Publicado por: MontePituco | 31/01/2017

PROPOSTAS PARA UN POSIBLE PLAN DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

Celébrase este mércores a Comisión de Cultura na que se vai tratar a moción de urxencia presentada pola edil do Bng Lucía Santos a raíz da denuncia pública de catro colectivos -Irmandade Illa de Tambo, A Forneiriña, Colectivo Ecoloxista Luita Verde e Asociación Monte Pituco- pola agresión a un dos petroglifos do conxunto rupestre da Carrasca, na parroquia de San Xulián, solicitando a concelleira nacionalista que o Concello poña en marcha un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico.

Dita moción que se expuxo no pleno deste mes de xaneiro non se chegou a debater porque os grupos municipais acordaron aparcala para tratala pola vía ordinaria, achegando cada un as súas propostas e consideracións.

Durante o tempo que a Asociación Monte Pituco vén actuando, foron unhas cantas as actividades e iniciativas propostas a distintos niveis reivindicando a importancia do patrimonio prehistórico en San Xulián, a parroquia marinense con maior densidade de xacementos arqueolóxicos: dende a nosa modesta participación na comisión técnica do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que se acabou materializando no verán de 2015; rutas de sendeirismo de carácter divulgativo organizadas en colaboración con varias entidades; xuntanzas a nivel institucional con representantes do Concello de Marín para alertar da precaria situación do patrimonio arqueolóxico no noso ámbito xeográfico e reclamar a inclusión do patrimonio cultural de San Xulián nas campañas de promoción turística a nivel municipal; deseño de propostas de actuación dirixidas á Comunidade de Montes de San Xulián para que se coidasen os xacementos catalogados e se enlazara o Espazo Sete Camiños co Lago de Castiñeiras; documentos dirixidos á Dirección Xeral de Patrimonio para que se atendesen situacións de risco para a conservación de xacementos vulnerables a potenciais agresións; e defensa pola vía xudicial dos conxuntos rupestres afectados na súa área de cautela polo polígono industrial proxectado no Monte Pituco son algunhas das accións máis destacadas.

No proceso de elaboración dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico debería terse en conta a achega, a aportación e o asesoramento de non poucas persoas -unhas con formación académica específica, outras que por afección e autoformación xa acumulan unha ampla experiencia nesta materia- para que ese documento se concrete nun prazo o máis curto posible e coas maiores garantías posibles de eficacia no cumprimento das funcións que se lle encomenden.

Este artigo é o resume dunha serie de observacións ‘de urxencia’ formuladas por persoas e profesionais que teñen colaborado activa e desinteresadamente coa Asociación Monte Pituco, como o arqueólogo Álvaro Arizaga, o naturalista e experto en patrimonio Paulo Troitiño, e o voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e do Colectivo Ecoloxista Luita Verde, Cándido Martínez.

Precisamente, entre as xuntanzas celebradas con representantes do Goberno local, encabezadas pola alcaldesa María Ramallo, a que se produciu en maio de 2015 centrouse nas graves eivas que presenta o PXOM de Marín, aprobado en xuño de 2012: “Calquera profesional da arqueoloxía sentiría vergoña ao observar o catálogo do patrimonio arqueolóxico tal e como foi definitivamente aprobado”, chegou a afirmar Álvaro Arizaga, pola “completa falta de profesionalidade” coa que se realizou esa catalogación.

Empezando pola clasificación do Monte Pituco (ou Pornedo) como zona industrial urbanizable malia tratarse dunha “zona de especial concentración de xacementos arqueolóxicos”. Seguindo pola errónea localización dalgúns xacementos con coordenadas incorrectas -o caso do petroglifo de Pinal de Caeiro que o PXOM sitúa erroneamente no medio da Variante de Marín- que poderían ter garrafais consecuencias. Ou continuando pola identificación do xacemento cunha fotografía que non se corresponde co ben cultural catalogado, como no caso “especialmente lamentable”, segundo Arizaga, do conxunto rupestre do Pornedo, que o equipo redactor do Planeamento retrata dun gravado do século XX realizado por José Meijón.

Por tanto, se do que se trata é de “facer as cousas ben”, como ultimamente apela o presidente do Goberno de España a propósito dos erros cometidos na xestión do accidente do Yak-42, no proceso de elaborar un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico para o Concello de Marín cómpre comezar por realizar “de xeito urxente unha actualización arqueolóxica do PXOM, científica e profesional”, reclamaba moi razoablemente Álvaro Arizaga. Actuar tendo como base un PXOM plagado de clamorosas meteduras de pata sería unha perda de tempo, un engano á cidadanía e unha irresponsabilidade.

Cómpre remarcar, pois, a importancia de actualizar o catálogo de xacementos coa localización de cada elemento a través de coordenadas xeográficas precisas, acompañando eses datos técnicos con información e documentación cartográfica en formato dixital. Este material debería estar a disposición de entidades susceptibles de requerir a súa consulta -asociacións de veciños, comunidades de montes, etc- para o seu coñecemento. Deste xeito evitaríanse episodios lamentables como os acontecidos no Alto do Pornedo e mais no conxunto nº5 da Carrasca a causa dos traballos de roza e de desbroce para a conservación de camiños e pistas.

A partir de aí, abonda con observar a realidade que nos rodea para determinar outros posibles pasos a seguir:

A maioría dos conxuntos rupestres están en zonas nas que se realizaron repoboacións forestais de especies alóctonas (piñeiros e eucaliptos); unha situación que favorece a demoledora acción que terían os incendios forestais sobre os gravados: A Carrasca, Champás, Cadro, Os Pedrouzos, As Penizas, Pinal do Rei, O Briasco e outros moitos xacementos que se atopan ‘no monte e a monte’ están expostos á devastadora acción dos lumes porque a vexetación arbórea que os rodea é claramente pirófita.

É convinte establecer e aplicar medidas xerais de protección e de conservación mediante a limpeza da maleza e do arborado ao carón dos xacementos. A colocación dun sinxelo valado de madeira arredor de cada elemento, cun panel que recolla o topónimo do xacemento, unha somera explicación informativa e unha reprodución do calco do petróglifo para apreciar a súa dimensión cultural, é suficiente para cumprir co obxectivo da súa posta en valor.

Procede insistir en que non se requiren grandes investimentos en infraestruturas que o único que fan é encarecer os proxectos e favorecer o vandalismo. Unha actuación básica pasa por desbrozar coidadosamente arredor dos elementos protexidos e sinalalos.

Estas accións terían que contar co control técnico e co asesoramento de persoal especializado a disposición do Concello, ademais da implicación de Patrimonio da Xunta dando as directrices de como proceder de cara aos labores de novos desbroces e de mantemento posterior. De pouco serve habilitar áreas arqueolóxicas que, pasado o periodo inaugural, fican no esquecemento, abundando no seu deterioro ou, no peor dos casos, recibindo atención deficiente e a destempo.

A posta en valor, sinalización e mantemento periódico dos bens protexidos serviría para que os titulares da propiedade privada ou mancomunada onde se atopan tomen conciencia da responsabilidade que teñen entre mans e se impliquen na súa conservación e posta a punto de xeito periódico. “Estes labores, que deberían realizarse cunha periodicidade mínima de catro veces ao ano -unha por cada estación climatolóxica-”, segundo a recomendación de Cándido Martínez, “teñen que facerse con colaboración real e efectiva a nivel económico e técnico entre a Administración pública e os titulares da propiedade privada dos terreos onde adoitan situarse os elementos culturais, nomeadamente monte mancomunado. O voceiro da Plataforma Montes do Morrazo e do Colectivo Luita Verde tamén é partidario de que no marco deses labores de mantemento se inclúa a recuperación de antigas calzadas, corredoiras ou camiños de carro, sexan romanos, medievais ou modernos. En cando á inspección de campo por parte de persoal municipal especializado en patrimonio, recoméndase repetila cada mes.

Expertos no patrimonio histórico local e comarcal como Paulo Troitiño son partidarios de concederlle a categoría de “zona arqueolóxica” a determinados lugares con importantes elementos da arte rupestre, como A Carrasca, Champás ou O Pornedo, entre otros, pola singularidade das figuras representadas, por estaren situados en lugares de especial revelancia natural ou paisaxística, ou por teren asociados outros elementos que complementan ou enriquecen o seu valor.

Para Paulo Troitiño é “imprescindible” que se leve a cabo un labor de difusión axeitado co obxectivo de involucrar a veciñanza, as asociacións, as comunidades de montes e a sociedade en xeral na necesidade de comprender a relevancia cultural da arte rupestre e do patrimonio megalítico, da importancia de coñecelos e conservalos pola riqueza que supoñen dende o punto de vista identitario e mesmo como fonte ou motor de desenvolvemento turístico e económico.

Con esta finalidade, avógase pola organización de roteiros -en combinación con outros recursos culturais e naturais- para o coñecemento e a divulgación destes bens, acadando así unha mellor valoración por parte da cidadanía cara ao patrimonio.

Ata o de agora, as Concellarías de Cultura e de Turismo centraron a súa atención nunha mínima parte do patrimonio prehistórico do Concello -petroglifos de Mogor e castro da Subidá-, polo que un labor real de posta en valor e promoción require abrir o foco de atención a todo o catálogo de bens.

Para levar a cabo accións coma estas, apréciase a necesidade de que o Concello de Marín reforce o seu cadro de persoal coa dotación dunha praza ou varias prazas ocupadas por profesionais titulados en Arqueoloxía que a nivel municipal se poidan ocupar de tarefas de inspección e asesoramento en todo canto teña que ver coa protección dos bens catalogados, prestándolle atención a outros susceptibles de beneficiarse desa catalogación; un traballo que non só se realice dende un despacho senón, sobre todo, ao pé do terreo.

Froito dese traballo de campo, e das achegas dos expertos que coñecen o territorio, poden descubrirse novos elementos de orixe prehistórica que habería que incluír no catálogo patrimonial da Xunta e, por extensión, do Concello.

Entre as primeiras accións concretas que se poderían pór en marcha en materia de mellora do patrimonio arqueolóxico, Cándido Martínez cita:

-a conexión do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños -a través dos conxuntos rupestres de Champás e da Carrasca- coa contorna do parque da natureza da lagoa e das mámoas de Castiñeiras.

-a conexión de Castiñeiras desde Pardavila a través do Castelo de Barbudo e dos petróglifos de Os Pedrouzos.

-a conexión desde Chan de Castiñeiras ata Chan de Arquiña por Outeiro de Ombra e Chan de Fontesca e Lagucheiros reactivando a Rota das Mámoas do Morrazo, que leva paralizada desde o ano 2008.

-a inclusión das mámoas de Pedralonga e de Chan de Gagán.

-a conexión dos petróglifos de Mogor cos das Teixugueiras, Penizas e a Pedrafita de Currás aproveitando a propia senda do Penizas. Por esta mesma pode enlazarse tamén -a través do igrexario de Ardán- a subida pola calzada ata o Outeiro das Teixugueiras-Castelo de Ardán-.

Tamén no eido do patrimonio civil e etnográfico se poden contemplar investimentos enfocados á creación de emprego local mediante obradoiros enfocados á recuperación ambiental do patrimonio civil e etnográfico asociado aos regos Lameira, Neibó-Loira e Gorgadas.

No caso da posta en valor de muíños, pontes, pontellas e outros elementos asociados a estes entornos fluviais, “non debería ser tan complicada xa que os elementos culturais soen estar ubicados dentro do dominio público hidráulico, mesmo da área de servidume”, precisa Cándido Martínez. Ao igual que co patrimonio arqueolóxico, as intervencións para a sinalización deben ter “o menor custe ambiental, social e cultural” posible e do seu mantemento pódense ocupar as brigadas de operarios municipais.

A promoción destes elementos de interese civil e etnográfico consistiría na creación de sendeiros de curto percorrido sinalizados. Nalgúns concellos estanse impulsando rutas marcadas a través de GPS, mais tendo en conta que os elementos culturais susceptibles de ser visitados, así como os seus accesos, teñen que estar nas debidas condicións. En canto á exposición técnica dos valores culturais vencellados ao roteiro, debe ser en espazos habilitados nas casas da cultura e veciñais, así como nas comunidades de montes.


Respostas

  1. Reblogged this on MAREA RIBEIRA mareaderibeira@gmail.com and commented:
    Medidas de protección do patrimonio que ben poderían ser trasladadas ó noso concello

    • Moitas grazas por compartir o noso artigo.
      Que vos inspire e vos sirva de utilidade.
      Saúdos dende o Monte Pituco (Pornedo).

      • A ti, seguimos e tomamos exemplo da labor que fas

  2. […] PROPOSTAS PARA UN POSIBLE PLAN DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO (xaneiro 2017) […]

  3. […] Monte Pituco foi unha das entidades sociais que, a comezos de 2017, demandou a posta en marcha dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico eficiente e de calidade, con medidas concretas, prazos de execución e contando coa participación […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: