A Asociación Monte Pituco agradece a invitación da Marea Feminista de Marín a participar en ‘Loitadoras’, compartindo mesa con Queta Molas, da Asociación Pola Memoria Histórica de Marín, e con Mari Carmen Santos, do colectivo Polígono na Brea Non; dous honrosos exemplos que, no caso de Brea-Seixo, supuxo un importante apoio na modesta causa que vimos defendendo dende decembro de 2009, a prol da conservación do Monte Pituco, ou Monte Pornedo.
Nós resistiámonos a imaxinar o futuro cun polígono industrial a carón das nosas casas. Liamos con crecente preocupación as noticias sobre a repercusión que estaba tendo a sentenza do Tribunal Supremo declarando ilegais os recheos portuarios, e a reacción do goberno local bipartito apuntando ao Pituco como alternativa para as empresas que quedaban en situación de inseguridade xurídica. Non podiamos quedar cos brazos cruzados: a asociación de veciños de San Xulián, con Xan Montenegro á cabeza, presentara alegacións ao planeamento urbanístico que se estaba tramitando; tamén a Asociación pola Defensa da Ría. Pero non era forza abondo para pararlle os pés aos dirixentes municipais, máis preocupados por facer electoralismo, demagoxia a conta da creación de emprego e, sobre todo, por atender outros intereses económico/especulativos.
A forza déunola a memoria. Se en 8-9 anos conseguimos evitar que no ‘balcón da ría’, como lle chamaba Xan, se construíra un parque empresarial -a dúas bandas (é dicir, por parte do Concello de Marín a través do PXOM, e tamén por parte da Xunta no marco dun Plan Sectorial de solo industrial a nivel autonómico)- foi por termos o alento de dúas inesquecibles ‘Pitucas’, Sara e Ignacia.
“Aprendéstesnos a dicir fento, toxo, moucho, pegha, raposo, reghato, outeiro. Coñeciades estes montes coma a palma da man. Botastes o gando a pacer onde verdecía a herba, recollestes nel a leña coa que quentastes os nosos fogares e o estrume para as cortes, bebestes dos seus mananciais.
Nestes montes namorastes, nestes montes están as vosas pegadas e a suor do voso traballo, nestes montes está o eco das vosas voces. E aínda que xa non estades fisicamente connosco, a vosa memoria é o combustible inesgotable que nos impulsa a defender este legado insustituible que nos deixastes.
Non imos ceder. O voso espírito está vivo en cada floriña ventureira, en cada poza de auga, en cada pedra, en cada árbore. Alá onde se pouse a vista está a paisaxe que os vosos ollos admiraron por anos e anos. E así debe seguir sendo”.
Escribimos isto en 2010, nos primeiros compases do blog do Monte Pituco. Esta bitácora deunos a vida: foi diván, plataforma de expresión e difusión, pano de bágoas, caderno de campo 2.0… Levamos publicado nel máis de 2.200 artigos entre textos propios, colaboracións e documentos de hemeroteca. Se Mari Carmen decidiu pórlle punto e final a aquela estupenda páxina con versos de Celso Emilio Ferreiro cando a súa loita rematou con final feliz, nós xa non concebimos a nosa existencia sen este apéndice dixital, mal que lles pese aos integrantes do goberno local e dos partidos políticos, aos pro-polígono, ou á Comunidade de Montes de San Xulián, cuxo presidente asegurou que están “fartos” do que publicamos nel.
Escribimos tamén en 2010:
“Criticar, discrepar, rebelarse, argumentar, molestar… ese é o problema. Alguén atopou a horma do zapato e parece estar disposto a manipular e amedrentar con expresións do tipo: ‘No debería ir insultando por ahí a nadie porque LE SERÁ MEJOR’. Pois non lles teño medo. Non son ninguna maleducada, como pretenden insinuar. Terán poder e influencias, pero non me van silenciar”.
Sobrevivimos a varias directivas da Comunidade de Montes de San Xulián; con todas houbo mala relación. O primeiro presidente co que turramos recoñeceu -só a nós, mais non publicamente- que o polígono industrial no Monte Pituco non era técnicamente viable e, aínda que a asemblea nunca fixo un pronunciamento oficial, aquela xunta rectora estaba por sacar tallada do polígono.
Outros virán que bos te farán, di o refrán. E efectivamente, coa actual directiva o trato é aínda peor, ata o extremo de sermos VETADOS: as Xornadas pola Protección do Patrimonio da parroquia que organizamos en novembro e que se ían celebrar no bar da Casa de Montes, tiveron que reubicarse apresuradamente noutro local porque cando a directiva se enterou de que os xestores da taberna nos cederan o salón anexo, prohibíronnos o uso das instalacións como represalia pola denuncia presentada a raíz dunha agresión grave ao conxunto rupestre da Carrasca como consecuencia dunhas tarefas de desbroce encargadas pola Comunidade sen supervisión nin medidas de protección do patrimonio arqueolóxico.
