Publicado por: MontePituco | 15/11/2017

XORNADAS POLA PROTECCIÓN E POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO DE SAN XIÁN

NOTA IMPORTANTE

Con data do 10 de novembro dirixímonos á Casa de Montes de San Xián e preguntamos no bar se para celebrar unha actividade na sala anexa á cafetería hai que solicitar permiso á directiva da Comunidade de Montes ou se o uso dese espazo se xestiona dende o propio bar. Respóstasenos que abonda solicitar a reserva no bar, previa confirmación de que non estea cedida para outros usos. Con esta confirmación deséñase o cartel, difúndese nas redes e os medios de comunicación a nivel local informan da convocatoria. Unha semana despois, o sábado 18, dende a xerencia do bar infórmasenos que a directiva da Comunidade de Montes nos require para poñernos en contacto cos seus responsables. En conversa telefónica, o presidente da Comunidade de Montes comunícanos que a directiva non autoriza a Asociación Monte Pituco a facer uso de ningún espazo da Casa de Montes “mentres non os tratemos con respecto”. Sobre o motivo desa decisión unilateral, alude expresamente á denuncia presentada pola Asociación Monte Pituco contra esta Comunidade de Montes pola grave agresión cometida no conxunto rupestre da Carrasca a consecuencia dunhas tarefas de desbroce sen a preceptiva sinalización e supervisión, causando danos no gravado rupestre catalogado. Dende a Asociación Monte Pituco interpretamos esta medida como unha represalia por parte da xunta rectora da Comunidade coa pretensión de amordazar, reprimir, intimidar e coartar o dereito lexítimo desta entidade a criticar ou protestar ante as instancias oportunas polas actuacións que razoablemente entendamos que a Comunidade de Montes realiza de xeito lesivo para os intereses veciñais ou incumprindo as normativas de defensa do medio ambiente e do patrimonio. Entendemos que a directiva da Comunidade de Montes acentúa a súa actitude de hostilidade e de revancha contra a Asociación Monte Pituco despois de que o TSXG lle dese a razón a este modesto colectivo veciñal na demanda contra o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais impulsado pola Xunta, ordeando que o Monte Pituco sexa retirado dese Plan.

Sendo así, a conferencia de Antonio Costa coa que principiarán as Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián celebrarase na Adega A Capeleira (rúa do Forno, 23) de Marín, o propio venres 24 ás 19:30h.

Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián

A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organizan unhas “Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” no marco do Día Internacional do Patrimonio, que se celebra este 16 de novembro. A iniciativa forma parte da convocatoria feita a nivel autonómico pola Rede do Patrimonio Cultural, cun total de 40 actividades promovidas por unha trintena de colectivos de toda Galicia.

Os actos programados en Marín son unha conferencia do experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa co lema “Técnica da reconstitución dixital 3D aplicada aos petróglifos de San Xián”, que se realizará o venres 24 a partir das 19:30 horas no bar da Casa de Montes de San Xián; seguiralle ao día seguinte unha andaina con saída ás 10:00 horas dende o adro da igrexa de San Xián, percorrendo os lugares de A Carrasca, Champás, o rego de Castiñeiras e Pelagartos, para finalizar sobre as 14:00 horas no punto de inicio da ruta.

A parroquia de San Xián conta cun importante e variado patrimonio cultural e arqueolóxico que vai dende o Neolítico ata a Era Moderna. A ‘barferencia’ que protagonizará Antonio Costa o venres 24 permitirá apreciar -con imaxes en tres dimensións procesadas a través dun novidoso sistema informático- diversos gravados rupestres da Idade do Bronce, especialmente algúns dos novos xacementos descubertos polo marinense Paulo Troitiño no conxunto rupestre da Carrasca, cuxa existencia foi notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta para a súa catalogación. Entre eles atópase unha figura con forma reticular; a única da que se ten constancia da súa conservación na bisbarra do Morrazo.

Novos gravados descubertos na Carrasca: forma reticular

Precisamente, os petróglifos da Carrasca e de Champás, datados hai 4000 anos, formarán parte do itinerario da ruta de sendeirismo que haberá o sábado 25, coa que se pretende concienciar a veciñanza sobre a riqueza da parroquia de San Xián como unha das contornas de maior densidade e diversidade de petróglifos prehistóricos non só do Concello de Marín, senón da península do Morrazo.

Situados entre as concas dos regos de Castiñeiras e da Agrela, entre os 235 e os 345 metros de altitude sobre o nivel do mar, estes xacementos arqueolóxicos abranguen seis estacións rupestres no caso da Carrasca e tres no de Champás. Os elementos representados son variados -círculos concéntricos, coviñas ou cazoletas, armas, figuras zoomorfas e reticulares, entre outros motivos- e ademais seguen atopándose novas rochas con gravados dos que non había constancia. Con toda probabilidade, o patrimonio da parroquia de San Xián siga aumentando con máis descubrimentos.

As paraxes naturais onde se atopan -pequenos outeiros, camiños e corredoiras entre a matogueira ou preto de zonas húmidas e na ribeira fluvial- resaltan polo seu valor paisaxístico dentro dunha área de gran valor ambiental pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo, en solo rústico de especial protección de espazos naturais, segundo as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

Conxunto rupestre da Carrasca nº1 (foto, Paulo Troitiño)

Malia que os xacementos documentados están inventariados e catalogados como Bens de Interese Cultural, coa máxima figura de protección a nivel autonómico, a lei non se está aplicando na maioría dos casos e moitos dos elementos están sendo afectados no seu ámbito de protección por distintas causas -desbroces, apertura de pistas forestais, paso de maquinaria pesada, eucaliptización- como xa denunciaron varios colectivos en xaneiro deste ano a causa dunha agresión no grupo número 5 do conxunto rupestre da Carrasca.

Outro dos obxectivos desta andaina é reivindicar a posta en valor dos conxuntos rupestre da Carrasca e de Champás, descoñecidos pola cidadanía, pola veciñanza da parroquia de San Xián e mesmo polos responsables da súa conservación. Amosando e divulgando os incuestionables valores culturais e ambientais destas paraxes, a Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo apelan ás Administracións autonómica, provincial e local, así como á Comunidade de Montes de San Xián, para que A Carrasca e Champás formen parte da necesaria conexión co corredor ambiental e cultural entre o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o Parque da Natureza do Lago de Castiñeiras.

Ademais dos xacementos da Carrasca e Champás, tamén destacan polo seu interese os petróglifos da Idade do Bronce de Briasco e da Carballeira do Rei; asimesmo, pola súa particularidade, os gravados modernos realizados ao longo do século pasado polo marinense José Meijón. Dende o punto de vista etnográfico, a ruta tamén fará fincapé no valor das corredoiras tradicionais que atravesan os vales e os montes da zona, e na singularidade do muíño do Sacristán, cunha monumental canle e cubo en forma de valo, máis a súa presa de auga.

A nivel ambiental e paisaxístico salienta o lugar de Pelagartos, onde se atopou un asentamento humano da Idade do Bronce. Trátase dun dos achados de máis antigüidade da parroquia, moi anterior ao histórico igrexario moderno e barroco de San Xián dos Encoirados, que conforma o núcleo parroquial dende o Medievo e onde se atopan os alicerces da actual vila de Marín. Pola súa importancia ambiental non faltará a visita ao rego de Castiñeiras, leito principal do rego Lameira e fornecedor de recursos hídricos a nivel local dentro dunha parroquia que aínda conserva bastantes cualidades do seu carácter rural e agropecuario.

Roteiro polo patrimonio de San Xián


Respostas

  1. […] porque en novembro do ano pasado a Comunidade prohibiunos celebrar na Casa de Montes a I Xornada pola Protección do Patrimonio que tiñamos programada con tanta ilusión na nosa parroquia, co formato de […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: