Unha das propostas dirixidas dende a Asociación MONTE PITUCO á Comunidade de Montes de San Xulián consiste na instalación de paneis informativos en puntos estratéxicos da parroquia e do casco urbán de Marín para sinalarlles aos condutores e ao público en xeral que dirección deben tomar para chegar ao acceso do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños situado na pista forestal do Monte Pituco.
Dúas posibles ubicacións para eses sinais poderían ser a Avenida de Ourense no cruce coa rúa República Arxentina para chegar ao Pituco cruzando A Laxe; e moi especialmente, no cruce da estrada de San Xulián coa pista que conduce ao Lago de Castiñeiras, a carón da Casa de Montes de San Xulián.
De pouco serve que a Comunidade de Montes de San Xulián -como unha das entidades promotoras- se teña sumado ao esforzo de limpar os xacementos situados no seu ámbito territorial, de instalarlles paneis informativos, de participar na publicación duns folletos explicativos e na financiación dunha páxina web se, na práctica, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños non se promociona adecuadamente. E para que a xente o visite hai que darlle facilidades para chegar ata el.
Do mesmo xeito que hai numerosos carteis con flechas marcando a ruta ao castro da Subidá ou aos petroglifos de Mogor, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños é outro recurso de enorme interese cultural, turístico e educativo que merece estar á mesma altura a nivel divulgativo.
A Comunidade de Montes de San Xulián, como parte interesada na posta en marcha desta iniciativa pola presenza dos gravados rupestres de Pornedo, Sete Camiños, Pinal de Caeiro e do miradoiro do Pornedo, debería ser máis activa na difusión destes bens e do entorno no que se inscriben.
Sería oportuno que a Comunidade de Montes emprazara o Concello de Marín -a través das concellerías de Cultura e de Turismo- ou a Deputación de Pontevedra -no marco das competencias que lle correspondan- a implicarse e a colaborar no seu coñecemento por parte da poboación e dos visitantes que recibe a vila, incluíndo o Espazo Sete Camiños no programa de roteiros culturais, de visitas guiadas, na información dos folletos turísticos, nas páxinas web municipal e de Turismo Rías Baixas… empezando por autorizar a instalación dunha sinxela sinaléctica en rúas ou estradas dende as que se poida chegar doadamente ata a entrada ao Espazo dende o Monte Pituco.
De momento, é outra asignatura pendente.
Deixar unha resposta