Dende a Asociación Monte Pituco queremos dárlle as grazas á oleira Laura Villanueva -que vén de impulsar Alén das Olas, unha interesante iniciativa de autoemprego en Marín dedicada á elaboración artesanal de pezas de cerámica- por dárlle forma a unhas fermosas obras decoradas cos motivos dos petroglifos do Pornedo.
Un encargo que nos facía moita ilusión, no noso incansable afán por seguir poñendo en valor o patrimonio rupestre da parroquia de San Xulián e por insistir na necesidade de protexer e conservar un patrimonio milenario ameazado polo proxecto de construcción dun polígono industrial.
Laura produciu dúas pezas distintas: unha de uso decorativo que reproduce a forma da laxe na que se atopa o grupo nº1 do conxunto rupestre do Pornedo, e cuxo proceso de creación foi moi laborioso, rematándoo cun debuxo a man das liñas que conforman este vistoso xacemento arqueolóxico.
A outra peza é un recipiente que, ademais de servir para depositar obxectos ou flores, tamén ten función decorativa. Cunha estrutura modelada a base de ‘churros’ de barro, a peza coceu no forno a unha temperatura de 1000º.
…Un luxo termos en Marín artesáns que traballan con tanta profesionalidade, facendo un traballo de enorme calidade e que, ademais dispensan un trato excelente e demostran ter moita sensibilidade pola arte e por outras formas de cultura.
O taller de Alén das Olas está no baixo nº7 da rúa Exército e Marina, en Marín. Recomendámosvos que o visitedes para coñecer de primeira man o seu labor, que complementan con obradoiros de creación cerámica para público de todas as idades.
[…] Monte Pituco xa tivemos a oportunidade de contar co bo facer desta ceramista na recreación de varios elementos significativos do valioso patrimonio rupestre que atesoura a parroquia de San Xulián no ‘balcón da ría’. Algúns detalles dos […]
By: PEZAS ETERNAS NACIDAS DA TERRA | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 12/09/2017
at 21:45
[…] Do taller de artesanía Alén Das Olas Cerámica, en Marín, están saíndo novas pezas que outra volta volven recorrer -de xeito elegante, rigoroso e respectuoso- ás figuras rupestres como elemento decorativo, como xa fixeran o pasado ano aceptando o reto da Asociación Monte Pituco para reinterpretar os gravados rupestres do Pornedo dándolles forma de recipiente ou elemento de adorno. […]
By: NOVAS PEZAS CON MOTIVOS RUPESTRES EN ALÉN DAS OLAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 01/04/2018
at 06:05