Trala visita aos muíños do Carballal, Salgueiro, Fornaco e Briasco -ou aos seus restos- quedou pendente outra das edificacións de gran valor etnográfico que temos na parroquia de San Xián, asociada ao curso do rego do Lameira, no roteiro de sendeirismo que ascende ata Castiñeiras. Volvemos por fin ao muíño do Sacristán, unha edificación ben singular dende o punto de vista arquitectónico que, afortunadamente, segue en pé, nun óptimo estado de conservación na súa apariencia externa.
Tampouco faltan no muíño do Sacristán os gravados de José Meijón: o dintel de acceso ao interior da edificación e algunhas pedras da fachada presentan figuras e palabras labradas a golpe de cincel
Os elementos que presentan unha situación máis preocupante son a canle e o cubo do muíño, en ambos casos porque están cubertos de vexetación: hedras, silvas, arbustos e especies invasoras ameazan a súa estabilidade porque o peso que proxectan sobre a estrutura e as raíces penetrando nas xuntas entre as pedras, van abombando o conxunto e incrementando o risco de que acabe esborrallando se non se actúa a curto ou medio prazo.
Sería unha enorme perda que o patrimonio desta parroquia sumase un cadáver máis a súa longa lista de recursos perdidos ou destruídos por falta de atención da veciñanza, pola desidia da Comunidade de Montes que ten recursos abondo para colaborar na posta en valor do patrimonio colectivo, polo desinterese dun Goberno local que non pode presumir de protexer a cultura, a historia e a identidade da vila e do rural.
Nesta parte de San Xián están os alicerces do actual Marín, no primitivo asentamento documentado no lugar de Pelagartos -onde se descubriu un muíño navicular adscrito á Idade do Bronce-. Tomar conciencia da importancia deste dato, reivindicar a vantaxe que conleva ser e estar no cerne dun pobo, protexer os recursos distintivos da zona e impulsar accións divulgativas deberían ser obxectivos básicos dunha comunidade normal e normalizada.
Que ten de particular o muíño do Sacristán? Por exemplo, que na parte posterior da edificación hai un estreito corredor pegado á parede e delimitado por un muro de pedra paralelo que permite acceder, a través duns chanzos, á parte superior da construcción: a parte final da canle, o cubo e o tellado.
Temos patrimonio arqueolóxico, temos patrimonio etnográfico, temos patrimonio natural e temos paisaxe. Por que non se valora, non se coida, non se mantén, non se promociona?
Son palabras longamente repetidas; o seu eco resoa dende a última visita aos muíños que bordean o rego do Lameira. Mais nada significativo por parte do Concello e da Comunidade de Montes se ten feito dende entón, máis aló dalgunha limpeza superficial da vexetación de ribeira, inzada de acacias. Con iso non abonda, o compromiso ten que ser máis firme, máis concreto, máis palpable e duradeiro.
O regato precisa actuacións constantes e planificadas. Pero o patrimonio etnográfico asociado ao curso fluvial é tan importante ou máis: ademais do contexto natural no que se insiren, muíños e pontellas teñen un valor cultural adicional. Se non se lles presta atención a estas edificacións o seu deterioro pode chegar a un punto de non-retorno inxustificable. Non máis Salgueiros, Fornacos e Briascos borrados do catálogo patrimonial polo abandono, a irresponsabilidade e a indiferencia.
Deixar unha resposta