Publicado por: MontePituco | 01/08/2018

O PETRÓGLIFO DA MOREIRA, SOTERRADO POLOS ENTULLOS

Calco do petróglifo da Moreira (Antonio de la Peña)

Calco do petróglifo da Moreira, de Antonio de la Peña

“Na ladeira oriental do monte de Penizas, parroquia de San Xulián, existe un petroglifo. Unha estrada asfaltada pasa próxima ó lugar (uns trinta metros), accedéndose a este a pé pola ladeira do monte. Os gravados compóñense de moitas cazoletas (ata 64, segundo Paratcha) e trazos de diversos tamaños nunha laxe de grandes dimensións e superficie case plana”.

Esta é a descrición que fan Álvaro Arizaga e Xulio Abal, autores do libro “Petroglifos e outras prehistorias” sobre o gravado da Moreira.

Chegamos ata a zona na compañía dun grupo de entusiastas da arte rupestre procedentes da contorna de Vigo e, ante a ausencia de sinalización, imos na procura do petroglifo seguindo as indicacións doutros expertos que coñecen a súa ubicación.

Logo de descartar un afloramento granítico de boas dimensións no que descubrimos trazos característicos da obra de José Meijón, outra laxe chama a atención dun dos integrantes do grupo.

A presenza dun grupo de cazoletas nun extremo da rocha confirma que estamos ante o xacemento; ou máis ben, unha pequena parte do mesmo.

Petroglifo da Moreira sepultado por un verquido ilegal

Petroglifo da Moreira sepultado por un verquido ilegal

…Porque o resto da superficie desta pedra está sepultada baixo unha escombreira de entullos: ladrillos, cristais, ata bombillas, e moita terra, o que denota que o vertido leva tempo cubrindo este Ben de Interese Cultural.

Cáenos a cara de vergoña aos anfitrións por ofrecer esta imaxe tan lamentable dun Ben de Interese Cultural que debería estar nunhas condicións de conservación cando menos dignas. Lamentamos non poder admirar os vestixios do muíño navicular que hai documentado neste gravado rupestre da Moreira; un dos poucos existentes no Concello de Marín, xunto cos que se atopan en Cadro. E atendemos con resignación as expresións de incredulidade e decepción dos visitantes, amolados polo que interpretan como unha evidente mostra de desinterese, insensibilidade e deixadez por parte do Goberno local e dos propietarios da parcela -sexa privada ou comunal-, pero sobre todo pola parte de responsabilidade que lle toca ao Concello.

DSC_0392-min

Petroglifo da Moreira sepultado por un verquido ilegal

Os actores implicados na elaboración do Plan de Protección dos Conxuntos Arqueolóxicos non parecen coñecer en absoluto a situación penosa e indigna na que está este xacemento; ou se a coñecen e non teñen feito nada por remediala, estariamos ante un caso flagrante de incompetencia.

O xeito no que en Marín se (mal)trata o Patrimonio ten trazas de ser estudado dende un punto de vista clínico, crónico e patolóxico. É un claro caso de diván, porque as sociedades que ignoran, abandonan ou mesmo renegan ata este extremo do seu pasado, están condenadas ao inmobilismo, a parálise e a decadencia.

E os síntomas que proban esta incultura severa saíron á luz esta pasada fin de semana, cando a prensa local informou por todo o alto da inauguración, na Moreira, dunha “pérgola” que, dito en palabras non tan finas nin pomposas, vén sendo un tellado cubrindo unhas mesas.

Inauguración da "pérgola" da Moreira

Los vecinos de A Moreira disponen de un nuevo lugar de reunión

As eleccións están á volta da esquina; urxe descubrir placas para estrear obras de nome rimbombante, garantir a presenza de público convertendo o acto propagandístico nunha xuntanza gastronómica en torno ao viño e uns petiscos, e facer fotos para que a prensa as publique.

Mentres, a pouca distancia dos aplausos, dos flashes das cámaras e dos discursos triunfais, un pedazo da Historia do primitivo Marín con máis de 5.000 anos de antigüidade, esmorece baixo o lixo.

Vista do Monte Pituco (Pornedo) e do Alto da Encavada dende A Moreira


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: