Arte Rupestre

Neste apartado dáse conta do valioso patrimonio rupestre que se atopa nesta zona ameazada pola construcción do polígono industrial que proxecta o Concello de Marín e para o que procura a complicidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Xulián como propietaria dos terreos, e da Xunta, como responsable da financiación.

A seguinte relación de elementos arqueolóxicos forma parte do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños; unha iniciativa impulsada polo arqueólogo Lukas Santiago (autor das fotografías que ilustran este artigo) co apoio dunha vintena de colectivos, entre os que figura DEFENDE O MONTE PITUCO (PORNEDO).

Máis información sobre o Espazo Natural e Arqueolóxicos dos Sete Camiños na páxina web: www.espazosetecaminhos.tk

Os elementos enumerados cos números 1, 2, 3, 13, 14, 15 e 16 están na parte pertencente ao Concello de Marín e aos montes de San Xulián e teñen a seguinte correspondencia:

1.- Área Recreativa do Pornedo

2.- Complexo Rupestre de Piñeiral de Caeiro

3.- Petroglifos de Sete Camiños

13.- Complexo Rupestre de Pornedo

14.- Gravados de Pepito Meijón

15.- Miradoiro de Pornedo (ver o apartado denominado Paisaxe)

16.- Complexo Rupestre da Carrasca

ÁREA RECREATIVA DO PORNEDO

Fíxose a raíz da construcción da Variante de Marín, por un acordo coa Comunidade de Montes de San Xulián. Está totalmente desaproveitada, xa que non se utilizada para o fin que motivou a súa creación. Actualmente o mobiliario instalado está nun pésimo estado de conservación a causa dos ataques vandálicos e na zona proliferan os verquidos incontrolados, sen que a Comunidade de Montes nin o Concello de Marín se fagan cargo do mantemento da zona malia os requerimentos veciñais. A creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños daríalle un sentido e unha función a esta área recreativa. Desgrazadamente, pola desidia da Administración e o consentimento da Comunidade de Montes, as obras desta área recreativa supuxeron a desaparición dunha rocha que contiña petroglifos -círculos concéntricos- que aínda non estaban catalogados, mais si localizados, e que quedaron aterrados.

(Imaxe correspondente ao estado inicial do lugar tralo seu acondicionamento)

(Estado actual da zona, a causa das accións vandálicas e da deixadez da Comunidade de Montes no mantemento).

COMPLEXO RUPESTRE DE PIÑEIRAL DE CAEIRO

Catalogados co código GA36026015. Son dúas rochas moi próximas entre si, coa seguinte descrición:

• Grupo I: Coñecido popularmente como “o ciclista”, atópase nun pequeno repeito de pendente, sobre unha rocha plana que foi tallada por traballos de canteiría de antano. Presenta dúas combinacións de círculos concéntricos con cazoleta central e apéndice e unha espiral, unidos por trazos. Os sucos están erosionados e nalgúns puntos o gravado foi repiqueteado recentemente.

• Grupo II: Atópase sobre un afloramento granítico a ras do chan e parcialmente cuberto de terra, a 2 metros ao SE do Grupo I. O motivo representado é un círculo concéntrico ou ben unha espiral a esquerdas con cazoleta central e con motivos radiais na súa parte externa.

A variante fixo que estes petroglifos quedaran aillados dos demais que conforman o Espazo. Para que a zona quedara conectada co conxunto, sería oportuno instalar un paso elevado.

Petroglifo catalogado de Pinal de Caeiro. (Foto, Juan Carlos Epifanio).

PETROGLIFOS DE SETE CAMIÑOS

Catalogado co código GA36026036. Os gravados emprázanse no cadrante SE da rocha, que ten unha superficie irregular e unha inclinación motivada pola pendente natural da ladeira. Hai presenza de diaclasas e restos de acción antrópica (extracción de pedra). Trátase se varias representacións de perfil esquemático de cuadrúpedos e un círculo con cazoleta central. Consta polo menos de 6 figuras zoomorfas, aínda que semella suxerirse algunha representación máis. Todas están orientadas ao Norte. Os sucos, que se atopan erosionados, presentan unha sección en forma de U bastante aberta. Este gravado, atopado en 2003, é moi interesante porque nesta zona, e máis concretamente no Concello de Marín, hai moi poucas representacións naturalistas, sendo a gran maioría representacións xeométricas, polo que se trata dun dos poucos exemplos de zoomorfos da zona. 

COMPLEXO RUPESTRE DO PORNEDO

Catalogado co código GA36026012. Estes petroglifos están preto á liña divisoria entre os concellos de Marín e Pontevedra, nunha zona con afloramentos graníticos e cunha gran cantidade de canteiría abandoada. O repertorio está composto por combinacións circulares con cazoleta central e apéndice, trazos circulares e trazos soltos.

GRAVADOS DE PEPITO MEIJÓN

José Meijón forma parte da Historia recente de Marín, aínda que a súa figura non apareza nos libros oficiais. Segundo testemuñas orais, a súa familia padeceu as consecuencias da Guerra Civil, algo que nunca superou e marcou a súa saúde mental. No concello abundan os seus gravados, moitos dos cales fan referencia ao franquismo e reflicten o seu drama persoal. Outros son palabras, ideas ou conceptos. Neste caso trátase dunha representación de carácter naturalista: unha especie de cabeza ou escudo, que é un dos seus recursos máis típicos. Algúns expertos defenden que os seus gravados sexan catalogados e protexidos, como parte do noso Patrimonio Cultural.

COMPLEXO RUPESTRE DA CARRASCA

Catalogado co código GA36026013. Non está inscrito na área do Espazo Sete Camiños, mais sería un dos nexos de unión coa Lagoa de Castiñeiras, coa que conectaría mediante a creación dun sendeiro. Este complexo rupestre componse de cinco grupos ou estacións: 

• Grupo I: Composto por varias combinacións de círculos concéntricos con cazoletas no interior, e círculos sinxelos, interrelacionados por trazos sinuosos ou pedúnculos que se alongan ata chegar ao seguinte motivo. No seu flanco oriental, o petroglifo atópase alterado parcialmente por un gravado moderno, da autoría de Pepito Meijón, que afecta en parte aos motivos orixinais. No occidental, un segundo gravado seu, coa palabra “muerte” en grandes caracteres, afecta a un círculo concéntrico. É o único caso no que Meijón interviu sobre gravados prehistóricos, xa que sempre os respectaba. 

• Grupo II: Componse de numerosas cazoletas de diversos tamaños, un círculo concéntrico con cazoleta central e diversos trazos soltos. 

• Grupo III: Composto por unha combinación de cinco círculos concéntricos con cazoleta central, pedúnculo e dous radios, ao que se asocia lateralmente unha agrupación de cazoletas. A superficie restante atópase cuberta por longos trazos transversais acompañados de cazoletas soltas. 

• Grupo IV: Está composto por dous subgrupos. No subgrupo Norte hai combinacións circulares con cazoleta central e trazos soltos, dispostas nas irregularidades da rocha. E no subgrupo Sur hai dúas laxes: unha primeira presenta un círculo concéntrico, máis outros dous incompletos, trazos curvilíneos que se entrelazan en torno a cazoletas, dúas pías de orixe natural, e destaca a presenza dun zoomorfo (cérvido), do que se tomou a súa figura como imaxe representativa do Espazo Sete Camiños; a segunda laxe presenta dúas combinacións circulares con apéndices radiais e un círculo con cazoleta central incompleto. 

• Grupo V: Composto por un suposto motivo figurado zoomorfo, moi esquemático (cervo, cabra) e varios grupos de cazoletas. Malia que a rocha foi cortada hai tempo pola acción dos canteiros, consérvanse dous restos de círculos.

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

Petroglifos da Carrasca, en San Xulián (Marín).

* Os profesionais da Arqueoloxía que apoia a creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños son: Álvaro Arizaga Castro – Xurxo Ayán Vila – Noemí Calvo Valcárcel – Manuel Antonio Franco – Leonardo González Pérez – Diego Piay Augusto – Otilia Prado Fernández.

* Tamén se foron sumando colectivos a prol da posta en marcha desta iniciativa: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lourizán – Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Salcedo – Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Martiño de Vilaboa – Asociación de Veciños Estriceres de Lourizán – Asociación de Veciños San Andrés de Estribela – Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta de Salcedo – Asociación de Veciños de San Xulián – Asociación de Veciños de Postemirón/A Graña – Plataforma en Defensa da Praza dos PraceresPlataforma Defende O Monte Pituco (Pornedo)Asociación Pola Defensa da RíaAsociación VaipoloríoAsociación Cultural Almuinha – Asociación Cultural A Pedra Floxám – Asociación Cultural RonselAsociación Cultural Os ChichisosGrupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca – Associaçcom Amigos da Cultura – Organización Galega de Comunidades de Montes en Man ComúnClube de Montañeiros de Pontevedra

Responses

  1. […] Arte Rupestre Publicado por: MontePituco | 01/11/2010 […]

  2. Hola boas tardes, son veciño de marín (resido na zona de cantodarea), e me gustaría saber como poñerme en contacto con vosco por si vos interesa crear un corpo de vixilancia no que forme parte eu e algún compañeiro mais. Estamos habilitados para estas funcións polo Ministerio de Interior e teñemos potestade para denunciar calquer infracción cometida, en este caso, sobre estes terreos. Podo darvos toda a información que precisedes sobre nós cando queirades. Ofrecemonos baixo as figuras de Guarda Particular de Campo o Guarda de Caza, a elixir por vós que función queredes que desempeñemos, xa que polo visto tamén se exercita a practica cinexética en Marín, sobre todo no Tecor de Pontevila. Contactade conmigo en: ………….@hotmail.com. Que sepades finalmente que estou convosco en esta campaña de defensa, pois desde a miña xuventude e sobre todo en verán gústame facer sendeirismo por alí arriba, e xa non hai recuncho que non coñeza.

    • Moitas grazas pola túa mensaxe, David. Alégranos moitísimo poder contar contigo. Por suposto, seguimos en contacto a través de correo electrónico. Tomeime a licenza de borrar, no teu comentario, o enderezo que anotaches para evitar que che envíen correo-lixo. Saúdos e, cando queiras, pásate por este blog, le e comenta o teu punto de vista. Benvido a esta intensa loita pola defensa do Pornedo. Saúdos.

  3. […] Arte Rupestre […]

  4. […] Arte Rupestre […]

  5. Moi Boas,

    Gustaríame poder ter información sobre a localización dos petroglifos que mencionades no artigo e doutros se os houbera. A miña intención é achegarme para documentalos para publicalos noutra web. Pregunto se me poderían facilitar tal información.

    Moitas gracias por adiantado pola súa axuda.

  6. […] Arte Rupestre […]

  7. […] Arte Rupestre […]

  8. […] Arte Rupestre […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: