Publicado por: MontePituco | 24/03/2018

RUTA DO CLUB CICLISTA DE MARÍN ATA O PITUCO

O Club Ciclista de Marín dedicaba este ‘día azul’ do Domingo de Ramos a visitar o Monte Pituco (Pornedo). Nunha actividade á que nos sumamos espontánea e solidariamente, acabamos sendo anfitrións e guías na andaina por este espazo natural protexido cheo de patrimonio, natureza e paisaxe.

Coa participación de Jose G. Dopazo e coa caseta de turismo como punto de partida, dirixímonos ata As Pedreiras e a súa fonte; primeira parada da ruta neste tradicional barrio marinense. 

Fonte das Pedreiras

Fonte das Pedreiras

Con ritmo áxil e algo de esforzo, como sempre que acontece nunha actividade con certa esixencia física, enfilamos a senda do Pornedo a través de Arealonga, dende onde tamén admiramos as vistas panorámicas das zonas urbana e portuaria.

Subindo Arealonga

Vistas de Marín subindo Arealonga

Vistas de Marín subindo Arealonga

Acceso ao Monte Pituco dende o cruce do Regueiriño

Nunca no Pornedo houbo tanto despregue loxístico coma nesta iniciativa do Club Ciclista: cobertura asistencial, protección civil e vehículo propio da organización. Había que inmortalizalo.

Actividade deportiva na pista forestal do Pituco

Coa chegada do bo tempo comezamos a percibir un notable incremento das visitas ao Monte Pituco (Pornedo), tanto de sendeiristas equipados como de veciñanza que se achega a dar un paseo na compaña das mascotas, e por suposto, ciclistas que empregan a pista forestal como itinerario dos seus adestramentos.

No sendeiro entre Sete Camiños e Pornedo

Tras visitar a mámoa e os petróglifos de Sete Camiños, o itinerario continuaría ata o conxunto rupestre do Pornedo e o miradoiro, para rematar a parte cultural da ruta a carón dun xacemento que non podía faltar: os gravados de Pinal de Caeiro, coñecidos como ‘O ciclista’.

No sendeiro entre Sete Camiños e Pornedo

No sendeiro entre Sete Camiños e Pornedo

Escarabello minotauro

Unha curiosa sorpresa: o exemplar de ‘escarabello minotauro’ que atopamos no val do Pornedo, mostra da progresiva recuperación da biodiversidade neste monte dende que logramos erradicar o circuito ilegal de motorismo que tiña convertido este espazo nun auténtico inferno de ruído, contaminación e degradación do solo. Dende entón, volve medrar a vexetación, a veciñanza da parroquia retomou a actividade agrogandeira e a fauna volve habitar o territorio. No caso do ‘escarabello minotauro’, este insecto cumpre unha función moi importante, por escatolóxica que pareza: dedícase a facer pelotas dos excrementos que depositan outros animais e a furar na terra para construír pequenas galerías, contribuíndo así a airear o solo e a nutrilo con nitratos.

No miradoiro do Pornedo, o 'balcón da ría'

No miradoiro do Pornedo, o 'balcón da ría'

Un dos recunchos máis atractivos da ruta: o miradoiro do Pornedo, o ‘balcón da ría’… que non necesita que lle instalen un banco nin unha pasarela de madeira; que pode prescindir de folletos propagandísticos a toda cor. Porque a mellor campaña turística é o propio lugar, a fascinación que causa nas persoas que o visitan; un lugar ao que sempre volver.

No sendeiro entre o Pornedo e Pinal de Caeiro

Dende a Asociación Monte Pituco agradecemos ao Club Ciclista de Marín ter pensado no Monte Pituco (Pornedo) para o seu programa de actividades de lecer. Que teñamos constancia, era a segunda visita dende que en abril de 2011 este colectivo tamén lle dedicou un dos ‘días azuis’ ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Confiamos en que nesta ocasión a visita teña servido para seguir dando a coñecer este recuncho da nosa vila que, agora definitivamente libre da ameaza do polígono industrial que había proxectado por parte da Xunta e do Concello, pode continuar cumprindo a súa función social como lugar de esparcemento, para a práctica deportiva responsable e autorizada, para gozar do medio ambiente e dos valores histórico-culturais que atesoura esta área cuxos monumentos megalíticos e gravados rupestres nos remontan ao Neolítico e á Idade do Bronce. 

Cultura, natureza e deporte ben poden ser bos aliados.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: