A mostra, que consta dunhas 60 pezas entre fotografía, materiais artísticos e elementos da natureza, conta coa colaboración da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo.
Un monte ‘de museo’! Xa se pode visitar a exposición 10 ANOS NA DEFENSA DO PORNEDO no Museo Manuel Torres de Marín, no marco das “IV Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián”. Horario: de martes a venres de 11 a 14h e de 18 a 21h, sábado e domingo de 11 a 14h. Moitas grazas ás persoas que participan nesta mostra e a tod@s os que apoiaron a conservación do ‘balcón da ría’ ao longo deste tempo.
Expoñemos as sentenzas firmes contra o Concello de Marín e a Xunta ordeando a anulación da clasificación do Pornedo como solo industrial. Panel dedicado ás creacións artísticas inspiradas na natureza, na paisaxe e no patrimonio do ‘balcón da ría’: ilustración dunha illa, de Belén Padrón; unha peza da serie Pintura no lugar, de Juan Rivas; unha xoia deseñada por Laura Romeu a partir dos petróglifos do Pornedo e elaborada en prata e cobre; e a serie “Retrados do monte”, de Laura Freire, coa técnica do pastel.
As paisaxes do Pornedo: unha andaina con Queremos Galego Marín, a inauguración do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños en 2015, dúas vistas cara á ría e cara ao val, esta última fotografada por Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, e un solpor de Fran Currás.A homenaxe a Xan Montenegro, que bautizou o Pornedo como o ‘balcón da ría’. Canda o seu sombreiro, cedido polo seu amigo Xosé Vilas, pezas cerámicas realizadas no obradoiro Alén das Olas que representan o petróglifo desaparecido d’A Pena, que Xan tratou infrutuosamente de salvar durante a construcción da Variante de Marín.Distintas representacións do petróglifo do Pornedo: o calco de Antonio de la Peña, a reconstitución dixital 3D realizada por Antonio Costa, a fotografía nocturna de Fran Currás coa Vía Láctea sobre este gravado rupestre e a fotografía tomada polo mestre Carlos Paratcha probablemente cando se descubriu este xacemento arqueolóxico. A escultura é unha reprodución en miniatura do artesán Francisco Ameixeiras.Vistas do petróglifo do Pornedo nº2, onde José Meijón deixou tamén a súa impronta no pasado século XX.O petróglifo de Pinal de Caeiro, coñecido como ‘O Ciclista’.Os petróglifos de Sete Camiños, que destacan pola presenza de figuras zoomorfas, entre elas cuadrúpedos e certos trazos serpendiformes; destaca a figura dun cervo representado en escorzo, algo pouco frecuente na arte rupestre.No panel frontal diversas representacións da flora e da fauna do Pornedo, coas achegas dos expertos en patrimonio natural e cultural do Morrazo: Paulo Troitiño e Cándido Martínez. E unha serie que permite apreciar o ‘antes/despois’ do monte: cando era un circuíto ilegal de motorismo e a súa rexeneración posterior; un antigo ‘camiño de carro’ coas marcas das rodeiras destrozado pola Comunidade de (des)Montes de San Xián para convertelo nunha pista; e a tala a matarrasa do piñeiral do Pornedo.
Esta exposición sería impensable hai 10 anos; especialmente nas propias instalacións municipais dun Concello que pretendía destruír a riqueza natural, cultural e paisaxística do Pornedo para construír nel un polígono industrial; un proxecto urbanístico que foi anulado hai tres anos por senllas sentenzas firmes do TSXG contra o Goberno local e a Xunta e que aínda non foron executadas polas institucións condeadas a anular a clasificación deste monte como solo empresarial. Quizais por iso o Concello de Marín segue ignorando o Pornedo en calquera acción de promoción das rutas de sendeirismo ‘oficiais’.
Non deixedes de afianzar o patrimonio que a especulación tratou e seguirá tratando de roubarlle as persoas que disfrutamos do entorno natural e da tradición. Grazas e adiante.
Moitísimas grazas, Amancio. Co teu exemplo e con Vaipolorío como espello, agardamos seguir traballando pola conservación e pola mellora deste humilde ‘balcón da ría’. Saúdos!
Non deixedes de afianzar o patrimonio que a especulación tratou e seguirá tratando de roubarlle as persoas que disfrutamos do entorno natural e da tradición. Grazas e adiante.
By: Amancio Castro on 16/11/2020
at 15:00
Moitísimas grazas, Amancio. Co teu exemplo e con Vaipolorío como espello, agardamos seguir traballando pola conservación e pola mellora deste humilde ‘balcón da ría’. Saúdos!
By: MontePituco on 16/11/2020
at 19:29