Porque este patrimonio non lles interesa. A sinalización do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que presenta numerosos desperfectos por actos vandálicos na parte de San Xulián, non foi restituída nin reparada. E medo nos dá o resultado da xuntanza que se anunciou coa Comunidade por parte do Concello para incorporar os xacementos situados no monte veciñal da parroquia no Plan de Protección do Patrimonio que se está elaborando.
E non hai mulleres na actual directiva. Cando as houbo, lamentablemente ou foron invisibles ou estiveron por favorecer os seus intereses particulares, como unha ex-tesoureira, que tiña montado un taller de costura na Casa de Montes e que logo se beneficiou do aluguer do bar durante un tempo.
De toda a xente tóxica que atopamos nestes anos, o ex-vicepresidente da Comunidade de Montes foi un dos máis machistas. Nunca esqueceremos ese “nena”, dito en ton desprezativo, que pronunciou cando se lle levou a contraria nunha xuntanza sobre a xestión dun manancial de auga para regadío no que quería mangonear á súa maneira. Cuestionar a capacidade dunha muller para saber ou opinar dun tema, subestimala, falar mal dela ás súas costas e chegar ao extremo de -supostamente- influír nunha persoa menor de idade para que emprendese unha campaña de acoso e desprestixio nas redes sociais, foron algunhas das mañas que houbo que aturar pola súa parte. Acabouse presentando unha denuncia na Comisaría cando aquel rapaz non depuxo a súa actitude despois de ir onda o seu pai para -amable e pacificamente- poñer en coñecemento seu o que acontecía.
Este veciño que compatibilizaba o seu posto na directiva da Comunidade con outro cargo nunha asociación veciñal que rebautizamos como Virxe dos ‘Remendos’, utilizou -presuntamente- cartos desa entidade para pagar un estudo técnico a un mercenario segundo o cal no Monte Pituco non cabía un, senón DOUS, polígonos industriais. Ademais, este veciño convenceu ao titular da empresa Revestimientos Tito e ao responsable de Eventos Dibay para que presentasen alegacións na Xunta A FAVOR de incluír o polígono proxectado no Pituco dentro do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia.
Tamén na política local atopamos moitas miserias.
Houbo un alcalde socialista, Francisco Veiga, que durante máis dun ano se negou a recibir os representantes da Asociación Monte Pituco. O máximo que fixo foi atender uns minutos de malas maneiras por teléfono e improvisadamente a carón das escaleiras do Concello ao remate dun pleno. Foi incapaz de dar sequera un motivo válido polo que o Monte Pituco tiña que ser o emprazamento dun polígono industrial. E para rematar de empeorar esa pésima imaxe, o seu concelleiro de Xardíns, Manuel Pazos Lamoso, amparouse na súa categoría profesional para asegurar -cando non sabiamos aínda case nada do que hoxe sabemos sobre o Monte- que o Pituco era o sitio MÁIS PLANO de todo Marín. Iso é mentir, enganar. E ninguén que minta, que engane ou que se negue a recibir a veciñanza mentres ostenta un cargo público, se pode permitir o luxo de seguir tendo aspiracións políticas, nin a nivel orgánico no seu partido, nin a nivel municipal. E lembremos que Pazos Lamoso é secretario de política municipal na agrupación local do Psoe, e que Veiga forma parte da executiva provincial á fronte da secretaría de sanidade.
En canto ao Bng, ademais de xogar ao ‘divide e vencerás’ cos colectivos sociais -aos do Pituco poñendo verdes aos da Brea, e a outros botando pestes sobre nós- os seus antigos dirixentes locais sempre se caracterizaron polos excesos verbais e escénicos, tanto mentres gobernaron como cando deixaron de gobernar. De todas as barbaridades, nunca esqueceremos as palabras pronunciadas en sede plenaria polo ex-edil de Urbanismo, Xosé María Vilaboa, ao ser advertido polo PP de que o Monte Pituco tiña protección ambiental pola súa pertenza ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo: “Pois DESAFÉCTASE e punto”, respostou. Tamén nos informaron que a razón pola cal o Bng de Marín rexeitaba o proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Camiños, que sí contaba co respaldo das agrupacións nacionalistas de Pontevedra e Vilaboa: “Porque non ten sentido apoialo se queremos construír un polígono industrial no Pituco”, argumentou a ex-edil de Cultura, Esther Crespo. Mais para rematar de definir o talante desta xente que tivo ou ten aínda responsabilidades institucionais, valga un episodio sucedido na porta do Concello ao remate dun longo pleno en xuño de 2016, ante a mirada atónita dos concelleiros que saían, cando Vilaboa proferiu reiteradamente improperios como “impresentable” e ameazas polas críticas que recibe neste blog ao papel desempeñado por el e polo seu equipo político. Todo isto ante a pasividade e a connivencia dos seus compañeiros na Corporación, Pilar Blanco e Alfonso Fernández.
Á vista destes antecedentes, resulta incomprensible e indefendible que alguén así, que só merece estar POLITICAMENTE ENTERRADO, teña a posibilidade de seguir participando da vida municipal como asesor ou potencial aspirante a calquera candidatura electoral.
DÚAS SENTENZAS do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ambas FIRMES E IRREVOCABLES, son as nosas bazas para permitirnos o luxo, a liberdade e a tranquilidade de falar con esta contundencia. A máis alta instancia xudicial galega tumbou de raíz as pretensións do Concello de Marín e da Xunta de construír un polígono industrial no Monte Pituco: dúas demandas con resultado favorable grazas á profesionalidade do equipo xurídico formado por Juan e Rafael Areses, artífices da vitoria da Plataforma en Defensa da Praza dos Praceres contra o Ministerio de Fomento a conta da construcción do ramal ferroviario ao porto de Marín e dos recheos ilegais.
Foi un esforzo económico considerable, soportado fundamentalmente con recursos propios e contadas achegas voluntarias. A isto cómpre engadir os gastos adicionais xerados pola necesidade de dotarnos de informes técnicos para probar a inviabilidade do proxecto dende o punto de vista da pendente física do terreo e do evidente impacto paisaxístico.
Tamén foi decisiva a achega do arqueólogo Álvaro Arizaga na valoración negativa do proxecto industrial dende o punto de vista da afección ao patrimonio histórico catalogado. Outros expertos foron consultados tamén para explorar as consecuencias a nivel medioambiental.
Paralelamente, foi moi valioso o apoio permanente de moitas compañeiras e compañeiros de camiño que fomos coñecendo ao longo do tempo, dos que aprendemos e seguimos aprendendo cada día: a comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, en especial Fran Currás, que nos segue demostrando o valor do compromiso e da coherencia; Juan Carlos Epifanio, que nos descubriu as aves rapaces e a saramaganta rabilonga; Paulo Troitiño, que nos abraia co seu coñecemento integral dos montes -patrimonio arqueolóxico, fauna e flora, etnografía, antropoloxía-; Pichi Martínez, de Luita Verde e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, un referente no ámbito do ecoloxismo; a familia Montenegro coas bravas ‘Lucindas’ e coa viaxeira Esther por estaren sempre aí; as nais e os pais, por todo.
Non foi nada doado chegar ata aquí. Hai un custe incalculable e irrestituible: horas roubadas ao sono e ao descanso que se traducen nun desgaste físico; desgaste tamén mental polo peso das preocupacións acumuladas durante o proceso de elaboración dos recursos xudiciais, como resultado de facerlle fronte aos ataques dos pro-polígono. O sacrificio persoal deixoume unha pegada imborrable para o resto da miña vida.
Se fomos quen de ir superándonos e sobrelevar esta responsabilidade sen tirar a toalla foi por pura convicción, pola fonda seguridade de ter a razón baseándonos nos argumentos obxectivos que reuniramos antes de dar o paso de pelexar; porque na nosa equipaxe non só custodiabamos a memoria das avoas, senón que polo camiño fomos perdendo amigos e veciños que hoxe non poden saborear connosco o premio polo traballo ben feito: Xan Montenegro, Saturno Vidal, Esmeralda Ruibal.
Penso que o Pituco devolveunos con creces o que perdemos mentres nos dedicamos á súa defensa. O ‘balcón da ría’ debe ser un dos montes máis fotografados: en todas as estacións, chova e vente ou faga sol e calor. Ademais de gozar da grandiosidade da paisaxe, aprendemos a aprezar os seus micro-mundos: liques, insectos, pedriñas, todo é ben atractivo. Interésanos agora particularmente darlle dimensión artística aos seus elementos máis característicos, e así foi como implicamos a orfebres como Laura Romeu e o taller Alén das Olas reinterpretando os gravados rupestres para convertelos en xoia ou en peza cerámica, ou a ilustradora Belén Padrón para recrear a illa de Tambo.
E mentres haxa saúde seguiremos acudindo ao Olimpo marinense, e acompañando a quen queira descubrilo. Só así a loita terá sentido, terá pagado a pena. Moitas grazas.
Intervención de Paz Castro, da Asociación Monte Pituco (Pornedo), no acto ‘Loitadoras’ organizado pola Marea Feminista de Marín no marco do 8 de marzo, Día da Muller
[…] que ‘iluminan’. Agasallo da Marea Feminista de Marín pola participación no ciclo Loitadoras. […]
By: DÍA DO LIBRO, NO MONTE PITUCO | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 23/04/2018
at 02:19
[…] marzo deste 2018 a Asociación Monte Pituco foi invitada a participar nunha xornada co lema “Loitadoras“. Oito meses despois, aquel encontro cristalizou na posta en marcha dun novo colectivo do que […]
By: MONTE PITUCO, ‘ZEIVE’ | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 07/11/2018
at 02:17