
As X Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que organiza o Colectivo Monte Pituco (Pornedo) dedícanse este ano a involucrar a comunidade educativa no coñecemento, na difusión e na defensa da riqueza histórica e cultural desta contorna. Co lema “O noso patrimonio, a nosa escola”, o programa inclúe unha charla dos marinenses Ana Acuña e Álvaro Arizaga, unha ruta de sendeirismo polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e a homenaxe ao activista Xan Montenegro, que lle dá nome a este ciclo. Como actividade especial co gallo do décimo aniversario, o CEIP Carballal acollerá unha exposición bibliográfica sobre literatura de natureza, historia, arqueoloxía e antropoloxía.
O Día do Patrimonio Mundial, que se conmemora cada 16 de decembro, é a data na que este centro educativo da parroquia de San Xián inaugura unha mostra de libros que estarán a disposición do alumnado, do profesorado e das familias. Entre as lecturas que ofrece figuran o catálogo de arqueoloxía marinense “Petróglifos e outras prehistorias” de Álvaro Arizaga e Xulio Abal, clásicos como “Pequeña historia de Marín” de José Torres, varias obras do lingüista Elixio Rivas, ademais de textos asinados por especialistas como Buenaventura Aparicio, Antonio de la Peña, Antonio Costa ou Rafael Quintía. A exposición terá carácter itinerante polos centros educativos interesados en achegarse a estas temáticas.
Precisamente, sobre a súa experiencia investigadora e docente, Ana Acuña e Álvaro Arizaga manterán unha conversa aberta ao público o vindeiro venres 20 de novembro no Museo Torres, a partir das 19:00 horas. Doutora en Filoloxía Galega e profesora de Lingua e Literatura na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, Ana Acuña ten dirixido traballos sobre a literatura popular de transmisión oral aplicada á educación infantil e ás familias.
Historiador, arqueólogo e profesor na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, situada en Pontevedra, Álvaro Arizaga realizou a súa tese de doutoramento sobre a prehistoria de Galicia e a cultura popular contemporánea. Ten un fondo coñecemento sobre o patrimonio marinense, ademais de dirixir e participar en numerosos traballos de catalogación e posta en valor de xacementos en Oia, Mondariz e Boiro, entre outros lugares.
RUTA E HOMENAXE
O sábado día 21 haberá unha ruta de sendeirismo polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que partirá ás 10:00 horas da arboreda do Pornedo. O itinerario percorrerá os petróglifos do Pornedo e Sete Camiños, a mámoa de Sete Camiños e o conxunto rupestre de Chan das Mouras, entre outros xacementos, ademais de visitar gravados modernos de José Meijón.
O proxecto do Espazo Sete Camiños, que abrangue territorio das comunidades de montes de San Xián de Marín, Salcedo e Lourizán en Pontevedra, tomou impulso en 2010 cun grupo de activistas sociais e culturais en resposta a distintas agresións que ameazaban a integridade desta zona. Inaugurouse en 2015 cunha andaina organizada polas comunidades de montes implicadas pero, agás a de Salcedo, as demais foron desvinculándose e abandonando o mantemento dos recursos que foran valorizados.
As X Xornadas de patrimonio de San Xián finalizarán no Carballal o domingo día 22 ás 12:00 horas cunha homenaxe a Xan Montenegro, antigo presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián, falecido hai 15 anos. Familiares e amizades promoven anualmente este memorial en recoñecemento ao seu compromiso coa lingua e coa cultura do país, coa defensa do patrimonio e do medio natural, co apoio a distintas causas relacionadas coa xustiza, a igualdade e a liberdade.
O Colectivo Monte Pituco, co respaldo da Rede do Patrimonio Cultural, suma xa unha década de actividade dende que en abril de 2017 o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou a firmeza da sentenza contra a Xunta ordeando retirar o polígono Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia pola “decisiva influencia” das características orográficas da zona afectada e polos danos que provocaría a nivel físico, natural e paisaxístico. En xaneiro de 2018 unha segunda resolución definitiva do mesmo Tribunal condenaba o Concello de Marín desclasificar o Pornedo como solo industrial no PXOM. Culminábase así unha etapa de arduo traballo reivindicativo e de protesta para iniciar outra fase vertida no eido social e cultural para dar a coñecer o potencial do “balcón da ría”.



Deixar unha resposta