLORÍO

O cacho 'enmascarado' de San Xoán, con Vaipolorío

Xa é tradición achegarnos cada 23 de xuño onda Amancio Castro e outros integrantes do colectivo Vaipolorío como Ramón Laxe e Xosé M. Feijóo para participar na elaboración do cacho de San Xoán, nesta ocasión, a carón do río Gafos, na Ponte da Condesa. Tralo confinamento e recén instalados na ‘nova normalidade’, tocaba inscribirse para non superar un aforo determinado malia estarmos nun espazo natural e levarmos máscara para minimizar o risco de contaxio.

Mais, a pesar das circunstancias, sempre se aprende sobre a flora autóctona e se intercambian impresións sobre os costumes nos distintos lugares. Todas as tradicións asociadas ás famosas herbas de San Xoán, coa relación das plantas máis empregadas, a súa numerosa nomenclatura e as propiedades medicinais asociadas a cada unha está recollida, ademais, nunha pequena e útil publicación titulada “As herbas de San Xoán na contorna do río dos Gafos”, financiada pola Comunidade de Montes de Salcedo.

Malvarrosa, ourego, artemisa, chuchamel, tromentelo, poenxo, mentraste, estalote, herba luisa, sabugueiro, macela, chopo branco, falsa árnica, follas de vide branca, de nogueira, de figueira, de limoeiro e laranxeiro… entre outras, volveron quedar ao dispór dos participantes logo de completar o cacho e cubrilo coa silveira para evitar escatolóxicas trasnadas na noite máis curta e máis máxica do ano… Feliz San Xoán, viva o verán, meigas e meigallos fóra!

O cacho 'enmascarado' de San Xoán, con Vaipolorío

O cacho 'enmascarado' de San Xoán, con Vaipolorío

106088710_3305177779514270_4882708295657958969_o

106004953_3305177499514298_658599244728084420_o

 

Publicado por: MontePituco | 21/06/2020

RÚA XAN MONTENEGRO VILLANUEVA

9º cabodano de Xan Montenegro

O Concello de Marín leva anos incumprindo o compromiso de dedicarlle a Xan Montenegro a estrada de San Xián, parroquia de cuxa asociación veciñal foi presidente e máximo impulsor das beirarrúas inauguradas en 2012. Por desgraza, Xan non chegou a ver cumprida unha demanda pola que loitou incansablemente ata o seu pasamento pero, nove anos despois de que nos deixase, amig@s e veciñ@s seguimos lembrándoo con admiración e agarimo. Aínda que sexa cubrindo media faciana con máscaras e tratando de manter as distancias de seguridade establecidas nos protocolos sanitarios contra a pandemia de coronavirus…

Na homenaxe deste serán, os seus compañeir@s de Marinenses Independentes depositaron un ramo de flores no monumento á súa memoria e instalaron dúas placas simbólicas co lema “Rúa Xan Montenegro Villanueva”. Se non pola vía oficial, pola vía social, que é como se acadan os grandes avances. O Monte Pornedo -o ‘balcón da ría’, como Xan lle chamaba- no horizonte, foi testemuña deste merecido recoñecemento.

XAN MONTENEGRO, IN MEMORIAM…

9º cabodano de Xan Montenegro

A melodía de Lía ao violín, interpretando “Lela”, abriu esta sinxela homenaxe, na que tampouco faltou o himno galego

9º cabodano de Xan Montenegro

9º cabodano de Xan Montenegro

9º cabodano de Xan Montenegro

9º cabodano de Xan Montenegro

9º cabodano de Xan Montenegro

9º cabodano de Xan Montenegro

Monumento elaborado polo artista marinense Pablo González, inaugurado en 2013

105567600_3299368846761830_8466961674417476521_o

9º cabodano de Xan Montenegro

Un ano máis -e o vindeiro serán dez- lembrando a Xan Montenegro, á sombra da nogueira, entre flores e versos, e ogallá cunha placa oficial denominando esta estrada co seu nome. E que o ‘balcón da ría’ no Pornedo siga sendo ese curuto verde e natural como telón de fondo.

Publicado por: MontePituco | 11/06/2020

A ARBOREDA DO PORNEDO, DESBROZADA… POR FIN!!!

A arboreda do Pornedo, desbrozada

Nesta semana que remata descubrimos que a arboreda do Pornedo POR FIN foi desbrozada. Perdemos xa a conta do tempo que pasou no máis absoluto abandono, coas silvas cubrindo por completo os postes perimetrais, con vexetación moi alta rodeando as mesas e ofrecendo unha imaxe deplorable de desidia e suciedade, coas fontes verquendo auga a caño libre, por non falar do lixo, dos restos de obra, dos enseres vellos e doutros residuos tirados a carón do contenedor. Pasou máis dun ano –marzo de 2019– do último artigo denunciando o lamentable estado deste lugar que, malia ofrecer moitas posibilidades de lecer e de esparcemento, está tan desaproveitado pola falta de interese da Comunidade de Montes de San Xián.

Nos primeiros días da fase inicial de desconfinamento unha familia instalouse nunha das mesas da arboreda para festexar un cumpreanos con petiscos e grilandas de papel de cores penduradas das árbores. Mágoa que dun entorno indigno e penosamente descoidado para unha celebración; reflexo da actitude neglixente de quen ten a responsabilidade de atender cada recuncho do monte veciñal, garantindo o seu óptimo estado de conservación…

 

Pero se os recursos que conforman o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños situado no ámbito territorial de San Xián -petróglifos do Pornedo, de Sete Camiños, de Pinal de Caeiro- están nun estado calamitoso, rodeados de material combustible e coa sinalización estragada, non se pode esperar outra cousa da ‘porta de entrada’ ao Espazo.

A arboreda do Pornedo debería ser unha antesala agradable, un recibidor decente, un punto de encontro que dea unha benvida acolledora aos visitantes do Espazo Sete Camiños e que os convide a permanecer no monte -tomando o aperitivo, a merenda ou invitando ao descanso- unha vez que finaliza o percorrido. Pero con semellante tarxeta de presentación, de estrago e deixadez, o efecto que se consegue ante o público potencial é de espanto e rexeitamento. Velaí a ‘estratexia’ maquiavélica, precisamente, de quen se desentendeu do Espazo Sete Camiños: DESmotivar e fomentar o DEScoñecemento exercendo conscientemente o DEScoido da arboreda.

A saber cando lle tocará o seguinte desbroce!

A arboreda do Pornedo, desbrozada

Publicado por: MontePituco | 17/05/2020

LETRAS GALEGAS, SEMPRE

"Fosforescencias", de Lupe Gómez (Alvarellos Ed.)

Sempre é pracenteiro e percorrer a ruta do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Sobre todo cando se cruza o umbral imaxinario que dá paso á Comunidade de Montes de Salcedo, exemplo de transformación revolucionaria e de xestión avanzada do monte veciñal en termos de aposta polo bosque autóctono e de posta en valor do patrimonio histórico-cultural-etnográfico. 

Experiméntase unha mestura de sana envexa por pertencer a outra comunidade onde eses conceptos son extraterrestres; mais tamén un grande orgullo pola modestísima achega que fixemos cando o Espazo Sete Camiños era un proxecto do que fomos parte activa.

Entre os diversos gravados de Chan das Mouras, un detalle da rocha número 5 é o noso predilecto, pola determinación de quen fixo o petróglifo para embelecer un pequeno resalte na pedra.

“A memoria das pedras debuxa telegramas na inocencia do frío”.

Son palabras de Lupe Gómez en “Fosforescencias”, un libro de cartas que a poeta de Fisteus -amiga das vacas- editou o pasado ano en Alvarellos, con ilustracións de Anxo Pastor. Este Premio Gala do Libro 2020 á obra mellor editada é a nosa recomendación no Día das Letras Galegas. 

“Somos caracois que avanzan tranquilamente nun xardín de dalias iridescentes”

…Día das Letras Galegas o ano enteiro…

 

Publicado por: MontePituco | 02/05/2020

55 DÍAS DESPOIS…

Canto se bota de menos a paisaxe, a natureza, o colorido, o patrimonio, a brisa… do ‘balcón da ría’! Dende hai dez anos non pasara tanto tempo sen a visita de rigor ao miradoiro do Pornedo. Mais comprobamos con entusiasmo que a auga, as plantas, a vida segue o seu curso. Hoxe o monte foi o lugar elixido por moitos paseantes e deportistas na primeira xornada desta fase inicial de desconfinamento progresivo. Sentidiño… e ánimo!

A pista e os sendeiros do Pornedo foron transitados por camiñantes, deportistas correndo ou pedaleando. Por desgraza, tamén había algún que outro conductor circulando en vehículos, malia que non estivese permitido facer desprazamentos

55 días despois, voltamos ao Pornedo

Na ladeira do Pornedo, o vello (e agora solitario) piñeiro exerce de vixía

55 días despois, voltamos ao Pornedo

Ao carón do único supervivente do piñeiral, o rego das Presas volve lucir verde co exuberantes fento real. As chuvias dos últimos días fan que o caudal sexa xeneroso, ideal para a fauna acuática que abunda neste modesto curso de auga

55 días despois, voltamos ao Pornedo

As xestas florecidas deste recén estreado maio dan a benvida ao sendeiro que conduce ao miradoiro e o conxunto rupestre do Pornedo

55 días despois, voltamos ao Pornedo

A vexetación rodea os petróglifos do Pornedo, a xoia patrimonial desta contorna, xunto cos gravados de Sete Camiños e de Ponal de Caeiro

55 días despois, voltamos ao Pornedo

Primavera verde e colorida coa floración das xestas, dos estalotes e doutras moitas pequenas plantas

De volta no 'balcón da ría'!

O ‘balcón da ría’ reverdecido, cuberto de nubes, coa bruma desdebuxando o horizonte. Curta pero intensa, esta primeira de moitas próximas visitas ao miradoiro do Pornedo!

Publicado por: MontePituco | 23/04/2020

DÍA DO LIBRO ‘CONFINADO’

Día do Libro 2020

Neste Día do Libro non podían faltar unhas cantas lecturas máis ao ronsel de propostas; todas con nome de muller. Dende O Morrazo, os versos de Miriam Ferradáns: “Agosto“, en Apiario. Un proxecto colectivo en defensa do monte e da biodiversidade: “Árbores que non arden“, en Catro Ventos. En castelán, un ensaio estupendo; alguén dixo que se le coma unha novela e é totalmente certo: de Irene Vallejo, “El infinito en un junco“, en Siruela.
Neste monte hai Cultura!

“…Estou vendo os tulipáns, penso naquelas saias vermellas. Se lle dou a volta ao turbante, son idénticas. Alí non había ledicia, aquí tampouco”.

Fragmento de “Agosto”, o poemario máis recente da autora de Bueu Miriam Ferradáns. Unha delicada plaquette na colección Pan de Abella (Ed. Apiario, 2019)

📚

“…Unha invitación a reflexionar sobre o papel das mulleres na prevención de incendios forestais. Unha invitación a coñecer iniciativas innovadoras lideradas en feminino. E unha invitación a ler, agradable e divertida, tamén esteticamente…”

Proxecto Batefogo, coordinador da obra, na presentación. “Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais (Ed. Catro Ventos, 2019)

📚

“…Cada vez que hemos despertado del sueño de nuestras revoluciones o de la pesadilla de nuestras catástrofes humanas. el libro seguía ahí. Como dice Umberto Eco, pertenece a la misma categoría que la cuchara, el martillo, la rueda o las tijeras. Una vez inventado, no se puede hacer nada mejor…”

A autora, no limiar. Proféticas palabras. Que mellor que os libros para acompañarnos neste tempo de confinamento! “El infinito en un junco. La invención de los libros en el mundo antiguo”, de Irene Vallejo (Ed. Siruela, 2020)

 

Publicado por: MontePituco | 22/04/2020

DÍA DA TERRA ‘CONFINADO’

 

“Un carreiro fondo, un vieiro avesedo e profundo. Unha ruta que arregaron na terra séculos de pegadas, de pisadas…”

🌱 No Día da Terra -e na véspera do Día do Libro- sumámonos a #LendoNatureza, unha iniciativa do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). Dende o ‘balcón da ría’, un fragmento de “Corredoira”, de Robert MacFarlane, traducido ao galego por Xesús Fraga para a colección Vitamina N de Kalandraka.

Publicado por: MontePituco | 13/04/2020

CONFINAMENTO DE ALDEA

 

Hai un mes por estas datas anunciábase o inicio dun estado de alarma sanitaria que a moit@s se lles está facendo costa arriba, metidos entre as catro agobiantes paredes dun piso. Publicouse nalgures que o confinamento nos fogares fixo que a xente da aldea de súpeto se volvese rica e afortunada por ter terreo, horta ou finca onde distraerse, pasear ou traballar con total liberdade. Esta situación tamén é unha sorte de xustiza poética para a veciñanza rural fronte á urbanita: que ergan o brazo, se non, os que algunha vez se sentiron desprezados ou sinalados de xeito despectivo precisamente por vivir no campo, por sementar patacas ou colleitar millo, por ter vacas, ovellas ou galiñas… fronte aos señoritos limpos e dignos do asfalto e da (in)civilización. Para aqueles alérxicos á terra que se burlaban de aldeáns e de parroquianos vai -con carácter retroactivo- esta ‘vinganza’ chea de frescura, vitalidade e natureza na carballeira da Curxeira (*). Abonda un minuto de chuvia e paxariños. A rabear!

PD (*): Carballeira que sobrevive, por certo, grazas á defensa inquebrantable do Monte Pornedo; este ecosistema non sería posible sen a conservación do ‘balcón da ría’ e dos regatos que nutren este val tan fértil en colleitas.

#QUEDANACASA

Publicado por: MontePituco | 08/04/2020

#QUEDANATÚAP*CASA

#QuedaNaCasa

Non se defenderá aquí os revirados ‘chivatos de balcón’, desprezados por berrarlle a quen sae á rúa para dar o seu necesario paseo a nenos con necesidades educativas especiais; ou que insulten a quen sae para ir traballar ignorando que o seu labor é esencial para que os demais poidamos permanecer confinados… Pero é moi sospeitoso que unha pista de servizo dunha variante, poñamos por caso a de Marín -que nin sequera está asfaltada, que malamente ten unha capiña de cemento e por riba está chea de fochancas- se convirta de súpeto nun sucedáneo da Avenida de Madrid, de tanto tránsito que se ve nela ultimamente por parte de conductores de vehículos e de motocicletas.

#QuedaNaCasa

Se unha persoa ten que desprazarse porque fai garda nun hospital, nun centro saúde ou nunha farmacia; porque forma parte do servizo de limpeza ou de mantemento dunha infraestrutura sanitaria; porque ten que incorporarse á súa quenda nunha comisaría, nun cuartel, nun parque de bombeiros; porque atende un quiosco, porque recolle o lixo ou porque a súa función forma parte desa lista de oficios esenciais para a saúde e o benestar dos demais, que seguimos -obediente, responsable e solidariamente- nos nosos fogares… entón suponse que ninguén tería a necesidade de ir de ‘tapadillo’ por lugares estrafalarios onde se supón que nin a Policía nin a Garda Civil fan controis de mobilidade.

Da frase “non se pode saír da casa”, que parte non entenden algúns?

#QUEDANACASA

Publicado por: MontePituco | 01/04/2020

FOTOGRAMETRÍA ‘CONFINADA’

Antonio Costa, en Pinal de Caeiro

“Rumoreábase que se ía decretar o estado de alarma e dous días antes fun tomar fotos dos petróglifos de Pedra Grande de Montecelo”, decidira o experto en patrimonio arqueolóxico Antonio Costa sobre o que sería a súa principal ocupación durante o confinamento pola pandemia do virus Covid-19. Dende entón, dedícase a dixitalizar coa técnica da fotogrametría 3D os principais gravados dos parques rupestres da Caeira, en Poio, e de Mogor, en Marín, ampliando con novos achados a información que se coñecía sobre estes xacementos. Esta técnica xa a vén utilizando dende hai polo menos catro anos e, grazas ao seu labor altruista, os petróglifos do Pornedo forman parte do seu arquivo, tal e como expuxo nas I Xornadas de Protección e Posta en Valor do Patrimonio de San Xián.

No caso da Caeira, o panel rupestre de Laxe das Lebres xa suma case 60 figuras representadas con respecto das “42 ou 43 que había rexistradas, que é unha variación moi substancial”, destaca, “e nada máis empezar o proceso na Pedra Grande de Montecelo, xa detectei varias espirais”, engade sobre estoutro conxunto arqueolóxico. Para o primeiro realizara case un milleiro de fotografías, mentres que o outro precisou polo menos 1.140 imaxes.

Fotogrametría3D, Laxe das Lebres, de Antonio Costa

“Son macrofotos feitas, palmo a palmo, a uns 20 centímetros da superficie da rocha porque, dende máis distancia os detalles serían imperceptibles”, explica sobre o “exhaustivo” deste labor, argumentando que traballa “cunha profundidade de suco que non chega ao medio milímetro”.

O seu interese por esta materia é “simple curiosidade e afán de coñecemento”, aproveitando todas as vantaxes que permite o avance da tecnoloxía con respecto aos seus inicios, na década de 1970, como correspondente na bisbarra do Morrazo do Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento e colaborador do Museo de Pontevedra.

CRÍTICA

Pero cos seus descubrimentos tamén dirixe unha “crítica feroz a algunhas empresas que se dedican a montar parques temáticos” en lugares de interese arqueolóxico: “Dispoñen duns medios impensables hai uns cantos anos”, reprocha sobre a falta de rigor nos traballos de musealización realizados na Caeira, Mogor e Tourón, este último en Ponte Caldelas.

No estudio dos petroglifos da Caeira, trala última revisión por parte da empresa hai aproximadamente unha década, que se supón que ía ser a máis completa, a miña sorpresa é que moitos dos trazos que recollera Antonio de la Peña nin sequera os sinalan”, precisa, citando o calco primixenio realizado a finais dos 70 polo conservador do Museo de Pontevedra, “sen ningún método moderno, só cun anaco de plástico e moito oficio”.

“Saben que ninguén lles vai reprochar nada, que os visitantes dos xacementos van crer o que ven plasmado no panel informativo e non debería ser así”, cuestiona Costa sobre a fiabilidade de certas accións de posta en valor do patrimonio.

Asegura que na musealización dos petróglifos de Tourón “tamén hai diferenzas abismais” e denuncia que en Mogor o persoal do Centro de Interpretación “fai caso omiso” dos seus achados publicados sobre estes gravados: “Coñécese que hai representado un cervo e, precisamente, aproveitando esta corentena forzosa, xa vou polo cuarto”, precisou sobre o resultado doutro dos seus recentes traballos de fotogrametría de moi alta resolución.

Cervo identificado por Antonio Costa en Mogor, Foto: Antonio Costa

Cervo identificado por Antonio Costa en Mogor. Foto: Antonio Costa

Neste sentido, Antonio Costa afirma que descubrir representacións inéditas “pode facer cambiar completamente a visión” que se tiña dun conxunto rupestre. Como exemplo, cita “as dúas escenas de monta recollidas tradicionalmente na Laxe das Lebres, das cales unha delas non é, claramente”. As súas dúbidas iniciais sobre a presenza dun xinete confirmounas con esta nova dixitalización, asegurando que se trata “dunha superposición de dúas figuras, unha sobre outra”.

Neste mesmo panel rupestre, Costa sostén que a figura elixida como logotipo da Área Arqueolóxica da Caeira, con dous zoomorfos unidos polas patas “como nun espello, interpretárase como unha escena de apareamento entre cervos, dos cales un si o é porque ten cornamenta, pero o outro é imposible que sexa unha femia porque tamén ten cornos”, xustifica; “un erro que se repetiu na bibliografía ata hoxe”, engade.

Segundo este experto, trátase de “animais distintos”, apelando á posible presenza de bóvidos ou cápridos similares á interpretación que o propio Costa ten realizado sobre o xacemento arqueolóxico de Laxe do Cuco, en Cerdedo-Cotobade.

AMOR Á TERRA

“Fago estas cousas única e exclusivamente por amor á terra”, sinala Antonio Costa sobre o motivo que o impulsa a ter dixitalizado xa un cento de gravados dende 2016. “Non importa que a maioría da xente non os aprecie, eu sei o valor que teñen”, engade.

“Afortunadamente cada vez somos máis os interesados na arte rupestre e todos os que nos sentimos moi involucrados na súa catalogación e protección compartimos o mesmo malestar cara á Administración”, sinala sobre “a cantidade de destrozos patrimoniais que se producen cada día”.

“O crecente interese por parte de moita xente é inversamente proporcional ao interese do Goberno galego por preservar e dar a coñecer todo este patrimonio, e cantos máis petróglifos sabemos que existen, máis desinterese hai por parte da Xunta mesmo en catalogalos”, asegura quen hai dous anos notificou a existencia dos novos gravados nos lugares da Tomada en San Xián de Marín e A Cachada en Poio, “sen que aínda hoxe se desen por enterados”.

Así, a dixitalización de gravados vén actuar como garantía de rexistro documental para un patrimonio en perigo de desaparecer pola erosión e pola degradación, que “son máis fortes nos últimos 50 anos que nos 3.000 anteriores”. Entre estes casos, en Marín, o grabado de Pedrouzos 1 descuberto por Costa en 1980 permitía apreciar daquela a simple vista media ducia de representacións de armas, que resultaron ser case unha vintena tralo proceso de fotogrametría, convertendo esta rocha “na segunda de Galicia” desta tipoloxía, tras Auga da Laxe, en Gondomar.

“Corenta anos despois os sucos son practicamente invisibles”, lamenta Costa, pola forte escorrentía que afecta á rocha e polo arrastre de materiais debido á apertura dunha pista próxima.

Otros descubrimentos de Antonio Costa, como os petróglifos da Devesa do Rei, en Moaña, e Gondarán, en Cangas, foron vítimas da construcción da vía rápida do Morrazo: ambos foron desmontados das súas ubicacións orixinais coa “promesa” de trasladalos pero, tras quedar fragmentados, almacenáronse; mentres que o primeiro foi “desenterrado dunha escombreira” e parcialmente reconstruído, aínda que “non é nin a sombra do original”, o segundo “está perdido”.

Pola contra, un caso que lle fai ao seu descubridor ser “algo optimista” é a recente limpeza do petróglifo das Abelaires, en Bueu, que “estivo completamente abandonado durante 30 anos, convertido nun basureiro e cun Punto Limpo construído a pouca distancia malia ter un perímetro de protección de 200 metros”, ao estar catalogado como Ben de Interese Cultural.

“Despois de todo o tempo dedicado a descubrir e a inventariar patrimonio, o deterioro é moi triste”, conclúe quen aínda así segue “na brecha”, divulgando os seus estudos  no blogue Cova de Paralaia e contribuíndo á promoción e á defensa do legado prehistórico a través do colectivo Irmandade Illa de Tambo.

Publicado por: MontePituco | 21/03/2020

POESÍA NA CASA

"Tempo fósil", de Pilar Pallarés (Chan da Pólvora, 2019)

Cando Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) comezou a escribir “Tempo fósil” (Chan da Pólvora, 2018), a finais de 2011, no Monte Pornedo levabamos case dous anos loitando para evitar que un polígono industrial varrese a natureza, o patrimonio do Monte Pornedo, e mudase para sempre -de forma irreversible- a fisonomía do ‘balcón da ría’. 

A casa familiar da autora, construída con moito esforzo polo seu pai, foi unha das 60 vivendas afectadas polas demolicións para ampliar en 400 metros o aeroporto de Alvedro, unhas obras millonarias que daquela acarrearon a expropiación de case 400 parcelas. Foi inexorable: a maioría dos propietarios aceptaron as indemnizacións e só un dez por cento porfiaron para acadar unhas compensacións xustas.

Hoxe en día seguimos gozando da natureza e do patrimonio do Pornedo, do horizonte atlántico dende este ‘balcón’; dúas sentenzas firmes son o froito do labor de case unha década. Pilar Pallarés fixo da poesía a súa aliada imbatible, cun libro recoñecido co Premio da Crítica Española 2018 e co Premio Nacional de Poesía 2019 do Ministerio de Cultura.

A peaxe da autora foi a morada na que medrou, onde atesouraba os seus recordos. O noso tributo, que o arborado do Pornedo fose arrasado o verán pasado nunha tala a matarrasa. 

“Voan miñatos sobre a paisaxe desmembrada”

…di un dos seus versos, que representa ese sentimento de destrucción, de perda, de desarraigo, de impermanencia. Mais o fogar vai connosco, como a terra ten a xenerosa capacidade para reverdecer. O verdadeiramente importante está no intanxible: a memoria, as palabras, a fortaleza da poesía para redimirnos das pequenas derrotas e para engrandecer as nosas vitorias: a xustiza, un libro.

Trala figura aparentemente fráxil de Pilar Pallarés hai unha voz potente, unha poética radical que abala e non deixa indiferente. O eco desta lectura evoca o pasado, a dor, o baleiro, a impotencia, a resistencia; mais tamén deixa un pouso enigmático, críptico, inexpugnable, que só a autora pode descrifrar.

Velaí o misterio da lírica, que deita máis preguntas que respostas; abonda con deixarse levar polos interrogantes ata o seu ‘tempo’, tan ‘fósil’ como as pegadas que os antigos poboadores deste ‘balcón’ deixaron inscritas nas pedras. 

21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA

#QUEDA NA CASA #CORENTENALITERARIA

Publicado por: MontePituco | 20/03/2020

PRIMAVERA NA CASA

Primavera 2020

Benvida sexas, primavera,
sen seres (in)humanos que te perturben.
Coloreamos e perfumamos a retina e a memoria
co valioso arquivo das túas humildes marabillas
en regatos, prados, rochedos.
Que reverdeza a paisaxe no ‘balcón da ría’
e reverdeza tamén o corazón das persoas
con esta sabia lección de vida que nos asoma ao abismo.

#QuedaNaCasa

Publicado por: MontePituco | 16/03/2020

#DENDEAMIÑAFIESTRA

Dende a miña fiestra

Tempo para sermos responsables e solidari@s!

#StopCoronaVirus

#EuQuedoNaCasa

#DendeAMiñaFiestra

Publicado por: MontePituco | 14/03/2020

40 ANOS SEN FÉLIX

Enciclopedia Salvat de la Fauna Ibérica

[Fascículo da Enciclopedia Salvat da Fauna, nun posto de libros antigos na Feira de produtos do campo en Postemirón, Vilaboa]

Entre os anos 1970 e 1973 publicáronse semanalmente os fascículos coleccionables da “Enciclopedia Salvat de la Fauna Ibérica y Europea”, dirixida polo naturalista Félix Rodríguez de la Fuente. Vendéronse millóns de exemplares e foi publicada noutros países, ademais de formar parte dos fondos bibliográficos dos principais museos de ciencias naturais do noso continente. 

Van xa 40 anos do prematuro e tráxico pasamento de Félix Rodríguez de la Fuente (14 de marzo de 1928 – 14 de marzo de 1980), pioneiro na defensa e na divulgación da natureza, artífice do programa de RNE “La aventura de la vida” e da mítica serie de TVE “El hombre y la Tierra” que inoculou en milleiros de rapaces e rapazas a paixón pola bichería, autor e coordinador de numerosas publicacións informativas… O seu legado, custodiado pola súa filla Odile, segue vivo malia que, por desgraza, a Fundación que leva o seu nome pechou en 2017.

En memoria de Félix Rodríguez de la Fuente cómpre seguir exercendo o activismo medioambiental, nos colectivos ecoloxistas, nos grupos de sendeirismo, nas escolas… Porque o planeta necesítanos a tod@s e dende o noso pequeno recuncho no mundo temos o deber de contribuír a conservalo e a protexelo das agresións que ameazan o seu equilibrio e a supervivencia da biodiversidade.

Grazas, Félix!

Publicado por: MontePituco | 13/03/2020

120 ANIVERSARIO DE CARLOS PARATCHA

120 aniversario de Carlos Paratcha

Vai chegando ao seu fin unha data, este 13 de marzo, que xa forma parte da nosa Historia. Tod@s temos seguido intensamente a preocupante evolución dos acontecementos a través dos medios de comunicación, das redes sociais; todos sufrimos as consecuencias no ámbito laboral, temémola ou padecémola no eido familiar ou no noso círculo de amizades… Mais non sería xusto despedir este aciago día capitalizado pola pandemia de coroavirus sen recordar a un marinense, o mestre

CARLOS MIGUEL ANTONIO PARATCHA VÁZQUEZ

que naceu o 13 de marzo de 1900, segundo un documento oficial (outras fontes datan o aniversario o 15 deste mes): entusiasta benefactor da historia e do patrimonio de Marín -e doutras vilas como Redondela, Campo Lameiro e Moraña-, respectado e admirado polo seu alumnado.

Mentres que as institucións locais seguen esquecendo o seu legado e negándolle o digno recoñecemento que merece, dende o ‘balcón da ría’ queremos lembralo neste aniversario, recoñecer a súa contribución á descuberta dos valiosos petróglifos do Pornedo e tantos outros xacementos da contorna, e agradecer que nos sintamos humildes discípulos seus, tocados, coma el, polo marabilloso “mal de pedra”. A Paratcha dedicámoslle as III Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián co arqueólogo Antonio de la Peña e co promotor cultural José Casal; aí quedaron uns modestos alicerces, pero a súa figura ben vale un estudo histórico rigoroso e profundo.

Publicado por: MontePituco | 08/03/2020

VERBAS DE MULLER, NO ‘BALCÓN DA RÍA’

"Escritos feministas", de Rosalía de Castro (Casa de Rosalía, 2019)

“Ladraban contra min que camiñaba

case que sin alento…”

[“Escritos feministas” de Rosalía de Castro. (Ed. Casa de Rosalía, 2019)]

No DÍA DA MULLER, versos da eterna Rosalía de Castro, dende o Rego das Presas, para todas as defensoras da natureza, da paisaxe, do patrimonio!

Older Posts »

Categorías