Publicado por: MontePituco | 01/09/2017

INSTALACIÓN DE LOMBOS EN SAN XULIÁN

Instalación de lombos en San Xulián. Obra da Deputación.

En setembro suponse que van rematar en San Xulián as obras de instalación de cinco lombos proxectados pola Deputación de Pontevedra e situados entre a Comandancia da Garda Civil e o cruce coa pista que sobe á igrexa parroquial. Os traballos de albanelería, aglomerado, pintado e instalación de sinalización vertical comezaron o mes pasado e están sendo realizados pola empresa Taboada e Ramos.  

As estradas provinciais entre Seixo-Santo Tomé (tres lombos proxectados), Marín-Penizas (dous lombos e dous redutores de velocidade) e O Campo-Pardavila (un redutor) son outros puntos nos que vai actuar a Administración provincial, que investiu 125.137 euros nesta actuación para todo o concello de Marín, incluíndo o pintado dos viais Marín-Penizas, Seixo-Santo Tomé, xunto cos accesos ás praias de Loira e Aguete e a entrada ao peirao de Aguete.

Na bisbarra do Morrazo a Deputación de Pontevedra está destinando 398.297 euros ao Plan Móvese para habilitar ata 37 pasos de peóns sobreelevados e 24 redutores físicos de velocidade co obxectivo de “calmar o tráfico para diminuír a violencia viaria”, teñen explicado dende o organismo provincial.

Ante o rexeitamento que están suscitando estas medidas nalgúns concellos por parte de determinados colectivos veciñais, dende o departamento de Mobilidade expoñen que as solicitudes para a instalación de elementos para o calmado do tráfico parten dos concellos, asesorados posteriormente por técnicos provinciais. Neste ano en toda a provincia acabaranse facendo preto de 600 actuacións deste tipo, precedidas de máis dun milleiro de peticións dos gobernos locais. E haberá unha segunda fase en 2018, avisa a Deputación.

Asemade, destacan que cada elemento é deseñado específica e individualmente para o punto no que se instala, en atención á lonxitude, a iluminación precisa para sinalizalo e outros factores condicionantes. Como novidade, os lombos que se van instalar en Marín levarán sobreimpresa unha frase de advertencia aos peóns na primera banda do paso de cebra, co lema “Atención, mirar esquerda-dereita”.

Instalación de lombos en San Xulián. Obra da Deputación.

Instalación de lombos en San Xulián. Obra da Deputación.

Diario, 8 agosto 2017

Con todo, o colectivo Virxe dos Remedios ―alias Remendos, declarados pro-polígono e asistentes os seus cabecillas á manifestación contra os lombos organizada en Pontevedra por asociacións do rural― sumouse á moda das protestas pendurando trapos con mensaxes de rexeitamento á instalación dos pasos sobreelevados. Mensaxes que, na liña que caracteriza a esta xente, volven ser un atentado ao diccionario.

Apóianse demagoxicamente na súa postura a prol da continuación das beirarrúas ata máis arriba da Casa de Montes, nun xesto de ‘apropiación’ da causa abandeirada durante tantos anos por quen fora presidente da Asociación de Veciños de San Xulián, Xan Montenegro. Moito o vilipendiaron, insultaron e desprezaron en vida; agora despois de morto quen lle diría a Xan e os seus achegados que estes abrazarían a súa causa.

Aínda que non paga a pena poñerse á súa altura, tamén sería lícito tirar de demagoxia para defender a instalación de lombos. Abondaría con bucear nas redes sociais para recuperar o recente testemuño dunha veciña marinense laiándose de ter perdido unha filla nun atropelo ocorrido nun paso de peóns como consecuencia do exceso de velocidade do condutor. Non o faremos por respecto á dor dunha nai, por consideración cos familiares de vítimas en accidentes de tráfico.

 

Tamén abondaría con sentarse comodamente e cos ollos (e cos oídos) ben abertos á beira da estrada de San Xulián, en calquera punto dende a saída da Variante de Marín no lugar d’A Pena e ata o cruce coa pista do Carballal, principalmente no primeiro treito ata A Bouza, para comprobar a que velocidade endiañada circulan algúns ‘fitipaldis’, poñendo en perigo a integridade física e a vida mesma dos viandantes nunha zona con precarias cunetas que enseguida se saturan de vexetación. Non é unha opinión. É una observación obxectiva.

Para todo o demais, cómpre avogar pola correcta supervisión das obras para que os lombos que se instalen cumpran coa normativa establecida en termos de altura e de sinalización. Quizais se todas e todos fósemos máis responsables e prudentes ao volante non habería que facer ningún gasto en medidas para obrigarnos a pisar o freo e a reducir a marcha.


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

%d bloggers like this: