Reunión urxente no concello de Marín de senllos representantes da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e da Asociación Monte Pituco coa concelleira de Cultura, Beatriz Rodríguez, convocada dun día para outro para interesarnos polo Plan de Protección dos Conxuntos Arqueolóxicos de Marín, aprobado polo Pleno da Corporación en febreiro de 2017; un plan que contemplaba a “sinalización e delimitación” do perímetro dos xacementos, a “adecuación de espazos que faciliten a observación” dos elementos e a instalación de “paneis explicativos”, como medidas propostas; un Plan que tamén incluía a realización de “actuacións explicativas de concienciación veciñal sobre a importancia do patrimonio arqueolóxico”, ou a iso se comprometía no enunciado da acta plenaria.
Ao que non se comprometía lamentablemente era a ter en conta no proceso de elaboración do Plan as suxestións, os consellos, os coñecementos e a valiosa información da que dispoñen os expertos no patrimonio local e os colectivos de defensa do patrimonio. Malia a incuestionable utilidade das súas achegas, malia que a súa participación activa podía supoñer un importante empurrón para darlle velocidade de cruceiro á posta en marcha dun plan que se antolla laborioso e lento na súa execución, colectivos e expertos foron rexeitados, excluídos e mesmo desprezados. Aquel “zasca” do Bng ás propostas coas que a Asociación Monte Pituco compareceu nunha Comisión de Cultura quedounos marcado na memoria.
…E aquí estamos, un ano e cinco meses despois daquel acordo plenario eivado, compracente e deficitario, devolvéndolle o ‘zasca‘ aos que propiciaron ese Plan de Protección do Patrimonio que NON protexe TODO o que debería protexer. Porque se fose un Plan real, e non un paripé, a Asociación Monte Pituco non estaría chamándolle a atención á Comunidade de Montes de San Xián -aínda que podía ter sido outra Comunidade, ou mesmo un propietario/a particular- para evitar que os discos de aceiro das desbrozadoras se cargaran o conxunto rupestre de Pinal de Caeiro, o emblemático ‘Ciclista’.
Hai un ano e cinco meses unha agresión “grave” ao grupo número 5 dos petróglifos da Carrasca denunciado pola Asociación A Forneiriña, a Irmandade Illa de Tambo, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e a Asociación Monte Pituco foi o detonante para que o Pleno do Concello debatise e aprobase aquela moción. Xullo de 2018 e a estas alturas podiamos estar lamentando a perda dun elemento senlleiro do patrimonio marinense exactamente polo mesmo motivo: unha neglixencia, uns traballos de desbroce que carecían de medidas preventivas -nin sinalización nin supervisión técnica- para salvagardar a conservación dun xacemento que se atopaba no ámbito de actuación duns operarios, cuxo encargado descoñecía a existencia dun xacemento catalogado nese lugar. A historia estivo a piques de repetirse. ZASCA!
Agradecendo a receptividade da edil de Cultura, agradecendo o seu recoñecemento ao xesto de aviso da Asociación Monte Pituco para previr o que podía ter sido outro desastre patrimonial, e agradecendo que se interesara por procurar a mellor solución posible a esta incidencia, o certo é que o encontro -dentro da cordialidade- non serviu para obter a información que demandabamos sobre a situación actual na que se atopa o Plan de Protección do Patrimonio.
Tan só serviu para que a concelleira ratificase a vontade do Goberno local por protexer o patrimonio catalogado e ampliar o inventario arqueolóxico municipal cos elementos que se foron descubrindo nos últimos tempos; para que a edil se comprometera a facer xestións coa Comunidade de Montes de San Xián para garantir a conservación do xacemento de Pinal de Caeiro.
…Nese caso, que tipo de ‘garantía’ se pode esperar? Que a Comunidade de montes decida continuar as tarefas de desbroce deixando SEN limpar a contorna dos petróglifos?
Non foron poucas as veces nas que, durante a xuntanza coa responsable de Cultura, insistimos que o encontro solicitado non tiña nada que ver con atacar ou desprestixiar a directiva dos comuneiros. Que a parroquia marinense coa maior densidade de xacementos arqueolóxicos sexa onde máis agresións se producen non deixa de ser quizais unha cuestión de probabilidade estatística. A falta de formación e información están ademais, sen dúbida, entre os motivos desta desafortunada reincidencia.
Pero o que clama ao ceo é que despois de terse celebrado xuntanzas coas comunidades de montes para emprender, supostamente, as medidas encamiñadas a dotarse dun Plan de Protección do Patrimonio, se demostre que seguen cometéndose os mesmos erros do pasado. Algo así alegaba a concelleira: “Las comunidades dicen que conocen donde está el patrimonio que hay en sus montes, que lo tienen marcado en sus planos”, expuxo durante a reunión, amosando unha actitude entre incrédula e contrariada polo acontecido en Pinal de Caeiro.
…Pois algo fallou! Sucedeu en San Xián, como podía ter fallado en San Tomé, ou no Campo. Ou non… E aquí estamos a Asociación Monte Pituco, a Plataforma Montes do Morrazo e outras entidades e investigadores, dispostos a colaborar desinteresadamente para que a lamentable agresión na Carrasca non se repita, para que a Dirección Xeral de Patrimonio non teña que impoñer máis sancións. Ogallá que prime a sensibilidade, a concienciación, a responsabilidade, e non teñamos que anticiparnos máis veces para que xacementos como o d’O Ciclista se salven por casualidade.
Deixar unha resposta