
Na semana na que vén de celebrarse o Día Mundial do Patrimonio, o Colectivo Monte Pituco (Pornedo) anuncia as VI Xornadas “Xan Montenegro” de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que se celebrarán os días 23, 26 e 27 de novembro. “Elixio Rivas, raizame das palabras” é o lema do programa de actividades, nas que se vai homenaxear o autor -falecido o pasado mes de setembro aos 97 anos- da obra “Toponimia de Marín.
O profesor Héctor Silveiro, coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio San Narciso e membro correspondente da Real Academia Galega, participará o vindeiro mércores 23 ás 19:30 horas, no Museo Manuel Torres de Marín, nunha charla na que vai lembrar a figura e o legado de Elixio Rivas, que lle dedicou á toponimia marinense a súa tese de licenciatura en Filoloxía Románica, ampliada e presentada en 1978 como tese de doutoramento. Dous tomos de considerable volume recollen o seu labor inxente, do que en 1982 a Universidade de Santiago publicou un pequeno resume de 409 páxinas en formato libro, como anexo da revista Verba.
En xaneiro de 2016 Elixio Rivas -que durante 21 anos fora profesor e secretario do Colexio San Narciso- recibiu unha homenaxe no Museo Manuel Torres na que o lingüista e etnógrafo protagonizou a doazón ao Concello de Marín dos dous tomos da súa tese, co compromiso de que a Administración local custodiaría, dixitalizaría e publicaría o documento nun formato accesible á veciñanza; un compromiso que, seis anos despois, fica incumprido.
O profesor Héctor Silveiro foi, xunto co Ateneo Santa Cecilia, o promotor da proposta de recuperación da “Toponimia de Marín” para poñela á disposición da cidadanía e dos investigadores. Como lembrou daquela, o traballo de Elixio Rivas -que dende 1978 pertencera á Comisión de Toponimia de Galicia, unha sección do Consello da Cultura Galega- foi pioneiro e contribuíu a que posteriores iniciativas nesa materia o tiveran como modelo.

MEMORIAL E ANDAINA
As VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián continuarán o sábado día 26 co Memorial Xan Montenegro, ás 17:00 horas no lugar do Carballal. A figura de quen fora activista cultural e presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián dálle nome a estas xornadas dende a pasada edición como recoñecemento á súa contribución na mellora da parroquia. Familiares e amigos de Xan Montenegro veñen impulsando esta homenaxe cívica dende o seu pasamento, en xuño de 2011.
Finalmente, o domingo a partir das 10:00 horas comezará unha ruta de sendeirismo pola parroquia de San Xián -con saída e chegada no adro da igrexa– para dar a coñecer o patrimonio natural e etnográfico desta contorna do rural marinense, con especial atención á toponimia, tendo o libro de Elixio Rivas como obra de consulta no que atinxe á orixe e á motivación dos nomes dos lugares visitados. En caso de mal tempo, a andaina posporíase a unha próxima data.
Deixar unha resposta