Publicado por: MontePituco | 24/08/2018

DENUNCIA PERANTE O CONCELLO E O SEPRONA POLOS VERQUIDOS ILEGAIS

Denuncias no Concello e no Seprona por verquidos

A Asociación Monte Pituco vén de denunciar perante o Concello de Marín e o Servicio de Protección da Natureza (Seprona) a presenza de ata media ducia de verquidos ilegais e incontrolados que se foron depositando en distintos puntos ao longo pista forestal do Pituco -ou Pornedo, polo seu topónimo tradicional- e dos seus aledaños nos últimos meses. Un dos máis recentes consta de arredor de medio cento de parachoques de automóbil e dunha ducia de rodas vellas, diseminados no lugar da Fonte das Pulgas. A entidade veciñal condena enerxicamente estas reiteradas agresións e rexeita a pasividade das entidades responsables do mantemento, conservación e defensa do monte, que non é ningún basureiro, nin escombreira, nin desguace.

O grave depósito de material automobilístico xa fora detectado o pasado mes de xullo a raíz duns labores de desbroce que deixaron as pezas á vista, a poucos metros da pista. Ante a falta de iniciativa por parte dos titulares dos terreos para erradicar este foco de contaminación, e polo feito de que a vexetación segue medrando arredor destes residuos que deberían ser entregados nun punto limpo ou nunha planta de tratamento específica para compoñentes plásticos e metálicos, a Asociación Monte Pituco non consinte que o fento, a herba e as silvas volvan facer ‘invisible’ este verquido, polo que esixe a súa inmediata retirada.

O colectivo veciñal critica a pésima imaxe e o inaceptable abandono que -por parte da Comunidade de Montes de San Xián- vén sufrindo este enclave pertencente ao Espazo Natural dos Montes do Morrazo dende que en agosto de 2017 fose documentado -a carón do túnel da Variante de Marín- un variopinto depósito de madeiras, ferros e cravos oxidados, cartóns, cables, plásticos, roupa e cristais, aos que se sumou tamén un sofá destartalado. Doce meses despois, este vergoñento verquido segue no mesmo lugar, sendo ‘reclamo’ para que o incivismo campe impunemente coa achega de sucesivas agresións ao monte comunal.

A última vertedura detectouse a pasada semana, co abandono de máis dunha ducia de bolsas de plástico cheas de restos de obra, envases para materias de construcción e outros residuos. Atópase no mesmo punto onde, en decembro do pasado ano, foron depositadas varias portas de madeira con cristaleiras incluídas. O crecemento da vexetación enriba destes enseres mantenas ocultas á vista dos viandantes, por iso cómpre advertir da súa existencia para reclamar que tamén sexan retiradas, previa limpeza da zona.

Esta lamentable sucesión de verquidos complétase con dous puntos máis onde se localizan entullos de cemento e de formigón: un deles que data do pasado mes de febreiro, a base de abundantes cascotes amoreados entre a fila de abetos que delimitan a pista; e outro na mesma entrada do Monte Pituco ao pé dun poste onde antano houbo un panel -incomprensiblemente retirado desa ubicación estratéxica- que prohibía botar lixo.

Precisamente, entre as eivas incluídas nos escritos presentados perante as autoridades, a Asociación Monte Pituco fai constar a ausencia de sinaléctica informativa e disuasoria que si hai instalada noutras zonas do monte veciñal, e a necesidade de dotar a zona de vixiancia para evitar que siga proliferando o abandono de residuos.

Dende a Asociación Monte Pituco tamén instan o Seprona e os responsables municipais a recabar todos os datos posibles sobre a orixe e a procedencia dos verquidos denunciados, a fin de atribuír responsabilidades e impoñer as sancións oportunas polas agresións cometidas contra o medio natural.

A Asociación Monte Pituco fai un chamamento ao Concello de Marín, ao Seprona e á Comunidade de Montes de San Xián para que se coordinen urxentemente na adopción das medidas encamiñadas a reverter esta situación, da que son damnificados os propios comuneiros e comuneiras diante do preocupante deterioro dun espazo que se está recuperando para o aproveitamento agrogandeiro, onde é crecente a presenza de usuarias e usuarios practicando deporte, e que recibe continuas visitas de xente interesada en admirar as vistas panorámicas dende o miradoiro do Pornedo e en coñecer o patrimonio arqueolóxico catalogado no ‘balcón da ría’ e na súa contorna.

+INFO:

Verquido de restos de obra:

https://montepituco.com/2018/08/18/nin-basureiro-nin-desguace-nin-entulleira/

Verquido de pezas de desguace:

https://montepituco.com/2018/08/13/restos-de-vehiculos-na-fonte-da-pulgas/

Verquido de entullos:

https://montepituco.com/2018/02/05/mais-verquidos-no-monte-pituco/

Verquido de portas:

https://montepituco.com/2017/12/26/verquidos-tamen-polo-nadal/

Verquido de residuos varios:

https://montepituco.com/2017/08/01/verquido-ilegal-entre-a-pena-e-o-caeiro/


Respostas

  1. […] que agardar unhas semanas, pero os verquidos ilegais cuxa prolongada presenza na pista forestal do Monte Pituco se denunciou a finais de agosto, tanto […]


Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Categorías

A %d blogueros les gusta esto: