Publicado por: MontePituco | 17/08/2016

CONCENTRACIÓN CONTRA OS INCENDIOS FORESTAIS

Non máis lumes

O fume dos incendios, sobre o Monte Pituco

Hai uns días eramos testemuñas de como o ceo se tinguía dunha intensa cor gris a causa das ducias de incendios forestais que se declaraban en Ponte Sampaio, O Vao, Soutomaior, Cotobade, Saiar, Salcedo… a lista de zonas afectadas é dramaticamente longa.

Cada verán vivimos co corazón encollido temendo que o lume chegue aos montes de San Xulián, tan necesitados de actuacións de limpeza, saneamento, ordenación. Un monte que, tanto nos matos privados como no terreo comunal, está masivamente eucaliptizado e onde as especies frondosas -carballos, castiñeiros, ameneiros…- son pequenos oasis no medio dun combustible tan perigoso.

Porque periga a biodiversidade, porque o patrimonio prehistórico tamén corre un serio perigo de sucumbir de forma irreparable se as lapas fan acto de presenza, porque o ‘balcón da ría’ pode deixar de ser un lugar idílico para converterse nun horrible chamizo, porque hai leis que se reformaron interesadamente para favorecer a especulación… hai moitos motivos para sensibilizarse, tomar conciencia e posicionarse a prol de políticas e sistemas de xestión que favorezan o coidado e a multifuncionalidade do monte, a prevención por riba da extinción, a sostibilidade.

A quen lle doa o monte, quen sufra polo dano atroz que está padecendo o medio ambiente, quen se solidarice cos milleiros de veciños e veciñas afectados pola cercanía dos lumes ás súas casas, quen se poña no lugar dos bombeiros e do persoal de extinción polas difíciles condicións nas que traballan, quen tema pola conservación de tantos xacementos ameazados, quen clame contra o abandono do que debería ser un dos motores da nosa economía a nivel forestal, turístico, cultural… poderá facelo na Praza da Peregrina este xoves 18 ás 20:30 horas, apoiando a concentración convocada pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: