Do taller de artesanía Alén Das Olas Cerámica, en Marín, están saíndo novas pezas que outra volta volven recorrer -de xeito elegante, rigoroso e respectuoso- ás figuras rupestres como elemento decorativo, como xa fixeran o pasado ano aceptando o reto da Asociación Monte Pituco para reinterpretar os gravados rupestres do Pornedo dándolles forma de recipiente ou elemento de adorno.
Tivemos a sorte de contar daquela coa receptividade, co talento e coa sensibilidade de Laura Villanueva modelando a arxila con mestría, manexando o torno con esmero, e logrando que os trazos milenarios destes petróglifos se proxecten máis aló das pedras onde os nosos devanceiros deixaron a súa pegada, preto do ‘balcón da ría’.
…Agora podes levar á túa casa figuras coma estas, que están saíndo do forno de Alén das Olas. Tamén podes facer un fermoso e orixinal agasallo, visitando o obradoiro situado no baixo nº7 da rúa Exército e Marina e elixindo entre a ampla variedade de deseños que teñen á venda. Que mellor xeito de contribuír ao coñecemento do noso patrimonio e, ao mesmo tempo, colaborar no apoio ao comercio e ao emprendemento local.
Deixar unha resposta