Publicado por: MontePituco | 27/12/2019

2020: CARLOS PARATCHA, 120 ANIVERSARIO

Carlos Paratcha

Monte Pituco insta o Concello de Marín a poñer en valor a figura e o legado do mestre Carlos Paratcha

Foi un destacado colaborador do Museo de Pontevedra e contribuíu á descuberta de importantes xacementos arqueolóxicos, como recolleron as III Xornadas pola Protección do Patrimonio de San Xián

O colectivo Monte Pituco vén de presentarlle ao Concello de Marín as conclusións das III Xornadas pola protección do patrimonio de San Xián, dedicadas á figura de Carlos Paratcha Vázquez (Marín, 1900 – 1974), nas que insta o Goberno local a recuperar e a poñer en valor o legado cultural e intelectual deste mestre que destacou polo seu labor de investigación, defensa e divulgación do patrimonio prehistórico marinense.

En marzo de 2020 cumpriranse 120 anos do nacemento de Carlos Paratcha e, dende Monte Pituco, instan a Concellería de Cultura a impulsar un recoñecemento público na súa memoria que contribúa a darlle o lugar que merece na historia local, tanto pola súa dedicación á formación académica de moitos veciños marinenses, como pola súa achega desinteresada para que Marín conte na actualidade cun amplo e valioso catálogo de bens arqueolóxicos.

Así o destacaron os ponentes das III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, o arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra, Antonio de la Peña; e o doutor e promotor cultural de Moraña, José Casal, onde Paratcha exerceu a docencia durante dúas décadas, sendo artífice de grandes achegas á historia e á cultura desa localidade.

Asimesmo, testemuñaron o compromiso cultural de Carlos Paratcha -que tamén padeceu a represión franquista- destacados persoeiros da época, como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro; quen fora secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén; o investigador Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza; profesores do Instituto Laboral de Marín como Antonio Porta de la Encina e Antonio Vicent Aparici; e o polígrafo Elixio Rivas, entre outros.

PATRIMONIO MARINENSE

No que respecta a Marín, débeselle que saísen á luz conxuntos rupestres no Pornedo, Champás, na Carrasca, na Moreira, na canteira da Laxe ou no bosque de Cadro, ademais doutros vestixios vencellados ao antigo Priorato.

Moitos destes descubrimentos foron documentados polo propio Carlos Paratcha a través de fotografías, debuxos e descricións manuscritas; algúns deles forman parte do arquivo do Museo de Pontevedra e outros atópanse entre os fondos da Biblioteca Municipal de Marín. Para o colectivo Monte Pituco resulta primordial que o Concello de Marín asuma a catalogación destes documentos, que se garantice a súa conservación e poidan estar a disposición tanto dos expertos como da veciñanza en xeral, dando a coñecer a figura e o labor de Paratcha a través de exposicións e xornadas divulgativas.

Os achados de Paratcha foron noticia en xornais como La Noche e El Pueblo Gallego, ademais de quedar recollidos en publicacións especializadas como “Arqueología gallega” e “Adiciones a la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra” editadas polo Museo de Pontevedra, “Gravados rupestres de la provincia de Pontevedra” publicada pola Fundación Barrié, ou “Cuadernos de Estudios Gallegos” do Consello Superior de Investigacións Científicas.

Ademais, a dedicación de Carlos Paratcha á cultura marinense tamén quedou plasmada a través da súa pertenza á directiva do Ateneo Santa Cecilia.  


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: