Publicado por: MontePituco | 27/03/2021

VISITA DA ESCOLA DE CONSERVACIÓN

O profesor Álvaro Arizaga co alumnado da Escola de Conservación e Restauración no miradoiro do Pornedo

O alumnado de 3º curso da Escola de Conservación e Restauración de Bens Arqueolóxicos de Galicia con sede en Pontevedra visitou esta semana o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños e o Monte Pornedo, tanto o miradoiro como os seus valiosos conxuntos rupestres. Acompañounos o xefe de estudos e profesor da Escola, o marinense Álvaro Arizaga, figura importante na defensa do patrimonio desta contorna fronte aos proxectos urbanísticos que a ameazaban.

Mágoa que estes futuros profesionais non puidesen aprezar os gravados rupestres nas mellores condicións que lles corresponde como Bens de Interese Cultural. Por desgraza, o desinterés e o desprezo tanto por parte dos propietarios dos terreos, a Comunidade de Montes de San Xulián cara ao mantemento destes vestixios prehistóricos, como do Concello de Marín pola súa desidia co patrimonio arqueolóxico do rural, conleva que non só estes estudantes, senón tamén os numerosos visitantes que se achegan ao monte nestes tempos de pandemia, marchen coa evidente impresión de abandono que presenta o milenario legado que atesoura este recuncho de Marín, aínda sendo a parroquia coa maior densidade de petróglifos.

Visita do alumnado da Escola de Conservación e Restauración ao conxunto rupestre do Pornedo

Mentres que a veciña Comunidade de Montes de Salcedo en Pontevedra atende con escrupuloso esmero a limpeza e a sinalización dos recursos arqueolóxicos inscritos no Espazo Sete Camiños dentro do seu ámbito territorial, San Xulián de Marín é a cara pésima da moeda; un lugar onde mozos e mozas que se forman como conservadoras e restauradoras teñen que aprender do que NON se debe facer.

Poderían ser uns magníficos aprendices do seu oficio formándose na investigación destes xacementos, deseñando proxectos de protección e posta en valor destes recursos a nivel cultural, educativo e turístico; non en van, o propio Arizaga ten ofrecido en numerosas ocasións o potencial humano desta recoñecida Escola en beneficio da sociedade marinense en xeral a través de convenios académicos que son unha práctica común e que achega beneficios ás partes implicadas: ao alumnado pola aprendizaxe e a posibilidade de mellorar a súa preparación, e á veciñanza polo resultado científico dos estudos realizados, a protección e a difusión do patrimonio. Sen embargo, nada se fai dende a Comunidade de Montes nin dende o Goberno Municipal. Unha mágoa e unha vergoña que, cunha Escola de prestixio tan preto, se estean facendo colaboracións en localidades máis lonxanas onde a aposta pola cultura é real; non de aparencia.

A visita do alumnado completouse na ruta das mámoas de Castiñeiras, con parada na Mámoa do Rei e nas cistas situadas nos arredores.

Grazas á dirección da Escola de Conservación e Restauración por organizar esta actividade e por achegarse ata o ‘balcón da ría’.


Deixar un comentario

Categorías