Publicado por: MontePituco | 29/07/2011

NA EMOTIVA HOMENAXE A XAN MONTENEGRO

Entrañable acto cívico de homenaxe a Xan Montenegro, o celebrado esta tardiña na Finca de Briz. Xosé Vilas e os seus compañeiros de Mar-In realizaron un traballo organizativo fantástico, coa colaboración do grupo Liorna no apartado técnico, e Dibay achegando os asentos para o público. Participaron moitísimos colectivos: Ronsel, Cimo-Castelao, Asociación de Veciños de San Xulián, Ateneo Santa Cecilia, Os Galos, Central Unitaria dos Traballadores, Almuinha, Comunidade de Montes de Lourizán, o grupo Güelderei, Os de Marín, Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Agrupación Picuiña, Asociación de Magos de Galicia… Seguro que algún me está quedando atrás.

Un retrato de Xan, flanqueado polas bandeiras galega e republicana, ocupaba un lugar destacado no escenario, onde non faltaba o seu inseparable sombreiro. Moitas persoas se achegaron para estar a carón da súa familia e expresar o seu agarimo por Xan. Foron numerosas, variadas e ben combinadas, as intervencións: poemas, actuacións musicais de diferentes estilos, fotos de Xan que se proxectaban constantemente nunha pantalla, amigos e compañeiros que expresaban dende o corazón canto o apreciaban… Houbo moitos momentos emotivos; entre eles, Julio Santos Pena leu unha carta escrita por Xan en setembro de 1998, tras someterse ao transplante. Coa sensibilidade que o caracterizaba, o noso veciño e amigo -navegante noutros tempos- facía unha metáfora cos avatares do seu estado de saúde, convertidos nunha viaxe de ida e volta ao Gran Sol: o seu corpo era o motor dun barco que fallaba; a enfermidade, o seu afundimento; un SOS solidario era a doazón dun órgano que lle permitiu estar connosco durante 13 anos máis, grazas aos médicos, os seus maquinistas, que lle axudaron a navegar con dignidade neste mar duro da vida.

…Tamén participaron amigos seus desprazados dende Euskadi. Leuse unha carta do poeta Félix Contreras, dende La Habana. Canta emoción!

A mensaxe foi unánime: nunca esqueceremos a Xan, convertido agora no depositario, a través da súa familia, das tres medallas que os seus compañeiros de Mar-In obtiveron nos últimos anos pola súa representación municipal. Emocionante a intervención de Isabel Martínez Epifanio, vencida pola emoción, fundida nun abrazo con Lucinda xa ao final do acto, cando se lembrou a ardua loita de Xan e dos seus compañeiros do colectivo Veiguiña, contra o BNG pola titularidade da sede local nacionalista.

O Monte Pituco non podía faltar nesta homenaxe. Quixemos compartir un texto poético que evoca o legado de Xan. E ofrendarlle un pedaciño desta terra pola que tanto suspirou: unha plantiña de carballo foi a presenza simbólica do Pornedo neste encontro en torno á figura dun ser tan querido.

Lembrámolo con gratitude, con nostalxia,

porque nos acompañaba e aconsellaba ao tempo que aprendiamos

que “como o sol ou o mar non hai nada”, que di Bernardino Graña.

Que como a terra e a árbore, que como a auga e o aire, que como o chío do miñato, non hai nada…

E veneramos a súa dignidade, esa rectitude moral da que aprendemos

a non rendernos, a defender todo en canto cremos

“anque doian as tripas”, parafraseando outra vez o bardo do mar,

“contra centos e centos de millóns de potencia”,

porque abofé que “haberá máis diluvios e loitas,

e noite arredando aos que son (somos) febles”.

Inculcounos o valor saudable da pacencia fronte á impetuosidade do impulso imprudente,

a importancia terapéutica dun sorriso ante o desprezo e a traizón.

Practicamos a constancia desa chuvia fina que traspasa os poros da pel,

que enchoupa os ósos, que calla ata o fondo da mesmísima alma das persoas.

E invocamos a Avilés de Taramancos invitando a “perdurar” e a “per-furar”,

a “iso de non ter límites, ser ave,

ser cantiga, ser pranto, ser combate,

ser esa permanencia que nos leva,

como un río no tempo, até a vitoria”…

Ningún adeus houbo que xustifique que non estea agora, mesmo máis presente que antano,

porque se algo cambiou foi a intensidade -aínda maior- que esperta a súa figura.

Malia que se peche unha porta, din os versos de Henrique Rabuñal,

“unha vez fechado o ferrollo

sei doutras que se abren,

na cunca dunha man sincera,

no agromar silente dun sorriso”.

Exercede pois a vitalidade que o caracterizou, o compromiso e a rebeldía,

creando con liberdade e imaxinación un mundo cheo de ideas e soños.

Engadídelle -continúan os versos de Rabuñal- “unha caricia lenta,

un abrazo limpo como un vento de seda

que disipe a tristura”.

Na súa memoria, non sucumbiremos endexamais á resignación nin ao desalento.

Eran outros tempos cando Díaz Castro escribiu a súa Penélope:

“Un paso adiante e outro atrás, Galiza,

e a tea dos teus soños non se move…”.

Pero Xan si soñou… e transformou!

Fixo da xenerosidade, da confianza en si mesmo e nos demais,

unha bandeira que lle reportou o respecto e a admiración dos bos e xenerosos.

Tanto lle tiñan os murmurios estériles e baleiros dos imbéciles e escuros.

Por iso, no astrolabio do Monte Pornedo, o seu balcón da ría,

xa se divisa unha constelación brilante co seu nome:

o nome da estirpe doce e guerreira dos Montenegro-Villanueva

(sangue que tamén corre con orgullo polas miñas veas).

Por iso, voltando unha vez máis ás palabras do poeta,

como a herba pequerrechiña, queridísimo Xan,

“o Universo sería

máis pequeno sen ti”.

(Premer “Ler Máis” para ver a reportaxe fotográfica)


Respostas

  1. Emoción total.
    A xente volveu ás súas casas cos ollos inchados de chorar.
    Todo o mundo debe saber que Xan era un dos grandes, así o quixeron demostrar os seus amigos con esta homenaxe. Así o recoñecemos todos aqueles que tivemos a fortuna de coñecelo.
    Grazas Monte Pituco por esta reportaxe.

  2. Gracias a todos por este gran homenaxe a meu tio Xan. El era un home grande,un ser humilde,xeneroso,loitador polo monte pola terra que o veu crecer,en xeral, por todo.

  3. Foi inevitable que asomara algunha bágoa, abofé. Unha aperta de ánimo inmensa para a familia Montenegro-Villanueva.

  4. […] [Palabras de homenaxe a Xan Montenegro no acto cívico de xullo de 2011] […]

  5. […] [Palabras de homenaxe a Xan Montenegro no acto cívico de xullo de 2011] […]

  6. […] o pasamento de Xan Montenegro. Mais non morre quen, dende o primeiro día da súa ausencia, segue moi presente entre familiares, amizades e veciñanza que recoñecemos nel o exemplo do compromiso coa terra, coa cultura e cuns principios marcados pola […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: