Publicado por: MontePituco | 16/09/2017

SENTENZA FIRME!

Sentenza definitiva contra o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia

 

O TSXG declara firme a sentenza que ordea retirar do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia o polígono proxectado no Monte Pituco

 

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de declarar firme a sentenza que, o pasado mes de maio, lle ordenou á Xunta excluír o polígono Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia. Nin a Administración galega nin o Concello de Marín presentaron recurso de casación contra esta resolución favorable á Asociación Defende o Monte Pituco (Pornedo), considerando que a viabilidade ambiental da obra proxectada non está xustificada pola “decisiva influencia” das características orográficas da zona afectada e polos danos que provocaría a nivel físico, natural e paisaxístico.

Con esta resolución oficial e definitiva xa no seu poder, a Asociación Monte Pituco vai solicitar de xeito inmediato a execución da sentenza, o que implica que a Xunta teña que modificar o Plan Sectorial suprimindo a infraestrutura proxectada neste emprazamento sensible.

A Asociación Monte Pituco ratifica así a súa primera vitoria xudicial tres anos despois de interpoñer o recurso contra o Plan Sectorial da Xunta. Non é a única loita legal emprendida por este colectivo veciñal a prol da defensa, protección e conservación do ‘balcón da ría’ e da súa contorna: está pendente de sentenza o recurso presentado en xaneiro de 2013 contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Marín que clasificou o Monte Pituco como solo industrial.

Precisamente, o veredicto firme do TSXG contra o Plan Sectorial da Xunta alude ao informe de sostibilidade ambiental do PXOM marinense, en tanto o planeamento urbanístico “recoñeceu” a “alta ou moi alta intervisibilidade” do Monte Pituco; como tamén o Goberno local de Marín admitiu a “alta exposición visual e o impacto paisaxístico” que tería a instalación dun polígono industrial nesta zona. O TSXG tamén destacou no seu contundente dictame que a memoria ambiental do Plan Sectorial autonómico asume a “posibilidade de novas afeccións ambientais, paisaxísticas e ao patrimonio cultural” no espazo afectado, onde se atopan os xacementos rupestres catalogados do Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro e a mámoa de Sete Camiños.

O TSXG rexeitou que a “valoración real” das afeccións que causara o proxecto do parque empresarial Marín-Pornedo ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo se supeditara a unha hipotética fase posterior, argumentando que a elección do Monte Pituco para acoller un parque empresarial non estaba convintemente xustificada pola “insuficiencia” do informe de sostibilidade ambiental. A este respecto, o Tribunal destacou que as Directrices de Ordenación do Territorio establecen que na elección dun terreo para crear solo industrial “primará a prevención dos seus posibles efectos sobre o medio, fronte á corrección, mitigación ou compensación” dos impactos.

O informe pericial topográfico tamén foi fundamental para que o TSXG desbotase esta ubicación: un 43% do espazo afectado ten unha pendente “moi abrupta” superior ao 25%, ao que se suma outro 29% cun desnivel entre o 15 e o 25%. Con estes datos, os maxistrados dictaminaron que a área empresarial Marín-Pornedo “non se pode localizar razoablemente” debido aos “importantes movementos de terra”, o “sobrecusto de urbanización”, a “afección ao medio”, os factibles “problemas de estabilidade” nos taludes e o “encarecemento” das obras.

A Asociación Monte Pituco felicita o seu gabinete xurídico por este triunfo e agradece o apoio das entidades e dos expertos implicados. Asemade, seguirá reivindicando ante a Comunidade de Montes de San Xulián, o Concello de Marín e outras Administracións públicas que se poñan en valor os recursos naturais, paisaxísticos, patrimoniais e culturais deste espazo, ademais de combater enerxicamente os intereses políticos, económicos e especulativos proclives á destrucción e ao abandono do ‘balcón da ría’.

 

POST-DATA:

Comunicando a FIRMEZA desta sentenza xudicial xa irrevocable que lle manda á Xunta ‘arrincar a folla’ do Plan Sectorial onde o Monte Pituco figuraba entre as ubicacións proxectadas para encher Galicia de polígonos industriais, non podemos deixar de lembrar un episodio imborrable na pequena historia deste modesto -pero combativo- colectivo veciñal.

Foi nas instalacións da Consellería de Infraestruturas en Compostela onde, despois de cubrir un feixe de documentos identificativos e dar todo tipo de explicacións para xustificar o interese lexítimo de calquera cidadán ou cidadá por consultar un expediente administrativo público, tivemos acceso por uns intres aos numerosos tomos que conformaban o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

Unha vez que desciframos a maraña de índices, apartados, subapartados, anexos, preámbulos e demais contidos dese farragoso documento, por fin foron aparecendo os datos relativos ao proxecto do parque empresarial Marín-Pornedo. A nosa sorpresa foi maiúscula cando, unha vez que demos coa relación de alegacións presentadas ao Plan Sectorial, atopamos que xunto coas alegacións en contra da instalación dun polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo), se identificaban tamén un conxunto de organismos e entidades que alegaban A FAVOR da instalación desa infraestrutura no Pituco:

-CONCELLO DE MARÍN

-ASOCIACIÓN VIRXE DOS REMEDIOS

-REVESTIMIENTOS TITO

-DIBAY

Que dicir da presenza do Goberno local encabezando aquela vergoñenta lista de pro-polígonos; pois que cumpría a súa función, defendendo as súas vergoñas políticas. Sobre os compoñentes do ‘trío calavera’ -Remedios/Remendos, Tito, Dibay- nada bo que dicir; só que actuaron un por carraxe, ignorancia, torpeza, prepotencia, avaricia e outros intereses non menos escuros, e os demais por seguidismo, capricho e descoñecemento da realidade.

O tempo, sempre, pon a cada un no seu lugar. Neste primeiro asalto, os pro-polígono xa teñen o seu: o da derrota.

Na Asociación Monte Pituco, ben acompañados polos amig@s do ‘balcón da ría’, seguimos camiñando.

 


Respostas

  1. […] edificantes lecturas -recoñezo que che poden parecer algo farragosas- acabas asimilando que unha sentenza firme, definitiva e irrevocable é iso: FIRME, DEFINITIVA e IRREVOCABLE. Por tanto, o acto de poñer un […]

  2. […] da ría’. Porque a segunda desas batallas resolveuse recentemente ao noso favor cunha SENTENZA FIRME E IRREVOCABLE do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordeando a retirada do proxecto, que se […]

  3. […] Áreas Empresariais deseñado pola Xunta; unha resolución que dende este pasado mes de setembro é firme e irrevocable. Dende a Asociación Monte Pituco celebramos con moita ledicia esta nova, aínda sendo prudentes e […]

  4. […] de maio de 2017 do TSXG contra o Plan Sectorial da Xunta Declaración da firmeza da sentenza en setembro de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: