Publicado por: MontePituco | 29/12/2023

VENTUROSO 2024

Asomámonos a esta fiestra colectivo para desexarlle un venturoso 2024 ás amigas e amigos do Monte Pituco (Pornedo), sempre con máis natureza e paisaxe, máis patrimonio, historia e cultura. Vémonos no ‘balcón da ría’!

Publicado por: MontePituco | 18/11/2023

ESPAZO SETE CAMIÑOS, CON FERNANDO PINTOS E RAFA QUINTÍA

“Querer, saber, poder” é o titular do faladoiro que compartimos este pasado xoves, co gallo do Día Mundial do Patrimonio, arredor do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños con dous dos seus promotores, o antropólogo Rafa Quintía, que formou parte da comisión técnica do proxecto, e o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, a única das tres comunidades de montes -San Xián foi a primeira en desentenderse, seguida de Lourizán tempo despois- que segue fiel a esta iniciativa de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e natural deste espazo.

As comuneiras e comuneiras de Salcedo queren conservar, promocionar e desfrutar dos xacementos arqueolóxicos que atesoura o seu territorio; saben porque se rodean de bos asesores que, como explicou Rafa Quintía, levan moito tempo desenvolvendo un intenso labor de pedagoxía entre a veciñanza; e poden impulsar accións encamiñadas á mellora de todos estes recursos porque contan cos fondos económicos necesarios para financialos e co aval da parroquia. Por iso esta entidade é un espello no que mirarse, un exemplo a seguir, a envexa de quen padecemos, en San Xián, o veto e a censura, o desprezo e a represalia.

Estas VII Xornadas de Patrimonio de San Xián continúan mañá domingo cunha RUTA DE SENDEIRISMO POLO MONTE DE SALCEDO, con saída ás 10:00 horas dende o cruce do Regueiriño. Finalizaremos ás 17:00 horas coa celebración da Homenaxe a Xan Montenegro, organizada pola súa familia e achegados, no lugar do Carballal.

Dende o Colectivo Monte Pituco queremos dedicarlle tamén unha lembranza especial a unha persoa extraordinaria e inspiradora, animosa e sensible, investigador da natureza e do patrimonio cultural, gran defensor e divulgador do río Gafos: Amancio Castro, sempre na nosa memoria. Apertas ás súas compañeiras e compañeiros de Vaipolorio e á súa familia.

Publicado por: MontePituco | 27/10/2023

VII XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN: ESPAZO SETE CAMIÑOS

As VII Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián celebraranse o vindeiro 16 de novembro, co gallo do Día Internacional do Patrimonio. O Museo Torres de Marín acollerá un faladoiro a partir das 19:30 horas arredor do “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, coa participación do presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo, Fernando Pintos, e do antropólogo Rafael Quintía. Para o Colectivo Monte Pituco, o labor de defensa e promoción do patrimonio que se desenvolve na parroquia veciña de Salcedo é un exemplo para outras comunidades de montes e colectivos sociais. Fronte ao desinterese das demais comunidades que integran o Espazo Sete Camiños, San Xián e Lourizán, Salcedo é a única que mantén o seu compromiso co coidado, sinalización e divulgación dos elementos patrimoniais existentes no seu ámbito territorial, mesmo ampliando a oferta de recursos coa construción dun parque etnoarqueolóxico en Outeiro das Mouras.

O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños foi unha iniciativa do arqueólogo Lukas Santiago que tomou forma en 2010 coa creación dunha comisión técnica da que formaron parte Rafael Quintía e o Colectivo Monte Pituco, canda outros integrantes dos movementos asociativos de Marín e Vilaboa, e que contou co aval de sete profesionais da arqueoloxía e numerosas entidades sociais e culturais. Inaugurado en 2015 baixo a xestión das comunidades de montes de Salcedo, Lourizán e San Xián, esta última axiña se desentendeu das súas responsabilidades, ignorando os actos vandálicos que afectaron a sinalización instalada, retirando os paneis informativos nos seus accesos e incumprindo o compromiso de ampliar o Espazo Sete Camiños ata o Lago de Castiñeiras a través dos conxuntos rupestres de Champás e A Carrasca.

As concellerías de Cultura e de Turismo do Concello de Marín tampouco colaboraron neste tempo na promoción do Espazo Sete Camiños, alén dunha única andaina celebrada en 2015 no marco do programa municipal de Rutas Culturais.

Por tanto, cómpre reivindicar este conxunto de bens que atesouran as tres parroquias -petróglifos e mámoas, elementos de interese etnográfico, lendas, natureza e paisaxe- e darlle a importancia que merecen, tamén como mecanismo de recoñecemento e identificación para a veciñanza. Só con educación, sensibilización e promoción será posible que San Xián deixe de ter o seu valioso patrimonio arqueolóxico nun pesimo estado de conservación, e que se erradiquen comportamentos incívicos como as recentes pintadas que afectaron á igrexa parroquial; accións impunes que se suman á agresión que o pasado ano sufriu o cruceiro da Chisca, situado no exterior do adro, resultando gravemente danado no seu fuste pola posible acción dunha radial.

OUTRAS ACTIVIDADES

As VII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián completaranse o domingo 19 a partir das 10:00 horas cunha ruta de sendeirismo polo monte veciñal de Salcedo guiada por Fernando Pintos e Rafael Quintía para visitar o xacemento arqueolóxico de Outeiro das Mouras e as cabanas de estilo prehistórico que completan este conxunto rupestre, ademais de percorrer os arboredos do Vello e da Carrasqueira, repoboados con milleiros de árbores en terreos antano invadidos polas acacias.

Finalmente, celebrarase o Memorial Xan Montenegro, organizado por amigos e familiares de quen fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia, ademais de activista político e cultural. Será ás 17:00 horas no lugar do Carballal, ao carón do monumento na súa memoria. Con esta homenaxe honrarase o legado ético e social de Xan Montenegro, o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e dos servizos, e a súa defensa do patrimonio histórico e ambiental, cando se cumpren 12 anos do seu pasamento.

Aspecto que presenta o grupo nº2 Champás, con leña e vexetación ao carón dos gravados rupestres

O Concello de Marín non disimula o seu desprezo polo patrimonio rupestre da vila, como se constatou na Ruta Cultural deste pasado 14 de maio. Era a segunda vez dende que goberna o PP que a Concellería de Cultura organizaba unha visita aos petróglifos de San Xián, a parroquia coa maior densidade de gravados prehistóricos; pasaron oito longos anos dende a anterior andaina en decembro de 2015 ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Nesta ocasión, o Goberno local ofreceu unha pésima imaxe dos xacementos da Carrasca e de Champás, ben por improvisación e desidia, ou ben a mantenta e con esa idea premeditada. Lonxe de supoñer que o Concello se ocuparía de adecentar minimamente os xacementos para esta visita, atopámolos rodeados de vexetación e leña seca que comprometen a súa integridade en caso de incendio, cubertos de follaxe e con dificultades para acceder a algúns deles monte a través porque os organizadores descoñecen os sendeiros tradicionais. Esta situación de abandono e desleixo evidencia a nula vontade do Concello por contribuír ao coidado, conservación e difusión deste valioso patrimonio.

Malia que estes gravados se sitúan en terreo de titularidade veciñal, a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xián non se dignou sequera en exercer de anfitrioa, polo que ningún dos seus dirixentes participou na ruta. Fronte ás trabas que esta entidade lle impón ao Colectivo Monte Pituco para realizar roteiros divulgativos polos petróglifos da parroquia, vulnerando o dereito da veciñanza á “visita pública” dos bens de interese cultural, cuestiónase que o Concello de Marín fose obrigado a solicitar autorización previa para organizar esta andaina.

Situación do grupo nº5 dos petróglifos da Carrasca, agredido en 2016 nun desbroce de camiños encargado pola Comunidade de Montes de San Xián

Precisamente, un dos xacementos visitados foi o grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca que, a finais de 2016, resultou afectado por uns traballos de desbroce realizados sen supervisión arqueolóxica por encargo da Comunidade de Montes de San Xián, que foi sancionada pola Dirección Xeral de Patrimonio por unha agresión tipificada como “grave”. A repercusión que tiveron aqueles danos levou a que o Concello aprobara en febreiro de 2017 un Plan de Protección do Patrimonio do que nada máis se soubo, a pesar dos intentos por parte do Colectivo Monte Pituco -co apoio de varios arqueólogos e expertos- por introducir melloras que permitisen unha protección “real e efectiva” dos xacementos con prazos, medidas concretas e o asesoramento dos colectivos e especialistas en patrimonio local.

Ás mostras de incompetencia institucional, cómpre unir a desidia cara ao patrimonio arqueolóxico da parroquia por parte dalgún integrante da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xián con ínfulas políticas que antano xa exerceu como promotor activo da instalación dun polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo) que prexudicaba os xacementos desa contorna; un proxecto ilegal que foi anulado con dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sen que, a día de hoxe, seis anos despois, o Concello lle teña retirado por fin a clasificación de solo empresarial a este enclave.

Ante o decepcionante resultado da visita aos petróglifos de San Xián organizada polo Concello de Marín, dende o Colectivo Monte Pituco reclamamos colaboración entre a Administración local e a Comunidade de Montes, xunto cos organismos competentes a nivel autonómico, para a limpeza e posta en valor dos xacementos; o desenvolvemento do Plan de Protección do Patrimonio coas achegas reiteradamente demandadas dende este grupo veciñal; e a implicación dos colectivos en defensa do patrimonio arqueolóxico nas futuras visitas como coñecedores da ubicación dos gravados -tanto os historicamente catalogados como os de recente descubrimento- e da rede de camiños que os comunican.

Situación na que se atopa o gravado nº3 do conxunto rupestre da Carrasca, rodeado de eucaliptos e vexetación
Publicado por: MontePituco | 27/01/2023

VI XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN: ESTE DOMINGO, ANDAINA

O Colectivo Monte Pituco organiza este domingo unha andaina seguindo a “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas

Un dos elementos que se visitarán é o cruceiro da Chisca, agredido cun obxecto metálico que deixou marcas no fuste do monumento

O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) organiza este domingo a andaina que, a causa do mal tempo, fora adiada o pasado novembro no marco das VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián. O punto de encontró será o adro da igrexa parroquial a partir das 10:00 horas. Durante o itinerario utilizarase o libro “Toponimia de Marín”, de Elixio Rivas, que foi a figura homenaxeada nestas xornadas. O obxectivo da ruta é coñecer a orixe dos nomes dos lugares visitados, a súa etimoloxía e procedencia.

Co recoñecemento ao labor deste filólogo ourensán que residiu na vila durante 21 anos, o Colectivo Monte Pituco súmase ás voces que reclaman a reedición da súa “Toponimia de Marín” e que lle urxen ao Concello de Marín o cumprimento do compromiso adquirido en 2016 para dixitalizar os dous tomos da súa tese de doutoramento, que deu pé á publicación do libro.

Elixio Rivas foi un asiduo visitante dos distintos recunchos da parroquia de San Xián durante o tempo que dedicou ao traballo de campo da súa tese, recollendo topónimos a través do testemuño directo da veciñanza. Algúns deses percorridos realizounos na compaña do mestre Carlos Paratcha, estudoso do patrimonio arqueolóxico de Marín e descubridor de varios xacementos localizados nos montes de San Xián.

CRUCEIRO DANADO

Co convencemento de que é preciso realizar accións divulgativas e de sensibilización para garantir a conservación do patrimonio -inmaterial como a toponimia; material como elementos prehistóricos (mámoas, petroglifos…) e etnográficos (muíños, fontes, lavadoiros, cruceiros…) e mesmo a paisaxe natural-, o Colectivo Monte Pituco leva dende 2010 promovendo charlas e roteiros a cargo de especialistas.

Precisamente, o primeiro elemento que se visitará este domingo será o cruceiro do Igrexario de San Xián que, nos últimos meses, resultou agredido. O fuste presenta marcas profundas realizadas cun material metálico, posiblemente unha radial, acaso coa intención de limpar a superficie da pedra. Lonxe de lograr ese obxectivo, semellante neglixencia provocou un dano considerable no varal do cruceiro, co risco para a integridade da peza.

Datado en 1698 e coñecido como o cruceiro da Chisca, a cruz presenta a figura dun Cristo sobre un capitel decorado con elementos vexetais e facianas de anxos.

Non é o único elemento patrimonial prexudicado na parroquia de San Xián nos últimos tempos. A Comunidade de Montes de San Xián foi sancionada en 2017 pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta por causar unha agresión grave no conxunto rupestre da Carrasca a causa duns labores de desbroce realizados con maquinaria pesada sen a pertinente supervisión  arqueolóxica. Lonxe de rectificar, a Comunidade de Montes segue realizando tarefas de limpeza que non respectan a área de cautela dos xacementos arqueolóxicos catalogados como Bens de Interese Cultural.

Publicado por: MontePituco | 23/01/2023

VI XORNADAS DE PATRIMONIO: ANDAINA

Retomamos a andaina que fora adiada o pasado mes de novembro a causa do mal tempo. Celebrarase este domingo 29 de xaneiro a partir das 10:00 horas dende o adro da igrexa de San Xián, que será tamén o punto de destino do roteiro. Con esta actividade culminan as VI Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas ao labor do filólogo Elixio Rivas, autor da “Toponimia de Marín”. Durante a ruta, ademais de deternos nos elementos de interese cultural e etnográfico, prestarase unha especial atención á nomenclatura dos lugares.

Publicado por: MontePituco | 25/11/2022

VI XORNADAS: HÉCTOR SILVEIRO NA HOMENAXE A ELIXIO RIVAS

Reclaman a reedición da “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas e a dixitalización da súa tese nas VI Xornadas de Patrimonio de San Xián

Esta fin de semana celébranse o Memorial Xan Montenegro e unha ruta de sendeirismo pola parroquia

As VI Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que comezaron esta semana -organizadas polo Colectivo Monte Pituco (Pornedo) co lema “Elixio Rivas, raizame das palabras”- serviron para urxir a reedición da “Toponimia de Marín” elaborada polo filólogo ourensán afincado nesta vila durante 21 anos, e para reclamar que o Concello de Marín cumpra o compromiso subscrito en 2016 para dixitalizar os dous tomos da súa tese de doutoramento.

O Museo Manuel Torres acolleu unha charla do profesor Héctor Silveiro, coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do colexio San Narciso e correspondente da Real Academia Galega, que promoveu que Elixio Rivas lle cedera ao Concello o seu traballo académico, presentado en 1978 e cualificado cun “sobresaliente cum laude”, coa finalidade de estar á disposición da cidadanía.

Parafraseando o emblema do escudo marinense, Silveiro referiuse a Rivas como “nostra fortuna”, xustificando a necesidade de recuperar o libro que resume esa tese en algo máis de 400 páxinas, publicado en 1982 pola Universidade de Santiago.

Ademais de comparar o labor de Rivas -que documentou preto de 16.000 palabras galegas- coa achega de Frei Martín Sarmiento no século XVIII, Silveiro salientou que a “Toponimia de Marín” foi a primeira que se centrou nun ámbito local. Partindo dese carácter pioneiro, este docente vén impulsando un proxecto de posta en valor da toponimia como ferramenta de uso didáctico, conseguindo xeolocalizar 1.022 topónimos marinenses na plataforma Galicia Nomeada coa implicación do alumnado de Secundaria e Bacharelato do Colexio San Narciso.

O reto continúa e está aberto á participación doutros centros de ensino, colectivos e veciñanza a nivel particular; un xeito de contribuír a que a memoria de Elixio Rivas e o seu valioso legado sigan presentes.

Durante o encontro tamén se proxectaron fragmentos dunha entrevista audiovisual de 2019 na que Elixio Rivas repasaba a súa vida, os seus estudos universitarios de Filoloxía Románica, as súas investigacións etimolóxicas e os seus numerosos libros sobre toponimia, lexicoloxía e onomástica, ademais da relación intelectual que mantivo con persoeiros como Antonio Blanco Freijeiro, Alfredo García Alén e Carlos Paratcha. A este último, mestre e colaborador do Museo de Pontevedra na descuberta de numerosos xacementos arqueolóxicos, dedicóuselle a terceira edición destas Xornadas de Patrimonio.

O Colectivo Monte Pituco sumouse á petición para que tanto Carlos Paratcha como Elixio Rivas sexan recoñecidos polo Concello de Marín.

ÚLTIMAS ACTIVIDADES

As VI Xornadas de Patrimonio de San Xián continuarán mañá sábado, a partir das 17:00 horas no monolito erixido na lembranza de Xan Montenegro, onde os seus familiares e achegados organizan un acto cívico polo seu 11º cabodano. Presidente do colectivo veciñal da parroquia, activista político, social e cultural, Montenegro acadou importantes logros na mellora e modernización deste enclave, polo que nos últimos anos vense reivindicando que a estrada de San Xián leve o seu nome.

A derradeira actividade das VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián consistirá, se o tempo o permite, nunha ruta de sendeirismo pola contorna rural da parroquia, que partirá este domingo ás 10:00 horas dende o adro da igrexa, visitando elementos etnográficos como fontes, lavadoiros e muíños, e identificando os nomes dos lugares na “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas para coñecer a súa orixe.

[Fotografías: María López e Montse Cabo]

O profesor Héctor Silveiro impartirá unha charla esta tarde de mércores, a partir das 19:30 horas no Museo Manuel Torres de Marín, no marco das VI Xornadas “Xan Montenegro” de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas ao filólogo Elixio Rivas. Membro correspondente da Real Academia Galega e coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio San Narciso, Silveiro abordará o reto que impulsa este centro educativo para poñer en valor a toponimia local.

Publicado por: MontePituco | 16/11/2022

VI XORNADAS DE PATRIMONIO: ELIXIO RIVAS, IN MEMORIAM

Na semana na que vén de celebrarse o Día Mundial do Patrimonio, o Colectivo Monte Pituco (Pornedo) anuncia as VI Xornadas “Xan Montenegro” de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que se celebrarán os días 23, 26 e 27 de novembro. “Elixio Rivas, raizame das palabras” é o lema do programa de actividades, nas que se vai homenaxear o autor -falecido o pasado mes de setembro aos 97 anos- da obra “Toponimia de Marín.

O profesor Héctor Silveiro, coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio San Narciso e membro correspondente da Real Academia Galega, participará o vindeiro mércores 23 ás 19:30 horas, no Museo Manuel Torres de Marín, nunha charla na que vai lembrar a figura e o legado de Elixio Rivas, que lle dedicou á toponimia marinense a súa tese de licenciatura en Filoloxía Románica, ampliada e presentada en 1978 como tese de doutoramento. Dous tomos de considerable volume recollen o seu labor inxente, do que en 1982 a Universidade de Santiago publicou un pequeno resume de 409 páxinas en formato libro, como anexo da revista Verba.

En xaneiro de 2016 Elixio Rivas -que durante 21 anos fora profesor e secretario do Colexio San Narciso- recibiu unha homenaxe no Museo Manuel Torres na que o lingüista e etnógrafo protagonizou a doazón ao Concello de Marín dos dous tomos da súa tese, co compromiso de que a Administración local custodiaría, dixitalizaría e publicaría o documento nun formato accesible á veciñanza; un compromiso que, seis anos despois, fica incumprido.

O profesor Héctor Silveiro foi, xunto co Ateneo Santa Cecilia, o promotor da proposta de recuperación da “Toponimia de Marín” para poñela á disposición da cidadanía e dos investigadores. Como lembrou daquela, o traballo de Elixio Rivas -que dende 1978 pertencera á Comisión de Toponimia de Galicia, unha sección do Consello da Cultura Galega- foi pioneiro e contribuíu a que posteriores iniciativas nesa materia o tiveran como modelo.

MEMORIAL E ANDAINA

As VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián continuarán o sábado día 26 co Memorial Xan Montenegro, ás 17:00 horas no lugar do Carballal. A figura de quen fora activista cultural e presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián dálle nome a estas xornadas dende a pasada edición como recoñecemento á súa contribución na mellora da parroquia. Familiares e amigos de Xan Montenegro veñen impulsando esta homenaxe cívica dende o seu pasamento, en xuño de 2011.  

Finalmente, o domingo a partir das 10:00 horas comezará unha ruta de sendeirismo pola parroquia de San Xián -con saída e chegada no adro da igrexa– para dar a coñecer o patrimonio natural e etnográfico desta contorna do rural marinense, con especial atención á toponimia, tendo o libro de Elixio Rivas como obra de consulta no que atinxe á orixe e á motivación dos nomes dos lugares visitados. En caso de mal tempo, a andaina posporíase a unha próxima data.

Publicado por: MontePituco | 15/11/2021

CHARLA “XAN MONTENEGRO, IN MEMORIAM”

Encontro na Biblioteca de Marín arredor da figura de Xan Montenegro coa súa irmá Lucinda e con Xosé Vilas

A Biblioteca Pública de Marín acolleu a charla das V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián arredor da figura de Xan Montenegro, da súa traxectoria vital e do seu activismo político, social e cultural. A súa irmá Lucinda compartiu aspectos salientables da súa faceta máis persoal e familiar, do seu firme empeño por contribuír á transformación do país dende a honestidade e o traballo arreo, participando en colectivos -sociais, culturais, ambientais, políticos- cos que compartía ideais.

O seu labor truncouse en xuño de 2011 cando a saúde lle volveu fallar, tralo dobre transplante hepático ao que fora sometido en xuño de 1996. A ciencia e a solidariedade déranlle daquela 15 anos máis de vida que a Xan Montenegro lle serviron para valorar “cada segundo” e transformar o seu agradecemento por esa nova oportunidade en máis altruismo: velaí o seu labor á fronte da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián que deu como froito as obras de humanización da estrada da parroquia, inauguradas un ano despois do seu pasamento; a súa colaboración en numerosas causas, como a defensa do Pornedo fronte ao polígono industrial que ameazaba a valiosa riqueza natural, paisaxística e arqueolóxica desta contorna; a súa entrega á militancia política no eido do nacionalismo, onde padeceu tantas inxustizas por exercer o seu dereito a discrepar; a súa afección a viaxar para ampliar o seu coñecemento do mundo e doutras culturas; e a súa derradeira lección de xenerosidade: donar o seu corpo á ciencia para favorecer a investigación médica…

Co seu amigo Xosé Vilas tamén puidemos coñecer, a través de entrañables anécdotas, o seu interese por un amplo abano de actividades culturais: o cinema, as conferencias, a música en directo, as exposicións… O seu arquivo fotográfico -do que compartiu unha escolma de imaxes- está cheo de imaxes que dan conta do carácter aberto e vitalista de Xan Montenegro: a súa presenza inconfundible no Entroido marinense, a súa paixón polo mar, a súa preocupación pola conservación dos vestixios prehistóricos da parroquia, o seu afán por dinamizar San Xián a través de iniciativas tan chamativas como a Festa do Palleiro, que se converteu nunha das citas máis senlleiras do Carballal… A súa marcha prematura en xuño de 2011 fixo esmorecer as actividades que impulsara: “nada é o mesmo sen Xan actuando como motor”.

Dende entón, os seus achegados contribúen a manter viva a súa memoria coa homenaxe anual que se lle tributa preto do seu fogar. Dende o Colectivo Monte Pituco déuselle continuidade á loita da que fora pioneiro na protección do ‘balcón da ría’ acadando a anulación, con dúas sentenzas firmes, do parque empresarial proxectado no PXOM do Concello de Marín e no Plan Sectorial de Áreas Empresariais da Xunta. E en diante, as Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián levarán o seu nome, en recoñecemento ao seu valioso legado humano.

Cunha fotografía de Xan Montenegro sentado na silla de Champás, un dos xacementos arqueolóxicos dos montes de San Xián
Publicado por: MontePituco | 14/11/2021

EXPOSICIÓN “XAN MONTENEGRO, ALMA DO BALCÓN DA RÍA”

“Xan Montenegro, alma do balcón da ría”: exposición fotográfica no Multiusos de Marín

A galería do Multiusos anexo ao Mercado de Abastos de Marín acolle a exposición fotográfica “Xan Montenegro: alma do balcón da ría”, unha das actividades do Colectivo Monte Pituco (Pornedo) que conforman o programa das ‘V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” dedicadas á memoria do activista social e cultural, que presidiu a Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia. Este martes, co gallo do Día Mundial do Patrimonio, a exposición abrirá as súas portas ao público de 19:00 a 20:00 horas para que as persoas interesadas poidan achegarse -a través da trintena de imaxes cedidas pola familia e pertencentes ao arquivo do seu amigo Xosé Vilas- á figura de Montenegro e ao seu legado humano.

A mostra comeza cunha escolma de estampas de xuventude nas que se desvela a súa afección deportiva como xogador de equipos locais de fútbol como o Timonel e o Chagas. Tamén sobresae a súa activa faceta cultural, como impulsor -en 1996- da Festa do Palleiro que se celebraba no lugar do Carballal, de onde era oriundo; a súa destacada participación no Entroido marinense; a colaboración na Semana do Mar de Seixo e noutros colectivos da bisbarra promotores da cultura mariñeira e das embarcacións tradicionais; o seu compromiso político co nacionalismo, militando en organizacións como ERGA, CIMO-Castelao, BNG -de onde foi expedientado e expulsado entre 1999 e 2000 xunto con outros compañeiros por discrepancias coa dirección nacional- e Marinenses Independentes; o seu apoio a causas como a memoria histórica, a defensa ambiental da ría de Pontevedra ou o seu labor pioneiro na protección do Monte Pornedo, ao que se refería como ‘o balcón da ría’.

Outro apartado da exposición recolle algunhas das súas viaxes por Latinoamérica -Arxentina, Uruguai…- e Europa -Francia, Bélxica, Países Baixos…- que forxaron a súa apertura de miras e a súa admiración por outras culturas. A mostra complétase con varias fotografías do patrimonio arqueolóxico dos Monte Pornedo, representado polos petróglifos do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, máis unha representación do gravado rupestre da Pena, aterrado nas obras da Variante de Marín malia os esforzos de Xan Montenegro por evitar esta agresión alertando as autoridades autonómicas, que fixeron caso omiso.

Representación en pedra do petróglifo de Sete Camiños, do artesán Francisco Ameixeiras, e recreación do gravado rupestre da Pena, realizado en Alén das Olas

Ademais da inauguración da exposición, as ‘V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’ comezaron cunha charla na Biblioteca Pública coas intervencións de Lucinda Montenegro, irmá de Xan, e do seu amigo Xosé Vilas, que comentaron algúns dos aspectos máis salientables da súa vida a través de numerosas anécdotas. Tamén se recordou o compromiso institucional incumprido de poñerlle o nome de Xan Montenegro á estrada da parroquia, en recoñecemento ao seu importante labor reivindicativo na mellora e na humanización deste vial, que inaugurou as beirarrúas en decembro de 2012, un ano despois do seu pasamento.

O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) decidiu dedicarlle este encontro anual que, a partir da próxima edición, pasará a denominarse “Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” como homenaxe á súa figura e ao seu legado humano.

As actividades desta quinta convocatoria completáronse cunha ruta de sendeirismo que, dende o adro da igrexa parroquial, percorreron os lugares de Viñas Brancas, O Carballal, a senda do rego de Castiñeiras e Pelagartos, visitando elementos do patrimonio etnográfico como o cruceiro de Pazos ou da Barreira, as fontes de Arrebalde e A Grela, e os muíños do Valado, Salgueiro, Batán, Fornaco e Briasco, xunto cos petróglifos de Briasco e Pelagartos.

Publicado por: MontePituco | 08/11/2021

AS V XORNADAS DE PATRIMONIO, NA PRENSA

Diario de Pontevedra, 6 de novembro de 2021
La Voz de Pontevedra, 7 de novembro de 2021
Pontevedraviva, 5 novembro 2021
Faro de Vigo, 6 novembro 2021
Carriola, 6 novembro 2021
Cousas, 6 novembro 2021

O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) celebrará as V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que terán como eixe temático a figura de quen fora activista cultural e presidente da Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia, Xan Montenegro, no ano no que se cumpriu unha década do seu pasamento. En vésperas do Día do Patrimonio Mundial, que se conmemora cada 16 de novembro, o obxectivo destas xornadas é recoñecer o labor pioneiro de Xan Montenegro na protección dos xacementos arqueolóxicos de San Xián en xeral e do Pornedo en particular, así como na defensa da importancia natural e paisaxística desta contorna, á que se refería como “o balcón da ría”.

A Biblioteca Municipal de Marín acollerá o vindeiro venres, 12 de novembro, a partir das 20:00 horas, un faladoiro arredor das distintas facetas -social, cultural, política…- que desenvolveu Xan Montenegro ao longo da súa vida, coa participación da súa irmá Lucinda e do seu amigo Xosé Vilas.

Ao día seguinte, o sábado día 13, realizarase unha ruta de sendeirismo por diversos lugares de San Xián. Con saída ás 10:00 horas dende o adro da igrexa parroquial, a andaina percorrerá Viñas Brancas, O Carballal e algúns dos muíños que se atopan no sendeiro que bordea o rego do Lameira ata o Lago de Castiñeiras, para retornar ao punto de partida a través de Pelagartos, onde se localizaron achados vencellados a un posible asentamento prehistórico.

A homenaxe a Xan Montenegro completarase cunha mostra fotográfica no espazo expositivo do Multiusos anexo ao Mercado de Abastos de Marín, que permanecerá do 10 ao 20 de novembro. Incluirá imaxes cedidas pola familia pertencentes ao arquivo de Xosé Vilas: dende estampas de infancia e mocidade, ata viaxes ao estranxeiro, pasando polas diversas actividades nas que colaborou en ámbitos como a memoria histórica e o activismo político, o movemento veciñal e a dinamización cultural a través do Entroido marinense ou a organización da Festa do Palleiro.

As V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que contan co apoio da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia á que pertence o Colectivo Monte Pituco, realizaranse mantendo as medidas sanitarias vixentes.

Publicado por: MontePituco | 13/10/2021

RUTA ATA CHAMPÁS E A CARRASCA

No ano da pandemia non foi posible organizar a ‘Andaina polo Monte Pituco ao solpor’ que xa viña sendo unha tradición. Por iso cómpre agradecer que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo dedique a próxima ruta desta tempada de outono á promoción dos conxuntos rupestres da Carrasca e de Champás, que formarían parte da prolongación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños para enlazar este itinerario coa Ruta das Mámoas do Morrazo.

O itinerario, de 7 quilómetros e dificultade baixa, terá como punto de partida e de chegada a arboreda do Pornedo, preto do cruce do Regueiriño; será o vindeiro sábado 23 de outubro, con saída ás 16:30 horas.

Ademais do patrimonio arqueolóxico, natural e paisaxístico, un dos aspectos salientables desta andaina é a posta en valor da microtoponimia. Así, percorrendo pistas forestais, camiños e corredoiras visitaranse os lugares de A Cachada, A Fontenla, As Presas, A Lagoa, Os Bustos, A Senra, Os Campos, O Mazadoiro, As Cachadas, As Chans, A Carballa, A Cachada Grande, O Pumar, Sete Camiños e O Carballo, entre outros. No treito final será posible admirar o solpor dende o ‘balcón da ría’ e aprezar en todo o seu esplendor o conxunto rupestre do Pornedo, iluminado con luz artificial.

Paneis informativos realizados por Cándido Martínez e Paulo Troitiño

Publicado por: MontePituco | 09/10/2021

DÍA EUROPEO DA ARTE RUPESTRE

Espectaculares fotografías nocturnas do experto en patrimonio da bisbarra morracense, Paulo Troitiño, no conxunto rupestre do Pornedo, en San Xián, nas que se aprecian os trazos abstractos e as armas gravadas neste xacemento. Unha vergoña e unha irresponsabilidade o pésimo estado no que se atopan actualmente estes Bens de Interese Cultural pola desidia do Concello de Marín e da Comunidade de DESmontes. A providencia dálle patrimonio a quen non o quere coidar.

9 de outubro, Día Europeo da Arte Rupestre

Publicado por: MontePituco | 27/09/2021

RUTA POLOS MONTES E MÁMOAS DO MORRAZO

Lagoa de Castiñeiras

Vanse cumplir 10 anos dende a creación da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, que xurdiu como reacción social contra o proxecto de instalación dun parque eólico en Pedras Negras. Unha década despois, os muíños de vento seguen ameazando o país, mais a Plataforma Montes do Morrazo continúa co seu labor reivindicativo e, sobre todo, divulgativo, dando a coñecer a importancia, ambiental, paisaxística e cultural da bisbarra. A primeira andaina do outono percorreu boa parte do territorio no que se atopan as mámoas catalogadas nas parroquias de San Martiño e Santa Cristina de Cobres no concello de Vilaboa, e mais San Tomé de Piñeiro e San Xián de Marín no municipio de Marín, enmarcadas en solo rústico de especial protección de espazos naturais, paisaxístico, de augas e patrimonial.

Chan de Castiñeiras ou da Castiñeira -fitónimo con clara referencia á antiga presenza do castiñeiro nesta contorna- está ubicada nunha penechaira a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar entre os altos de Castiñeiras, da Graña, de Outeiro dos Asubións e de Coto Redondo; acolle tamén o nacemento do rego de Castiñeiras, principal afluente do rego Lameira, cuxa desembocadura está na ría de Pontevedra, ao carón do núcleo urbano de Marín.

Conta con dous espazos: as brañas de Castiñeiras e a propia lagoa de Castiñeiras, integradas no Inventario de Zonas Húmidas de Galiza. Destacan pola presenza de flora de turbeira e específica de zonas húmidas e de fauna, tanto invertebrada como vertebrada, representando hábitats naturais prioritarios a nivel europeo, con especies de fauna e flora endémicas e vulnerables a nivel ibérico.

Contorna da lagoa de Castiñeiras

A lagoa, procedente dun intento inicial de aproveitamento hidráulico, é un espazo artificial construido a principios dos anos 40 do século pasado.  Dende aí comezou a creación do parque forestal circundante ata o alto de Coto Redondo, no marco da política repoboadora a nivel forestal que levou a cabo de xeito intensivo nos montes do Morrazo o goberno estatal da ditadura franquista. Esta iniciativa remontábase a un proxecto experimental realizado anteriormente na ditadura de Primo de Rivera, chegando con diversas aportacións ao longo do tempo ata o presente, sendo xestionado en principio polo Patrimonio Forestal do Estado, posteriormente polo ICONA e, a partir dos anos oitenta, co réxime democrático vixente, pola Xunta de Galiza a través da Consellería de Agricultura, Gandeiría e Montes e da Consellería de Medio Ambiente.

Desde mediados desta década pasada son as comunidades de monte veciñais en man común de San Tomé de Piñeiro e San Xián (Marín) e San Martiño e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) -copropietarias dos terreos- as que ostentan a xestión trala fin dos convenios que tiñan coa Administración autonómica.

O parque forestal destaca pola presenza, a nivel botánico, de aproximadamente medio cento de especies de árbores e arbustos dos cinco continentes (cipreses, cedros, tuias, alerces, abetos, araucarias, carballos americanos, liquidámbar, castiñeiros, bidueiros,…) xunto con outras especies naturalizadas como salgueiros e ameneiros do bosque de ribeira correspondente á conca alta do rego de Castiñeiras. No seu momento, ao carón da construción da lagoa, realizouse tamén un proxecto de cría de troitas, do que se conservan as instalacións das antigas presas pola canalización das augas procedentes dos mananciais naturais da zona húmida do lugar.

A nivel cultural e arqueolóxico destaca pola presenza prehistórica de nove mámoas megalíticas adscritas ao Neolítico: oito nomeadas como Chan de Castiñeiras e outra máis denominada mámoa de Pedralonga, esta última gravemente afectada pola construcción dunha estrada proxectada pola Xunta. Dúas delas, a Mámoa do Rei e a de Pedralonga, ademais de conservar boa parte da estrutura lítica do dolmen -principalmente a primeira desde que foi restaurada en 2003- están catalogadas como Ben de Interese Cultural (BIC) por conter gravados rupestres no interior dos esteos dos seus dólmenes.

Asemade, existe unha mámoa coa cámara tipo cista, de enterramento individual, de cronoloxía algo posterior. A maioría posúen cámara de enterramento con corredor de entrada; boa parte delas están sen a penas estrutura do seu dolmen, conservando as correspondentes fosas de delatación na base do túmulo, e a cronoloxía da súa construción está por riba dos 5.000 anos de antigüidade.

En fase histórica é de salientar que o lugar da Fonte de Castiñeiras serviu de referencia para o marco divisorio ou Cruz do Termo, onde se dividían -desde o Medievo e durante o Antigo Réxime- a antiga xurisdición de Marín a través do Couto do mosteiro de Oseira; a do Morrazo, á que pertencía a parroquia de San Tomé de Piñeiro; e a de Pontevedra, á que pertencía a parroquia de San Martiño de Vilaboa, xunto coa súa parroquia anexa de Santa Cristina de Cobres. En 1836, cando se constitúen os novos concellos constitucionais, as parroquias de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Tomé de Piñeiro e San Xián avíronse -tras séculos de conflitos polo aproveitamento dos recursos (predominio do monte e a roza, estivada e gandeiría extensiva sobre o uso forestal)- a un acordo notarial sobre a delimitación dos seus montes comunais, do que aínda se conservan de xeito renovado algunhas pedras fincadas coa funcionalidade de deslinde no terreo e marcadas a cadanseu lado coa letra inicial de cada parroquia, segundo a orientación da propiedade. 

Así mesmo, existe a Pedra do Corvo, onde unha gran coviña esculpida na rocha a golpe de pico e cincel nun pequeno outeiro con execlente panorámica sobre a Chan de Castiñeiras, deslindou no pasado as parroquias de San Martiño de Vilaboa e de Santa Cristina de Cobres.

Por outra banda, en Chan de Castiñeiras consérvanse os restos de antigas cortellas: pequenas cortes cos seus peches de pedra que tiñan a funcionalidade de acoller en séculos pasados o gando, principalmente cabras e ovellas. Nunha pequena elevación sobre o terreo consérvase o topónimo afín de Outeiro das Cortellas.

En Chan de Castiñeiras tamén se atopan gravados rupestres modernos realizados nas pedras ao longo do século pasado polo veciño marinense José Meijón.

A pouca distancia, no Río de Arcos, nun cruce de camiños dentro da conca alta do río de Campolongo, afluente do Río Maior cuxa desembocadura está na Zona de Especial Conservación (ZEC) da Enseada de San Simón, existe unha pedra fincada que fai a función de soporte dunha fonte. Trátase, en realidade, do esteo dunha mámoa, motivo polo que está inventariado como achado solto de Chan de Castiñeiras, onde probablemente se atope a súa ubicación orixinal.

Entre o Monte das Barreiras, orónimo referente á existencia de barro ou arxila que era usado antigamente para a construción e a fabricación de fornos, e A Cavada Grande, agrónimo referente ao vello costume de cavar ou cachar o terreo, na aba sur do alto de Coto Redondo, esténdese unha densa comunidade -única no Morrazo- de carrasca ou urce vermella: mato duns dous metros de altura  que pasa por ser un endemismo da metade occidental ibérica e noroeste africana, cuxa distribución morracense dase case exclusivamente nesta zona dentro da conca do rego de Campolongo.

Urce vermella (Erica australis)

Tamén é salientable a variada presenza doutras especies de matogueira (queirogas, carqueixas, toxos…) dentro do hábitat de interese comunitario da breixeira seca europea que acolle igualmente unha variada e interesante fauna vertebrada e invertebrada. Outros hábitats de interese comunitario existentes no lugar e por toda a contorna son as pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica e os rochedos silíceos con vexetación pioneira.

Nesas zonas de monte baixo e sen arborado, o Monte das Barreiras, a uns 375 metros sobre o nivel do mar, posúe por outra banda unhas espectaculares panorámicas da conca do val do Río Maior e da enseada de San Simón, coa illa homónima no fondo da ría de Vigo. A nivel forestal sobresaen as plantacións forestais con especies frondosas autóctonas, en especial de carballos e castiñeiros, xunto coa presenza naturalizada da sobreira que, nesta zona preto do cercano núcleo rural do mesmo nome na lindeira parroquia de San Adrián de Cobres, ten tamén unha das máis importantes dentro da súa distribución a nivel morracense, asociado coa carballeira termófila e bioindicador da influencia climática mediterránea no sur e occidente de Galiza.

Panorámica da Ría de Vigo dende o Monte das Barreiras

A ribeira alta do rego do Portiño, tamén chamada a nivel zonal como río de Miñotos, afluente do Río Maior, posúe unha incipiente e excelente carballeira salvaxe dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Entre o seu sotobosque distínguese a presenza do sanguiño e da pereira brava, que dá nome a algúns fitónimos na contorna.

Mámoa de Chan da Armada (foto, Paulo Troitiño)

A Chan da Armada e Outeiro de Ombra, entre os 375 e os 425 metros de altitude sobre o nivel do mar, no límite entre as parroquias de San Tomé de Piñeiro (Marín) e de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), acollen unha importante área arqueolóxica coa presenza de sete mámoas -cinco de Outeiro de Ombra e dúas de Chan de Armada- adscritas ao Neolítico. Destaca a presenza dunha das mámoas da Chan da Armada -nun estado de conservación moi deficiente- pola estrutura do seu dolmen e pola especificidade de que os seus esteos e pedra cobertora son de xisto, cando polo xeral soen ser de granito. A utilización de xisto na contrución da mámoa está relacionado co predominio da rocha metamórfica na zona, dentro do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. A zona próxima de Abadín sobresae tamén pola abundancia mineral de pedras de seixo, que mesmo dá nome ao lugar de Seixos de Abadín, dentro da microtoponimia a nivel local.

Na área da Chan da Armada tamén hai inventariados un xacemento e un achado solto adscritos ao Calcolítico, onde se atoparon cerámicas lisas e campaniformes cunha antigüidade duns 4.500 anos. Tamén se atoparon coitelos de silex, ao igual que nos enxovais funerarios dalgunhas das mámoas da contorna, polo que ao ser este material escaso ou praticamente inexistente no Morrazo, denota que xa desde tempos remotos existía un certo comercio das comunidades humanas locais co exterior. 

As mámoas de Chan de Castiñeiras, xunto coas de Chan de Armada e Outeiro de Ombra, forman parte da Ruta das Mámoas do Morrazo que, complementándose coas de Chan de Fonteseca, Lagucheiros e Chan de Arquiña, suman 20 mámoas e un percorrido de 7,7 quilómetros. Proxectouse por iniciativa institucional a mediados da década pasada con fondos europeos a través da Fundación Comarcal do Morrazo, coa participación das comunidades de montes de San Xián de Marín, San Tomé de Piñeiro, San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Adrián de Cobres, Meira e Domaio; os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña; e as Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura da Xunta de Galiza, mais non chegou a rematarse. Lamentablemente, dese proxecto de posta en valor só queda a plantación forestal de frondosas como adecuación ambiental na súa contorna e algunas intervencións puntuais e por separado nos xacementos, a cargo das comunidades de montes propietarias.

Panorámica da Ría de Pontevedra dende a Barreira do Redondo

Na Barreira do Redondo, situada na metade da ladeira norte do alto de Coto Redondo a uns 450 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre plantación mixta de especies forestais, destaca a presenza arbustiva do érbedo entre a matogueira. Neste punto admíranse unhas extraordinarias panorámicas dos Montes do Morrazo, coa Serra Domego e o alto de Coto do Home, o Monte Formigoso, Outeiro de Campolongo, Os Pedrouzos, Monte Penizas, Monte da Cova e Sobareiro, o val do rego Neibó-Loira, e a ría de Pontevedra co Salnés e as Illas Ons ao fondo.

As principais afeccións nas últimas décadas á contorna dos montes e mámoas do Morrazo, pertencentes aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Coto Redondo segundo o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e das antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, foron as cortas abusivas, a intensificación dos monocultivos forestais e a eucaliptización, a invasión das acacias, as verteduras de lixo e de entullos, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, a instalación de granxas de visóns e o abandono e degradación do patrimonio natural, forestal, cultural e arqueolóxico.

De cara ao futuro, as principais ameazas son a Área de Desenvolvemento Eólica que proxecta varias ubicacións alternativas de aeroxeradores polos cumes dos altos da Graña, Castiñeiras e Coto Redondo, máis a proximidade do parque eólico de Pedras Negras pola Serra Domego, xunto cod proxecto de investigación mineira denominada Miñán, non só para a extracción de granito ornamental senón tamén o de exploración para enerxía xeotérmica a nome de Caldelas.

En marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) que, co nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollese -segundo as antigas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra- os espazos naturais dos Montes do Morrazo que, xunto co de Coto Redondo, acollían a totalidade da contorna destes montes e mámoas do Morrazo, máis o do Carballal de Coiro e outros ampliables, por considerarse uns espazos naturais de alta importancia ambiental como corredor ecolóxico.

Por outra banda, a solicitude dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL) dirixida á Xunta de Galiza por parte do Concello de Marín co apoio das comunidades de montes de San Tomé de Piñeiro e de San Xián para o territorio marinense en torno ao parque forestal da lagoa de Castiñeiras, ademais de non corresponder cun verdadeiro espazo natural, queda escaso; para iso tería que acoller a parte correspondente ao concello de Vilaboa a través das comunidades de montes de San Martiño e de Santa Cristina de Cobres.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo é partidaria de que o ENIL fose moito máis amplo abranguendo os concellos de Marín, Vilaboa, Moaña e Pontevedra: así, enlazaría cun corredor ambiental e cultural formado polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños entre os montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xián a través da área patrimonial rupestre da Carrasca e Champás con Chan de Castiñeiras; e a través da Ruta das Mámoas do Morrazo coas áreas circundantes de As Cavadas, A Graña, Os Pedrouzos, Outeiro dos Asubións, Monte das Barreiras, Chan da Lagoa, Pedras Negras, Corno Pineda, Coto do Home, Faro de Domaio, Monte e Chan de Gagán e Monte Formigoso; para conectar finalmente a través das ribeiras altas coas concas naturais dos regos Cubela, Louriñas, Lameira, Loira, Trasmil, Río Maior, Miñouva, da Freixa, Barranco do Faro e da Fraga.

[Texto de Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo]

Publicado por: MontePituco | 19/06/2021

10º CABODANO: XAN MONTENEGRO, IN MEMORIAM

Flores do ‘balcón da ría’ para Xan Montenegro no seu 10º cabodano

Parece mentira que pasaran dez anos dende aquel día no que unha voz triste me anunciaba, dende o outro lado do teléfono, o pasamento de Xan Montenegro. Mais non morre quen, dende o primeiro día da súa ausencia, segue moi presente entre familiares, amizades e veciñanza que recoñecemos nel o exemplo do compromiso coa terra, coa cultura e cuns principios marcados pola xustiza e pola honestidade. Non puidemos aprender del nin afondar na súa peculiar personalidade todo o que nos tivera gustado a causa da súa prematura marcha, pero a semente que deixou en forma de loita, perseverancia e firmeza callou o suficiente como para ofrecerlle, unha década despois, o froito do traballo que fixemos na súa memoria, defendendo o seu ‘balcón da ría’: o Pornedo luce florido grazas a que o cemento, o asfalto e o formigón foron derrotados. Seguimos combatendo ilegalidades cometidas por parte de quen ten a responsabilidade de xestionar o monte veciñal con criterios alleos aos seus intereses, mais contamos co impulso de Xan para turrar con folgos por mil primaveras máis para o Pornedo.

Como cada ano, tamén nestes tempos de pandemia e máscaras, houbo flores, música, versos e cereixas para celebrar e agradecer o seu legado, ao carón do monumento co seu icónico chapeu e cos letreiros que, simbolicamente, seguen reivindicando un compromiso incumprido: que a estrada de San Xulián leve o nome de Xan Montenegro. Só a falta da ‘avoa’ Lucinda, que xa campa canda o seu fillo, ensombreceu este día griseiro. Ambos deixaron un ronsel de sabedoría que, abofé, nos seguirán inspirando para construírmos un monte, unha parroquia, unha vila e un mundo mellor.

Un ano máis, na memoria de Xan Montenegro e, en diante, tamén de Lucinda Villanueva
Publicado por: MontePituco | 11/08/2021

NUBES NEGRAS

Esta nube negra sobre o rural de Tomeza é o resultado dunha das moitas barricadas prendidas esta mañá polo persoal de Ence, unha empresa que, ademais de estar condenada por delicto ecolóxico continuado e de seguir contaminando a comarca de Pontevedra co seu impacto visual, cos seus cheiros e coas súas verteduras á ría, alenta a violencia e a polución na súa terca deriva agora que a Xustiza declarou ilegal a prórroga regalada polo PP de Mariano Rajoy.

En vez de esixirlle á dirección da fábrica o mantemento do emprego e da produción nunha ubicación alternativa, os traballadores atacan a cidadanía e o Goberno municipal, que o que fixo foi defender a legalidade, sendo avalada a súa actuación por unha sentenza que, non sendo firme, é abondo contundente.

Salvando todas as distancias, unha minoría dos habitantes da contorna do Monte Pornedo sabemos o que é ir contracorrente en aras da defensa do patrimonio, da natureza e da lexislación que os regulan; sabemos o que é demandar a unha Administración local e a unha poderosa Administración autonómica; sabemos o que é gañarlles con dictames inapelables; sabemos o que é aturar as insidiosas e covardes calumnias dos que ven prexudicados os seus intereses económicos e especulativos -disfrazados de demagóxicas promesas de prosperidade- cando ven esfumarse as posibilidades de construcción dun gorentoso polígono industrial; e sabemos da teima das Administracións por incumprir a súa obriga de acatar as sentenzas, algo do que tamén sabe moito a Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres.

Por iso cómpre rebelarse contra o despropósito, a irracionalidade e contra esta campaña chunga de imitación da loita obreira ao estilo do sector naval vigués e ferrolán, que non ten nada que ver en fondo, forma nin lexitimidade co que promove Ence a través destas protestas cargadas de moita agresividade e pouca razón.

A carta aberta da Asociación Pola Defensa da Ría aos comités de empresa é ben elocuente: http://www.apdr.info/wp/2021/08/11/carta-aberta-da-apdr-aos-comites-de-empresa-de-ence

Publicado por: MontePituco | 05/04/2021

MEIGH@S E PROPOLÍGON@S, FÓRA!

Capela de San Cibrán, en Tomeza (Pontevedra)

En tempos de pandemia hai que facer o esforzo -con todas as prevencións- de manter as tradicións para que non esmorezan. Como cada luns de Pascua, tocaba espantar o meigallo na capela de San Cibrán, no monte de Lusquiños pertencente ao val de Tomeza, botando sobre o tellado da ermida as nove pedriñas que manda o costume, unha por cada volta arredor do templo, disque, no sentido contrario ás agullas do reloxo.

De San Cibrán dise que é avogoso dos que practican a maxia boa, dos antigos ‘pastequeiros’ ou curandeiros dos maleficios e do mal de ollo; a el atribúeselle o famoso e cobizado ‘ciprianillo’ que contén rezos ou ensalmos, fórmulas máxicas e indicacións para atopar os tesouros que, durante séculos, levaron ao saqueo de numerosas mámoas e xacementos arqueolóxicos.

Enriba das tellas quedaron as nosas pedras de seixo branco, levadas dende o Monte Pornedo, para esconxurar as maldades dos inimigos do ‘balcón da ría’, que son poucos e covardes; que non foron quen de inundar todo o ‘balcón da ría’ con formigón e agora pretenden ir furando aos poucos cada recuncho con chafalladas… Meigos fóra, pro-polígonos fóra!

E de balcón a balcón, a visita a San Cibrán non pode rematar sen pasar polo seu miradoiro, que ofrece unha ampla panorámica que abrangue boa parte da cidade de Pontevedra, o val de Figueirido, a illa de Tambo e ata o Monte Pornedo! A elevación deste monte propiciou que fose un asentamento castrexo do que, lamentablemente, non parecen conservarse vestixios.

Coa pequena capela pechada a cal e canto e sen oportunidade de pasar tres veces -ou un múltiplo deste número que representa a Trinidade: Pai, Fillo e Espírito Santo- debaixo do santo, como mandaba o ritual; sen procesión e sen beizón dos ramos de herbas -malvarrosa, loureiro, ruda, romeu, olivo…- que se utilizaban para ‘limpar’ os fogares da negatividade, da envexa e dos maleficios; sen romaría, sen postos de rosquillas, sen música e sen baile… Unha sobria celebración de San Cibrán que -malia que xa non pasaba polos bos momentos de antano- agora agarda tempos mellores para seguir obrando milagres.

Publicado por: MontePituco | 27/03/2021

VISITA DA ESCOLA DE CONSERVACIÓN

O profesor Álvaro Arizaga co alumnado da Escola de Conservación e Restauración no miradoiro do Pornedo

O alumnado de 3º curso da Escola de Conservación e Restauración de Bens Arqueolóxicos de Galicia con sede en Pontevedra visitou esta semana o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o Monte Pornedo, tanto o miradoiro como os seus valiosos conxuntos rupestres. Acompañounos o xefe de estudos e profesor da Escola, o marinense Álvaro Arizaga, figura importante na defensa do patrimonio desta contorna fronte aos proxectos urbanísticos que a ameazaban.

Mágoa que estes futuros profesionais non puidesen aprezar os gravados rupestres nas mellores condicións que lles corresponde como Bens de Interese Cultural. Por desgraza, o desinterés e o desprezo tanto por parte dos propietarios dos terreos, a Comunidade de Montes de San Xulián cara ao mantemento destes vestixios prehistóricos, como do Concello de Marín pola súa desidia co patrimonio arqueolóxico do rural, conleva que non só estes estudantes, senón tamén os numerosos visitantes que se achegan ao monte nestes tempos de pandemia, marchen coa evidente impresión de abandono que presenta o milenario legado que atesoura este recuncho de Marín, aínda sendo a parroquia coa maior densidade de petróglifos.

Visita do alumnado da Escola de Conservación e Restauración ao conxunto rupestre do Pornedo

Mentres que a veciña Comunidade de Montes de Salcedo en Pontevedra atende con escrupuloso esmero a limpeza e a sinalización dos recursos arqueolóxicos inscritos no Espazo Sete Camiños dentro do seu ámbito territorial, San Xulián de Marín é a cara pésima da moeda; un lugar onde mozos e mozas que se forman como conservadoras e restauradoras teñen que aprender do que NON se debe facer.

Poderían ser uns magníficos aprendices do seu oficio formándose na investigación destes xacementos, deseñando proxectos de protección e posta en valor destes recursos a nivel cultural, educativo e turístico; non en van, o propio Arizaga ten ofrecido en numerosas ocasións o potencial humano desta recoñecida Escola en beneficio da sociedade marinense en xeral a través de convenios académicos que son unha práctica común e que achega beneficios ás partes implicadas: ao alumnado pola aprendizaxe e a posibilidade de mellorar a súa preparación, e á veciñanza polo resultado científico dos estudos realizados, a protección e a difusión do patrimonio. Sen embargo, nada se fai dende a Comunidade de Montes nin dende o Goberno Municipal. Unha mágoa e unha vergoña que, cunha Escola de prestixio tan preto, se estean facendo colaboracións en localidades máis lonxanas onde a aposta pola cultura é real; non de aparencia.

A visita do alumnado completouse na ruta das mámoas de Castiñeiras, con parada na Mámoa do Rei e nas cistas situadas nos arredores.

Grazas á dirección da Escola de Conservación e Restauración por organizar esta actividade e por achegarse ata o ‘balcón da ría’.

Publicado por: MontePituco | 21/03/2021

POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO

Coincidindo co Día da Árbore, a Plataforma Por un Monte Galego con Futuro organizou concentracións nunha vintena de vilas e cidades do país. No caso de Pontevedra, a protesta -que estivo encabezada por integrantes da Asociación pola Defensa da Ría e da Mancomunidade de Montes de Pontevedra- enfocouse contra a presenza de Ence en Lourizán. Os asistentes portaron carteis co lema “Fóra da ría, xa!”

Manifesto lido polo vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría e presidente da Federación Ecoloxista Galega, Benito Andrade

Preto de 60 organizacións ambientais galegas asinaron un documento rexeitando integramente a primeira revisión do Plano Forestal de Galiza, tanto a versión exposta a información pública (2018) como a presentada actualmente (2021) no Consello Forestal de Galiza, con vistas a ser aprobado no primeiro trimestre do ano. Tamén reclaman a súa anulación e a elaboración dunha nova planificación do monte a partir do Inventario Forestal Galego (aínda en elaboración) e seguindo como principios reitores a necesidade de afrontar a emerxencia climática, a preservación da diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos do monte, o aumento significativo do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos e a sustentabilidade económica e social.

O anuncio da moratoria por parte do goberno galego prodúcese escasas horas despois de aprobar un novo Plano Forestal Galego, que significa o recoñecemento do grave problema económico e ambiental que ten Galiza polo monocultivo do eucalipto. Mais con todo, estas entidades denuncian que non ten valor ningún xa que non se estableceron as medidas específicas para aplicala de maneira efectiva mediante un reforzamento das medidas de control e vixilancia, impedindo, como está sucedendo, novas plantacións de eucalipto.

Pola contra, está a xerar un “efecto chamada” polo cal, desde o seu anuncio, estanse a intensificar as novas plantacións -legais e ilegais- con esta especie. Por outro lado, a moratoria sería só a primeira medida necesaria. No desenvolvemento do Inventario Forestal Galego, a Xunta debera identificar e cuantifiar aquela superfice do monte galego que foi ocupada ilegalmente con eucalipto e cuxa vocación orixinal debe ser reparada o antes posible.

As razóns polas que rexeitan este Plano Forestal e demandan a súa anulación imediata son:

1. Fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego a partir dun inventario forestal irreal e desfasado (datos de 2009), que descoñece a superficie de partida do Eucaliptus globulus e do Eucaliptus nitens. A primeira revisión do Plan Forestal debería partir da actualización do Inventario Galego Forestal.

2. Carece de consenso social. Na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.

3. Responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado poñendo a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais, e deixando de lado o interese público e xeral e a necesidade de manter unha reserva ecolóxica de hábitats naturais polo seu valor ecosistémico.

4. Fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de metros cúbicos de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de metros cúbicos de cortas/ano.

5. Propón aumentar aínda máis a superficie ocupada por eucalipto Eucaliptus nitens, pese a ter rebasado xa en máis do dobre as previsións para 2030, e en detrimento das masas forestais autóctonas que apenas sufrirán incremento nos vindeiros 20 anos.

6. Promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 hectáreas destes terreos.

7. Favorece a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático e desvía investimentos destinados a fin de conservación e servizos ambientais para fins produtivistas.

8. Potencia a proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios. Non formula solucións para as causas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.

9. Agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte.

10. Alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís.

Publicado por: MontePituco | 20/03/2021

PRIMAVERA COMBATIVA

Correo electrónico enviado á Comunidade de Montes de San Xulián reiterando a solicitude do proxecto do depósito de auga

Estreamos a primavera de xeito combativo, anunciando medidas contra a Comunidade de Montes de San Xulián pola construcción dun depósito de auga no Monte Pornedo que non conta coa aprobación da veciñanza dos núcleos de poboación máis próximos, A Pena e O Caeiro. Incumprindo o seu compromiso verbal -proba, unha vez máis, de que os principais responsables da Comunidade actúan de xeito unilateral, MENTINDO e ocultando información-, foi imposible ter acceso ao proxecto da obra: non só ao que tiñan previsto executar en principio, causando unha afección irreversible ao Regato das Presas, de onde pretendían obter a auga, senón tamén ao proxecto que finalmente se está realizando nunha ubicación próxima pero da que as veciñas e veciños descoñecen a orixe da captación.

Ante o REXEITAMENTO rotundo da proposta inicial que foi presentada dun xeito inaceptable, vindo dunha organización que pretenda considerarse ‘seria’, a directiva da Comunidade non volveu convocar ningunha outra xuntanza para presentar unha alternativa. Esta semana descubrimos con indignación o inicio duns traballos que carecen das garantías básicas, comezando pola falta de transparencia coas persoas interesadas que, de forma lexítima, esixen ser informadas e discrepan con argumentos das decisións interesadas que adopta a directiva de costas aos comuneiros e comuneiras.

Os cartos son o único impulso que move a Comunidade de (des)Montes: a urxencia por xustificar unha subvención prevalece sobre o dereitos da veciñanza, ENGANADA con frases do estilo: “se non estades de acordo, se ides denunciar a obra, non se fai”.

Cómpre reclamar, pois, a PARALIZACIÓN inmediata destes traballos que, en caso de continuar, levarán a emprender as accións legais que correspondan.

Publicado por: MontePituco | 24/12/2020

BO NADAL 2020

Feliz solsticio de inverno que o vindeiro 2021 nos traia azos para seguir traballando a prol da natureza e da paisaxe, da historia, do patrimonio e da cultura.

Dende o ‘balcón da ría’, Boas Festas!

Publicado por: MontePituco | 28/11/2020

A EXPO DO PORNEDO, NO DIARIO

Reportaxe de Agustín Durán e David Freire no Diario de Pontevedra

Homenaxe á defensa do Monte Pituco

O Museo Torres acolleu nas dúas últimas semanas a exposición titulada “10 anos na defensa do Pornedo”, cuxos últimos días para visitala son hoxe e mañá en horario matinal. Consta de case 60 pezas entre fotografías, ilustracións, cerámicas e arte en pedra inspiradas na paisaxe e na riqueza cultural desa contorna natural.

Este domingo finaliza a exposición “10 anos na defensa do Pornedo”, que centrou as actividades das IV Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián organizadas polo Colectivo Monte Pituco co apoio da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. A mostra, con preto de 60 pezas entre fotografías, creacións artísticas e elementos da natureza procedentes do ‘balcón da ría’, está aberta ao público este fin de semana de 11 a 14 horas no Museo Manuel Torres de Marín.

A exposición -coa charla complementaria que o Colectivo Monte Pituco ofreceu a través da súa canle en Instagram- ten o obxectivo de dar a coñecer a riqueza histórica, cultural e natural de San Xián, a parroquia marinense coa maior densidade e variedade de xacementos arqueolóxicos. Lonxe do aprezo social e institucional que merecen pola súa importancia, os petróglifos, as mámoas e os vestixios de asentamentos primitivos documentados en San Xián están nunha situación de absoluto abandono e en serio risco de desaparecer polo deterioro progresivo destes recursos e polas agresións que reciben debido á falta de sinalización e de concienciación.

Precisamente, a raíz dunha destas agresións no conxunto rupestre da Carrasca a finais de 2016, o colectivo Monte Pituco foi unha das entidades sociais que, a comezos de 2017, demandou a posta en marcha dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico eficiente e de calidade, con medidas concretas, prazos de execución e contando coa participación e co asesoramento das asociacións culturais, de defensa do patrimonio e dos expertos nesta materia a nivel local e comarcal. Dende entón, o Plan de Protección que foi aprobado nuns termos mínimos e claramente insuficientes para as numerosas e urxentes necesidades que presenta o patrimonio marinense, brilla pola súa ausencia.

Pelagartos, en San Xián

Un dos puntos da parroquia de San Xián onde cómpre realizar unha actuación que bote luz sobre a súa relevancia arqueolóxica é Pelagartos, onde está documentada a localización dun muíño navicular, de varios petróglifos no propio lugar de Pelagartos, en Briasco e na Carballeira do Rei, ademais de testemuños orais dunha antiga lenda sobre unha moura recollidos por Ramón Sobrino e Félix Massó.

Trátase dunha zona onde, ademais, o investigador Antonio Costa localizou en 2017 restos de materiais cerámicos que remiten á existencia dun antigo asentamento.

A este patrimonio material e inmaterial súmase unha nova estación de arte rupestre localizada neste 2020 polo especialista en patrimonio natural e arqueolóxico Paulo Troitiño, que será catalogada como “Cachada do Cura”. Foi posible coas pescudas de María López nas notas do diario persoal de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, con data do 21 de xuño de 1953 publicadas por Ángel Núñez Sobrino.

Os gravados descubertos representan cazoletas ou coviñas de distintos tamaños e pequenas combinacións de círculos con coviña central, mais cabe a posibilidade de que se trate dun petróglifo distinto ao referido por Ramón Sobrino, que estaba descrito como unha “pedra cunha ringleira de cazoletas”.

Por tanto, queda moito por estudar arredor da riqueza patrimonial de San Xián para coñecer mellor a historia local e os alicerces da vila de Marín.

Publicado por: MontePituco | 26/11/2020

UN MONTE PARA ENMARCAR

Reportaxe de Fernando Martínez, en Faro de Vigo (ed. Pontevedra)

Últimos días para visitar a exposición 10 ANOS NA DEFENSA DO PORNEDO, no Museo Torres de Marín ata este domingo 29 de novembro. Un monte de museo: creacións artísticas, fotografías da biodiversidade, da paisaxe e do patrimonio da zona, elementos da natureza… “Un monte para enmarcar”!

Publicado por: MontePituco | 24/11/2020

COLECTIVOS CONTRA A URBANIZACIÓN DO CASTRO DA SUBIDÁ

As asociacións Irmandade Illa de Tambo, Umia Vivo, A Forneiriña, AnovaTerra, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e o Colectivo Monte Pituco rexeitamos as obras de “restauración e musealización” que se están realizando no castro da Subidá impulsadas pola Deputación de Pontevedra e polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, coa colaboración do Concello de Marín e co aval de Patrimonio da Xunta. Trátase dunha actuación prexudicial e agresiva para este xacemento castrexo polo movemento de terras e a instalación de mobiliario urbano sen garantías para a conservación das estruturas primitivas e dos gravados rupestres que as rodean, ademais de deturpar completamente a esencia do espazo natural no que se insire.

As entidades sociais, culturais e ambientais que denunciamos a urbanización do castro da Subidá esiximos a paralización inmediata das obras, que se anulen as autorizacións deses traballos así como do proxecto “Obras de restauración e musealización dos xacementos galaico-romanos de Pontevedra: trazas de Pontevedra (fase 1)” que, xunto coa Subidá, Toiriz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía), tamén afectará nun segundo lote os castros da Lanzada (Sanxenxo), Penalba (Campo Lameiro), Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Adro Vello (O Grove), Alto dos Cubos (Tui), Cruz do Castro (Cotobade) e nunha terceira etapa os castros de Taboadexa (As Neves), Troña (Ponteareas), Trega (A Guarda), O Facho (Cangas), Cabeciña (Oia) e Castrolandín (Cuntis), suspendendo as tramitacións en curso.

Tamén reclamamos que o Ministerio modifique os proxectos de musealización presentados e que os someta á sinatura preceptiva dunha dirección arqueolóxica, en cumprimento do Decreto 199/1997 que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Actualmente o estado do castro da Subidá é moi preocupante, como alertan profesionais da arqueoloxía e expertos en patrimonio local e comarcal, pola transformación do espazo inmediato que rodea os restos arqueolóxicos en espazos de lecer de dubidosa utilidade coa instalación de bloques de pedra serrada a modo de bancos e lousas que pavimentan parcial e arbitrariamente o chan; tamén pola construción de zapatas de formigón ao carón dos xacementos que, ademais, están sendo utilizados como depósitos de material de obra; e ademais, pola retirada de pedras e terra sen que haxa garantías de que se están salvagardando os abundantes restos cerámicos que previsiblemente forman parte do terreo. Outro aspecto cuestionable deste investimento -cuxa primeira fase foi adxudicada á empresa murciana “Patrimonio Inteligente” por importe de 519.864,11 euros- é a plantación de especies de xardinería ornamental e exótica como “tradescantia purpurea”, “agapanthus africanus” e “paniculata” nun monte de carballeira natural.

O rexeitamento á urbanización do castro da Subidá vén precedido das queixas xurdidas entre a veciñanza de Silleda a conta dunhas obras similares realizadas no poboado castrexo de Toiriz, onde a instalación de mobiliario urbano para a creación dunha zona lúdica supuxo a realización de escavacións a unha profundidade considerable que atenta contra os valores arqueolóxicos e patrimoniais deste enclave pola presenza de restos de materiais cerámicos. Por este motivo, unha campaña na plataforma Change.org xa suma nos últimos días máis de 1.200 sinaturas contra o proxecto.

No caso de Marín, o malestar das entidades que criticamos esta iniciativa acentúase polo mal estado no que se atopa a inmensa maioría do patrimonio arqueolóxico catalogado neste termo municipal en territorios de gran valor paisaxístico, natural, forestal, rural e agrario. Precisamente, a parroquia de San Xián, á que pertence o lugar onde se están realizando as obras de musealización do castro, é a zona coa maior densidade de gravados rupestres que se atopan nunha situación de absoluto abandono, ademais de ter sufrido agresións pola ausencia de sinalización e a falta de mantemento dos xacementos.

Mentres que o Concello de Marín unicamente se ocupa da promoción dos petróglifos de Mogor, esta nova actuación na Subidá é susceptible de incidir na degradación deste patrimonio pola urbanización e posterior masificación humana, no deterioro dos recursos arqueolóxicos e na alteración medioambiental da contorna, tendo en conta ademais que o escavado na actualidade non chega a un 5% do castro e que, segundo o PXOM de Marín, só está protexido patrimonialmente unha mínima parte na zona alta, xa que o resto, compartido entre as parroquias de San Xián e de Mogor,  está clasificado como solo forestal.

Publicado por: MontePituco | 22/11/2020

CHAFALLADA NO CASTRO DA SUBIDÁ

A contorna das estruturas habitacionais está sendo urbanizada con muros, bancos de pedra serrada e planchas no chan dispostas de forma arbitraria

Moita atención á desfeita que se está consumando no castro da Subidá! Esta actuación, que forma parte dun plan de musealización -máis ben de urbanización- de 17 xacementos castrexos na provincia impulsado pola Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, vén de causar moita polémica en Toiriz (Silleda) e Alobre (Vilagarcía).

Ligazón á campaña de recollida de sinaturas premendo na imaxe

En Marín as obras tamén avanzan coa mesma feitura que, por riba, está provocando unha homoxeneización (anti)estética dos xacementos castrexos, privándoos de cadansúa fisonomía orixinal: bloques de pedra serrada deitados arbitrariamente na terra formando un sendeiro innecesario, construcción de muros e terrazas ao longo da ladeira, bases de formigón a escasa distancia de gravados rupestres e das propias estruturas habitacionais… e o máis sorprendente: o proxecto inclúe a plantación de especies de xardinería ornamental que non pintan nada nun monte de carballeira galega natural.

Este proxecto está xerando moito malestar entre a veciñanza, mesmo co rexeitamento de profesionais da arqueoloxía razoablemente alarmados polo que consideran unha aberración: gastar recursos na urbanización dun xacemento tan importante que o único que necesitaba era mantemento e financiación de futuras campañas de excavación para seguir botando luz sobre a historia de Marín…

Como habitantes de San Xián, parroquia á que pertence a zona na que se están desenvolvendo as obras, Defende o Monte Pituco reclama a paralización deste despropósito e a reformulación do proxecto en termos sensatos que non deturpen a esencia deste espazo natural e patrimonial situado visualmente enfronte do Pornedo. Cabe preguntarse onde están os partidos políticos deste pobo, silenciosos e inmóbiles, sen reaccionar ante semellante chafallada pola súa complicidade coas siglas que gobernan no Goberno central, na Xunta, na Deputación e no Concello.

Planchas dun tipo de pedra que nada ten que ver coa xeoloxía da contorna, gravadas con palabras que non veñen a conto… Que ridículo proxecto é este?!
Nun contedor de obra deposítanse todo tipo de materiais, incluídas pedras das que se descoñece se cumprirían algunha función no ámbito do castro. Que criterio rexe estes traballos, que control arqueolóxico se está realizando nestas obras?

[Fotografías de María López]

Publicado por: MontePituco | 19/11/2020

CHARLA ’10 ANOS NA DEFENSA DO PORNEDO’

Dende a sala de exposicións do Museo Torres de Marín, a partir das 20h, retransmisión da charla “10 anos na defensa do Pornedo” a través do Instagram Directo obalcondaria.

No Museo Torres pódese visitar ata o 29 de novembro a exposición de fotografías, creacións artísticas e elementos da natureza co lema “10 anos na defensa do Pornedo”. Esta iniciativa forma parte das ‘IV Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’, que continuarán este venres cunha charla que se retransmitirá a partir das 20h a través da conta de Instagram obalcondaria. Porque a pesar da pandemia seguimos apostando pola ‘Cultura segura’ e reivindicando a necesidade de velar pola conservación do legado histórico-cultural -tan sensible a todo tipo de ameazas-, neste Día do Patrimonio queremos abrir unha fiestra a esta sala, especialmente para quen as restriccións de mobilidade motivadas pola pandemia lle impiden desprazarse ata Marín. Grazas por acompañarnos e, se tedes a oportunidade, non deixedes de visitarnos e compartirnos as vosas impresións. Vémonos no ‘balcón da ría’!

Older Posts »

Categorías