A Asociación Vaipolorío vén de organizar unha curiosa convocatoria: percorrer a ribeira do Gafos seguindo os pasos do Padre Sarmiento, na procura dunha planta catalogada co nome científico de Myosotis discolor e coñecida co nome popular de “orella de rato” pola forma enroscada do seu talo.
…Non apareceu! Unha ducia de rastreadores botánicos guiados polo botánico Francisco Javier Silva-Pando, o mestre Amancio Castro, e o escritor Calros Solla, co presidente e mais co secretario de Vaipolorío, Gonzalo Sancho e Xosé Manuel Feijóo, como anfitrións, pescudaron entre fentos, hedras, estalotes e herbas. Pero se atopou “orella de rato”, de modo que a visita repetirase noutra data para seguir na súa procura.
A andaina tiña outros retos relacionados coa flora fluvial do Gafos: dar cunha planta coñecida como ‘pan e queixo’ (Potentilla erecta, no seu nome científico). Neste caso si houbo sorte e un dos participantes no roteiro localizou un exemplar. Parabéns!
Amancio Castro, á esquerda, comprobando que a planta atopada coincidía coa Potentilla erecta
Tamén se localizaron varios exemplares dunha planta de gran porte e amplas follas, a Heracleum sphondylium, coñecida como pé de oso.
Polo demais, foi unha xornada ben interesante, respirando aire puro, sentindo o canto da auga no río, escoitando a fauna avícola da contorna, e gozando dunha primavera que nos colma de flores…
…Sempre é un gusto voltar ao Gafos e aprender dos voluntarios dun colectivo exemplar como Vaipolorío…
Variedade de Prunus
Grosella negra
Digitalis purpurea, estalote
Lamium maculatum, falsa ortiga
Ponte Valentín
Ranunculus acris, botón de ouro
Zona da turbeira
O magnífico carballo do río Gafos
Flores de acacia acumuladas no leito do río
Cómpre destacar a importancia de combinar actividades divulgativas ao aire libre co traballo de investigación e do coñecemento plasmado en formato impreso. De Vaipolorío destaca que sempre apoia os seus roteiros en materiais bibliográficos; nesta ocasión os libros “A flora do río dos Gafos”, de Francisco Javier Silva-Pando e Amancio Castro, e “O río da memoria”, de Calros Solla.
Deixar unha resposta