
Parece mentira que pasaran dez anos dende aquel día no que unha voz triste me anunciaba, dende o outro lado do teléfono, o pasamento de Xan Montenegro. Mais non morre quen, dende o primeiro día da súa ausencia, segue moi presente entre familiares, amizades e veciñanza que recoñecemos nel o exemplo do compromiso coa terra, coa cultura e cuns principios marcados pola xustiza e pola honestidade. Non puidemos aprender del nin afondar na súa peculiar personalidade todo o que nos tivera gustado a causa da súa prematura marcha, pero a semente que deixou en forma de loita, perseverancia e firmeza callou o suficiente como para ofrecerlle, unha década despois, o froito do traballo que fixemos na súa memoria, defendendo o seu ‘balcón da ría’: o Pornedo luce florido grazas a que o cemento, o asfalto e o formigón foron derrotados. Seguimos combatendo ilegalidades cometidas por parte de quen ten a responsabilidade de xestionar o monte veciñal con criterios alleos aos seus intereses, mais contamos co impulso de Xan para turrar con folgos por mil primaveras máis para o Pornedo.
Como cada ano, tamén nestes tempos de pandemia e máscaras, houbo flores, música, versos e cereixas para celebrar e agradecer o seu legado, ao carón do monumento co seu icónico chapeu e cos letreiros que, simbolicamente, seguen reivindicando un compromiso incumprido: que a estrada de San Xulián leve o nome de Xan Montenegro. Só a falta da ‘avoa’ Lucinda, que xa campa canda o seu fillo, ensombreceu este día griseiro. Ambos deixaron un ronsel de sabedoría que, abofé, nos seguirán inspirando para construírmos un monte, unha parroquia, unha vila e un mundo mellor.






Gracias
By: PAULA on 29/08/2021
at 21:34