A ASOCIACIÓN MONTE PITUCO URXE Á XUNTA A CUMPRIR A SENTENZA FIRME CONTRA O POLÍGONO INDUSTRIAL NO PRIMEIRO ANIVERSARIO DO DICTAME
O colectivo veciñal convoca o I Certame Fotográfico ‘O Balcón da Ría’ para celebrar esta vitoria
A Asociación Monte Pituco celebra o primeiro aniversario da sentenza firme e irrevocable que, en setembro de 2017, ratificou unha decisión previa -de maio do mesmo ano- do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ordeándolle á Xunta que exclúa o “Parque empresarial Marín-Pornedo” do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia. Un ano despois, o Goberno galego aínda non retirou ese proxecto, polo que a Asociación Monte Pituco vai reiterar por todos os cauces posibles a esixencia no cumprimento do dictame xudicial, obrigando a modificar o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia aprobado en abril de 2014 polo Consello da Xunta.
O TSXG determinou daquela que o polígono industrial proxectado no Monte Pornedo (ou Pituco) é inviable dende o punto de vista ambiental pola “decisiva influencia” das características orográficas da zona e pola “afección” que provocaría a nivel “físico, natural e paisaxístico”, tendo en conta ademais as complicacións na hipotética urbanización e os seus elevados costes económicos.
Para a Asociación Monte Pituco cómpre enterrar definitivamente este aberrante proxecto, que en xaneiro de 2018 recibiu a puntilla definitiva cunha segunda sentenza firme -tamén da Sección Segunda da Sala do Contencioso Administrativo- contra a clasificación do Monte Pornedo como solo industrial no Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín.
A Asociación Monte Pituco critica que ningún partido político -nin sequera os que alardean hipocritamente do seu respecto e da súa defensa do medio ambiente e do patrimonio cultural- se teña pronunciado sobre as consecuencias negativas da aprobación do Plan Básico Autonómico, que substitúe as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento a nivel provincial e que, no caso de Pontevedra, tiñan catalogado os Montes do Morrazo como solo rústico de especial protección de espazos naturais.
O PBA só contempla as áreas recollidas na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, os Espazos Naturais de Interese Local e os Espazos Privados de Interese Local, que unicamente alcanzan unha ridícula porcentaxe do 12% a nivel galego, polo que o novo documento deixa fóra do ámbito de protección non só o ‘balcón da ría’ que representa o Monte Pornedo, senón tamén numerosos puntos emblemáticos da xeografía da bisbarra.
Por iso a Asociación Monte Pituco súmase á Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo na demanda de medidas reais e efectivas para preservar os espazos naturais máis senlleiros, de xeito que actúen como corredores ecolóxicos e se evite que sexan alterados con actuacións urbanísticas, forestais ou doutra índole. Con dúas sentenzas xudiciais contundentes a prol da conservación do Monte Pornedo, este colectivo veciñal xa fixo a súa achega, polo que cómpre que os actores políticos, económicos e sociais non só respecten estes logros, senón que enfoquen o seu labor a propostas que non sexan lesivas cos recursos naturais, culturais, históricos e paisaxísticos.
OUTRAS ACTIVIDADES
Lonxe de dar por conqueridos os seus obxectivos e coa premisa de que aínda hai moito por facer en materia de divulgación e sensibilización neses valores, a Asociación Monte Pituco celebra o primeiro aniversario desta sentenza organizando un certame de fotografía a través das redes sociais. A participación está aberta a todas as persoas interesadas, sen límite de idade. A temática é a fauna, a flora, os xacementos arqueolóxicos, a paisaxe e outros aspectos vencellados á zona que abrangue o Monte Pituco (ou Pornedo) e o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Os participantes deberán compartir as súas fotografías en Instagram etiquetando “obalcondaria”, ou en Facebook etiquetando a páxina “Salvemos o Monte Pituco (Pornedo)”. Un xurado formado por profesionais e expertos en arte, patrimonio e medio ambiente elixirá as mellores propostas, tendo en conta tamén os votos ou ‘me gusta’ dos internautas.
O fallo do I Certame Fotográfico ‘O Balcón da Ría’ -nome co que Xan Montenegro se refería a este espazo- darase a coñecer no marco das II Xornadas pola Protección e Posta en Valor do Patrimonio de San Xián, que se celebrarán o vindeiro mes de novembro. Ata entón, fica aberto o prazo para enviar imaxes. Artesanía e libros serán os agasallos que reciban as obras máis destacadas, nunha iniciativa que pretende contribuír ao coñecemento desta contorna por parte da veciñanza, ademais de fomentar o aprezo e a sensibilidade pola natureza e pola cultura, especialmente dende a infancia.
Deixar unha resposta