Publicado por: MontePituco | 13/09/2018

O CONCELLO RETIRA VERQUIDOS NO PITUCO

Houbo que agardar unhas semanas, pero os verquidos ilegais cuxa prolongada presenza na pista forestal do Monte Pituco se denunciou a finais de agosto, tanto no Seprona como no Concello de Marín, foron finalmente retirados. E foi este último, a través da Concellaría de Medio Ambiente, o que procedeu á súa recollida a principios desta mesma semana.

Pero quedan aínda pequenos focos de contaminación pendentes de limpeza porque os operarios municipais que se desprazaron ao monte descoñecían con exactitude a súa ubicación. Precisamente, o responsable do dispositivo dirixiuse á Asociación Monte Pituco para interesarse pola ubicación dos verquidos que inicialmente lles pasaron desapercibidos, e poder así completar as tarefas encomendadas.

A Asociación Monte Pituco AGRADECE ao Concello de Marín a súa intervención para erradicar o principal foco de contaminación que presentaba o monte dun tempo a esta parte, e aplaude a boa disposición para rematar coa presenza dos demais residuos.

Os parachoques, as rodas e as bolsas de entullos retirados encheron DOUS CAMIÓNS, segundo nos transmitiu o encargado dos operarios municipais. Como foi tamén iniciativa da Administración local actuar con motivo de anteriores verquidos, tan graves ou máis: o bidón con lodos de calefacción en setembro de 2011 ou o depósito de produtos químicos tóxicos en marzo de 2015 foron algúns dos casos máis chamativos nos que o Concello actuou.

Fronte á colaboración do Goberlo local, contrasta a inoperancia, a indiferencia, a irresponsabilidade e a incompetencia da Comunidade de Montes, titular dos terreos onde se produciron estes verquidos. Dispoñendo dun vehículo ‘oficial’ para percorrer as pistas e os sendeiros do territorio comunal e sendo coñecedora -ou tendo esa obriga- da existencia do desguace, dos restos de obra e dos demais escombros, en máis dun ano non fixo absolutamente NADA por sacalos. 

. . .

* Nota bene: As imaxes que acompañan este artigo foron tomadas a última hora da tarde, no lusco fusco, despois de que un traballador municipal nos tivera informado -a penas unha hora antes e de xeito verbal- da actuación que se levara a cabo na pista forestal. Ao anticiparnos que se contactaría coa Asociación Monte Pituco para completar o traballo de limpeza dirixíndose ao punto exacto onde se sitúan os residuos que non foran localizados inicialmente, tomamos a decisión de achegarnos ao monte para realizar unha rápida inspección e identificar que verquidos seguían aínda alí, en aras de proporcionar a información que se nos demandase coa maior celeridade posible. Ante a circunstancia de que anoitecía con rapidez, óptase por acceder á pista forestal en vehículo particular, por dúas razóns de peso: a primeira, porque a distancia que hai que camiñar é longa de máis como para chegar ata onde están os verquidos tendo luz natural suficiente como para poder tomar fotografías do lugar que sirvan de referencia xeográfica aos operarios do Concello que nos piden colaboración; a segunda, por unha evidente cuestión de seguridade persoal, para evitar calquera hipotética situación de perigo imprevista que poña en risco a integridade de quen vai realizar a visita a esas horas da tarde/noite.

No lugar da Fonte das Pulgas, mentres se toman imaxes do espazo onde os operarios municipais retiraron o medio cento de parachoques que había alí depositados, un directivo da Comunidade de Montes que pasa pola zona detense e, co seu teléfono móbil, dedícase a fotografar o vehículo, que está parado a un lado da pista. Ao pedirlle explicacións pola súa actitude, négase rotundamente a dialogar e alónxase para, seguidamente -pero dende a distancia- instarnos a desprazarnos ao monte exclusivamente a pé. Non só non atende a razóns, senón que se reitera nunha esixencia absolutamente irracional, incomprensible e fóra de lugar. Afeámoslle o seu comportamento (unha veciña da parroquia presenciaba o que acontecía), un xesto que non serviu máis que para empeorar a situación. Optamos por completar o propósito que nos levara ata alí: rematar de inspeccionar os verquidos para colaborar co Concello na achega das fotografías pendentes, tanto no cruce co atallo que conduce ao miradoiro do Pornedo como a carón do túnel da Variante. Preto deste punto aproveitamos a presenza do directivo da Comunidade de Montes para instalo a tomar fotografías desa escombreira, que leva aí dende agosto de 2017 sen que a Comunidade de Montes xestione a súa retirada.

XA BASTA. Basta de ninguneo, de desprezo, de veto radical, de persecución.

Ninguneo porque esta Comunidade de Montes reparte opíparas regalías a asociacións supostamente afíns. Malia o traballo de promoción da cultura, do patrimonio e de defensa ambiental que realiza a Asociación Monte Pituco dende hai case dez anos, esta modestísima entidade nunca recibiu nin un só céntimo -nin da Comunidade nin tampouco de ningunha institución- e todas as actividades e as accións xurídicas emprendidas pola protección do monte veciñal contra o polígono industrial que ameazaba a súa integridade, foron sufragadas con moito esforzo a base de medios económicos propios. A excusa que recibimos nunha asemblea da Comunidade: os cartos que se reparten ás asociacións son só para colectivos veciñais, non culturais.

Desprezo porque as propostas de mellora do monte con suxestións para solventar diversas eivas que -co maior interés, xenerosidade e boa fe- lle foron transmitidas por escrito en dossiers perfectamente documentados, caeron en saco roto; porque a Comunidade de Montes endexamais participou en ningunha convocatoria cultural ou medioambiental organizada pola Asociación Monte Pituco; porque fomos testemuñas directas da forma despectiva e malintencionada coa que se teñen referido a esta Asociación en conversas ás que a directiva da Comunidade non sabía que tiñamos acceso.

Veto porque en novembro do ano pasado a Comunidade prohibiunos celebrar na Casa de Montes a I Xornada pola Protección do Patrimonio que tiñamos programada con tanta ilusión na nosa parroquia, co formato de ‘barferencia’. Foi a feroz represalia da directiva pola denuncia interposta na Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a raíz da agresión a un dos grupos do conxunto rupestre da Carrasca. A vinganza, a revancha e o castigo a quen ousa cuestionar e criticar unha actuación errada son a moeda de cambio que practica a Comunidade de San Xulián. A gota que lles colmou o vaso foi a dobre vitoria nos tribunais obtida pola Asociación Monte Pituco contra o polígono industrial que había proxectado no ‘balcón da ría’.

Persecución porque a Comunidade de Montes -‘cual vieja del visillo‘- escruta con lupa os artigos desta humilde bitácora dixital, as publicacións da Asociación Monte Pituco nas redes sociais, as notas de prensa… todo lle vale -revisarán tamén o contedor onde depositamos o lixo?- na procura de calquera minucia para tratar de infundir medo, autocensura e coartamento da liberdade de expresión con ameazas máis ou menos veladas de denuncia. O directivo que nos intercepta na Fonte das Pulgas tiña máis présa por captar co seu teléfono a proba gráfica de que accederamos á pista forestal nun coche, que en interesarse por se había ou deixaba de haber un desguace de parachoques en pleno monte. Estaba máis preocupado por facer de ‘corre-ve-y-dile’ co resto da directiva e colgarse unha ‘medalla’ pola obtención dunha fotografía que toma como un ‘trofeo’, cando en realidade trátase dun desprazamento totalmente xustificado por motivos absolutamente razoables que el se negou a escoitar. E máis, tendo en conta que a directiva da Comunidade de Montes retirou o sinal que había no inicio da pista restrinxindo só aos vehículos agrícolas o acceso rodado á pista, tralas queixas dos comuneiros que protestaron pola instalación de badéns. Pero o trato ou a consideración por parte desta Comunidade non rexe igual para os comuneiros que para a tropa molesta do Monte Pituco: para este colectivo impera o ninguneo, o desprezo, o veto e a persecución.

Malia a man tendida en tantas ocasións por parte da Asociación Monte Pituco para restablecer pontes de comunicación e de colaboración, a relación coa Comunidade de Montes de San Xulián chega así a un punto de non retorno.

 


Respostas

  1. […] chamada dun operario do Concello de Marín anunciando que van ir recoller os verquidos que quedaran pendentes de ser retirados, da primeira fase desta ‘operación limpeza’ tan longamente demandada. Solicítannos […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: