Publicado por: MontePituco | 28/07/2011

ALCALDESA E CONCELLEIROS, NO MONTE PITUCO (PORNEDO)

En abril de 2010, DEFENDE O MONTE PITUCO dirixiuse por primeira vez ao alcalde socialista Francisco Veiga para pedirlle unha entrevista formal na que poder obter información directa sobre o proxecto de construcción dun polígono industrial nesta zona da parroquia de San Xulián e para expoñerlle os motivos polos que este colectivo veciñal considera que non é unha decisión acertada. Esa solicitude reiterouse, sen éxito -mesmo, grazas a Marinenses Independentes, a través dunha pregunta en sede plenaria- en numerosas ocasións. Un ano e tres meses despois, a petición de DEFENDE O MONTE PITUCO por fin foi satisfeita. Xa non polo arrogante do señor Veiga, que agora ocupa merecidamente o banco da oposición, senón pola súa sucesora na Alcaldía, a popular María Ramallo, que non só accedeu a escoitar, senón tamén a “xogar en campo alleo”, a pé de monte. E así foi como este martes 26 se achegou ata o Monte Pituco acompañada polos concelleiros Ramiro Gestido (medio rural), Pablo Novas (parroquias do rural) e Beatriz Rodríguez (cultura). Máis alá das consideracións que teñan a nivel político como responsables do Goberno local en relación ao futuro deste espazo natural protexido, DEFENDE O MONTE PITUCO agradécelles a atención e o tempo adicado, como DESAGRAVIO polo desprezo sistemático que este colectivo veciñal -que non é nin mellor nin peor que calquera outra asociación marinense- sufriu por parte do anterior rexedor municipal.

Se pola mañá pateara a estrada Cotorredondo-Castiñeiras-Cruz da Maceira cun calzado de tacón, quizais non moi propio para ese terreo (por máis que foran os zapatos cos que se moveu durante a campaña electoral), fíxonos caso e pola tarde subiu ao Pornedo cuns zapatos planos. Boa falta lle fixeron para subir pola pista forestal sen esbarar enriba dos pedrolos desprendidos que evidencian o mal estado deste vial; para poñerse a rente dos verquidos incontrolados que salpican o sendeiro; para pisar a terra batida polas rodas das motos e dos quads que converteron o Alto do Pornedo nun circuito ilegal de motorismo; para emprender o regreso dende o mirador baixando un camiño empinado e pedregoso. Para observar, en definitiva, cos seus propios ollos, o que DEFENDE O MONTE PITUCO vén sostendo dende hai case dous anos: que se trata dunha zona cun importante desnivel que faría INVIABLE a súa urbanización, que precisa actuacións de mellora urxentes a nivel ambiental e a nivel patrimonial para recuperar os espazos degradados e conservar os seus importantes e numerosos elementos arqueolóxicos.

Como anfitrións desta ansiada expedición institucional, cinco veciños do Caeiro, da Pena, dos Bravos e da Laxe, e un representante da comisión do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Antes de iniciar o percorrido, DEFENDE O MONTE PITUCO presentoulle un detallado dossier de 25 páxinas con 10 puntos fundamentais:

1 ) A defensa que no Informe de Sostibilidade Ambiental do propio PXOM se fai a prol da conservación do Monte Pituco por máis que finalmente fora calificado como chan industrial, cun dossier de prensa que contiña, entre outras noticias, o pronunciamento da Autoridade Portuaria rexeitando esta zona como posible porto seco ou a posible intención por parte da Xunta de acometer un polígono industrial conxunto para Moaña e Marín; cun resume do informe topográfico que evidencia o dato incuestionable: que o 92% da superficie afectada ten máis do 15% de pendente e que o 57% dese terreo ten un desnivel superior ao 35%.

2 ) Un informe referente ao proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños como alternativa para o futuro do Monte Pituco, desenvolvendo o seu potencial forestal, cultural e turístico.

3 ) A lacra dos verquidos ilegais presentes no monte, con materiais contaminantes e inflamables que supoñen un enorme risco.

4 ) A presenza de cabalos maltratados con pexas e trancas nas súas extremidades.

5 ) A relación de mananciais catalogados que surten de auga para consumo doméstico e agrícola aos veciños da contorna; acuíferos que se perderían de forma irreversible en caso de que se revente o monte con sucesivas cargas de dinamita para explanar o terreo.

6 ) O estado deficiente que presentan os viais internos do monte, coas canalizacións de auga atascadas e co firme seriamente deteriorado.

7 ) As accións emprendidas para erradicar definitivamente o circuito irregular de motorismo que durante anos houbo no Alto do Pornedo.

8 ) A situación de vandalismo que deixou un rastro de pintadas en distintos bens do monte e desperfectos cuantiosos na área recreativa do Pornedo, onde a Comunidade de Montes de San Xulián se tería que facer cargo do seu mantemento.

9 ) As posibles medidas para evitar o abandono dos espazos de interese que ofrece o monte, como a área de lecer no arborado a carón da estrada Marín-Figueirido.

10 ) E darlle conta do labor de seguemento que DEFENDE O MONTE PITUCO fai de todo canto lle afecta a este espazo, tanto a través do blog como a través do perfil Monte Pituco e da páxina Salvemos o Monte Pituco en Facebook.

Seguidamente fíxose un percorrido circular pola zona, amosando sobre o terreo todo aquelo que previamente se expuxera: percorremos a pista; inspeccionamos a área recreativa do Pornedo onde lembramos a figura de Xan Montenegro pola súa defensa dun petroglifo que foi fatalmente sepultado polas obras da variante co consentimento da Comunidade de Montes; parámonos nos verquidos incontrolados de terra, cascallos, plásticos, madeiras, cartóns, cristais, chapas metálicas e demais lixo que abundan en distintos puntos do monte; percorremos o sendeiro que atravesa o Alto do Pornedo para apreciar o estado no que quedou por culpa das rodadas de motos e quads, comprobando como se rexenera pouco a pouco dende que os pilotos deixaron de frecuentar tanto este lugar; explicamos que representan os petroglifos do Pornedo e as medidas urxentes que se necesitan para evitar o seu estrago, facendo fincapé na lexislación en materia de Patrimonio; e contemplamos as marabillosas vistas de Marín e da ría dende o mirador natural do Pornedo.

…E que dixo María Ramallo? Cómpre matizar o que publicou a prensa local sobre esta visita da que DEFENDE O MONTE PITUCO, deliberadamente, non fixo ningunha publicidade. Tería sido exercicio de profesionalidade que os redactores desas informacións contactaran con este colectivo veciñal, quizais non tanto para contrastar a valoración da alcaldesa, senón para obter tamén a nosa impresión.

Como todo o mundo sabe, o PXOM está na súa recta final e non hai marcha atrás para reconsiderar novamente a calificación urbanística do Monte Pituco. Non é algo que se plantexe este colectivo, tendo en conta a necesidade de aprobalo. Iso non implica nin que o Monte Pituco se vaia urbanizar de inmediato, nin moito menos que cumpra as condicións para acoller un polígono industrial, posto que terían que ser -en teoría- os organismos competentes da Xunta os que emitan ese dictame. Na medida das súas posibilidades, DEFENDE O MONTE PITUCO ten avanzado todo o posible para evidenciar, ante as diversas Administracións, que este espazo natural protexido non reúne requisitos nin as garantías para esa instalación.

Máis aínda: A catalogación do Monte Pituco como solo empresarial é reversible ou irreversible? Cal é a vontade política actual do Goberno local tendo en conta o posicionamento que marcaron na pasada campaña electoral? Lembremos a ENTREVISTA de María Ramallo que publica a revista dos Populares de Marín este pasado mes de maio en plena campaña electoral:

-Nesta lexislatura houbo moitos debates sobre o parque industrial. O PP que pensa deste tema, cal é a súa proposta?

No parque industrial APOSTAMOS POR PASTORIZA, e non se nos fixo nin caso. No Plan de Urbanismo VAI O PITUCO, pero NINGUÉN NOS TEN DITO SE SE PODE FACER desde o punto de vista técnico, económico, nin medioambiental; non quixeron apoiar un ESTUDO destas dúas zonas e hoxe teriamos avanzado moito.

Máis reflexións: Cantas áreas industriais se irían acometer en Marín ni futuro inmediato? Entre Pontevedra-Marín (Monte Pornedo) e Marín-Moaña (Cruz da Maceira-Pastoriza), o Concello e a Xunta van escoller unha ou pretenden urbanizar as dúas? Máis aínda: Cabe a posibilidade de que a Xunta, coa mediación ou non do Concello, obvie circunstancias irrefutables como o acusado desnivel do terreo e o seu grao de protección ambiental, e se plantexe abordar a industrialización do Pornedo pola vía da Lei de Acompañamento dos Orzamentos que permite destinar solo rústico a uso empresarial? E segue insistindo o Concello de Marín na ubicación da área loxística asociada ao porto malia que a Autoridade Portuaria xa rexeitou este emprazamento no ano 2000?

…Son interrogantes que quedaron flotando sobre o Monte Pornedo, posto que o Goberno local de Marín, coa súa alcaldesa á fronte, non son capaces de respostar neste momento, no que todo está en mans da Xunta. E máis aínda, do actual contexto dunha aguda crise económica.

Así pois, posto que as “palabras maiores” quedaron no aire, DEFENDE O MONTE PITUCO non queda de brazos cruzados e apela igualmente á colaboración do Concello para axudar a “poñerlle as pilas” a este monte: poñendo en valor os seus gravados rupestres, eliminando os escombros… pequenas accións cun custe mínimo que redundarían nun gran beneficio para o contorno e para os seus usuarios.

…E que dixo María Ramallo? (bis). Entende que á Comunidade de Montes de San Xulián lle corresponde asumir unha parte importante das posibles medidas que se puideran tomar. Entende que a Comunidade de Montes de San Xulián ten recursos económicos abondo para levalas a cabo. Comprometeuse a trasladarlle aos directivos todas estas necesidades para procurar que se IMPLIQUEN nas actuacións que se cheguen a facer. Pero, que grao de connivencia hai entre os responsables municipais e os da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xulián? Terá María Ramallo a altura de miras suficiente para abordar as demandas de DEFENDE O MONTE PITUCO dende un punto de vista obxectivo, valorando os beneficios que as nosas propostas repercuten na cidadanía, e invitando a Comunidade de Montes a ser partícipe dunha fronte común que favoreza a imaxe do Monte Pituco? Ou esa posible mediación sería tan só unha pose de cara á galería en caso de que Concello e Comunidade de Montes xa tiveran pactado de antemán o rexeitamento das propostas?

Dende logo, a realidade é que a alcaldesa e os concelleiros que a acompañaron DESCOÑECÍAN a existencia dos petroglifos do Pornedo. Tampouco sabían que a presenza de lixo na zona fora tan preocupante. E pareceron amosarse gratamente sorprendidos ante a panorámica paisaxística que hai dende o monte, o que Xan Montenegro consideraba “o balcón da ría”. Esta é a valoración de DEFENDE O MONTE PITUCO: abrir os ollos (ogallá que tamén a mente) do equipo de goberno para que sintan o que os veciños e veciñas sentimos por este monte, que non se pode “comprar” con promesas de cartos e postos de traballo.

Post-data: a fotografía publicada no Faro de Vigo non a fixo ningún Gustavo Santos, senón o concelleiro de parroquias, Pablo Novas, que foi cámara en ristre durante toda a visita.


Respostas

  1. Sinceiramente machiños, non sei se tedes razón ou non, coñezo o Monte, descoñecía os petroglifos, que deben estar conectados cos que hai no Colexio da Carballeira en Placeres. O Peghón este de marras (que xa parece a Santa Compaña) queren aprobalo xa, non che están os políticos pra cambios. Como medio ambiente non digha nada, dádevos por fod…. Uns por facer as cousas como o cú e outros por embarcar a xente…Asinosvai

    • Para empezar, grazas polo teu comentario e pola túa visita ao blogue. Direiche o mesmo que lle comentabamos hoxe mesmo a unha persoa que, a través de Facebook, nos transmitía a súa admiración pola riqueza do monte, a respecto da flora e da fauna que temos no lugar e que se pode apreciar no álbum de fotos que compartimos con todos os usuarios. Que veñas ao monte cando queiras, que mesmo nos avises para coñecer detalles que, coma no caso dos gravados rupestres, descoñecías. Que se ves, o fagas con boa vontade, non con ánimo de destruir os seus elementos naturais ou patrimoniais, como fan outros.
      Se temos ou non razón? Nós estamos convencidos de tela, e por iso levamos camiño de dous anos sumando argumentos que nos parecen inapelables. Tes aquí centos de artigos que podes contrastar co teu propio coñecemento da zona, para formarte unha opinión propia. O PXOM? Pois haberá que roelo e, na medida das posibilidades, loitar pola súa mellora, posto que un plan de urbanismo a priori non é un documento inamobible, senón un punto de partida para ordear un territorio. Cantas modificacións puntuais se teñen feito. Por que non esta, habendo motivos?

  2. Un acontecimiento tan esperado – montepituco-
    y me sorprende ese vacio de contenido.
    Todos en la foto en actitud de ya estamos aquí….
    ¿y ahora qué?
    y eso pregunto yo también,
    ¿¿??

    • Verás, Incondicional. Imos manter o teu comentario a pesar de que “xa” non se axusta á realidade, posto que as túas palabras foron inmediatamente anteriores á publicación do longo escrito de reflexións (catro páxinas dun documento de “word”) que acompaña os recortes de prensa. Para calquera persoa que lea a túa mensaxe, que saiba que primeiro se colgaron os artigos e que, por falta de tempo, ata horas despois non se puido completar o post coas valoracións oortunas.
      …Somos “currantes”, Incondicional. Persoas que lle dedicamos a este blog o pouco tempo que temos fóra do traballo e das obrigas personais. Que volcamos nel horas de esforzo, roubándollas ao sono e ao descanso. A cambio de nada, máis aló do “deber” cumprido, da satisfacción de estar defendendo unha causa pouco menos que contra vento e marea. Ou, como moito, agardando a receptividade de quen teña a ben pasarse por esta páxina e ler, ou ver as fotos, e coñecer o monte.
      Grazas pola túa mensaxe e pola túa comprensión.

  3. Eu quero felicitar a Montepituco, porque aínda que esta visita da alcaldesa ó monte lle poida parecer unha tontería ós lectores que levan dous días seguindo esta loita, ben sabemos os antigos que este foi un avance moi importante.

    Os defensores do Monte Pituco levades moitísimo tempo agardando que os políticos escoiten de preto as vosas queixas. Fran Veiga tratouvos con desprezo e nin siquera se tomou a molestia de recibirvos.

    Eu alédome moitísimo de que os novos gobernantes se “botaran ó monte”, e aínda que vos queda moitísima loita por diante, podemos decir coa boca chea que por fin xa se dou o primeiro paso.

    O tempo nos dirá…

    • Moitas grazas, paseante. Agardemos que o esforzo realizado en todo este tempo, que a constancia coa que procuramos este achegamento aos responsables municipais, e que a enerxía que volcamos nesta visita ao Pornedo, obteña a receptividade do actual Goberno local, xa que os seus antecesores foron tan desagradables e soberbios. Eles o perderon. Pola contra, María Ramallo e os concelleiros que a acompañaron puideron descubrir un espazo do que descoñecían o seu enorme potencial natural, social e mesmo económico, aplicando un uso totalmente diferente ao industrial. Agardamos que captaran a mensaxe, que purren ante a Comunidade de Montes de San Xulián para que aposte por darlle un impulso a este lugar, que medien ante a Administración autonómica para que non se cometa o erro histórico de converter o Pornedo nun espanto de taludes e formigón. E animamos a todos os visitantes desta bitácora virtual a “botarse ao monte” connosco. Saúdos!

  4. Disculpas pola precipitación¡¡

  5. Unha pregunta-proposta, existe algún roteiro mais ou menos transitable entre os distintos petroglifos pra que os rapaces dos colexios de Marín puidesen visitalos,

    • Pois claro que si; de feito xa se organizaron varios roteiros:
      https://montepituco.wordpress.com/2011/04/18/pasos-vs-rodas/
      https://montepituco.wordpress.com/2011/04/15/visita-ao-alto-do-pornedo/
      Son dous exemplos recentes de andainas organizadas polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, que é un proxecto no que estamos traballando cóbado con cóbado con veciños de Lourizán, Salcedo, Vilaboa e Marín, co apoio dunha vintena de colectivos das bisbarras do Morrazo e de Pontevedra, para que se poida crear este roteiro. Os camiños existen; cómpre un investimento mínimo para acondicionar os sendeiros, adecentar os enclaves significativos e sinalizar os gravados rupestres e outros elementos de interese etnográfico que fumos atopando dende que empezamos a traballar nesta iniciativa.
      Se tes interese en afondar no tema, vai ao apartado de etiquetas do blog, e pica en 7 Camiños. E se precisas calquera aclaración, non dubides en formularnos as dúbidas que xurdan.

  6. Como adoito dicir, os de fora lían pitos… pero de vez en cando sempre gusto de deixar algún comentario.
    Entre esta foto e aquela “reunión” nos chanzos do Concello, dende logo hai unha diferencia como do día á noite. Que das promesas se pase aos feitos xa non esta na man de MontePituco, pero segurisimo que por eles non vai quedar… dos políticos xa me fío menos, teñan a afiliación que teñan.

    • Agradecimos, coma sempre, pola visita e polo comentario, sempre oportuno e proveitoso.
      A diferenza é abismal, abofé. Puxemos canto temos da nosa parte para que o Goberno local sexa receptivo aos nosos plantexamentos. Agora son eles, ou os seus superiores, os que han mover ficha. Seguiremos atentos e dándoo todo pola supervivencia deste monte e dos seus recursos naturais e culturais. Non lles caiba dúbida.

  7. […] -”Alcaldesa e concelleiros, no Monte Pituco (Pornedo)“. […]

  8. […] primeira visita de María Ramallo e parte do seu equipo ao Pituco en xullo de 2011 quedoulle ben para sacar a foto, pero dende entón, CERO actuacións, por non falar de que o actual […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: