Flora

Moitas andainas. Con sol e calor, con choiva e vento, con néboa ou co ceo azul. Milleiros de pasos. A experiencia sempre é diferente: a intensidade da luz, o sentido do aire, un son, un aroma. Os sentidos, receptivos a todo tipo de sensacións. E velaí está ese paxaro, ou esa flor, ou ese insecto, ou ese arbusto. Bechos e herbas son os habitantes “anónimos” do Monte Pornedo. Seres vivos que se asoman a esta fiestra virtual como mostra da riqueza natural e da biodiversidade deste espazo que merece perdurar.

POLÍGONO, NON!

EstrelaDeTerra

‘Astraeus hygrometricus’, estrela de terra

Abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii)

Abeto de Douglas (Pseudotsuga menziesii). Foto de Cándido Martínez.

Centaurea nigra

‘Centaurea nigra’: Perenne, con talos de ata 60 cm, ergueitos ou deitados. As follas superiores son lanceoladas, sésiles, e as inferiores varían de lanceoladas a ovado-lanceoladas, podendo ser todas elas verdes ou griseiras e pelosas. Flósculos purpúreos. Florece en maio-setembro en toda Galicia. Especie de ampla variabilidade. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Scilla Autumnalis

[Foto, Cándido Martínez]

‘Scilla autumnalis’: bulbo ovoideo e follas lineares que aparecen despois da floración. Inflorescencia en acio alongado de 6-20 flores, que levan tépalos pequenos, azuis ou liláceos. Froito en cápsula case globosa. Florece en agosto-outubro, como o seu nome indica, en toda Galicia, pero en especial en prados de terras soltas de beiramar. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Tromentelo

‘Thymus caespitititus’, ou tomentelo do país: planta leñosa, cespitosa, con talos arraigantes e outros floríferos de ata 10 cm de altura. Follas lineares ou linear-espatuladas. Inflorescencias laxas. Flores pediceladas con cálice bilabiado. Corola púrpura de ata 5 mm, con estames exertos de anteras tamen púrpuras. Florece en maio-agosto, en especial en zonas baixas de Galicia e norte de Portugal. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

"Umbilicus rupestris", capelo, 'ombligo de Venus'.

“Umbilicus rupestris”, couselo ou ‘ombligo de Venus’, en castelán: Follas basais orbiculares, de 2-7 cm de ancho. A inflorescencia ocupa máis da metade do talo e consiste en acio de flores pendulantes. Florece en abril-xullo en paredes e rochas de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Fiúncho (hinojo).

Fiúncho, en castelán, hinojo (Foeniculum vulgare): Glabro, glauco, perenne, con cheiro típico a anís, acada os 250 cm. Os talos son estriados, algo ocos nas partes anchas. As flores, de 1-2 mm, con pétalos amarelos, van en umbelas terminais e laterais de 5-40 radios. O froito mide 3-10 mm, sendo castaño na madurez. Florece en xullo-setembro, en especial en pouca altura, sendo algo nitrófilo. Os froitos (anises), son empregados para condimentar as castañas, e as follas e talos, ademais de ser comestibles, úsanse na festa dos maios. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

"Verbascum virgatum" ou chopo branco, seoane.

“Verbascum virgatum” ou chopo branco, seoane: Bienal (o primeiro ano só bota a mouta basal), glabra, agás na parte superior que é glandular, pubescente. Follas caulinas sentadas. As flores, pedunculares, solitarias ou en grupos. Cálice de 4-8 mm e corola amarela con fondo violáceo de 30-40 mm de diámetro. Estames inferiores con pelos violáceos. Cápsula globosa. Florece en xuño-outubro, en baldíos de zonas baixas de Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Herba concheira ou xabroneira (Saponaria officinalis).

Herba concheira ou xabroneira (Saponaria officinalis): Pétalos brancos ou rosáceos. Florece entre maio e agosto, en terreos húmidos ou beiras de regatos, aínda que tamén preto de camiños ou leiras. Os rizomas cocidos téñense usado para a asma e os males da pel. As follas pódense empregar como xabón, por dar escuma ao fregalas. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

'Castanea sativa', castiñeiro.

Castiñeiro, ‘castanea sativa’: Árbore que pode acadar os 30 m e os 1.000 anos de vida, aínda que é máis normal que non se deixe medrar moito, por medio de podas case continuas. A casca é griseira, moi fendida. As follas, alternas, oblongo-lanceoladas, coas beiras aserradas. As flores nacen en amentos erectos -chamados ‘candea’- que son ao primeiro verdes e ao remate acastañadas. Os froitos, as castañas, aparecen envoltos nunha cápsula globosa, espiñenta.Despois de caer ao chan, seca a cápsula -ourizo-, abre en catro partes. Florece en maio-xuño e as castañas caen en outubro-novembro, no tempo dos magostos. Hoxe acéptase -confírmao a paleopalinoloxía- que o castiñeiro xa era natural da Península Ibérica antes das glaciacións. En todo caso, os romanos foron plantando castiñeiros ao paso que conquistaban novas terras. Así foi (ata a introdución da pataca e do millo, especies americanas) a base da mantenza dos galegos. A mediados do séxulo XX esta especie foi atacada polo mal da tinta, que acabou con moitos soutos. A solución foron os híbridos con outras variedades de castiñeiro de procedencia xaponesa, chinesa e americana, resistentes ao fungo que causou a praga. A madeira desta árbore , dura e pesada, é boa para moblaxe. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

"Mentha suaveolens" ou mentraste.

“Mentha suaveolens” ou mentraste: De ata 60 centímetros, de cheiro forte ao esfregalas, cos talos e follas pelosos. As flores con corola branca ou rosácea, forman espigas alongadas, formando en conxunto inflorescencia ramificada. Florece en xuño-setembro, en lugares nitrificados e secos (acompaña a miúdo as estrugas). Ten as mesmas propiedades que o poenxo, que se emprega como dixestivo, tónico e estimulante, aínda que en menor medida. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

"Gamochaeta spicata", cabrera.

“Gamochaeta spicata”, cabrera: Perenne, con un ou varios talos de ata 30 cm. Follas basais oblongo-espatuladas, máis ou menos onduladas. Verde escuras na cara e branco tomentosas no envés. Florece en abril-xullo en lugares removidos ou beiras de cursos de auga. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

"Sesamoides suffruticosa".

“Sesamoides suffruticosa”: Planta perenne, de cor verde e talos algo amarelos, con cepa leñosa ramificada. Talos de 15-35 cm, erecto-ascendentes, con follas basais oblongo-lanceoladas a espatuladas. As flores aparecen dispostas en acios e levan cálice con sépalo inferior. Pétalos brancos laciniados. Florece en abril-agosto. É común en breixos e beiras secas de camiños de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

"Trifolium repens".

“Trifolium repens”: perenne, con talos reptantes de ata 60 cm que arraiga, polo que inza moito. As follas levan folíolos obcordados, obovados ou case orbiculares, ás veces manchados. As inflorescencias son hemisféricas. As flores, dispostas sobre pedicelos que se curvan despois da floración, levan cálice con 10 nervios. Corola branca ou algo rosácea. Legume indehiscente, de 1-4 sementes. Florece en abril-setembro en prados, céspedes, etc. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

"Vicia angustifolia" ou herba da fame.

“Vicia angustifolia” ou veza, lívica, herba da fame: anual, pelosa ou glabra, con talos de ata 80 cm. Pétalos violáceos (azuis ao secaren). Legume linear-oblongo. Florece en marzo-agosto en terras de cultivo e pastos de todo o país. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

'Fumaria' ou matafogo, pé de galiña, herba dona ou pombiña.

‘Fumaria’, coñecida como matafogo, pé de galiña, pombiña ou herba dona (en castelán, fumaria ou zapaticos): planta difusa ou gabeadora, con acios de 14-25 flores, tan longos como o seu pedúnculo. As flores levan corola branca con ápice purpúreo, pero a miúdo volvéndose avermellada despois da fecundación. Florece en febreiro-agosto en lugares removidos ou terras de cultivo. Hai distintas variedades: fumaria capreolata, fumaria bastardii, fumaria reuteri ou fumaria muralis. As especies deste xénero empréganse como depurativas en homeopatía. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Vinca difformis ou cangroia, semprenoiva.

Vinca difformis, coñecida como cangroia ou semprenoiva (en castelán, hierba doncella): Vivaz, con talos herbáceos de ata 200 cm, máis ou menos erectos. As follas son ovadas lanceoladas, de base redondeada. As flores, con pedicelos menores cás follas correspondentes, levan cálice con lóbulos lineares, e corola azul de 30-45 mm de diámetro, con tubo de 12-18 mm. Florece en febreiro-xullo en sebes, a baixa altitude. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

'Lamium maculatum', ou chuchamel, estruga morta.

‘Lamium maculatum’, coñecida como chuchamel ou estruga morta: Perenne, máis ou menos pelosa, de ata 50 cm de altura, con follas triangular-ovadas, irregularmente dentadas, algo semellantes ás das estrugas. Corola rosácea a púrpura (algunha vez branca), con tubo curvado. Os verticilos das flores van dispostos sobre brácteas independentes entre si. Florece en marzo-decembro en beiras de camiños e lugares algo nitroxenados da maior parte do país. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Arum italicum”, coñecida como herba das anadas ou xaro.

“Arum italicum”, coñecida como herba das anadas ou xaro: Planta que acada 10-40 cm, con tubérculo rizomatoso horizontal de ata 5 cm. Follas de ata 35 cm, de limbo triangular con dúas orellas de base diverxentes, que aparecen no outono ou no inicio do inverno, con pecíolos de ata 40 cm, habitualmente verdes pero ás veces manchadas de púrpura ou dun verde diferente. Espata verde-amarela de ata 11-40 cm. Espádice de 6-13 cm, coas flores dispostas en catro zonas diferentes. Arriba flores masculinas estériles, seguidas de estames amarelos no medio, flores femininas  estériles e pistilos. Espiga de 3-10 cm na frutificación con baias vermellas de 1-4 sementes. Florece en abril-xuño en terras húmidas e removidas, beiras de camiños, etc. Os froitos maduran no verán. A planta ten sido aplicada contra catarros de bronquios e como purgante, pero non é recomendable o seu uso por ser fortemente velenosa. O nome de herba das anadas lembra que se empregaba como agoiro de colleitas. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

'Zantedeschia aethiopica' ou cala.

‘Zantedeschia aethiopica’ ou cala, corno, cartucho: planta con rizoma curto e follas de ata 45 cm. Espata branca de ata 25 cm, aberta, co ápice rematado en punta. Leva flores masculinas e femininas. Froito en baia amarela. Florece case todo o ano. É planta sudafricana, a miúdo plantada en xardíns; pero dáse moi ben subespontánea en terreos húmidos e beiras de regatos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

‘Fragaria vesca’ ou amorilloteira, morateira, morangueira.

‘Fragaria vesca’ ou amorilloteira, morateira, morangueira: herbácea, perenne, de 5-30 cm, con estolóns arraigantes. As follas, de 3 folíolos de 1-6 cm, ovais ou rómbicas, dentadas. As flores van dispostas sobre escapos de ata 30 cm, levan pezas do cálice e epicálice moi semellantes, de 3-7 mm, que aparecen reviradas no froito, e pétalos brancos de 3-10 mm. Froito vermello e carnoso. Florece en febreiro-setembro en carballeiras, sebes ou lugares sombrizos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

‘Hypochoeris radicata’ ou paciporcas: Planta perenne, con follas oblongas a oblongo-lanceoladas, pelosas. Flores liguladas, amarelas. Florece en maio-xullo en toda Galicia. Empregada como antitusíxena. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Perenne, pubescente-glandulosa, de base lixeiramente leñosa, con talos de 30-50 cm deitados, moi ramificados. As follas son ovado-romboideas. As flores, rosa, aparecen dispostas en inflorescencias globosas. Florece en marzo-setembro en bases de muros e lugares secos. Procede de Nepal e emprégase en xardíns. Hai tempo que aparece naturalizada no norte de Portugal e dende alí estase a espallar lentamente polo sur de Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

‘Amanita muscaria’ ou brincabois: Cogomelo tóxico, pertencente á orde Agaricales, frecuente en Galicia e en toda Europa, e caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois, obedecendo estes nomes comúns á suposta toxicidade sobre o gando que o poida comer. Coñécese en castelán como falsa oronja ou matamoscas. O nome científico muscaria fai alusión á paralización que parecen sufri-los insectos que pousan sobre este cogomelo.

‘Crocus serotinus’, tollemerendas: tubérculo con túnica papirácea. As 4-7 follas son lineares, que se forman na floración. Flores lilacinas. Anteras de cor amarela. Estilete laranxa. Florece a fins de outubro-novembro. O nome fai referencia ao serodio da súa aparición. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Daphne gnidium”, trovisco ou matapulgas: Arbusto erecto de folla perenne, moi ramificado, de ata 100 cm. e follas glabras, lineares a obovadas. As flores, algo arrecendentes, de cor branca, van dispostas en inflorescencias terminais. Froito en drupa globosa de 7-8-mm. e cor vermella. Florece en abril-setembro, de xeito que sempre vemos na mesma planta flores e frutos. Atopámola en matorreiras, piñeirais e beiras de carballeiras. Abondosa,en especial na beiramar e zonas de clima mediterráneo. As follas e os froitos son velenosos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Gnaphalim luteo-album” ou borrosa: Planta anual, con talos erectos de ata 40 cm, espido de follas, que son de 2-5 cm, oblongas a lineares, branco-tomentosas por cara e envés, sendo as inferiores espatuladas. Glómero mesto único, ou varios que forman en conxunto inflorescencia corimbosa. Florece en xullo-setembro en terreos soltos e húmidos, e fendeduras de rochas que gardan da sequía. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Sedum brevifolium” ou pan de lagartos, piñeiriña ou uva de raposo: Planta perenne, glabra, con talos estériles abondosos e floríferos. Flores pediceladas, pentámeras, pétalos branco-rosáceos. Florece en maio-agosto, sobre pedras e muros de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Solanum nigrum” ou herba moura: planta anual de ata 70 cm, pouco pelosa e con talos estriados, con follas ovadas e lanceoladas, enteiras ou de beiras sinuado-dentadas. Inflorescencias en simas umbeliformes, Corola de 10-14 mm de diámetro, branca. Anteras amarelas. Froito en baia de 6-10 mm, negro ou verde. Florece en maio-outubro en lugares removidos e beiras de camiños de toda Galicia. É planta tóxica, en especial os froitos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Oenothera glazioviana” ou herba dos burros (en castelán, hierba de los asnos o hierba del vino): Planta bienal ou perennante, con talo de ata 150 cm, peloso, manchado de vermello.Follas basais, oblanceoladas. Inflorescencia non interrompida por pólas laterais, e flores con cálice de longo tubo, de pétalos amarelos. Florece en xuño-setembro en campos e beiras de estradas. Parece ser planta orixinada espontaneamente en xardíns europeos a partir de especies americanas. Actualmente estase a espallar por América e Europa. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Achillea millefolium”, herba dos carpinteiros, herba da rula ou herba do soldado (en castelán, milenrama): Planta perenne, herbácea, con talos erectos de ata 50 cm, a miúdo pelosos. Follas lanceoladas a lineares, bi ou tripinnatisectas en segmentos curtos. Capítulos dispostos en corimbos. Levan lígulas brancas, en número de cinco, e flósculos brancos ou crema. Florece en maio-novembro en toda Galicia. Empregada como vulneraria (que axuda a curar feridas), como indican algúns dos nomes populares. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Pteridium aquilinum” ou fento, fieito ou felgueira común: Frondes que acadan os 2 metros, aínda que normalmente non sobrepasa os 80 cm. O peciolo é ríxido, caniculado e a lámina. Esporulación en xuño-setembro. Pódese ver en toda Galicia, aínda que prefire sotobosques rareados ou terreos sen cobertura sobre chans ácidos. Esta ampla distribución débese ao seu sabor desagradable, que fai que non o pasten os herbívoros. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Phytolacca americana” ou herba carmín: planta herbácea que pode pasar dos 2 metros, de cheiro desagradable. Forma un talo groso, avermellado, que se divide dicotomicamente na parte superior, con follas pecioladas, ovado-lanceoladas, agudas. As flores, de cinco pezas no perianto, brancas ou verdosas, con 10 estames e carpelos que orixinan froitos carnosos de 10 mm de diámetro, violáceos na maduración. Florece en marzo-setembro, e frutifica pouco despois. Planta orixinaria de Norteamérica, que se pode ver en camiños e leiras das partes baixas do país. Chegou a Europa como planta ornamental. Do froito, que é purgante, como as follas, obtense colorante vermello, ás veces empregado nos viños. O seu uso non é recomendable por ser tóxica en certas doses. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Lonicera periclymenum”, herba salgueira, bigorda ou chuchamel (en castelán, madreselva): planta perenne, agabeadora de base leñosa, que pode acadar os 6 metros, con follas caducas oblongas ou elípticas. As flores, dispostas en grupos terminais, levan corola branca ou amarela, ás veces tinguida de vermello, pubescente-glanulosa, con tubo longo de 3,5-5,5 mm. Froitos en baia vermella, tóxicos. Florece en maio-agosto. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Pentaglottis sempervirens” ou buglosa (en castelán, lengua de buey): Vivaz, moi híspida, con talos floríferos de ata 100 cm e follas oblongas e ovadas, agudas. Inflorescencia disposta en cimas mestas, de 5-15 flores. Corola azul de 8-10 mm diámetro, coa gorxa pechada por 5 escamas brancas. Florece en abril-xuño en lugares sombrizos e húmidos, a miúdo algo nitrificados, da zona baixa de Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Silene laeta: anual, glabra, cespitosa, arraigante nos nós, con talos de ata 60 cm. Follas basais xeralmente oblongo-lanceoladas, sendo as caulinas liñar-lanceoladas, mucronadas. Pétalos rosas ou brancos, con limbo de 3-7 mm, bífido. Florece en maio-xuño, en lugares húmidos de beiras de marismas e augas doces. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Briza maxima” ou tremedeira: anual, con talos de ata 70 cm. Follas planas de 3-10 mm de ancho, con lígulas lanceoladas de 2-5 mm. Inflorescencia en panícula, pendulante, con 2-20 espículas dispostas en grupos de 1-3 sobre poliñas solitarias. Florece en abril-xullo en toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Teucrium scorodonia”, teúdo ou seixebra (en castelán, escorodonia): herbácea ou subarbustiva, ramosa, acadando raramente os 100 cm. As follas, de 30-70 cm, son triangular-ovadas, rugosas, de base cordada e beiras crenadas. Corola branca a amarelo-verdosa, leva os estames exertos. Florece en xuño-agosto, sendo abondosa en lugares aclarados, muros vellos ou entre seixos (de aí o nome popular). Empregada en medicina como diurética. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Cirsium filipendulum”: Planta perenne, con rizoma estolonífero e algunhas raíces fusiformes do que xorden talos non ramificados, de ata 80 cm. As follas basais aparecen pecioladas e sinuado-dentadas. Os capítulos aparecen pedunculados e levan brácteas involucrais acuminadas. Florúsculos purpúreos. Florece en maio-xuño, sendo habitual en lugares algo húmidos de toda Galicia. É endemismo ibérico. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008). (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Prunella vulgaris” ou herba das feridas, tamén chamada herba do ferro (en castelán, brunela, consuelda menor, hierba de las heridas): Planta con rizomas reptantes dos que xorden talos erectos de ata 50 cm, con follas ovadas ou oblongas. As flores dispostas en inflorescencia terminal, mestas, cilíndricas, cun par de brácteas foliáceas inferiormente. A corola, de 10-15 mm, ten cor azul-violácea. Florece en xuño-outubro en prados e bosques algo aclarados. Empregada como vulneraria (que axuda a curar feridas). (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Verbascum simplex” ou chopo branco, tamén chamada seoane (en castelán, verbasco, gordolobo): Bienal, con talos ata 200 cm de altura, simples ou ramificados, recubertos de tomento griseiro. Follas alternas. Inflorescencia en espiga racemosa simple ou composta, con brácteas de 7-8 mm, lanceolada. Corola amarela de 20-25 mm. Cinco estames, dimorfos, os superiores con filamentos recubertos completamente de pelos filiformes de cor amarela pálida. Froito en cápsula globosa de 5-7 mm. Florece en xuño-setembro, en especial nas zonas baixas de Galicia. Emprégase como antitusíxena. As sementes, para diluír nos ríos, emponzoñando as augas para pescar os peixes con artes pouco nobres, de onde procede a palabra enverbascar. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Scrophularia scorodonia”: Planta perenne, pubescente-gladulosa, con talos ramosos, cuadrangulares, que acadan os 175 cm. Follas con limbo, bidentado, rugosas. Flores en inflorescencia aongada, con pedicelos de 5-20m mm. Cálice con rebordo escarioso. Corola púrpura-verdosa. Estames con anteras amarelas. Froito en cápsula ovoidea. A “Guía das plantas de Galicia” de Xosé Ramón García (Xerais, 2008) explica que o nome xenérico desta planta refírese á suposta propiedade de actuar contra as escrófulas, ou disposición a certas enfermidades infecciosas como a tuberculose; tamén é considerada vulneraria, que axuda a curar as feridas. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Echium plantagineum” ou lingua de boi, tamén chamada borraxa (en castelán, viborera): Erecta, anual ou bienal, de ata 80 cm, con un ou varios talos floríferos que xorden da mouta basal de follas basais de ata 35 cm, anchamente ovadas e espatuladas, cubertas de indumento simple de pelos adpresos, con nervacións laterais moi marcadas. Inflorescencia paniculada de flores con cálice de 7-10 mm, de corola de 18-30 mm, aulada ou rosácea. Normalmente con dous estames exertos. Florece en abril-xullo en toda Galicia, en especial en lugares secos de chans soltos, e terras de labor. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Silene nutans: planta perenne, erecta, con talo de ata 80 cm, algo endurada na base, glandulosa na metade superior. Follas inferiores espatuladas a lanceoladas. As flores, como indica o seu nome específico, son pendulantes, formando unha panícula laxa, glandulosa, con estiletes e estames sobresaíntes, con pedicelos de ata 25 mm. Pétalos brancos pola cara e verdoso polo envés, ás veces algo purpúreos. Florece en toda Galicia en maio-xullo, facéndose máis rara nas partes baixas do país. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Jasione montana, ou borla azul (en castelán, botón azul): Bienal ou anual, máis ou menos pelosa, con talos ata 50 cm, ramosos inferiormente, erectos, áfilos na metade superior, con só un capítulo. As follas, en xeral de 12-55 mm, son linear-oblongas e espatuladas, crespas e onduladas, con beiras finas e pouco ou nada papilosas. As florse levan pedicelos de 4-4 mm, con cálices de dentes de 1,5-4 mm. Corola azul. Florece en abril-agosto en toda Galicia, aínda que non sobe ás zonas montañosas. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Allium ampeloprasum, ou allo bravo: Bulbo esférico de 2-5 cm de diámetro, cuberto por túnica membranosa, con bulbilos de 3-7 mm de diámetro. Escapo de 40-150 cm, con 4-8 follas lineares, con quilla e beiras denticuladas (máis curtas có talo= que envolven a metade inferior do talo. Flores con tépalos rosados ou purpúreos e nervio dorsal verde. Estames internos con filamentos simples. Anteras purpúreas ou amarelas. Froito en cápsula de 3-5 mm de diámetro. Florece en xuño-setembro, en especial na parte litoral do país. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Lithodora prostrata, ou herba das doas (en castelán, mijo del sol): Talos deitados ou erectos, de ata 60 cm, peloso e con follas sésiles, oblongas ou linear-oblongas, de beiras algo enroladas. Corola de 12-16 mm, pelosa no interior. Estames insertos na corola a diferente nivel. Florece en maio-setembro en toda Galicia, sendo común en piñeirais, bosques aclarados, ou pastos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Simethis planifolia”, coñecida popularmente en galego como “ouropesa”, e en castelán como “purga de pobres”. Florece en maio-agosto. Atopámola en monte baixo e piñeirais, en especial nas partes baixas do país. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Andryala Integrifolia”: bienal e perenne, con talos ramosos ata 80 cm, recuberta de pubescencia mesta, amarela e glandulosa. Capítulos dispostos en corimbos. Florece en abril-setembro en lugares removidos ou secos de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Xénero Ornithogalum: Perenne con bulbo ovoideo do que xorden follas basais. Flores en acio terminal alongado ou corimbiforme, de 6 tépalos petaloidos libres ou lixeiramente unidos na base. Froito en cápsula con  moitas sementes. O nome xenérico, “leite de galiña”, procede de que pensaban os antigos que era unha planta difícil de atopar. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Polygala vulgaris: Perenne, de raiceira leñosa da que xorden talos ramallentos de ata 35 cm. As follas son alternas, as inferiores elípticas e as superiores linear-lanceoladas. As flores -azuis, moradas ou brancas- aparecen en acios mestos de 10-40, cónicos, alongados na frutificación, levando cada pedicelo unha bráctea do seu mesmo longo. Florece en abril-xuño en prados e breixos. Abondosa en todo o país.

Silene gallica: anual, con talos de 8-60 cm, simples ou ramificados dende a base, pilosos. Flores dispostas en inflorescencia racemosa, a miúdo unilateral. Os pétalos levan limbo de ata 7 mm, branco ou rosáceo. Froito en cápsula de 6-9 mm. Florece en abril-agosto, sendo moi común en toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Sedum (pan de lagartos, piñeiriña ou uva de raposo): planta perenne, glabra, griseira ou glauca, con talos débiles deitados de ata 12 cm. Flores pentámeras, con sépalos libres, de 2-5 mm, agudos e con pequeno esporón basal, e pétalos brancos ou rosados, de 3-10 mm, agudos. Florece en xuño-agosto en pedreiras, rochedos, etc. de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Tuberaria guttata: anual, pelosa, con talos floríferos. Follas basais en mouta. As flores levan longos pedicelos. Pétalos de 3-9 mm, amarelos, manchados na base. Florece en marzo-agosto en gabias e lugares removidos e secos de toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Ericáceas: arbustos perennes con follas lineares e beiras reviradas, dispostas en verticilos. Flores pentámeras, en acios. Con cálice curto e corola urceolada, branca ou rosácea. Sementes diminutas. Todas as especies teñen interese melífero (mel de breixo) e ornamental, en especial as formas albizas (flores brancas). (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

Linaria spartea: Anual, con talos floríferos de ata 60 cm. Follas lineares, obtusas, alternas. Inflorescencia laxa, de flores con pedicelos de 3-15 mm, cálice de 4 mm con lóbulos iguais e corola amarela de 18-30 mm con esporón de 9-18 mm e padal laranxa. Froito en cápsula de 4 mm, con sementes tetraédricas, negras. Florece en maio-agosto en lugares secos, máis abondosa en terras baixas. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Arenaria montana”: Perenne, cespitosa a miudo, con talos de ata 30 cm, recuberto de pelos curtos. As flores aparecen en cimas, en grupos de ata seis. Sépalos de 5-9 mm e pétalos brancos de 6-14 mm. Froito en cápsula de 5-8 mm, glovoso-ovoideo. Florece en maio-agosto en toda Galicia, en carballeiras aclaradas, piñeirais e outros hábitats moi abertos, como pedregaise breixos, en especial en chans ácidos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Cytisus striatus”, ou xesta: Arbusto ramallento de ata 300 cm, de pólas cilíndricas con 8-10 costelas lonxitudinais. As follas inferiores levan 3 foliolos e son pecioladas, mentres as superiores son sentadas. As flores levan un pedicelo de 5-10 mm, cálice de 5-7 mm pouco peloso e corola papilionácea amarela viva. Estames, 2 longos, 3 medianos e 5 curtos. Legume de 17-36×8-12 mm, biconvexo. Florece en marzo-xuño en fincas, beiras de camiños e claros de carballeiras das zonas baixas de Galicia. Endémica da metade oeste da Península Ibérica e do norte de Marrocos. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Helichrysum foetidum” ou falsa árnica: planta perenne de ata 100 cm de talos ramosos, algo endurecidos. Follas planas, de beiras onduladas, verde-glandulosas pola cara e branco-tomentosas polo envés. Flores en flósculo e invólucro que abre en estrela na frutificacion, chegando a 15-20 mm de diámetro, con brácteas de cor amarela palla, brillantes. Florece en abril-xullo, en beiras de estradas e lugares secos. Planta fedorenta, orixinaria de Sudáfrica, aínda que hoxe moi espallada. (“Guía das plantas de Galicia”: X.R. García. Xerais, 2008).

“Digitalis purpurea” ou seoanes, sanxoán, milicroques, estralote, dedaleira, dixital, abeluria, botexo, croque, estoupallo…: Planta que acada os 200 cm, pubescente e aínda lanos, con follas basais pecioladas máis ou menos rugosas, ovadas e lanceoladas, recubertas de pelos. Flores con corola, púrpuras (ás veces brancas), co interior branco-punteado de vermello, peloso, dispostas en acio non ramificado. Florece en abril-setembro en case toda Galicia. Toda a planta é velenosa, por conter dixitalina, droga que fai máis vagaroso o latexar do corazón, polo que se emprega en medicina. É tamén planta máxica, por escorrentar as desgrazas. Moi popular, como indica a cantidade de nomes vulgares, moitos dos cales proceden do estoupido que se produce ao xogar coas flores. (“Guía das plantas de Galicia”, X.R. García. Xerais, 2008).

“Sambucus nigra” ou sabugueiro, bieiteiro: Arbusto que pode acadar os 5 metros, con miolo branco, lixeiro e mol. Follas pinnadas con 5-7 folíolos, ovados, de beiras serradas. Flores pentámeras de 5 mm de diámetro, corola branca e anteras amarelas, fortemente arrecendentes, dispostas en inflorescencias corimbosas de 1′-24 cm de diámetro con 4-5 raios primarios. Froito en baia de 4 mm, negra na maduración. Florece en abril-agosto en lugares algo húmidos e con materia orgánica, de toda Galicia. Foi xogo tradicional infantil a feitura de tiratavos e xeringas coas pólas, despois de extraer o miolo. Os froitos, aínda que lixeiramente tóxicos, son laxantes e téñense empregado para dar cor ao viño tinto. As flores son sudoríficas e antitusíxenas. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008)

“Papaver dubium”, ou mapoula: anual, pelosa. Florece en xuño-agosto en lugares secos de toda Galicia. No Pornedo adiantouse a floración; estes exemplares corresponden a mediados de marzo. (Guía das plantas de Galicia, de X.R. García. Xerais, 2008).

No ‘Catálogo Galego de Especies Ameazadas’, publicado no DOGA do 9 de maio de 2007, atópase o fento “Dryopteris guanchica Gibby & Jermy”, marcado como especie VULNERABLE. Segundo a ‘Guía das plantas de Galicia’, de Xosé Ramón García, atópase en rochedos húmidos e a súa esporulación prodúcese entre maio e outubro. No contorno do Monte Pituco dáse a carón dun regato onde se localizan exemplares de SARAMAGANTA ou “CHIOGLOSSA LUSITANIA”, un anfibio que tamén está incluido no ‘Catálogo Galego de Especies Ameazadas’, na categoría de vulnerable (código 149). A importancia da conservación deste hábitat radica non só na existencia de exemplares de “Dryopteris guanchica”, senón tamén en que o regato é unha zona de cría da saramaganta.

Entre os meses de agosto e outubro, cando se calcula que florece, a presenza da “Merendera pyrenaica”, coñecida popularmente como tollemerendas, localízase “en prados e claros de breixos de toda Galicia, desde a beiramar ata as maiores alturas”. Trátase dun endemismo da Península Ibérica, conforme a ‘Guía das Plantas de Galicia’. Agroma de forma abundante no Monte Pornedo, na aba do mesmo val.

A presenza desta especie botánica no Monte Pituco demostra a verstilidade deste espazo para acoller plantas propias de procedencias diversas. Así, a “Pedicularis sylvatica”, coñecita tamén como herba piolleira ou chuchamelos, “florece en febreiro-outubro en brañas, herbazais e queirugais”, segundo a ‘Guía das plantas de Galicia’.

“Linaria saxatilis” ou paxariño: Perenne (raramente anual), con talos de ata 50 cm, máis ou menos glandular-pubescentes, os fértiles acompañados doutros estériles. Follas dos talos fértiles de 4-20 x 1-5-mm, lineares ou oblongo elípticas, de disposición alterna as superiores, en verticilos de 3-5- as inferiores. Flores con pedicelos de 0,5-3 mm, cálice de 3-4,5 mm e corola amarela (ás veces algo vermella), de 9-18 mm, con esporón de 5-8 mm, máis curto có resto da corola. Cápsula de 2,5-4,5 mm. Sementes acastañadas. É planta polimorfa. Florece en maio-agosto en cantís de toda Galicia. ENDEMISMO do cadrante NW da Península. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Eupatorium cannabinum”, herba de Santa Cunegunda ou porqueira: Planta erecta, de ata 175 cm, con follas palmeadas en 3-5 lóbulos lanceolados a ovados, de 5-10 cm, coas beiras serradas. Flores purpúreas (ás veces brancas) en capítulos de 2-5 cm de diámetro. Aquenios de 3 mm, negros na madurez, con papo de pelos brancos denticulados máis longos que o aquenio. Florece en xuño-agosto en lugares húmidos e sombrizos de toda Galicia. Considérase laxante e purgante, en especial a raíz. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Cuscuta epithymum” ou barbas de raposo: Talos de cor vermella-acastañada a case amarela. Florece en maio-agosto en gran parte de Galicia, parasitando en especial a toxos, xestas e mesmo trevos. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Dipsacus fullonum” ou cardencha: Planta erecta, que acada os 200 cm, co talo asucado e con aguillóns. Follas caulinas enteiras algo dentadas, unidas polas bases, coas nervacións cubertas de aguillóns tamén. As flores, con corola rosácea de menor tamaño. Florece en xuño-agosto en lugares secos de toda Galicia, como proximidades de praias, coídos nas beiras dos ríos, ou beiras de camiños. Considérase planta diurética. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Solidago virgaurea” ou herba forte, ou vara de ouro: Talos de ata 100 cm, con follas basais pubescentes, de 2-20 cm, oblongo-lanceoladas a elípticas. Inflorescencia terminal tirsoidea, con capítulos 7-10 mm de diámetro. Aquenios acastañados. Florece en xuño-setembro en lugares sollados de toda Galicia (pero falta nas zonas máis baixas), sendo planta de gran variabilidade. Considérase astrinxente e diurética por vía interna, e vulneraria aplicada exteriormente. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Frangula alnus” ou sanguiño: Arbusto ou pequena árbore, de ata 5 m, con follas caducas de 3-7 cm, obovadas enteiras, de cor verde escura, brillantes. As flores, de 3 mm, hermafroditas, van dispostas en acios pequenos nas axilas das follas, e teñen cálice verdoso de 5 sépalos e 5 pétalos menores, blanco-verdosos. Máis visibles son os froitos, drupas de 6-10 mm que son verdes ao primeiro, despois vermellos, e negros na madurez. Florece en abril-xuño, aínda que non sexa raro ver flores en setembro. Maduran os froitos desde xullo. Abondoso en sotobosques de carballeiras, piñeirais en recuperación, sebes… A casca é un vomitivo enerxético en fresco, e seca, despois dun longo periodo (máis dun ano), un bo purgante. Usábase para curtir o coiro e tamén, cocida en leite, contra a sarna. (“Guía das plantas de Galicia”, de X.R. García. Xerais, 2008).

“Pinus pinaster”, piñeiro bravo ou piñeiro do país: Pode acadar os 40 metros de altura. A casca, moi fendida, é acastañado-avermellada. As follas, aciculares, van porpares. As piñas son estreitas. As sementes ou piñóns miden 7-8 mm. Este piñeiro, o máis abondoso no país, debeu chegar a fins do XVIII procedente de Portugal, pero hoxe ocupa máis do 25% do noso chan, nunha orla que ocupa as provincias de Pontevedra, A Coruña e norte de Lugo. A madeira, de regular calidade, emprégase en especial para embalaxe, industria da celulosa, etc. Ás veces sángrase para extracción de resina. As piñas foron o xeito tradicional de prender o lume, para o que se comercializaban. (“Guía das plantas de Galicia”, Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

A “Daboecia cantabrica” é un arbusto que acada os 50 centímetros, con follas de 10 a 14 milímetros, lanceoladas ou elípticas, coas beiras de cara verdes, reviradas, aínda que amosando a maior parte do envés, branco-tomentoso. As flores parecen acios terminais nas pólas, en número de 6 a 15, e corola urceolada, violácea. Ovario recuberto de pelos glandulosos. Cápsula de 3 a 7 milímetros, dehiscente por 4 valvas e con sementes numerosas e diminutas. Florece entre xuño e outubro en toda Galicia. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Erica ciliaris”, coñecida en galego como carrasco, carroucha, queiruga, carpaza (en castelán, brezo). Pequeno arbusto que acada os 80 centímetros, con talos retortos. AS follas, de 2 a 4 milímetros, aparecen en verticilos de 3 a 4, e son ovais ou lanceoladas, con beiras ciliadas, revoltas, pero non recubrindo máis ca un terzo da superficie do envés. AS flores en acios terminais de forma piramidal, con pedicelos de 1,5 a 3,5 milímetros pelosos e avermellados que levan dúas bractéolas opostas inseridas na metade superior do peciolo. Florece entre abril e setembro, en brañas e zonas húmidas de toda Galicia, en especial na área máis atlántica. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Calluna vulgaris”, merino. Arbusto rexo, de ata 100 centímetros de altura, moi ramallento. As follas, de 1 a 3,5 milímetros van dispostas imbricadas en 4 ringleiras e levan na base dúas pequenas prolongacións. As flores van dispostas en acio laxo, e levan sépalos de 3 a 4 milímetros, rosáceos, e corola de 2 a 3 milímetros formada por 4 lóbulos. Estames inclusos, ovario peloso. Florece entre setembro e novembro, sendo un dos principais compoñentes do monte baixo. Usado en tempos como diurética e por ser planta tintureira. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Arctium minus”, ou pegotes, peollos, herba dos amores. Florece en maio-xullo en lugares nitroxenados. Empregada como depurativa e para males da pel. Os nomes galegos lembran as propiedades dos capítulos de apegárense doadamente nas roupas e pelos. (“Guía das plantas de Galicia”. X.R. García. Xerais, 2008).

“Cistus psilosepalus sweet” ou carpaza: Arbusto con talos ramosos de ata 100 cm. As follas son sésiles, ovado-oblongas, a linear-oblongas, planas ou a penas revolutas, pelosas por cara e envés, percorridas por tres veas. As flores levan cinco sépalos, dous deles algo maiores de cor verde marela, e cinco pétalos brancos, a miúdo cunha mancha basal amarela. Estames iguais. Froito en cápsulas que abre por cinco valvas. Florece en maio-xuño en chans ácidos, senso máis abondoso en baixas latitudes. Constitúe ENDEMISMO da metade oeste da Península Ibérica. (Fonte: “Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

A herba de Santiago, herba do sapo ou casanio, segundo as denominacións que se lle atribúen na “Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García Martínez, é unha planta bienal e perenne, con talos de ata 150 centímetros, máis ou menos pelosos, e só ramificados na inflorescencia. Florece entre xuño e outubro e para o gando resulta velenosa a súa inxesta. O seu nome científico é “Senecio jacobaea” e recibe a denominación tradicional vencellada ao apóstolo pola súa abundante presenza nos camiños de peregrinación a Compostela.

Malva: As flores levan cinco pétalos rosáceos ou purpúreos, emarxinados ou bilobados. Froito en esquizocarpo. Todas as malvas son laxantes. Hainas de distintas variedades: moschata, tournefortiana, sylvestris, nicaensis ou neglecta. (“Guía das plantas de Galicia”: Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

“Ulex”, ou toxo: Arbustos espiñentos, con pólas transformadas en espiñas nas que se implantan espiñas secundarias e terciarias, e follas altarnas trifolioladas que só aparecen nas plantas moi novas, sendo logo sustituidas por espiñas verdes. AS flores, axilares, son amarelas, caracterizadas polo cálice amarelo, que leva debaixo un par de bractéolas amarelas. Froito en legume con 1-6 sementes. O da variedade “europaenus”, ou arnal, é endémica en Galicia e no norte de Portugal. O toxo tiña moita importancia na economía labrega, xa que servía para estrar as cortes do gando, e máis tarde como estrume para abono das leiras. (“Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

“Carlina corymbosa”: Perenne, con un ou máis tallor tomentosos que acadan os 50 cm e xorden de rizoma subterráneo. As follas, ríxidas, oblongo-lanceoladas a ovadas, dentadas a pinnatipartidas, levan as beiras onduladas, fortemente espiñentas. Flósculos amarelos. Florece en xuño-agosto en lugares secos de toda Galicia, mesmo da beiramar. (“Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

Silva, 'Rubus ulmifolius'.

“Rubus”, ou silva, silveira: Arbustos subleñosos ou plantas herbáceas rastreiras (máis raramente), de talos con espiñas. As follas son alternas, con 3-7 foliolos. As flores, solitarias ou en panículas, son pentámeras, con cinco pétalos brancos ou rosa forte, sen epicálice e con numerosos estames. O froito, a amora, está formado por moitas drupas carnosas dispostas en forma de glomérulo. As amoras empréganse para facer marmeladas e xaropes, ademais de como astrinxentes. As partes novas da planta empréganse en homeopatía para tratar as diarreas. A variedade “ulmifolius” florece en maio-agosto nas beiras dos camiños, claros de bosques, sebes… con turións que amosan grande agresividade na colonización nesta época. (“Guía das plantas de Galicia”, de Xosé Ramón García. Xerais, 2008).

Responses

  1. Pero pa progresar sempre temos que destruir naturaleza…. non habra outras alternatibas…. é sobre todo sin especulacions…. Creo que en estos momentos aí poligonos en abundacia en galicia…. e poucos espacios naturales…. PENSADE CA CABEZA…. O PAN DE HOXE NON PODE SER A FAME DE MAÑAN.

    • Grazas pola súa visita ao blog e polo seu comentario, José María. Esa interpelación de “pensade coa cabeza” debería ir dirixida, ou deberían lela os que nos gobernan. Mais parece que algúns -queremos pensar que non todos- pensan coa conta corrente ou coa expectativa de manterse no poder, máis que coa cabeza. Saúdos.

  2. Revisen a determinación de Serratula tinctoria, por que a simple vista non semella que haxa dificultade en determinar a composta que se amosa na fotografía como Cirsium filipendulum.

    Saúdos.

    • Prezado Manuel, moitas grazas pola súa visita ao blogue e pola súa valiosa achega. Tanto na páxina como nas redes sociais vimos solicitando a axuda dos expertos en flora (e tamén en fauna) para que nos axuden a catalogar as especies naturais que imos atopando neste monte que procuramos conservar, con moito esforzo. A nosa principal ferramenta, en termos botánicos, é a “Guía das plantas de Galicia”, posto que non temos formación nin competencia profesional ligada á bioloxía. En canto a se é “Serratura” ou “Cirsium”, non saberiamos precisar, sinceiramente. Apostamos inicialmente pola primeira porque no seu momento non apreciamos na planta os “pinchos”, dito así coloquialmente, que atopamos na outra. Mais comprometémonos a enviarlle por correo electrónico a imaxe, para que poida estudala con máis detalle. E se, efectivamente, a identificación é errónea, corrixirase de inmediato. Reiterámoslle o noso agradecemento. Saúdos.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: