Benvido sexa o mes de maio, coas súas nubes, coas súas chuvias, coas súas flores cheas de colorido… Nós estreamos un novo xeito de celebrar o 1º de maio, enchendo de xestas a potiña de cerámica decorada cun dos motivos dos petroglifos do Pornedo, elaborada por Laura Villanueva no seu obradoiro Alén das Olas.
Un ano máis celebrouse en Marín a tradicional festa dos maios e, entre os catro maios e as tres embarcacións que este ano acudiron á convocatoria do Ateneo Santa Cecilia, non faltou o Maio de San Xulián.
Ao noso parecer, as súas coplas foron as mellores das que se cantaron neste certame: críticas, reivindicativas e cunha fonda aposta pola cultura, polo patrimonio e polo legado dos antepasados. Quedaron clasificados en 3ª posición no apartado de “letra”, pero dende o Monte Pituco (Pornedo) subscribímolas de principio a fin.
…Dicímolo con orgullo
e con moito sentimento
DEFENDER SEMPRE O NOSO
ate o esgotamento…
Parabéns aos rapaces e rapazas do Maio de San Xulián, aos maiores que lles axudaron a confeccionar estas coplas tan ben acaídas, e a elaborar un maio tan xeitoso, que merecidamente gañou o 1º premio na categoría de coroa, ademais de quedar clasificado en 2º lugar nos apartados de construcción e interpretación.
Noraboa tamén aos demais participantes, os maios da Escola de Educación Infantil Nosa Señora do Carme, o Maio Landeiras de San Xulián, o Maio Mariñeiro do CEP Sequelo, e á flota de embarcacións formada polo Rampleiro San Xián dos Ancourados que tamén pertence á parroquia de San Xulián, o Polbeiro Xiana, e a Gamela Coruxeira da Asociación Cultural Amigos dos Rapaces.
…Viva a Festa dos Maios! Vivan as nosas tradicións e a nosa cultura!
Deixar unha resposta