Publicado por: MontePituco | 05/11/2018

MONTE PITUCO, ‘ZEIVE’

Diario, 3 novembro 2018

Na xa longa andaina da Asociación Monte Pituco non todo ten sido predicar no deserto, nin navegar contracorrente na máis absoluta soidade, mal que lles pese aos pro-polígono, empeñados en aparentar facer máis bulto do que son e en compensar con barullo a súa falta de argumentos. Máis valor se cabe que as dúas sentenzas firmes e irrevocables contra o parque empresarial proxectado no ‘balcón da ría’ colleitadas como recompensa a tantos anos traballo, teno a oportunidade de compartir inquedanzas, intereses e vontades con persoas e colectivos afíns: a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, a Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra, Vaipolorío, Queremos Galego Marín, o grupo Petroglifeir@s… velaí a maior bagaxe, porque non hai cifras que midan ou cuantifiquen as sinerxias xurdidas dese intercambio de saberes e vivencias colectivas. Por riba do esforzo económico que supuxo sufragar unha dobre loita xudicial, está a o apoio e a confianza de xentes significadas pola honestidade das súas ideas e polo seu compromiso co medio ambiente, a cultura e as causas sociais.

En marzo deste 2018 a Asociación Monte Pituco foi invitada a participar nunha xornada co lema “Loitadoras“. Oito meses despois, aquel encontro cristalizou na posta en marcha dun novo colectivo do que son partícipes algunhas das promotoras da iniciativa. Dende o ‘balcón da ría’ saudamos a creación do Colectivo Feminista Zeivas e alentámolo coa brisa fresca e coa enerxía vigorosa dos Montes do Morrazo para que voe alto e lonxe na procura dos seus obxectivos: máis igualdade, máis liberdade, máis dereitos para as minorías oprimidas, especialmente nunha sociedade como a actual onde se penaliza, se ataca e se cuestiona a capacidade das mulleres para liderar determinadas accións, máis aínda en ámbitos ‘dominados’ polos homes.

Dicía a presidenta de Zeivas, Lupe Solla, na presentación deste colectivo feminista:

“…Zeivas somos todas as mulleres que loitamos por selo, que queremos e precisamos que os nosos intereses non sigan quedando nun segundo plano onde non molesten e amolen aos ‘señoros’ e pasen a ser realidades visibles. E isto só podemos conseguilo a través da igualdade, é dicir, a través da revolución feminista”.

Estas palabras retratan dun xeito moi certeiro a sonada confrontación da Asociación Monte Pituco diante de organizacións tan ‘masculinizadas’ como a Asociación Virxe dos Remedios (alias dos ‘Remendos’) e a Comunidade de Montes de San Xián. Alén da evidente diferenza de criterios en aspectos cruciais como o posicionamento ante un proxecto de industrialización nun espazo natural protexido, ou a xestión do maltratado patrimonio cultural e natural, a imposibilidade de dialogar con determinados interlocutores radica en actitudes fondamente machistas por parte deles que derivaron en actitudes inxustificables: fomento de campañas de descrédito persoal e profesional, berros, ameazas de denuncia, interrupción unilateral de chamadas telefónicas, represalia e veto…

Por iso é tan necesaria unha organización como Zeivas, dándolle respaldo a quen rexeita o papel acrítico, compracente, de sumisión e conformismo que se prodiga en determinadas entidades pouco afeitas ao debate -máxime cando ese debate ten voz feminina- e máis proclives a prácticas como a compra de vontades ou o ordeno-e-mando, propias de épocas pretéritas.

Por iso un monte ‘zeive’ como o Pituco -que se rebelou contra un destino marcado pola destrucción a base de cemento, asfalto e formigón- ten a oportunidade de achegar o seu modesto gran de area, a súa insignificante pinga de auga ou a súa humilde floriña silvestre a un grupo de heteroxéneo de mulleres. Benvidas sexan ao ‘balcón da ría’ e ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños!

Grazas por apoiar as II Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián e por sumar sensibilidade na defensa deste espazo.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: