Ao longo de oito anos de traballo a prol da defensa do Monte Pituco (Pornedo) son moitos os colectivos ambientais, especialistas e científicos cos que temos consultado dúbidas, que nos teñen asesorado en materia de flora, fauna, xeoloxía, e alentado nas nosas accións a través da Administración e dos tribunais; mais outros moitos teñen sido espello no que mirarnos e referencias indirectas a través das súas publicacións impresas ou na rede, ás que temos acudido como fontes autorizadas na procura de información.
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) leva 44 anos investigando, divulgando e protexendo o patrimonio natural galego; sendo un referente que aglutina os esforzos de moitas persoas voluntarias poñendo os seus coñecementos e o seu traballo desinteresado para que medre na sociedade a sensibilidade polo medio ambiente.
En Ferrol, na Praza de Canido, conta cun edificio cedido temporalmente no que se custodian e se expoñen ao público unha pequena parte dos seus numerosos e valiosos fondos documentais e das pezas que conforman unha pequena volta ao mundo -con especial atención á natureza galaica- coa que admirar tantas especies abraiantes que habitan nos mares, na terra e no aire.
A parte máis espectacular do museo é a dedicada ao medio mariño e aos grandes cetáceos que o poboan. Un non pode menos que sorrir cando, en plena sala se escoita ao lonxe a voz dun meniño sendo interpelado por María -que recibe o público e exerce de amable anfitriona- sobre o que máis lle ten gustado da visita:
–O dinosario!, exclama o cativo, ante a sorpresa da rapaza, que lle explica que ese enorme esqueleto de 1500 quilos e 18 metros de lonxitude pendurado do teito non pertence a un animal prehistórico, senón a unha balea que varou en 2004 nunha praia de Ponteceso e que, tras un complicado proceso para recuperar e transportar os seus restos, e logo de dous anos cos seus ósos enterrados para que se descompuxeran a graxa e a carne adheridas, por fin puido ser reconstruída unindo todos eses delicados fragmentos para que o público poida admirala.
Canda este exemplar -o máis grande da súa especie conservado en Galicia e un dos de maior tamaño de España- atópanse tamén esqueletos e ósos doutros mamíferos mariños como o cachalote, o caldeirón ou a foca cincenta, fósiles de trilobites e de zifios con ducias e mesmo centos de millóns de anos de antigüidade, ou elementos vencellados á antiga industria baleeira. Precisamente, un dos méritos deste museo é combinar información científica e técnica con coñecementos de historia e antropoloxía, dándolle á visita un sentido global que enriquece a experiencia adquirida.
Como non podía ser menos, os aspectos legais e mesmo políticos vencellados á protección de especies como as propias baleas planea tamén sobre esta sección do museo.
Balea xibarte
Aceite de balea, graxa de foca, aceite de fígado de quenlla, talla con óso de balea… recordos da industria baleeira de antano
Caldeirón común
Barbas de balea común
Fósiles de Tusciziphios atlanticus… Trilobite…
Un museo que, ademais, e malia as limitacións do espazo, trata de ampliarse e renovarse con fondos depositados noutras dependencias; é o caso da colección de cunchas de Claudio Montero y Gay.
Entre as criaturas mariñas representadas no Museo da SGHN sorprende moito -polo seu monstruoso aspecto, case como unha criatura doutro planeta- un exemplar de lura xigante. Como outros peixes de gran porte, consérvase nunha solución de alcohol que fai se cabe máis enigmática a súa presenza no tránsito cara á sección na que se atopan os habitantes terrestres: aves, plantas, insectos, réptiles, mamíferos.
Os esqueletos volven ocupar unha parte importante destes fondos, entre os que non faltan bechos tan autóctonos como o raposo ou o xabaril, ademais doutros foráneos pero arraigados en Galicia como o visón americano.
Son abundantes tamén os exemplares de aves cuxos cranios están nas vitrinas, dando conta do privilexiado sentido da vista que teñen para desprazarse, ou da importancia do peteiro e da súa evolución adaptativa.
Esqueletos de raposo e de visón americano
Esqueletos de xabaril e de cervo
Bugallas baixo a acción de himenópteros
Canda outros esqueletos de réptiles exóticos e nativos; canda as peles de pequenos e medianos inquilinos dos bosques; canda a interesante colección de insectos, entre os que non falta a actualísima confrontación entre a invasora vespa velutina e a vespa cabro dos nosos lares, están tamén os vexetais: dende os antiquísimos fentos ata as pólas dos castiñeiros na súa progresiva floración.
O botánico e naturalista Xavier Sóñora foi o artífice dun amplo legado en forma de apuntes, traballos científicos e divulgativos, ademais dun completo herbario. O seu prematuro pasamento en 1996 -aínda non chegara a cumprir sequera 40 anos- truncou unha prometedora e incomparable traxectoria científica.
Fósiles vexetais sobre cinza volcánica
Os minerais son outro dos apartados deste pequeno gran museo; ademais de atoparse na planta superior, outra parte figuran tamén nunha vitrina situada na sala de lectura que antano fora despacho do coronel que dirixía este antigo edificio militar que agora é templo da natureza.
Estes pedaciños de pedra falan da importancia da franxa costeira cara ao norte de Galicia dende o punto de vista xeolóxico, ata o extremo de existir un proxecto de creación dun xeoparque en Cabo Ortegal que ogallá chegue -nunca mellor dito- a bo porto.
Despedímonos do Museo da SGHN entre as libeliñas que protagonizan a exposición de fotografías do corredor, que outrora foron de bolboretas, e que máis adiante poden ser de calquera outra das marabillas naturais que nos rodean por Galicia adiante. Por fortuna -fronte a pro-polígonos, pirómanos e demais encefalogramas planos que se dedican a contaminar e destruír o patrimonio natural- hai moita xente con capacidade e talento para captar e compartir a beleza…
[…] a Canido, onde hai un ano por estas datas visitabamos o fantástico Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, unha entidade que neste 2018 cumpre 45 anos de traxectoria. Mais desta volta, o motivo da visita a […]
By: MENINAS RUPESTRES E ECOLOXISTAS | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo) on 03/09/2018
at 16:19