Publicado por: MontePituco | 12/12/2012

12/12/12: INAUGURACIÓN DAS BEIRARRÚAS

Na inauguración das obras de reforma da estrada de San Xulián.

Que o presidente da Deputación diga, mentres esboza un medio sorriso, que pensaron expresamente no 12/12/12 para celebrar a inauguración da reforma da estrada de San Xulián, non deixa de ser unha brincadeira. Pero algunha nota de humor había que pórlle a unha xornada grisalla e chuviosa, que será lembrada na parroquia porque, malia que as beirarrúas xa son unha realidade da que a veciñanza leva un tempo disfrutando despois dunha longa espera, había certa curiosidade por saber cando e como se escenificaría a visita oficial.

Alí estaban directivos actuais e anteriores da Comunidade de Montes como entidade anfitriona do acto, responsables da empresa adxudicataria das obras, algúns habitantes das proximidades que se animaron a saír da casa a pesar do día desapacible, representantes municipais múltiples e variopintos -Veiga do Psoe, Esther Crespo do Bng e polo PP, ademais de Louzán e da alcaldesa, os concelleiros Pablo Novas, Santos Costa, Marián Sanmartín e José Cidrás- e outros especimes que se apuntaron atraídos polas “exquisiteces gastronómicas” que se serviron ao final dos discursos, entre as que destaca a especialidade da casa (de des-montes): o “pincho de orella”, isto é, a orella dos políticos na que rillaron canto puideron os que alí quedaron para arreglar o mundo e as súas cousas.

A inauguración consistiu nun paseo de ida e volta dende a Casa de Cultura ata o cruce de San Xulián. A señora Pepa tivo o privilexio de descubrir unha placa adosada a unha pedra decorativa que, a penas dúas horas antes de recibir a comitiva, foi instalada a carón da entrada do edificio.

E tralo discurso de María Ramallo, no que agradeceu a colaboración veciñal na cesión de terreos, foi o turno de Rafael Louzán. Se a alcaldesa non quixo nomear a ninguén para “non esquecer” a ningunha persoa -e de paso non ferir susceptibilidades- que contribuíra a materializar o proxecto, o presidente da Deputación non tivo ningún reparo en citar expresamente un nome propio:

“…Quero recordar que cando María facía mención de todos os que están e mais dos que non están, vaia tamén para eles un recordo. Porque había un compañeiro que naquel entón estaba tamén na Corporación de Marín, e que xa non está. Eu recordo que ten estado, por primeira vez comigo, hai bastantes anos, igual que a actual alcaldesa, demandando esta actuación. Chamábase Xan Montenegro. Pois vaia un recordo do día de hoxe para Xan Montenegro porque el tamén, cun grupo de veciños, estivera con nós na Deputación, hai bastantes anos. Hai persoas que loitaron e gustaríalles estar hoxe aquí, seguramente, para ver que ese afan por mellorar a calidade de vida dos veciños se logrou, porque houbo unión e traballo entre todos, Por tanto, tamén a eles o noso recordo e a nosa noraboa”.

A familia Montenegro e o presidente da Asociación de Veciños de San Xulián agradecéronlle a Louzán as súas palabras en memoria de Xan.

A familia de Xan Montenegro e o presidente da Asociación de Veciños de San Xulián estaban alí para escoitar esas palabras de recoñecemento a unha figura senlleira desta parroquia, que nos deixou prematuramente, despois de terse entregado, dende o ano 2003, a loitar, de despacho en despacho, pola consecución destas obras de mellora tan necesarias para a estrada de San Xulián. Grazas ao empeño persoal de Xan, ao respaldo colectivo da Asociación, coa indispensable colaboración veciñal, e unha serie de circunstancias políticas que se foron dando nos últimos tempos, os habitantes de San Xulián e os condutores poden desprazarse con moitas máis garantías de seguridade que antes, e contan cunha avenida onde antano había un vial do máis corriente.

Dende a propia Deputación lembraron, a través dunha nota informativa, das principais caracteríasticas da actuación, realizada pola constructora Sercoysa cun orzamento de 1 millón de euros:

Efectuáronse traballos en 856 metros liniais, cun ancho de plataforma de 12,6 m.: dúas aceras de 1,80 m., aparcamento de 2,40 m., e dous carrís de 3,30m. No capítulo de ensanches e reposicións, ensanchouse a plataforma ata conseguir 9 metros de ancho. Fixeronse 4.500 m3 de excavacións, 4.500 m3 de terrapléns e 1.270 m2 de muros de contención.

En canto a retranqueo de peches e outros, realizaronse peches de perpiaño (80m2), muros de mampostería (85m2), peches de fábrica en bloque (150m2) e traslado e reposición de emparrados (694m2). Nas pertinentes pavimentacións foron utilizados Zahorra (362.880 m3), Macadam bituminoso (580.608 m3) e Mezcla bituminosa en quente (1.700 toneladas). En canto ás redes de servizos, a Deputación acometeu canalizacións de pluviais (1740 ml), de saneamentos (210 ml), de rede de enerxia eléctrica (1.140 ml) e de telecomunicacións (1.260 ml).

As beirarrúas foron con bordillo de formigón (1.712 ml) e acera con baldosa (3.081 m2). Instalaronse 49 unidades de luminarias; cable conductor en 1.950 ml; e toma de terra, 24 unidades. E instalouse nova sinalización vertical e horizontal.

…Agora só resta desexar que todas as empresas que traballaron nesta obra perciban as cuantías pendentes e que a parroquia siga experimentando no futuro novas melloras. Para iso é máis necesario que nunca o apoio da Asociación de Veciños de San Xulián, cuxa directiva rematou con éxito unha etapa, pero que cómpre que o colectivo siga ao pé do canón impulsando novos obxectivos, como a defensa do Monte Pituco.

(Fotos: Deputación de Pontevedra)


Respostas

  1. […] da estrada provincial de San Xulián en memoria de Xan Montenegro. Palabras que levou o vento en decembro de 2012 cando o ex-presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a rexedora municipal de Marín, María […]

  2. […] estrada de San Xián, parroquia de cuxa asociación veciñal foi presidente e máximo impulsor das beirarrúas inauguradas en 2012. Por desgraza, Xan non chegou a ver cumprida unha demanda pola que loitou incansablemente ata o seu […]

  3. Gracias por telo sempre no teu recordo. A verda e que se bota moito de menos.


Deixar un comentario

Categorías