Publicado por: MontePituco | 06/11/2017

A SITUACIÓN DOS MONTES TRALOS INCENCIOS

Faro de Vigo, 5 novembro 2017

Los comuneros se centran en el control del eucalipto, que ocupa un tercio de sus terrenos

Apuestan por reducir y mantener limpias las plantaciones y alejarlas de las cercanías de las casas, fincas agrarias y ríos – El uso social del monte es la prioridad de las comunidades, que invitan a su disfrute general

El ejemplo modélico de los vecinos de Salcedo

Faro2

Claudio Quintillán: “De cada 100 hectáreas que arden, 70 son de propietarios particulares”

“La Administración debe orientarles sobre cuáles son las producciones alternativas al eucalipto y el pino”, propone


 

Xavier Simón (foto, Faro de Vigo)

Xavier Simón: “Para evitar os lumes temos que ir á raíz: transformar o sistema produtivo rural”

“Os gobernos aínda non se decataron da dimensión do cambio climático e das súas consecuencias para os incendios”

A. Leyenda | Vigo 06.11.2017

O doutor da Universidade de Vigo Xavier Simón leva anos analizando estratexias a prol dun mundo rural vivo e sostible nos eidos económico e ambiental. Viviu a tráxica vaga do 15 de outubro dende California, onde está a facer unha estadía académica na Universidade de Berkeley. Incide en que a única forma de frear a praga dos incendios é atallar o despoboamento rural, o que só se pode acadar recuperando a conexión das explotacións forestais coas agrarias e gandeiras. Cree que a Xunta carece de vontade política para camiñar nesa liña.

-Os incendios en Galicia, ¿son unha cuestión de orde pública ou hai factores socioeconómicos que inflúen?

-Os grandes incendios forestais non se poden entender de forma aillada. Non poden ser comprendidos fóra do medio rural nin sen ter en conta as conexións que existen entre o mundo rural e o urbano. Son un síntoma dun inadecuado modelo de produción que se impuxo nos últimos 80 anos. Situar o monte como un espazo forestal fóra das explotacións agrarias é a raíz do problema de despoboamento que sufrimos e sen abandono humano e produtivo non existirían os incendios coa dimensión que teñen hoxe en día.

-Se esa é a diagnose, ¿cales serían as solucións?

-Para tentarmos evitar o síntoma dos incendios temos que atacar a raíz do problema: transformar o sistema produtivo rural, considerar a totalidade do sistema agrario, co monte en conexión cos subsistemas agrícola e co gandeiro. Non hai outra estratexia para tentar atenuar os problemas do medio rural, e polo tanto tentar minimizar os incendios. É obvio que hoxe non estamos preparados, a nosa sociedade non é resiliente diante desta praga. E tardaremos algúns anos en estalo, pero debemos comezar o antes posible.

-Un monte produtivo e ben ordeado, ¿é garantía para reducir os incendios? Na área de Vigo hai casos de comunidades ben manexadas pero que tamén resultaron moi afectadas pola vaga.

-En contextos de enorme complexidade, con problemas ambientais globais,sempre haberá incertezas e sempre estará en risco todo o mundo. O que é verdade é que os territorios que están mellor preparados para afrontar incendios salvaxes resisten mellor cos que non o están, e se recuperan antes. Moitas comunidades de propietarios e moitas iniciativas privadas resistiron durante anos as embestidas do lume. Se só hai abandono, se non hai persoas e comunidades, o lume avanzará máis rapidamente e será máis devastador.

-Vostede está nunha estadía académica en California. ¿Hai relación entre os incendios de alí e os de Galicia?

-As raíces dos lumes sempre son as mesmas pero os procesos de resolución deben ser específicos. Por exemplo, en California, Portugal e Galicia hai elementos comúns que explican a virulencia do lume, como a biomasa acumulada nos montes. Esta acumúlase por falta de prácticas preventivas, como a gandaría, pola acumulación de restos forestais e pola non aplicación, onde existen, das imprescindíbeis faixas de seguridade. A ignición é na meirande parte dos casos humana, como causa de inicio, e propulsada posteriormente por diversas especies, como o eucalipto.

-Tras a vaga, houbo críticas ao dispositivo de extinción.

-A Xunta destina moitísimo máis diñeiro á extinción que á prevención,pero o que non podemos é propoñer que se muden as tornas desde o ano un. O sistema de extinción hai que mantelo e incluso reforzalo, corrixindo as eivas que ten. Levarían a unha catástrofe os camiños que se iniciasen para o seu desmantelamento.

-O sector forestal sempre apunta que o minifundismo galego é un obstáculo para unha boa xestión do monte. ¿Está dacordo?

-É normal que apele ao minifundismo, ao igual que apela á presenza de animais nos montes ou á estratexias multifuncionais como mecanismos que impiden o crecemento do seu negocio. Eu creo que os monocultivos deberían estar prohibidos, ou polo menos moi limitados. Diría, máis ben, que é o modelo de explotación intensiva só forestal o que non se adapta ao noso territorio e aos nosos ecosistemas. O que se precisa é conectar a explotación do monte coa produción de alimentos e fibras, e ocio, e benestar, e coa conservación dos recursos naturais. Teño moitas dúbidas de que esta sexa a aposta da Xunta. Por exemplo, a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais é un exemplo camiña ao contrario: é posible que cheguen empresas ao rural, pero será expulsando ás persoas.

-Outro argumento habitual para explicar a falta de ordeación do monte é o tipo de propiedade.

-O importante é a responsabilidade que se exerce, ou non, sobre as propiedades. De nada valería unha altísima porcentaxe de propiedade pública do monte se non se executaran estratexias de conservación dos recursos e de prevención de problemas ambientais. As comunidades veciñais de montes en man común manexan auténticos latifundios cuxa responsabilidade de xestión exercen algunhas comunidades, pero non todas. E aquí a Xunta, que manexa miles de hectáreas de superficies comunitarias a través de convenios, aposta polo monocultivo e a lóxica forestalista. Este é o problema. Non sería necesario ningún cambio lexislativo, só vontade política para coverter esas miles de hectáreas en procesos de transformación do sistema produtivo.

-¿O cambio climático obriga a mudar as políticas antiincendios?

-A voracidade dos incendios deste verán non se pode entender sen ter en conta o cambio climático, pero os gobernos aínda non se decataron da súa dimensión e da necesidade de integrar as súas consecuencias nos protocolos de salvagarda dos nosos recursos. O que pasou en Galicia, Asturias e Portugal é un exemplo moi claro: é verdade que o furacán Ofelia podía ter mudado o seu rumbo, pero ante a evidencia da súa traxectoria as medidas preventivas e urxentes de curto prazo non existiron en ningún deses espazos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: