Publicado por: MontePituco | 09/10/2017

HABEMUS LOMBOS!

Instalación de lombos en San Xulián

Os anti-lombos, que é tanto como dicir os pro-polígono, volven estar doentes. Despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia lle dese a razón á Asociación Monte Pituco ordeando que se retire o parque empresarial Marín-Pornedo do Plan Sectorial de Áreas Empresariais, volven levar un novo revés aos seus intereses; desta volta, coa execución das obras de calmado de tráfico impulsadas dende a Deputación de Pontevedra a instancias da petición do Concello de Marín. 

No día de hoxe, as brigadas de operarios e de maquinaria da empresa adxudicataria dos traballos procedeu a depositar o asfalto nos puntos onde previamente se realizaran obras de ampliación das beirarrúas: á altura da Comandancia da Garda Civil, a carón do desvío cara á barriada de San Pedro, no cruce da pista que conduce ao Carballal, diante do portal de acceso á igrexa de San Xulián fronte á terraza do Bar Mamaría, e na intersección entre a pista que conduce ao igrexario e que baixa ao colexio Viñas Blancas.

Coa sinalización vertical xa instalada dende hai semanas, o último paso será o pintado dos lombos. Se todo vai segundo o previsto, o proxecto da Deputación contemplaba que se imprima tamén o lema “Atención, mirar esquerda-dereita” para reforzar o obxectivo desta actuación: mellorar a seguridade viaria desta estrada.

Unha estrada que, malia o que moitos veciños cuestionan un tanto á lixeira, soporta un volume de tráfico a horas punta, especialmente á primeira hora da mañá, cando moitos condutores circulan a unha velocidade elevada de máis para o trazado deste vial e o seu carácter periurbán.

Unha estrada que, malia que haxa veciños que o descoñezan ou que non o queiran admitir, soporta de cando en vez algunha que outra acción temeraria por parte de condutores que a converten no seu particular circuito de carreiras, en especial pola noite. 

Unha estrada que malia a construcción das beirarrúas e a humanización que experimentou grazas ao esforzo e á insistencia de Xan Montenegro mentres estivo á fronte da Asociación de Veciños de San Xulián, segue padecendo moitas deficiencias no treito pendente de remodelar, entre a Casa de Montes e A Pena. Nesta parte, as cunetas son inseguras, énchense de vexetación constantemente e a iluminación é insuficiente.

De ningún xeito se ten que renunciar a que esta zona se equipare nas melloras e nos servizos dos que se dotou o treito entre a Casa de Montes e o Carballal. Por desgraza, non hai ningunha figura equiparable á de Xan Montenegro, que xa en si mesmo era irrepetible, para manter o seu tono reivindicativo e o seu nivel de eficacia nos contactos e nas xestións coa Administración provincial e mais co Concello. 

…Pero mentres outro colectivo veciñal se arrogaba o labor de Xan Montenegro pedindo a continuidade das beirarrúas a cambio de que se desbotase o proxecto de instalación dos lombos, non escoitamos desa mesma asociación unha demanda pendente -que ademais partiu dunha proposta ‘informal’ da Alcaldía-: o nomeamento da estrada provincial de San Xulián en memoria de Xan Montenegro. Palabras que levou o vento en decembro de 2012 cando o ex-presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a rexedora municipal de Marín, María Ramallo, citaban a familia Montenegro para darlle unha palmadiña no ombreiro en recoñecemento póstumo ao meritorio empeño de Xan por conseguir que San Xulián contase cunha travesía digna da importancia social e histórica desta parroquia.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: