Publicado por: MontePituco | 27/01/2023

VI XORNADAS DE PATRIMONIO DE SAN XIÁN: ESTE DOMINGO, ANDAINA

O Colectivo Monte Pituco organiza este domingo unha andaina seguindo a “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas

Un dos elementos que se visitarán é o cruceiro da Chisca, agredido cun obxecto metálico que deixou marcas no fuste do monumento

O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) organiza este domingo a andaina que, a causa do mal tempo, fora adiada o pasado novembro no marco das VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián. O punto de encontró será o adro da igrexa parroquial a partir das 10:00 horas. Durante o itinerario utilizarase o libro “Toponimia de Marín”, de Elixio Rivas, que foi a figura homenaxeada nestas xornadas. O obxectivo da ruta é coñecer a orixe dos nomes dos lugares visitados, a súa etimoloxía e procedencia.

Co recoñecemento ao labor deste filólogo ourensán que residiu na vila durante 21 anos, o Colectivo Monte Pituco súmase ás voces que reclaman a reedición da súa “Toponimia de Marín” e que lle urxen ao Concello de Marín o cumprimento do compromiso adquirido en 2016 para dixitalizar os dous tomos da súa tese de doutoramento, que deu pé á publicación do libro.

Elixio Rivas foi un asiduo visitante dos distintos recunchos da parroquia de San Xián durante o tempo que dedicou ao traballo de campo da súa tese, recollendo topónimos a través do testemuño directo da veciñanza. Algúns deses percorridos realizounos na compaña do mestre Carlos Paratcha, estudoso do patrimonio arqueolóxico de Marín e descubridor de varios xacementos localizados nos montes de San Xián.

CRUCEIRO DANADO

Co convencemento de que é preciso realizar accións divulgativas e de sensibilización para garantir a conservación do patrimonio -inmaterial como a toponimia; material como elementos prehistóricos (mámoas, petroglifos…) e etnográficos (muíños, fontes, lavadoiros, cruceiros…) e mesmo a paisaxe natural-, o Colectivo Monte Pituco leva dende 2010 promovendo charlas e roteiros a cargo de especialistas.

Precisamente, o primeiro elemento que se visitará este domingo será o cruceiro do Igrexario de San Xián que, nos últimos meses, resultou agredido. O fuste presenta marcas profundas realizadas cun material metálico, posiblemente unha radial, acaso coa intención de limpar a superficie da pedra. Lonxe de lograr ese obxectivo, semellante neglixencia provocou un dano considerable no varal do cruceiro, co risco para a integridade da peza.

Datado en 1698 e coñecido como o cruceiro da Chisca, a cruz presenta a figura dun Cristo sobre un capitel decorado con elementos vexetais e facianas de anxos.

Non é o único elemento patrimonial prexudicado na parroquia de San Xián nos últimos tempos. A Comunidade de Montes de San Xián foi sancionada en 2017 pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta por causar unha agresión grave no conxunto rupestre da Carrasca a causa duns labores de desbroce realizados con maquinaria pesada sen a pertinente supervisión  arqueolóxica. Lonxe de rectificar, a Comunidade de Montes segue realizando tarefas de limpeza que non respectan a área de cautela dos xacementos arqueolóxicos catalogados como Bens de Interese Cultural.


Deixar un comentario

Categorías