
Este domingo finaliza a exposición “10 anos na defensa do Pornedo”, que centrou as actividades das IV Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián organizadas polo Colectivo Monte Pituco co apoio da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo. A mostra, con preto de 60 pezas entre fotografías, creacións artísticas e elementos da natureza procedentes do ‘balcón da ría’, está aberta ao público este fin de semana de 11 a 14 horas no Museo Manuel Torres de Marín.
A exposición -coa charla complementaria que o Colectivo Monte Pituco ofreceu a través da súa canle en Instagram- ten o obxectivo de dar a coñecer a riqueza histórica, cultural e natural de San Xián, a parroquia marinense coa maior densidade e variedade de xacementos arqueolóxicos. Lonxe do aprezo social e institucional que merecen pola súa importancia, os petróglifos, as mámoas e os vestixios de asentamentos primitivos documentados en San Xián están nunha situación de absoluto abandono e en serio risco de desaparecer polo deterioro progresivo destes recursos e polas agresións que reciben debido á falta de sinalización e de concienciación.
Precisamente, a raíz dunha destas agresións no conxunto rupestre da Carrasca a finais de 2016, o colectivo Monte Pituco foi unha das entidades sociais que, a comezos de 2017, demandou a posta en marcha dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico eficiente e de calidade, con medidas concretas, prazos de execución e contando coa participación e co asesoramento das asociacións culturais, de defensa do patrimonio e dos expertos nesta materia a nivel local e comarcal. Dende entón, o Plan de Protección que foi aprobado nuns termos mínimos e claramente insuficientes para as numerosas e urxentes necesidades que presenta o patrimonio marinense, brilla pola súa ausencia.

Un dos puntos da parroquia de San Xián onde cómpre realizar unha actuación que bote luz sobre a súa relevancia arqueolóxica é Pelagartos, onde está documentada a localización dun muíño navicular, de varios petróglifos no propio lugar de Pelagartos, en Briasco e na Carballeira do Rei, ademais de testemuños orais dunha antiga lenda sobre unha moura recollidos por Ramón Sobrino e Félix Massó.
Trátase dunha zona onde, ademais, o investigador Antonio Costa localizou en 2017 restos de materiais cerámicos que remiten á existencia dun antigo asentamento.

A este patrimonio material e inmaterial súmase unha nova estación de arte rupestre localizada neste 2020 polo especialista en patrimonio natural e arqueolóxico Paulo Troitiño, que será catalogada como “Cachada do Cura”. Foi posible coas pescudas de María López nas notas do diario persoal de Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza, con data do 21 de xuño de 1953 publicadas por Ángel Núñez Sobrino.
Os gravados descubertos representan cazoletas ou coviñas de distintos tamaños e pequenas combinacións de círculos con coviña central, mais cabe a posibilidade de que se trate dun petróglifo distinto ao referido por Ramón Sobrino, que estaba descrito como unha “pedra cunha ringleira de cazoletas”.
Por tanto, queda moito por estudar arredor da riqueza patrimonial de San Xián para coñecer mellor a historia local e os alicerces da vila de Marín.
Deixar unha resposta