Publicado por: MontePituco | 03/08/2016

MUÍÑOS DO REGO DO LAMEIRA, EN SAN XULIÁN

Que San Xulián é a parroquia marinense con maior densidade de patrimonio arqueolóxico, xa se ten afirmado e reiterado nesta bitácora. Mais ten tamén patrimonio etnográfico vencellado aos regatos que sucan as ladeiras dos montes. 

Na entrada do Carballal atópase o primeiro muíño que bebe das augas do rego do Lameira. Dos catro que chegou a haber neste cauce fluvial é o único que foi restaurado e chegou a funcionar ata datas recentes, malia que o seu estado comeza a evidenciar o paso do tempo e a falla de mantemento, sobre todo nos desperfectos que se empezan a apreciar no tellado.

Nos seus vellos muros de pedra mesmo se poden apreciar gravados modernos cos característicos trazos de José Meijón.

Muíño do Valado

Muíño do Valado

Adentrándonos no Carballal chegamos ao inicio do roteiro do Lago de Castiñeiras, no que recentemente a Comunidade de Montes de San Xulián e o Concello de Marín acometeron tarefas de desbroce nas beiras do rego do Lameira.

Por desgraza, a actuación non abranguía a retirada de residuos que -como plásticos, recipientes e restos de obra- se ocultaban entre a vexetación. Ao desaparecer os fentos, as silvas e a herba, quedou a vista o lixo que, como nun inefable bucle sen fin, volverá quedar sepultado baixo as plantas cando volvan medrar, que á súa vez dentro de moitos meses se cortarán novamente para que afloren máis plásticos, máis recipientes e máis restos de obra dos que hai actualmente…

Muíño do Salgueiro

O muíño do Salgueiro é a seguinte edificación que, desafortunadamente, está en estado ruinoso, como os outros dous que se atopan a continuación.

Muíño do Salgueiro

Muíño do Salgueiro

Bordeando o rego do Lameira monte arriba atoparemos pequenas pozas, pequenos saltos de auga que se abren paso entre as rochas. Augas que semellan bastante limpas, á vista de pequenas crías de peixes que se agochan entre as pedras e libeliñas que voan na superficie, entre outros insectos. 

No que respecta á flora, sorprende a relativa abundancia de árbores autóctonas e de ribeira, como ameneiros, carballos e salgueiros. A presenza de acacias e eucaliptos non é tan intensa como na parte alta do regato, as especies invasoras están fortemente arraigadas no terreo. Entre as plantas, resaltan distintos tipos de fentos, dos cales os de maior tamaño e protagonismo é o fento real ou dentabrú.

Rego do Lameira

Rego do Lameira

Rego do Lameira

Rego do Lameira

Outra das grandes eivas que se observan neste treito do regato é a negativa influencia humana, o incivismo que se ceba nos espazos naturais sensibles e vulnerables. Refugallos de cemento e ladrillo, rodas, plásticos, fragmentos de materiais usados como revestimento, mangueiras… tamén o rego do Lameira ten sido o vertedoiro de xente que non respecta o medio ambiente.

Rego do Lameira

O muíño en peores condicións, con diferenza, é o denominado Fornaco, do que malamente se sosteñen unhas poucas pedras na base. 

Contan os veciños que ao quedar en desuso houbo xente que aproveitou o seu deterioro galopante para empezar a desmontar os muros apropiándose dos bloques graníticos, que se irían reutilizando nos arredores.

Unha vez máis, a falta de concienciación sobre o valor do patrimonio cultural, a desunión veciñal e a desidia colectiva están detrás de que este elemento etnográfico sexa practicamente irrecuperable. 

Muíño de Fornaco

Tamén é unha mágoa chegar ao muíño de Briasco e comprobar que nin das súas paredes, nin da súa canle, nin do seu teito quedan un bosquexo do que foron, malia que algúns elementos característicos dos muíños tradicionais seguen á vista.

Neste muíño destaca a beleza da contorna, o curso da auga que descende entre pedras de gran tamaño, e a ubicación do inmoble encaixado no desnivel do terreo. No seu tempo debeu ser un muíño moi xeitoso e con moita actividade, como testemuñan aínda os habitantes máis veteranos do lugar de Briasco.

Muíño de Briasco

Muíño de Briasco

Muíño de Briasco

Pero se ata este punto a presenza de especies invasoras era máis ben reducida, a partir de Briasco e monte arriba, desaparecen practicamente por completo as árbores autóctonas e as acacias gañan espazo. Preocupa que son exemplares de acacia de escaso porte e poucos anos, pero que en moi pouco tempo terán acadado unhas dimensións importantes e, o que é peor, irán desprazando e levando á súa desaparición os carballos, ameneiros e salgueiros da parte baixa do regato.

É aquí pois onde cómpre empezar a librar a batalla contra esta praga; unha tarefa na que a Comunidade de Montes de San Xulián, coa axuda das Administracións ás que acuda e que se poidan implicar, non se debería despistar porque o tempo que non se dedique a erradicar estas árbores tan invasoras é tempo que esas especies aproveitan para avanzar e seguir arrasando coa biodiversidade propia do regato.

Rego do Lameira

Rego do Lameira

Temos patrimonio arqueolóxico, temos patrimonio etnográfiuco, temos patrimonio natural e temos paisaxe. Por que non se valora, non se coida, non se mantén, non se promociona?

Vendo os muíños en ruínas e vendo o lixo no regato, un non pode menos que lembrarse de iniciativas tan encomiables e próximas a nós como a do colectivo ecoloxista Vaipolorío, cuxos integrantes levan máis dunha década traballando desinteresadamente na limpeza do río Gafos; ou da Comunidade de Montes de Salcedo, que implicou o Concello de Pontevedra, a veciñanza da parroquia e os propietarios na restauración dos muíños do Batán, creando un roteiro etnográfico que é unha auténtica marabilla.

Cando o Concello de Marín mira para outro lado e só se (pre)ocupa de ‘barrer’ para o casco urbán e deixar desatendidas as necesidades do rural, deixando que o patrimonio das parroquias se deteriore e esmoreza ata extremos irreversibles…

Cando a Comunidade de Montes semella (pre)ocuparse só das convocatorias de subvencións que publica o Diario Oficial de Galicia, cubrir papeis e agardar a que mamá-Xunta solte unhas calderillas para cortar madeira, ou para arranxar pistas e camiños…

Cómpre espertar, veciños e veciñas, tomar a iniciativa, non resignarse vendo como os que teñen as competencias políticas/administrativas e os medios económicos se (pre)ocupan doutros mesteres que non teñen nada que ver co que consideran “menudencias”: o patrimonio, a cultura, a transmisión da memoria, a educación.

Dinamizan o emprego, redundan na cohesión veciñal, proxectan o prestixio dunha sociedade, atraen visitantes que xeran riqueza económica… son beneficios evidentes e sobradamente probados a través doutras experiencias semellantes que se levaron a cabo nos arredores.

Estes obxectivos recóllense nas liñas de axudas de moitos programas europeos; tamén encaixarían perfectamente na axenda de traballo de mancomunidades de concellos ás que pertence Marín como Terras de Pontevedra… A que agardan organismos como o Concello de Marín e/ou a Comunidade de Montes para valorar este tipo de propostas que lle dean vitalidade a esta parroquia? 

Vista de Marín desde Briasco

 


Respostas

  1. […] visita aos muíños do Carballal, Salgueiro, Fornaco e Briasco -ou aos seus restos- quedou pendente outra das edificacións de gran valor etnográfico que temos […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: