Publicado por: MontePituco | 05/04/2017

INTERVENCIÓN NA COMISIÓN DE CULTURA DO CONCELLO DE MARÍN

O texto que segue a continuación é a intervención da Asociación Monte Pituco na Comisión Informativa de Cultura do Concello de Marín celebrada este mércores 5 de abril, á que acudimos partindo da proposta inicial do grupo municipal da Marea de Marín, e formalizada posteriormente pola Alcaldía.

Trala lectura do documento e con apoio de fotografías, fomos informados de que o PP votou EN CONTRA das propostas formuladas, e que o PSOE e o BNG reservaron o sentido do seu voto ata o pleno do vindeiro mércores 12 de abril

Dende a Asociación Monte Pituco queremos, antes de nada, agradecer o apoio expreso de cinco persoas que asinaron o escrito presentado en señal de adhesión: o historiador Buenaventura Aparicio, os arqueólogos Antonio de la Peña e Álvaro Arizaga, o investigador Antonio Costa e o naturalista Paulo Troitiño, bo coñecedor do patrimonio marinense.

En segundo lugar, lamentar que o PP rexeitase incorporar melloras ao Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico aprobado no Pleno do pasado mes de febreiro; unha decisión que xa estaba tomada mesmo antes da comparecencia á que se nos convidou.

E por último, reiterar o noso compromiso coa defensa real do patrimonio cultural desta vila; unha causa que seguiremos impulsando por cantas canles sexa posible, fronte á falta de vontade do equipo de goberno por implementar medidas verdadeiramente efectivas para poñer en valor o conxunto dos bens que enriquecen e lle dan lustre á nosa Historia e á nosa Cultura.


 

Bo día,

No comezo da miña intervención ante as/os compoñentes da Comisión Informativa de Cultura do Concello de Marín, anticípolles que ao remate da exposición entregaráselles copia do documento presentado para que quede constancia transcrita dos argumentos cos que comparezo.

Para ir directamente ao gran e aproveitar a oportunidade que me ofrecen de participar nesta Comisión Informativa de Cultura, “con voz pero sen voto”, a primeira petición que lles quero trasladar é que deixen a xestión do patrimonio arqueolóxico fóra da discusión política, á marxe da estratexia partidista e lonxe da confrontación ideolóxica.

O obxectivo desta comparecencia é apelar ao seu voto favorable para a elaboración dun plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico “de calidade, que sirva para a protección, conservación e xestión eficiente do patrimonio cultural e arqueolóxico de Marín”. 

Estas palabras tómoas prestadas do historiador, mestrado en Arqueoloxía e profesor na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, o marinense Álvaro Arizaga, que me precedeu no uso da palabra na anterior Comisión, e a quen en parte lle debo estar hoxe aquí para reiterar o que el veu expoñerlles, mais dende un punto de vista distinto e complementario ao seu. 

Na posta en marcha dun Plan de Protección do Patrimonio real e efectivo, o único camiño posible é o da unidade de acción de todas as partes implicadas -Administracións, profesionais, expertos e colectivos culturais- na protección e na conservación destes vestixios da nosa Historia; vestixios que son recursos, no sentido social, cultural e mesmo económico; recursos que son sinónimo de riqueza. 

Para xustificar a necesidade de actuar con urxencia e con dilixencia na elaboración deste ansiado Plan remítome a unha situación real, que se remonta ao verán pasado, en plena vaga de lumes forestais. 

Sitúense no alto do Pornedo, un lugar cun destacado conxunto rupestre que representa ata tres tipoloxías de gravados na mesma laxe: coviñas ou cazoletas, motivos xeométricos circulares e representacións de armas. Dende que se inaugurou o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, en xuño de 2015, cando o xacemento foi sometido a labores de limpeza, nada se volveu facer polo seu correcto mantemento. A vexetación ao seu arredor medrou nas sucesivas primaveras, e murchou nas tempadas estivais e outonais posteriores. En condicións de temperatura elevada e tempo seco, aconteceu que no conxunto de Galicia e tamén na nosa contorna, volveron proliferar por desgraza os temidos lumes que, para os xacementos arqueolóxicos, teñen efectos devastadores. 

Petróglifos de Pornedo, rodeados de vexetación

Daquela establecemos contacto telefónico co responsable da Comunidade de Montes de San Xulián para alertalo do repunte da incidencia incendiaria e para pregarlle que se tome algunha medida extraordinaria de prevención na contorna dos conxuntos rupestres do Pornedo, de Sete Camiños, de Pinal de Caeiro, da Carrasca, de Champás, que son as estacións arqueolóxicas catalogadas no ámbito do monte veciñal da parroquia. 

A súa resposta foi negativa. Afortunadamente, as lapas -aínda que rondaron preto, en terreos da Comunidade de Montes de Salcedo- non se cebaron co monte de San Xulián. A ruleta do azar foi benévola nesa ocasión. 

Un segundo exemplo da necesidade de dotarnos canto antes dun Plan de Protección do Patrimonio volve ter como protagonista o conxunto rupestre do Pornedo, no pasado inverno. 

Toda aquela vexetación seca que ninguén -con medios manuais- se molestara en retirar na contorna do xacemento, e que se extendía pola beira do sendeiro ata a pista forestal do Pornedo, un bo día -ou máis ben, un mal día- desapareceu. Foi arrasada -no sentido literal da palabra- lonxitudinalmente, nun radio de 2-3 metros ao ancho en cada lado do camiño. Imaxinen ir camiñando pola pista principal do monte, desviarse logo á esquerda pola corredoira que conduce ao miradoiro do Pornedo e descubrir que un vehículo cun brazo articulado fora rillando todo o que atopaba ao seu paso: herba, fentos, pólas de castiñeiro, pedras que sobresaían da terra… Póñanse no lugar de quen vai avanzando paseniño por este sendeiro, coa ollada posta nun piñeiro e nuns afloramentos graníticos que hai ao lonxe, temendo que esa máquina desbrozadora pasara por riba dos petróglifos de Pornedo e os esnaquizara. 

Desbroce no Pornedo, a piques de afectar os petroglifos

Non houbo que lamentar danos. Afortunadamente, uns poucos centímetros libraron os gravados prehistóricos de pasar, valla a redundancia, á historia. Outra vez o azar foi favorable. 

Nun Concello serio, cunha Corporación seria, non é de recibo que o patrimonio sexa tratado coma un boleto de lotaría: se toca que arda o monte, se toca que pase unha desbrozadora por onde non debía, mala sorte; e se non pasa nada, seguimos xogando e tentando o destino. Porque se arde e a superficie da pedra se esfarela polo choque térmico, ou se a desbrozadora raspa na rocha e acribilla os gravados, non hai recambio, a agresión é irreversible, a perda para o patrimonio cultural é irrecuperable. E o que é peor, estamos diante dun delicto. 

Estou aquí para pedirlles que lle dean unha oportunidade ao noso patrimonio arqueolóxico concretando medidas e prazos de execución, como se fai con calquera obra de envergadura. Erguer o brazo para aprobar un Plan de Protección queda moi ben de cara á opinión pública. Se, por riba, o adornan co lazo acharolado do carácter pioneiro da iniciativa e outros aderezos, xa terán un bo titular na prensa, a catro columnas con foto e destacado. 

Pero a xestión do patrimonio non debera guiarse por criterios baseados nun presunto concurso de habilidades para colgarse medallas, senón na confianza mutua de estar traballando colectivamente a prol dos bens comúns: uns bens ultra-sensibles que, malia sobrevivir milleiros de anos á intemperie, dende polo menos a Idade do Bronce ata os nosos días, dun breve tempo a esta parte corren máis perigo ca nunca na súa integridade. 

Cando, principiando este 2017, se comezou a falar dun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico a raíz das denuncias formuladas por varios colectivos como consecuencia dunha agresión ao grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca no monte veciñal de San Xulián, xurdiron voces valentes como a de Álvaro Arizaga que advertían que aprobar un Plan de Protección do Patrimonio nas condicións nas que se atopaba o catálogo municipal de bens prehistóricos era pouco menos que papel mollado, un brinde ao sol ou unha brincadeira sen fundamento. 

Arizaga e o tamén arqueólogo Alberte Reboreda -que en 2013 asinaron un documento titulado “Informe técnico sobre o patrimonio cultural arqueolóxico no PXOM de Marín”, que lle foi presentado á alcaldesa e a varios edís- apelaban primeiro a tomar conciencia do mal feito que estaba ese inventario. Nada tería sentido dende o punto de vista da lóxica e do bo facer; todo sería en balde -dende os lamentables danos no xacemento da Carrasca que parecen ter sido o detonante definitivo previo á presentación da moción sobre este Plan, ata a súa unánime aprobación no Pleno, pasando polos intensos debates que suscitou a enmenda sobre a concreción de prazos- se antes non se corrixían as graves eivas do Planeamento urbanístico en materia patrimonial. 

A día de hoxe xa sabemos que na Modificación Puntual do PXOM de Marín producíronse melloras no tratamento dos bens arqueolóxicos con respecto ao documento orixinal: iso significa dunha banda ter recoñecido que efectivamente había erros flagrantes; e doutra parte, merece destacarse en positivo a vontade por corrixir os defectos. Aplaudimos e agradecemos ese espírito construtivo. En todo caso, cabe adiantarlles que aínda persisten numerosas deficiencias das que Álvaro Arizaga deu boa conta nunhas alegacións presentadas en tempo e forma durante a fase de exposición pública da Modificación Puntual do PXOM. 

Para que se fagan unha idea do despropósito que supoñía aquela versión do catálogo arqueolóxico do Planeamento Urbanístico, abonda fixarse nun detalle tan grotesco como o feito de identificar  o conxunto rupestre do Pornedo -que se remonta a 1900-1700 anos a.C.- con fotografías de gravados modernos feitos por José Meijón no século XX; ou situar o petróglifo de Pinal de Caeiro no medio da Variante de Marín como se non existise, cando se atopa a escasos metros da pista de servizo paralela a ese vial; ou como non se atinara na localización dos gravados de Sete Camiños, que se acabase poñendo unha panorámica calquera do monte que non corresponde coa zona do xacemento… 

Con estes bimbios -que non están á altura dun traballo minimamente cabal- non se podía (e non se pode) elaborar un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico -insisto- con calidade. 

De aí a necesidade de que antes de nada se empreguen as ferramentas e os recursos oportunos para seguir corrixindo as eivas que presenta o catálogo arqueolóxico do PXOM. O propio Álvaro Arizaga ofreceu os medios técnicos e humanos da Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia para colaborar nesa tarefa. É así como o Concello de Marín empezaría a ser autenticamente pioneiro: reconstruíndo con solidez as pezas do seu pasado dende a base, no canto de construír castelos no aire con naipes que leva o vento. 

Hai uns días fíxose pública a localización de tres novas estacións de arte rupestre en San Xulián; precisamente no lugar da Carrasca, non moi lonxe de onde resultou danado un dos seis conxuntos de gravados que xa hai catalogados nesa zona. Entre eses petróglifos que xa están en fase de información e catalogación diante do Servizo de Protección do Patrimonio da Xunta de Galicia hainos coa forma máis simple posible (cazoletas ou coviñas), hainos un pouco máis elaborados (círculos concéntricos) e hainos dunha tipoloxía que ata agora é inédita en todo o termo municipal de Marín: trátase dun gravado con certa erosión natural, pero ben conservado, de forma cadrangular e a modo de retícula. 

Neste punto cabe reivindicar o papel fundamental da parroquia de San Xulián, do seu monte veciñal, no volume e na importancia das mostras de arte rupestre existentes no inventario arqueolóxico do Concello, tanto do que xa hai catalogado como do que se pode engadir á vista destes recentes achados. Pero non só San Xulián é a parroquia coa maior densidade de petróglifos; tamén destacan Ardán, ou San Tomé de Piñeiro, onde igualmente se localizaron novos vestixios. 

Con isto queda patente que o patrimonio arqueolóxico de Marín non só se reduce aos petróglifos de Mogor, ao castro da Subidá e á pedrafita de Currás. Hai moito máis que non é que estea perdido -que tamén-, senón que está localizado, catalogado ou en vías de catalogación no caso dos últimos descubrimentos na Carrasca, en Lagucheiros e en Xuncal. 

Pero toda esta riqueza histórica e cultural atópase na máis absoluta precariedade: rodeada de especies pirófitas; susceptible de desaparecer en posibles obras de ensanchamento ou apertura de pistas forestais; invisible aos ollos de propietarios de parcelas privadas que descoñecen a súa existencia; ou mesmo de quen teoricamente ten o deber e a obriga de saber da súa ubicación pero que por descoido ou neglixencia non prevé medidas de cautela cando se programan traballos no monte. 

Non queremos dubidar da boa vontade das Comunidades de Montes; queremos dar por superadas etapas escuras nas que primaban lemas nefastos como “as pedras non dán de comer”. Rompemos unha lanza polas Comunidades que teñen a posta en valor do patrimonio entre os seus principios, e apelamos ás Administracións -empezando pola local- para que se lles dean facilidades económicas e burocráticas para a consecución dese fin. 

Velaí está o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños que abrangue un amplo conxunto de patrimonio entre as comunidades de Salcedo, Lourizán e San Xulián. Pero que pode ser aínda maior se a Comunidade de Montes de San Xulián cumpre o seu compromiso de ampliar o roteiro cara ao Parque da Natureza de Castiñeiras coa limpeza, recuperación, sinalización e posta en valor dos xacementos arqueolóxicos de Champás e da Carrasca -agora, neste último conxunto rupestre, con nove posibles estacións en vez das seis iniciais-. E a partir do Espazo Sete Camiños e do Lago de Castiñeiras, o percorrido polo patrimonio prehistórico continuaría cara á Ruta das Mámoas do Morrazo. E a maiores, a ruta do Monte Penizas. 

A oferta é abundante e de calidade: para o público escolar da propia vila, da bisbarra e, por que non, tamén doutras comunidades (a Área Arqueolóxica de Tourón en Pontecaldelas recibía a semana pasada a visita dun grupo de estudantes de Barcelona); para os numerosos visitantes que se achegan a Marín e ao Morrazo buscando algo máis que sol e praia; para a veciñanza marinense a través dos programas de divulgación que impulse o Concello tal e como contempla un dos puntos da moción sobre o Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico referente á posta en marcha de campañas informativas e de sensibilización social. 

…Un Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico que ten que prosperar, con prazos, os que sexan quen de consensuar os representantes políticos do Concello, ou tomando como referencia similares experiencias impulsadas noutras localidades, ou consultando con profesionais e especialistas na materia; pero que ten que servir para botar man dunha vez dun legado que, por responsabilidade coas xeracións vindeiras, non se pode seguir ignorando por máis tempo. Velaí están iniciativas puxantes como a de procurar a declaración da Arte Rupestre Galega como Patrimonio da Humanidade, impulsada polo arqueólogo Antonio de la Peña, o historiador Buenaventura Aparicio e o antropólogo Rafael Quintía. 

Conclúo esta intervención retomando a petición inicial de que deixen a xestión do patrimonio arqueolóxico fóra da discusión política, á marxe da estratexia partidista e lonxe da confrontación ideolóxica

Esta idea e todas as demais que conforman este modesto argumentario son froito dun proceso de reflexión propio, e á vez compartido por moita máis xente que non pode estar aquí nin trasladarlle o seu parecer, pero que subscribe este documento e se adhire ás propostas presentadas. Algunhas desas persoas son profesionais acreditados en materia de Historia e Arqueoloxía, investigadores ou expertos no patrimonio cultural marinense: Buenaventura Aparicio, Antonio de la Peña, Álvaro Arizaga, Antonio Costa, Paulo Troitiño.

A eles vai o meu agradecemento e a gratitude da Asociación Monte Pituco pola súa xenerosidade, e tamén a vostedes pola súa atención.


Respostas

  1. […] Defendemos a proposta nos seguintes termos: […]

  2. […] INTERVENCIÓN NA COMISIÓN DE CULTURA DO CONCELLO DE MARÍN (5 abril 2017) […]

  3. […] Aquel “zasca” do Bng ás propostas coas que a Asociación Monte Pituco compareceu nunha Comisión de Cultura quedounos marcado na […]

  4. […] por parte do Colectivo Monte Pituco -co apoio de varios arqueólogos e expertos- por introducir melloras que permitisen unha protección “real e efectiva” dos xacementos con prazos, medidas concretas e o asesoramento dos colectivos e especialistas en patrimonio […]


Deixar un comentario

Categorías