Ía ser a primeira andaina do programa Rutas Culturais que organizaba o Concello de Marín, e resultou ser a última a causa dun repentino aprazamento por mal tempo. Nos últimos días chegárase mesmo a publicar na prensa local que esta edición das andainas remataba sen recuperar a visita polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Finalmente celebrouse, este pasado fin de semana.
Dende a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO facemos un balance positivo do roteiro, guiado por dous arqueólogos de Anta de Moura: boa documentación do proxecto dos Sete Camiños, fichas con copias dos calcos dos gravados rupestres, ampla contextualización histórica e teorización sobre o valor simbólico dos xacementos, referencias ao patrimonio inmaterial a través das lendas recollidas na zona…
Dous son os aspectos que cómpre salientar desta experiencia: a primeira, que o goberno local de Marín por fin apostou por incluír esta visita no seu calendario de promoción dos recursos culturais e turísticos do concello. Era unha asignatura pendente dende había moito tempo e, dende a inauguración do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños no pasado verán, non había excusa para prorrogar o que a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO interpreta como un acto de xustiza co patrimonio do Monte Pituco en particular, e de San Xulián en xeral, sendo a parroquia marinense con maior densidade de xacementos arqueolóxicos catalogados.
En segundo lugar, destacar que se as Rutas Culturais do Concello de Marín tiveron en conta o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños foi en parte pola loita, a insistencia, a reivindicación e o labor divulgativo realizado con moito esforzo pola ASOCIACIÓN MONTE PITUCO, a través fundamentalmente das entrevistas mantidas con representantes do goberno local, mais tamén dos roteiros organizados para dar a coñecer a riqueza ambiental e cultural desta contorna, das xestións realizadas coas autoridades en materia de Patrimonio velando pola conservación dos elementos, e da intensa actividade nas canles de información da plataforma veciñal (o blog e as redes sociais).
Curiosamente, estiveron ausentes nesta andaina as concelleiras de Cultura do Concello de Marín: Beatriz Rodríguez e María José de Pazo, malia que o programa de Rutas Culturais dependía do seu departamento. Coa falta que lles facía coñecer de primeira man -aproveitando as explicacións duns expertos na materia- estes bens cos que contamos no noso Concello, resulta chamativo e preocupante que ningunha das dúas comparecera. Acudiu polo menos a edil de Turismo, Cristina Acuña, que logo de facer o percorrido por algúns dos xacementos de San Xulián, Salcedo e Lourizán, está en condicións de darlle a este Espazo Natural e Arqueolóxico a importancia que merece, comezando por insertar esta oferta cultural e de lecer na axenda de actividades do Concello, nos materiais informativos dispoñibles na caseta de turismo e na páxina web municipal, e chegando tal vez a algún acordo de colaboración coa Comunidade de Montes de San Xulián, que é unha das promotoras do Espazo.
Unha Comunidade de Montes que, por certo, cedeu folletos explicativos a todos os asistentes a este roteiro; que ten que seguir apostando polo mantemento e a mellora destes recursos, ampliando o Espazo Sete Camiños a outras áreas de interese arqueolóxico, como os conxuntos rupestres de Champás e Carrasca; que ten que actuar agora na liña de sensibilizar os habitantes da parroquia, animalos a que coñezan e visiten esta zona, convencer os máis reticentes de que este investimento é moi beneficioso para a comunidade; e que non pode tirar a toalla ante a acción de vándalos e desaprensivos que furtan ou estragan material indicativo do roteiro. Mentres a Comunidade de Montes de San Xulián manteña en pé o Espazo dos Sete Camiños -unha iniciativa na que a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO puxo moito empeño dende as orixes da iniciativa para que hoxe chegara a ser unha realidade- seguirá contando co apoio deste colectivo.
Na pista forestal do Pituco, preto dos petroglifos de Sete Camiños
Na mámoa de Sete Camiños.
Dúas femias de vacaloura atopadas xuntas, a carón da mámoa de Sete Camiños.
Na encrucillada de Sete Camiños.
Grupo de ciclistas en ruta dende a zona de Salcedo, en dirección aos Sete Camiños.
Terreos da comunidade de montes de Salcedo, recuperados á Brilat. A reparación deste regato é un dos recentes traballos dos comuneiros.
O traballo que veñen realizando na Comunidade de Montes de Salcedo é admirable: cos cartos do canon que perciben anualmente do Ministerio de Defensa polo arrendamento dos terreos comunais que ocupa a Brilat, están actuando de xeito firme e constante na eliminación de especies invasoras como a acacia, e reforestando os espazos recuperados con especies autóctonas ou frondosas.
Tarefas de erradicación de acacia na contorna de Chan das Mouras.
Estacións de arte rupestre en Chan das Mouras.
Fungos no Espazo Sete Camiños: peido de lobo.
Liques, bioindicadores da calidade do aire, no monte de San Xulián.
Na mámoa de Catadoiro.
O máis interesante da mámoa de Catadoiro é que conserva parte dos seus ortostatos. A laxe de maior tamaño podería ser a tapa que cubriría o dolmen. Por desgraza, esta peza sufriu un dano e un pequeno fragmento desprendeuse da rocha principal. Cabe sinalar que nestes días unha empresa contratada por Fenosa está realizando tarefas de desbroce dos tendidos eléctricos. A carón desta mámoa pasa unha liña de alta tensión. Tamén cómpre engadir que durante o roteiro atopáronse varios motoristas circulando fóra das pistas forestais nas que unicamente teñen autorización para rodar.
Barbas de raposo, en pleno decembro.
Descendendo cara ao val do Pornedo, coas marabillosas vistas da ría.
Plantación de piñeiros, en terreos de Lourizán.
No conxunto rupestre do Pornedo.
Vista do val do Pornedo (Pituco) dende os petróglifos. Aprécianse os aproveitamentos veciñais da materia vexetal: fento e toxo, fundamentalmente, para estrar as cortes do gando. Dun tempo a esta parte, dende que se erradicou neste espazo o circuíto ilegal de motorismo que tiñan montado algúns afeccionados a este deporte, a veciñanza volveu recuperar aquí a actividade agrogandeira e forestal.
Petroglifos do Pornedo nº1. Nesta laxe hai presenza de gravados realizados polo marinense José Meijón.
Petroglifos de Pornedo nº2, uns dos máis espectaculares do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Nada que envexarlles aos gravados rupestres de Mogor. Teñen a peculiaridade de que nesta laxe conviven dous tipos de representacións: figuras abstractas con motivos circulares e cazoletas, e elementos figurativos, concretamente, armas (un puñal e unha espada).
A imaxe que segue -tomada na tarde anterior á andaina- permite distinguir con moita máis nitidez os motivos representados nesta laxe de Pornedo. Recoméndase realizar a visita á primeira hora da mañá ou á última hora da tarde, aproveitando a caída do sol e o efecto da luz rasante.
Miradoiro do Pornedo. Non en van Xan Montenegro ‘bautizou’ este lugar como “o balcón da ría”. Como anécdota, algún dos asistentes chegou a exclamar: “Un banco para aquí, xa!”.
Moitas grazas a tod@s pola participación nesta andaina. Compre lembrar unha vez máis que o Monte Pituco está afectado polo proxecto de construcción dun polígono industrial impulsado polo Concello de Marín no seu PXOM e pola Xunta no Plan de Ordenación de Áreas Industriais de Galicia.
Que estes plans atentan de forma irreversible contra a protección ambiental do Monte Pituco, pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo; que o polígono proxectado agrede a área de protección dos petroglifos de Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro; que a forte pendente natural do terreo faría a obra inviable dende o punto de vista económico e provocaría un impacto visual e paisaxístico brutal e irreparable polos taludes e os desmontes que obrigaría a facer; e que o Porto de Marín xa no ano 2000 rexeitou o Monte Pituco como posible ubicación da súa futura área loxística polas dificultades da orografía do terreo.
Por estes e outros motivos, a ASOCIACIÓN MONTE PITUCO segue loitando a prol da defensa deste espazo e ponse a disposición das entidades e colectivos sociais e culturais de Marín, centros educativos e persoas particulares con sensibilidade pola natureza, a cultura e o patrimonio, para dar a coñecer estes tesouros que temos -aínda tan descoñecidos- na nosa vila e nos montes veciños.
Deixar unha resposta