Voltamos a Canido, onde hai un ano por estas datas visitabamos o fantástico Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, unha entidade que neste 2018 cumpre 45 anos de traxectoria. Mais desta volta, o motivo da visita a este barrio ferrolán é percorrer as súas rúas para empaparnos do legado do pintor Diego Velázquez a través dos personaxes das súas famosas “Meninas”, de 1656. O artista Eduardo Hermida é o artífice dunha interesante iniciativa que dende hai dez anos atrae ata Ferrolterra a creadores do máis variopinto para plasmar nos muros e nas paredes a súa peculiar interpretación desta icónica figura da pintura. Mais tamén son veciñas e veciños de todas as idades, algúns agrupados en colectivos sociais, os que deixan a súa impronta, botándolle imaxinación e bo humor.
Ao longo do tempo foron sumándose á xeografía urbana representacións ben pintorescas da infanta Margarita e das súas sirventas: María Agustina Sarmiento, Isabel de Velasco e mesmo o personaxe de Mari Bárbola aparecen convertidas en símbolos de todo tipo de causas reivindicativas, ou actualizadas como emblemas da cultura contemporánea, descontextualizadas ou revestidas de valores simbólicos; en pequeno formato nos recunchos máis insospeitados ou chamando poderosamente a atención nos grandes murais que decoran as medianeiras dos edificios; con brocha gorda ou fina, con aerosol, con papel ou tea, con cerámica ou metal, calquera soporte e técnica é perfectamente válida; mellor canto máis orixinal…
É curioso, ademais, comprobar como o paso dos anos e as inclemencias meteorolóxicas van actuando nas obras, desconchando a pintura e mitigando a intensidade das cores; ou como a vexetación vai reapropiándose do espazo, integrándoas na natureza.
De entre o enorme catálogo de creacións, rescatamos unha Menina rupestre e outra ecoloxista. Porque quizais na pretérita época das cavernas houbo algunha muller Neandertal que se rebelou de atender o lume e se armou con frechas e arco para cazar coma os varóns. Porque a Nai Gaia tamén pode petar na nosa conciencia colectiva a través dun cadro do Século de Ouro para lembrarnos que cómpre coidar este mundo, no que vivimos de prestado.
“As Meninas de Canido son unha mostra de como a arte pode cambiar a morfoloxía dunha área urbana esquecida e devolverlle a ilusión dunha cidade afectada pola crise que tantos anos a castigou. Mediante esta acción pictórica o barrio alto convértese, coa implicación da veciñanza e doutros artistas de diversas disciplinas, nun referente internacional de arte urbano. As Meninas de Canido é un triunfo do talento artístico como vehículo de comunicación e punto de apoio para a solución de necesidades urbanas”.
Deixar unha resposta