
En tempos de pandemia hai que facer o esforzo -con todas as prevencións- de manter as tradicións para que non esmorezan. Como cada luns de Pascua, tocaba espantar o meigallo na capela de San Cibrán, no monte de Lusquiños pertencente ao val de Tomeza, botando sobre o tellado da ermida as nove pedriñas que manda o costume, unha por cada volta arredor do templo, disque, no sentido contrario ás agullas do reloxo.
De San Cibrán dise que é avogoso dos que practican a maxia boa, dos antigos ‘pastequeiros’ ou curandeiros dos maleficios e do mal de ollo; a el atribúeselle o famoso e cobizado ‘ciprianillo’ que contén rezos ou ensalmos, fórmulas máxicas e indicacións para atopar os tesouros que, durante séculos, levaron ao saqueo de numerosas mámoas e xacementos arqueolóxicos.
Enriba das tellas quedaron as nosas pedras de seixo branco, levadas dende o Monte Pornedo, para esconxurar as maldades dos inimigos do ‘balcón da ría’, que son poucos e covardes; que non foron quen de inundar todo o ‘balcón da ría’ con formigón e agora pretenden ir furando aos poucos cada recuncho con chafalladas… Meigos fóra, pro-polígonos fóra!
E de balcón a balcón, a visita a San Cibrán non pode rematar sen pasar polo seu miradoiro, que ofrece unha ampla panorámica que abrangue boa parte da cidade de Pontevedra, o val de Figueirido, a illa de Tambo e ata o Monte Pornedo! A elevación deste monte propiciou que fose un asentamento castrexo do que, lamentablemente, non parecen conservarse vestixios.
Coa pequena capela pechada a cal e canto e sen oportunidade de pasar tres veces -ou un múltiplo deste número que representa a Trinidade: Pai, Fillo e Espírito Santo- debaixo do santo, como mandaba o ritual; sen procesión e sen beizón dos ramos de herbas -malvarrosa, loureiro, ruda, romeu, olivo…- que se utilizaban para ‘limpar’ os fogares da negatividade, da envexa e dos maleficios; sen romaría, sen postos de rosquillas, sen música e sen baile… Unha sobria celebración de San Cibrán que -malia que xa non pasaba polos bos momentos de antano- agora agarda tempos mellores para seguir obrando milagres.
- Para ler: Lugares máxicos de Galicia, unha bitácora de Carlos G. Fernández
- Para ver: Terra das marabillas, un documental de Ana Lois
Deixar unha resposta