Publicado por: MontePituco | 13/08/2018

RESTOS DE VEHÍCULOS, NA FONTE DA PULGAS

En febreiro deste 2018 a Asociación Monte Pituco denunciou a través desta bitácora e das súas canles nas redes sociais a presenza dun novo verquido de entullos na pista forestal.

Verquido na pista do Monte Pituco

Este depósito de restos de obra viña sumarse ao verquido de portas vellas detectado en decembro de 2017.

Verquido na pista do Monte Pituco

Pero é que hai xusto 12 meses por estas datas, o pasado agosto, a carón do túnel da Variante foron botar roupa vella, paus, cables, plásticos, ferros oxidados, cristais rotos, e ata un sofá destartalado que apareceu posteriormente, co efecto ‘reclamo’ da xente incívica e porca: lixo chama por máis lixo. 

Lixo a carón do túnel da Variante

Lixo a carón do túnel da Variante

NINGÚN deses tres verquidos foi eliminado en todo este tempo, mentres a vexetación segue medrando e volvendo cubrir algún deles, contribuíndo á nefasta consolidación destes focos de contaminación e vergoña.

Todo isto sucede mentres operarios contratados pola Comunidade de Montes se dedican dende o pasado mes de xullo a desbrozar unha ampla extensión de monte entre Pinal de Caeiro e A Bouza; limpeza que está deixando de lado o xacemento arqueolóxico d’O Ciclista logo de que a Asociación Monte Pituco alertase da presenza de gravados rupestres catalogados que non están sinalizados e de cuxa existencia non estaba informado o capataz dos traballos. Quince días despois de formular esa alerta, de solicitar encarecidamente que se procedese ao desbroce da contorna dos petróglifos preservando a súa integridade, e de facer partícipe a concelleira de Cultura de Marín, Beatriz Rodríguez, desta situación, o xacemento segue rodeado de vexetación mentres todo o monte ao arredor quedou pelado, a excepción do arborado.

Dentro da marca en vermello, a área do petróglifo de Pinal de Caeiro

Para máis señas, no inicio da pista de servizo instalouse un panel ‘reciclado’ advertindo da prohibición de tirar lixo, cando a escasos 100 metros, no outro lado do túnel da Variante, segue amoreado o verquido denunciado en agosto de 2017. Imposible que en todo este tempo pasase desapercibido á Comunidade de Montes, que agora dispón dun vehículo todoterreo co que percorre as pistas.

Panel instalado na pista de servizo da Variante

…Pero O COLMO dos verquidos atópase no lugar coñecido como a Fonte das Pulgas, entre O Pornedo e Sete Camiños…

Restos de defensas de vehículo, abandonados en Fonte das Pulgas

A Asociación Monte Pituco detectou a súa presenza o pasado mes de xullo a raíz de que a contorna da fonte fose desbrozada, deixando a vista unha gran cantidade -arredor de medio cento- de restos de defensas de vehículos. Como se un desguace ou un taller utilizase o monte e a espesura da vexetación para desfacerse desas pezas polas que, recorrendo a un punto limpo ou un xestor autorizado de residuos, tería que pagar.

Restos de defensas de vehículo, abandonados en Fonte das Pulgas

Os autores deste delito contra o medio ambiente pretendían impunidade e gratuidade; e de momento estana conseguindo, porque nada parece indicar que este verquido ilegal lle fose notificado ao Seprona; nada parece indicar que haxa a máis mínima intención de recoller toda esta inmundicia automobilística. 

Restos de defensas de vehículo, abandonados en Fonte das Pulgas

A vexetación comeza a medrar, un mes despois de que fose cortada, e todo apunta a que vai suceder o mesmo que aconteceu coas portas abandonadas o pasado Nadal: que van ficar no olvido, ollos que non ven, problema que non molesta. A única testemuña visible desta auténtica cafrada é a presenza dunha ducia de rodas amoreadas a carón da pista forestal, que de tantas semanas que levan aí, ben poderían ter botado raíces.

Rodas e outros residuos a carón do verquido de pezas de coche, en Fonte das Pulgas

A Asociación Monte Pituco -como calquera veciña ou veciño de ben- ten a obriga cívica e moral de non calar ante a agresión a un territorio colectivo de todas as comuneiras e comuneiros; de non ceder á inxustiza, nin á indiferencia dos responsables do bo mantemento do monte; de darlle visibilidade aos problemas. Velaquí un asunto -outro máis- que precisa unha solución urxente e dilixente.


Respostas

  1. […] https://montepituco.com/2018/08/13/restos-de-vehiculos-na-fonte-da-pulgas/ […]

  2. […] a través da Concellaría de Medio Ambiente. A última, a retirada dun importante depósito de pezas de automóbil na Fonte das Pulgas por parte de operarios municipais que, para máis señas, acoden ao colectivo Monte Pituco para […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: