Publicado por: MontePituco | 16/08/2016

PLENO DE AGOSTO: LIMPEZA DE CUNETAS NAS ESTRADAS PROVINCIAIS

Curva da Pena, agosto de 2016

O perigoso estado que presenta a curva d’A Pena, agosto de 2016

A Asociación Monte Pituco vén de presentar unha instancia no Rexistro da Deputación de Pontevedra instando o Servizo de Mobilidade a que, con carácter urxente e prioritario, inclúa a estrada EP-0019 Marín-Figueirido no seu plan de desbroces e de limpezas viarias.

Desta maneira reitérase ante o organismo provincial -titular do vial- a solicitude que xa no mes de xullo se lle presentara ao Concello de Marín a través da Concellería do Rural e que, desafortunadamente, caeu en saco roto.

De feito, no pleno deste mes de agosto, a Corporación Municipal marinense aprobou por maioría unha moción do PP á que se adheriron o Psoe e a Marea -o Bng votou en contra!- instando a Deputación de Pontevedra a limpar e a desbrozar as estradas EP-1203 O Campo-Pardavila, a EP-1202 Seixo-Santomé, a EP-1201 Marín-Castro e a EP-0019 Marín-Figueirido.

O concelleiro Pablo Novas explicou que xa se cursaran “reitaradas peticións”, tanto verbais como por escrito e que, “nunha mañá, a présa e correndo”, as dúas primeiras xa foron adecentadas. “O Concello leva facendo traballos de desbroce en máis de 50 núcleos do rural de forma planificada e coordinada; que a Deputación faga o mesmo coas súas estradas”, engadiu.

Na súa réplica, o edil do Psoe Iván Pastoriza reprochoulle que “estas mociones no se hacían cuando gobernaba Louzán”. Claro que agora quen dirixe o Goberno provincial é a socialista Carmela Silva e estes tiróns de orellas, doen…

O certo é que cando Louzán gobernaba na Deputación , en máis dunha ocasión a Asociación Monte Pituco tamén tivo que lembrarlle ao Concello que a vexetación invadía as cunetas de San Xulián. Como tamén é certo que NUNCA houbo que agardar tanto a que as máquinas viñeran rozar os valados e que NUNCA houbo que elevar ao Pazo Provincial un escrito que en primeira instancia se depositaba no Rexistro Municipal.

De abraiante -que non brillante nin afortunada- foi a intervención da concelleira do Bng Lucía Santos, que tivo un inusitado protagonismo neste pleno ao capitalizar practicamente todas as intervencións do seu grupo en detrimento da super-omnipresente-xefa Pilar Blanco. Despois de lembrar que o seu grupo levaba meses pedindo que se limparan espazos de lecer como a Ponte de Neibó ou o paseo do Lameira, lembrou que o Goberno local só actuou en Mogor con posterioridade ao incendio que se rexistrou preto do depósito. Lucía Santos afirmou que a Deputación colabora “con todos os concellos por igual” e que “non era así” nos mandatos de Louzán.

…Que terá que ver o touciño coa velocidade! Os políticos deste Concello teñen o insano vicio de rifar entre eles -que se ti tal cousa por un lado, ti máis ca min por outro, este menos que o anterior, aqueloutro porque non se sabe que- e adoptar unha actitude revanchista cando, no fondo, a quen CASTIGAN co seu infantilismo e a súa estreitez de miras é á veciñanza.

É ben pouco edificante que a persoa que ocupe un cargo público revire os argumentos por interés partidista, e quede ‘tan ancha’ xustificando que vai votar en contra da moción do seu rival político para, de seguido, emprazar o concelleiro dese partido a trasladar a mesma moción ao Pleno da Deputación a través do seu grupo provincial.

Porque entre mocións de aquí e de acolá, as poboacións de Castro e de San Xulián levan MESES desprazándose por estradas sen beirarrúas e cunetas nas que non hai sitio para poñer os pés sen enredar coas silvas e cos fentos, xogando o físico con graves problemas de seguridade viaria porque non hai espazo para camiñar sen invadir o asfalto en treitos, onde por riba, moitos condutores circulan a unha velocidade que supera con creces os límites establecidos. Pouco debe moverse a xente do Bng de Marín polas estradas de Castro e de San Xulián para comprobalo en primeira persoa; do contrario, non se entenden ‘pataqueiradas’ como as do seu voto en contra de que a Corporación Local marinense lle solicite formalmente á Deputación que limpe un vial da súa competencia.

Que relevancia ten para os marinenses que a Deputación desbroce cunetas en Poio, Bueu ou Moaña -faltaría máis que non o fixese- se en Marín as ten a monte!

…Que se estire como fixo o grupo municipal do Psoe ofrecendo o seu voto favorable, que deixe na casa a bile, que se molle pola veciñanza, que non ten tempo nin culpa de vendettas políticas.

Pola súa parte, o concelleiro Xosé Manuel Dopazo cuestionou a eficacia dos desbroces realizados pola Concellería de Rural e queixouse de que os veciños quedaron “descontentos” polo labor que se lle contratou á empresa Emdesfor. En vez de externalizar o traballo a unha empresa privada, o edil da Marea amosouse partidario de que o Concello de Marín merque “un brazo articulado en boas condicións” para o tractor municipal. O que pode custar esa ferramenta -entre 15.000 e 25.000 euros- sairía máis rendible que pagarlle 11.000 euros a unha empresa por un traballo “que só dura un mes”, explicou.

Dopazo, que pediu información por escrito do parte de avarías do tractor do Concello, reclamou “máis sensibilidade” para o rural marinense, que “está abandonado”.

Nas segundas quendas de palabra, Pablo Novas xustificou que a empresa contrátase “puntualmente para a tempada de primavera”; Iván Pastoriza recriminoulle ao PP que “tenía el rural limpio porque la Deputación limpiaba lo que no le correspondía”; e Lucía Santos queixouse de non dispoñer do organigrama do Concello.

O concelleiro do Rural rematou lamentando o voto en contra do Bng e comparando en ton crítico o estado actual do rural marinense co tratamento que recibía durante o bipartito.

Pleno da Corporación de Marín, agosto 2016

Votación do PP, Psoe e Marea a favor da moción popular de instar a Deputación a que limpe os viais da súa competencia. O Bng votou EN CONTRA.


Respostas

  1. […] o pasado 2016 a Asociación Monte Pituco vén reclamando diante da Deputación de Pontevedra a limpeza das cunetas na estrada de titularidade provincial que discorre pola parroquia de San […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: