Así foi evolucionando o desbroce do monte na zona do Caeiro. No óvalo vermello apréciase que a zona na que se atopa o petróglifo de Pinal de Caeiro ‘O ciclista’, foi excluída dos traballos de limpeza, polo que o xacemento segue rodeado de vexetación
A voceira da Marea Veciñal de Marín, Sandra Pesqueira, interesouse neste Pleno de agosto pola situación dos xacementos de Pinal de Caeiro e da Moreira, formulando os seguintes rogos:
«En febreiro de 2017 a Corporación marinense aprobou a creación dun Plan de Protección dos Conxuntos Arqueolóxicos a raíz dunha agresión “grave” -así a clasificou a Xunta- que se producira un mes antes nun dos grupos do xacemento rupestre da Carrasca, en San Xián, como consecuencia duns traballos de desbroce realizados sen as medidas de precaución pertinentes, acarreándolle á comunidade de montes unha sanción de 1.071 euros.
Un ano e medio despois, a mesma comunidade de montes vén de emprender tarefas de limpeza no lugar de Pinal de Caeiro, sen que o encargado deses labores estivese informado con antelación da existencia de petróglifos catalogados nese lugar. Se hoxe non estamos lamentando a perda dun Ben de Interese Cultural tan singularizado coma este, ata o punto de que se coñece como ‘O ciclista’, é porque un colectivo veciñal alertou da súa presenza antes de que comezasen a desbrozar.
Estes rogos van encamiñados a reclamar que se axilice a elaboración dese Plan de Protección do Patrimonio; que mentres este Plan non entre en vigor se activen os protocolos necesarios para evitar que se volvan producir situacións como a que afortunadamente se evitou; que se conte dende XA cos colectivos de defensa do patrimonio e cos expertos no patrimonio local e comarcal, ante a evidencia de que sen a súa colaboración activa e desinteresada, o patrimonio marinense segue estando en perigo de desaparecer ou resultar danado de forma irreversible; e que o Goberno local colabore coa Comunidade de Montes para que o conxunto rupestre de Pinal de Caeiro sexa adecentado nestes días, ante o temor de que a entidade propietaria dos terreos finalice os traballos de limpeza sen actuar no ámbito do xacemento, que está rodeado de vexetación seca e de especies pirófitas que supoñen un grave risco para a súa integridade en caso de lume.
Seguindo en San Xián, outro xacemento catalogado que se atopa nun estado lamentable é o da Moreira, tal e como puideron comprobar un grupo de expertos en patrimonio que recentemente visitaron o lugar no que se atopa este petróglifo. Atopárono convertido nun vertedoiro, cuberto de cascallos, sendo imposible apreciar os muíños naviculares existentes nesta laxe, unha das poucas -xunto cos gravados rupestres de Cadro- nas que se localiza este tipo de representación no noso concello. Por iso cómpre reclamar que a Concellería de Cultura se ocupe da súa limpeza e posta en valor, e se adopten igualmente as medidas oportundas para a súa conservación mentres non se poña en marcha o Plan de Protección do Patrimonio».
A resposta da alcaldesa María Ramallo foi, literalmente:
«Tomamos nota de todas as peticións, da limpeza do petróglifo da Moreira e da colaboración coa Comunidade de Montes».
E pronto comprobaremos se a nota acaba no fondo do caixón dos asuntos pendentes ou directamente na papeleira. A Asociación Monte Pituco tamén TOMA NOTA das súas palabras, lembrándolle ao Goberno local as súas obrigas legais en materia de protección e conservación do patrimonio.
A laxe que contén os petróglifos da Moreira, cuberta de entullos
Deixar unha resposta