Os avogados Juan e Rafael Areses foron os protagonistas das II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, coincidindo coa celebración do Día Mundial do Patrimonio, este 16 de novembro, e sendo este o Ano Europeo do Patrimonio Cultural. Era necesario repasar os últimos oito anos de traballo na defensa do Monte Pituco (Pornedo) e facer balance dos logros acadados coas dúas sentenzas que anulan o polígono industrial proxectado neste espazo natural dos Montes do Morrazo. Porque sen dúbida, sen o esforzo realizado pola Asociación Monte Pituco e polo equipo xurídico que defendeu os recursos contra o PXOM do Concello de Marín e contra o Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia elaborado pola Xunta, de aquí a pouco non quedaría nada do patrimonio natural nin arqueolóxico que podemos seguir visitando.
A Adega A Capeleira de Marín foi, un ano máis, o punto de encontro destas Xornadas tralo veto que nos ten imposto a Comunidade de Montes de San Xián, que nos prohibe celebrar esta ‘barferencia’ no salón da cafetería da Casa de Montes.
Ademais da charla, a primeira parte destas II Xornadas rematou coa entrega de agasallos aos participantes e ao xurado do Certame Fotográfico O Balcón da Ría. As imaxes seleccionadas foron a paisaxe nocturna de Fran Currás, uns exemplares do lique ‘Cladonia’ fotografados por María López, e un solpor de José Manuel Barros. Nun artigo posterior, amosaremos as imaxes presentadas.
A segunda parte das II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián foi unha andaina polo Monte Pornedo, cun itinerario que percorría a área afectada polo proxecto do polígono industrial anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ao igual que n’A Capeleira, na área recreativa do Pornedo tamén se expuxeron os traballos fotográficos presentados ao Certame O Balcón da Ría, e os obsequios que recibiron os participantes: pezas cerámicas elaboradas no obradoiro marinense Alén das Olas, inspiradas nos calcos dos conxuntos rupestres de Pornedo, Pinal de Caeiro e Sete Camiños.
O naturalista e experto en patrimonio arqueolóxico Paulo Troitiño foi un dos guías da visita ao Monte Pornedo. Unha das paradas no roteiro foi para recordar que un dos petróglifos que atesoura esta zona quedou sepultado pola terra un dos taludes que bordean a Variante de Marín, á altura do Outeiro da Pena.
Quen fora presidente da Asociación de Veciños de San Xián e un dos defensores do Pornedo, Xan Montenegro, fixo un grande esforzo por evitar que as obras afectasen a este xacemento pendente de catalogación, mais os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio non atenderon as súas advertencias.
As chuvias dos últimos días favoreceron que ao longo do camiño fixeramos diversas paradas para identificar os cogomelos que agromaron: Amanita muscaria, boletus, cogomelo da risa, Macrolepiota ou choupín… Pero moito coidado! Cómpre ter un perfecto coñecemento das especies para distinguir entre os fungos comestibles e os tóxicos!
[Foto de María López]
Ademais do patrimonio natural, outro dos obxectivos da andaina foi apreciar o patrimonio etnográfico, do que forman parte as canteiras que abundan no Pornedo, xunto cos valados que servían para dividir as parcelas de monte privado, tamén coñecidas como matos ou tomadas. Entre Sete Camiños e O Pornedo atópase un curioso muro construído con pedras de xisto.
A pedra, presente ademais nos ortostatos da mámoa de Sete Camiños, que ogallá algún día se chegase a excavar… Mais tamén lenzo dos antigos poboadores do Monte Pornedo, que gravaron figuras zoomorfas como as de Sete Camiños, armas como os petróglifos de Pornedo, ou trazos circulares como en Pinal de Caeiro…
Nesta andaina polo Monte Pornedo propúxose unha acción simbólica consistente en escribir mensaxes sobre a defensa deste espazo. Empregouse papel vexetal, fibras naturais e lapis de color; nada de tinta nin material plástico contaminante. As frases -elaboradas polos asistentes á charla do venres e polos participantes no roteiro do sábado- fóronse pendurando polo camiño, dándolle alento e aloumiños ao ‘balcón da ría’.

“Pola conexión do Espazo Sete Camiños á Lagoa de Castiñeiras a través dos conxuntos rupestres da Carrasca e Champás”.

“Monte Pornedo, o ‘balcón da ría’. Xan Montenegro, in memoriam.
[…] a pena rememorar as II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San XiánI Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, celebradas os días 16 e 17 […]
By: ASÍ FORON AS XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN: ROTEIRO (e IV) | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 29/11/2018
at 00:58
[…] [Rememorando as II Xornadas pola Protección e Posta en Valor do Patrimonio de San Xián] […]
By: FELIZ 2019 DENDE O ‘BALCÓN DA RÍA’ | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 31/12/2018
at 21:09