Publicado por: MontePituco | 21/12/2016

AGRESIÓN DENUNCIABLE NUN DOS PETROGLIFOS DA CARRASCA

O pasado mes de outubro a Asociación Monte Pituco manifestou nesta modesta bitácora a súa rotunda e enérxica protesta contra unha actuación que estivo a piques de supoñer a destrucción do conxunto rupestre nº1 do Pornedo: unha máquina desbrozadora actuara nas dúas marxes do sendeiro que comunica a pista forestal do Pituco co miradoiro, pasando a carón deste gravado arqueolóxico da Idade do Bronce catalogado como Ben de Interese Cultural, e un dos máis representativos -combina na mesma laxe combinacións circulares e representacións de armas- e mellor conservados da contorna.

dsc_0074

Esta Asociación está en condicións de afirmar que a responsabilidade deses traballos de desbroce recaiu na Comunidade de Montes de San Xulián. Tras interpelar a un dos representantes da Comunidade sobre o dano irreversible que estivera a piques de afectar aos petroglifos de Pornedo, este directivo non só confirmou que a Comunidade de Montes estaba acometendo un plan desbroces por pistas e camiños de titularidade comunal, senón que calificou de “DESPISTE” -palabra textual- o risco ao que estivera exposto este xacemento arqueolóxico.

Lonxe de recoñecer o erro garrafal cometido, lonxe de manifestar algún tipo de mágoa ou pesar polo dano irreparable que se lle puidera ter inflixido a estes gravados ante a ausencia de control técnico e arqueolóxico, ante a falta de supervisión por parte da Comunidade de Montes, ante a inexistencia de sinalización previa dos elementos protexidos pola Lei de Patrimonio de Galicia dos que no monte veciñal de San Xulián hai numerosos casos -non en van é a parroquia con maior densidade de xacementos arqueolóxicos-, este representante da Comunidade de Montes argumentou que a rede de pistas e sendeiros da Comunidade suma mooooitos quilómetros.  

Dita afirmación denota unha primeira, aplastante e decepcionante conclusión, non por iso menos coñecida de antemán: a directiva da Comunidade de Montes de San Xulián DESCOÑECE a ubicación dos xacementos arqueolóxicos que hai en chan comunal, baixo a súa responsabilidade, pois, como titulares do terreo. Xacementos arqueolóxicos que ten a obriga legal de conservar e de protexer. Xacementos arqueolóxicos, algúns deles -o conxunto rupestre do Pornedo é un caso significativo- que, por riba, forman parte do Espazo Sete Camiños, inaugurado en xuño de 2015, o que supón que no seu día foi adecentado, sinalizado e recollido nunha guía informativa, tanto en formato impreso como dixital.

Segunda conclusión, que a Comunidade de Montes de San Xulián, por acción ou omisión, por desinterese ou desidia, é a INIMIGA do seu propio patrimonio histórico-cultural.

Semellante crítica, que abofé a directiva da Comunidade vai tomar como un furibundo ataque, por máis que non se fai outra cousa que constatar uns feitos obxectivos e documentados graficamente, podería quedar nun ‘aviso a navegantes’, nunha seria chamada de atención para tratar de evitar que nunha futura campaña de desbroce de vías se volveran reproducir estes graves descoidos.

…Pero xa hai constancia de DANOS nun petroglifo catalogado; concretamente, no grupo número 5 do conxunto rupestre da Carrasca. A laxe afectada atópase ao carón dun camiño, como no caso dos gravados do Pornedo pero, neste caso, as engranaxes da máquina desbrozadora provocaron unha raspadura ben visible na superficie da rocha, ademais de romper outros penedos soltos de pequeno tamaño situados no extremo da laxe, ciscando os seus gránulos sobre o gravado rupestre.

Trátase ademais dun petroglifo senlleiro porque é un dos poucos -apenas dous casos coñecidos no Concello- onde o marinense José Meijón interviu co seu punteiro metálico enriba do xacemento, marcando nun lateral a palabra “muerte”.

Máis que unha agresión, un DELITO.

…E que se fai cos delitos?

20161211_165513

20161211_165522

20161211_165539

20161211_165552

20161211_170332

20161211_170356


Respostas

  1. […] na mesma zona da Carrasca onde xa hai catalogados como BIC outros seis xacementos arqueolóxicos. Un deles -o conxunto número 5- resultou agredido a finais do pasado ano como consecuencia duns traballos de desbroce encargados pola Comunidade de Montes de San Xulián […]

  2. […] visitados foi o grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca que, a finais de 2016, resultou afectado por uns traballos de desbroce realizados sen supervisión arqueolóxica por encargo da Comunidade de Montes de San Xián, que foi […]


Deixar un comentario

Categorías