O Planeamento Urbanístico de Marín aprobouse en 2012 e seis anos despois ten que someterse a unha modificación puntual para acatar unha sentenza firme do TSXG que obriga a anular a clasificación do Monte Pornedo como solo industrial. Gustaríame pedirlles unha valoración para que a escoiten os perpetradores políticos do PXOM e os inimigos do patrimonio que chegaron a afirmar que “as pedras non dan de comer”.
Foi formular esta pregunta e os murmurios do público apoderáronse da sala do Museo Manuel Torres onde se celebraba a charla organizada polo Clube de Opinión Portocelo co lema “O Marín que queremos”, na que participaban o arquitecto marinense Anselmo Villanueva Peón e o arquitecto-urbanista Carlos Henrique Fernández Coto, con Xosé Emilio Dopazo como moderador. Semellaba talmente o ruído subterráneo que precede un temblor sísmico, sinal do incómodo e molesto que é o asunto; ou quizais polo ton crítico e mesmo ácedo do comentario formulado. Na Asociación Monte Pituco somos de querer ‘as cousas claras, e o chocolate espeso’…
Porque alí estaba o máis ‘granado’ da fauna&flora política municipal: os concelleiros de Urbanismo e de Rural, Manuel Santos e Pablo Novas, do PP; o ex-edil de Urbanismo -daquela no Bng- Xosé María Vilaboa e o seu compañeiro Alfonso Fernández, ex-Bloque e agora non adscrito; estivera tamén -mágoa que xa se ausentara- a ex-voceira do Bng Pilar Blanco, que completa o dúo da última purga bloqueira; e máis mágoa que tampouco estivese para oíla o aspirante a cabeza de lista do Psoe nas vindeiras eleccións municipais e ex-concelleiro de Xardíns Manuel Pazos Lamoso, máis coñecido por referirse ao Pornedo como “o sitio máis chan de todo Marín”. A representación socialista completouse coa presenza da deputada autonómica María Pierres e doutros militantes dese partido. Non faltou o ex-edil de Marinenses Independentes Miguel Suárez Briones, agora vencellado á Marea Veciñal de Marín, canda dous dos concelleiros desa formación, Aarón Franco e Xosé Manuel González. Así que, políticos ‘a porrillo’.
O de inimigos do patrimonio foi unha alusión ao simpatizante da Asociación Virxe dos Remedios -alias Remendos- que antano se dedicaba a negar a existencia de xacementos arqueolóxicos no Monte Pornedo e nos Sete Camiños coa crenza de que os gravados rupestres catalogados eran “pedras do 2000“. Unha pantasma do pasado, que non se debeu dar por aludida no enunciado da pregunta porque segue sendo impermeable ao pensamento racional…
Risco de úlcera á marxe, pola presenza de tantos suxeitos de infausto e nefasto recordo na historia da longa loita a prol da defensa do ‘balcón da ría’, esta charla foi unha experiencia interesante… e sorprendente.
Interesante porque o propio moderador se referiu ao Pornedo como unha prolongación da dorsal dos Montes do Morrazo, porque abogou pola necesidade de contar cun porto seco que “non ten necesariamente que estar en Marín”, e porque defendeu o artellamento dunha “metrópole” con Pontevedra. Seguírono Anselmo Villanueva e Carlos Henrique Fernández facendo cadansúa crítica ao caos urbanístico no que dexenerou esta vila dende os anos 60 ata a actualidade, coincidindo en destacar a falta de relación co mar e en rexeitar o erro garrafal que supuxo o recente derrubo das antigas estruturas vencelladas á industria mariñeira, na rúa Méndez Núñez.
Anselmo Villanueva atribuíu esta decisión á “falta de proxecto” urbanístico e ás couces que recibiu -piqueta en ristre- o patrimonio marinense, citando expresamente a perda irreparable do Priorato, da Casa de Baños e doutras edificacións ben valiosas que privan esta vila da súa “identidade”. Para el, a “recuperación do patrimonio industrial” debería ser unha das “prioridades”, xunto coa restauración da “unidade urbana” que actualmente está “rota” para que Marín “mire ao mar”, incorporando á axenda política e social os novos conceptos da arquitectura urbana.
Logo de 30 anos sen pisar Marín, Carlos Henrique Fernández voltou á nosa vila para sacarnos os colores comparándoa con auténticos exemplos en urbanismo sostible e respectuoso co patrimonio, como Rianxo, Betanzos, Allariz, Noia ou Muros. “13 colores fan falta para definir as alturas” que hai no casco urbán marinense, afirmou o presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego; un extremo que non acontece nin en Madrid.
Animou a repensar o Planeamento urbanístico, impulsando unha medida tan “fundamental” como a rehabilitación da zona antiga da vila, acometendo o derrubo do muro que delimita a zona portuaria “como se fixo en Ribeira” ou trasladando de sitio a empresa Ence, que “encorseta Marín”. A palabra patrimonio estivo moi presente no seu discurso porque é esencial “para saber de onde vimos, para non alienarnos á globalización”. Tamén cuestionou a elaboración dun PXOM que “non respectou o que hai”, criticando que os seus redactores non demostraron ter coñecido a vila para levar a cabo o seu traballo: “Vexo este Plan e non o entendo, e iso que son arquitecto”, chegou a afirmar Carlos Henrique Fernández, poñendo como evidencia que este PXOM “non permite a relación co mar”.
Por iso sorprende que unhas horas despois desta charla que debería ter deixado moi ‘tocados’ aos dirixentes políticos que alí estaban, se lean cousas como “orgullo de vila” ou “esperanza e ilusión” nos perfís sociais dalgúns deles. Porque as exposicións que fixeron os ponentes non foron nin moito menos para que as persoas con responsabilidades na execución do que alí se criticou se sintan orgullosas ou esperanzadas; ao contrario, deberían sentirse culpables e trasladar tanto a si mesmos como ás organizacións que representan un fondo exercicio de autocrítica e de revisión de criterios. Pero o marketing político adestra a estas persoas para facer ver ouro e oasis onde só queda chatarra e area.
…E que hai da resposta á pregunta capciosa? Velaquí o sorprendente: os dous participantes na sesión afirmaron non ter coñecemento das dúas sentenzas firmes e irrevogables do TSXG anulando o proxecto de construcción dun polígono industrial no Monte Pornedo, ou Pituco. “Son temas complexos”, dixo Anselmo Villanueva sobre a dotación de solo empresarial, abogando por dimensionar estas superficies a un nivel comarcal. “A presenza dunhas mámoas de hai 4000 anos impediu a legalización dun polígono industrial en Mazaricos”, terciou Carlos Henrique Fernández, defendendo que se prime a protección do patrimonio por riba doutros intereses económicos e políticos.
Por iso é máis necesaria e máis oportuna que nunca a charla do vindeiro venres día 16 ás 20:00 horas na Adega A Capeleira, organizada pola Asociación Monte Pituco no marco das II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián. Os avogados Juan e Rafael Areses van expoñer as claves da dobre vitoria xudicial ante a Xunta e o Concello de Marín pola pretensión destas Administracións de destrozar o ‘balcón da ría’ para construír un polígono industrial que era inviable dende o punto de vista económico e que supoñía un auténtico atentado ao patrimonio, ao medio ambiente e á paisaxe. Se non se PERPETROU esta nova desfeita que os políticos desta vila pretendían executar en aras do ‘consenso’ e da necesidade de dotarnos dun Planeamento urbanístico ‘polo civil ou polo criminal’, foi polo valor, polo esforzo e pola resistencia dun pequeno grupo de veciñas e veciños que dixeron NON a unha inxustiza manifesta. Iso si é ORGULLO e ESPERANZA, non as mensaxes políticas interesadas e chiripitifláuticas de quen aínda debería estar facendo exame de conciencia e lamendo as feridas despois de terse visto tan duramente retratad@ n’O Marín que (NON) queremos.
Deixar unha resposta